00:53 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-10-2021

Tangana na catedral primada

Valorar (9)

EDUARDO ÁLVAREZ



O patrimonio artístico relixioso, que se conserva cos impostos que todos pagamos, segue sendo fonte inxente de ingresos administrados pola Igrexa

Ao regreso da viaxe que realicei estes días ás cidades castelás de Segovia e Toledo sorprendeume a polémica suscitada con motivo da emisión dun vídeo que leva por título Ateo, gravado no interior da catedral toledana. Consiste nunha sucesión de secuencias dun baile erótico de trazos machistas interpretado polos artistas C. Tangana e Nathy Peluso ao ritmo de bachata no escenario das naves góticas do templo e das pinturas murais da súa Sala capitular. O deán do cabido catedralicio xustificou o permiso para esta gravación porque, dentro de expresións culturais contemporáneas, “presenta a historia dunha conversión mediante o amor humano”. Pola contra, o arcebispo fixo un chamamento “á conversión, reparación polos pecados e purificación...” despois dos "acontecementos recentes." Mais, no fondo desta polémica, con dúas interpretacións contraditorias por parte dos órganos reitores da catedral, está presente tanto o mercantilismo da xerarquía eclesiástica, que, segundo se publica, embolsou de 15.000 a 30.000 euros como contraprestación pola concesión do permiso, como dos propios protagonistas do vídeo que, ao cuarto día da súa publicación, xa superara os seis millóns de visualizacións en Youtube e non se sabe cantas descargas nas canles musicais. Beneficios para ambas partes adobados con publicidade. Para lavar as culpas, o arcebispo de Toledo convocou un “acto penitencial” para a reparación de tal pecado. ¿E non sería mellor que se desprendese deses nefandos euros e os destinase a un fin social? 

Mais, regresemos á visita das cidades de Segovia e Toledo. Na primeira delas nunca estivera e sorprendeume a súa riqueza artística e o bo estado de conservación do exterior dos seus monumentos e do espazo urbano. Do interior dos edificios relixiosos non podo opinar porque case todos estaban pechados a cal e canto, agás a catedral para cuxa visita e mais o claustro, a Sala Capitular e as salas de exposicións de Tapices e de Pintura só se require o módico pagamento de tres euros, con reducións para maiores de 65 anos.

A visita destas dúas cidades tamén foi aproveitada para consultarmos datos relacionados cunha investigación sobre antepasados familiares. No Arquivo Histórico Provincial segoviano facilitáronnos o acceso sen cita previa e puxeron ao noso dispor os documentos que necesitabamos. No arquivo diocesano fomos atendidos moi amabelmente pola súa arquiveira, María del Mar Peñas Barroso, e mesmo nos axudou a interpretar a dificultosa caligrafía dalgúns manuscritos consultados. Mercé a organización e o traballo, neste arquivo encóntranse dixitalizados cos seus respectivos índices todos os libros parroquiais da diocese, un exemplo que deberían seguir os prelados galegos.  

A situación cambiou radicalmente en Toledo. Para acceder aos libros parroquiais, é necesario desprazarse a cada unha das tantas freguesías existentes nesta diocese, solicitar cita co respectivo párroco e poder contar coa súa disposición e ocupacións para ser atendidos.  Nesta cidade, a visita dos templos con maior valor histórico  require o pagamento da entrada. Así acontece co mosteiro de San Juan de los Reyes, coa igrexa de Santo Tomé onde está o cadro do enterramento do Conde de Orgaz, coa sinagoga de Santa María la Blanca, coa mesquita do Cristo da Luz e con outros monumentos relixiosos. E a tarifa para visitar a catedral elévase a 10 euros, mais está permitido o acceso de balde de 8 a 9,30 da mañá coincidindo co horario de culto. Aproveitando esta gratuidade, presentámonos ás 9 e puidemos deambular durante esa media hora que nos restaba polas espléndidas naves góticas e contemplar moi apuradamente o ampuloso Transparente barroco de Narciso Tomé porque nese momento un garda de seguridade nos indicou que o tempo da gratuidade rematara e que, se desexabamos prolongar a visita do interior, tiñamos que saír e volver entrar pola única porta aberta ao público previo pagamento da entrada. Expulsados do templo como observadores da súa arte e non por traficar nel como facían os tratantes de mercadorías dos evanxeos, dedicámonos a percorrer o perímetro exterior e, xustamente, no muro absidal que o arquitecto barroco abriu para iluminar a capela maior, encontramos un cartel do Ministerio de Cultura e Deportes que anuncia o destino de 935.935 euros para as obras de emerxencia para a restauración da cuberta do Transparente da catedral de Toledo. Isto é, entre todos os contribuíntes pagamos estas obras mentres a Igrexa non achega nin un euro para evitar o deterioro das pinturas murais e do conxunto escultórico e continuará cobrando unha elevada tarifa aos visitantes que desexen contemplar esa manifestación artística. Consultando na prensa a cifra de visitas anuais que recibían os monumentos toledanos de titularidade eclesiástica en períodos anteriores á pandemia, comprobamos que á catedral acudía un millón de persoas, 700.000 mil á igrexa de Santo Tomé, 400.000 á Sinagoga de Santa María la Blanca e cantidades algo menores á igrexa de San Juan de los Reyes, á mesquita do Cristo da Luz e aos outros monumentos incluídos na Pulseira turística de Toledo. En total, o Arcebispado viña ingresando ano tras ano por este concepto aproximadamente 2.500.000 de euros.

¿Por que se permite que o patrimonio artístico e histórico relixioso financiado na súa construción polas rendas pagadas cos décimos, votos e tributos de toda a sociedade sirvan para recadar inxentes cantidades de cartos dos que se benefician as xerarquías eclesiásticas e sigamos sendo todos tamén na actualidade os que corramos cos gastos da súa conservación?

[02-11-2021 14:10] Manuel RP comentou:

Eu vexo moi craro,no Reino de españa non esta asentada a Democracia

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña