16:33 Martes, 26 de Outubro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-10-2021

É un escándalo!

Valorar (21)

ROBERT NEAL BAXTER



Na mellor tradición da imprensa rosa que teima en confundir intencionadamente noticias de verdade con truculentos e morbosos sucesos intranscendentes, hai pouco todos os meios de infoxicación escandalizáronse ante a  ‘nova’ de que Xavier Novell i Gomà, o xa emérito bispo ultraconservador de Solsona que cualificou o aborto como “o xenocidio máis grave e terríbel da nosa humanidade”, renunciase por amor.

  Só podería resultar escandalosa unha relación afectiva consentida entres dúas persoas adultas desde o momento en que se comunga coa insidiosa ensinanza da Igrexa Católica que inculca a idea de que todo o relacionado coa sexualidade humana sexa pecado: “Entre os pecados gravemente contrarios a castidade, deben citarse: a masturbación, a fornicación, a pornografía e as prácticas homosexuais” (Catecismo da Igrexa Católica. Parágrafo 2396), ou mesmo que o celibato sacerdotal sexa un estado humano natural loábel.  

Pasando por alto o absurdo de que sigan a existir exorcismos sancionados pola Igrexa á altura do século 21, o realmente escandaloso do caso do ex-Monseñor é que apenas ou nada se comentou o facto de que el –como moitos outros sacerdotes católicos e protestantes máis– sexa un defensor das supostas e anticientíficas ‘terapias de conversión’ que pretenden “curar” as persoas LGBT dunha doenza inexistente.  

Eis a súa verdadeira hipocrisía cínica: para el o amor apesar da doutrina eclesiástica, ao tempo que considere calquer outro tipo de relación afectiva-sexual non-heterosexual como un cancro pecaminoso que debe ser extirpado para salvar a alma mortal das eternas chamas do inferno. E se a Igrexa está realmente sincera cando condena estas prácticas homófobas que tantas vidas ten destruído como predica pola boca pequena, cabe preguntarse por que non cesa e excomunga quen as propugna, arrogándose a súa autoridade moral. Isto si que é un escándalo.  

Falemos, pois, de verdadeiros escándalos.  

É un escándalo que, durante décadas, a Igrexa Católica tapase conscientemente a violación e o abuso sexual de menores por parte dos seus sacerdotes, unha práctica, por outra parte, endémica dentro do vasto leque de institucións relixións organizadas. E cando xa non podía ocultar máis o escándalo, chegaron tarde e mal as desculpas, aínda que moi recentemente o actual Papa Francisco nen se ruborizou ao descualificar as acusacións das vítimas chilenas como calumnias. U-los xuízos civís aos centos de sacerdotes acusados que permitirían ás vítimas, entre elas moitas monxas, ter xustiza e encerramento psicolóxico? E, por se fose pouco, moitas dioceses nos EUA escudáronse na declaración de bancarrota para evitaren que ter que indemnizar as vítimas e mesmo chegaron a cobrar do erario público. E isto por parte dunha institución con riquezas incalculábeis que goza dunha isención fiscal no Estado español, do cal recebe decenas de millares de millóns de euros anuais. Isto si que é un escándalo.


Na Irlanda, atopáronse os corpos de case 800 crianzas tirados nas fosas sépticas dun centro para nais solteiras rexentado polas Irmás do Bo Socorro e estímase que morreron unhas 9,000 crianzas en total neste tipo de centros que acolleron unhas 56,000 ‘mulleres caídas’ entre 1922 e 1998, sen falar das 50,000 mulleres condenadas a expurgar o seu pecado mediante traballo forzado en condicións de semi-escravitude nos xa tristemente célebres lavanderías da Magdalena, tamén coas súas fosas comúns correspondentes. Ao igual que na Irlanda, no Estado español o a Igrexa Católica colaborou no roubo e adopción ilegal de bebés que se levou a cabo até os 90, cun número indeterminado de casos que seguen sen esclarecer debido ao silencio que mantén a Igrexa a súa negativa a abrir os seus arquivos.

  Só unha misoxinia profundamente enraizada  (p.e. 1 Corintios 11:3 e 14:34-35; Efesios 5:22-24; 1 Timoteo 2:11-15; Tito 2:5), xunto cun desprezo por calquer outro sistema de valores morais ou relixiosos pode explicar este comportamento desapiedado, ao igual que o tratamento a que foron submetidos os diferentes povos indíxenas do Canadá nos denominados residential schools (internados) obrigatorios entre 1894 e 1947 e rexentados polas igrexas católica e protestante onde pereceron milleiros de crianzas aborixes en condicións infrahumanas nun auténtico xenocidio cultural programado. Escándalo tras escándalo.  

Ultimamente –e non sen razón– púxose o grito no ceo en Occidente ante o degradante e verdadeiramente escandaloso tratamento a que os talibán submeten de novo as mulleres afegás en nome da súa particular versión do Islam. Mais no fai falta buscar no Corán, nen na xaría para atopar a aberrante consideración da muller como un ser subordinado ao home. Pois, ante a ensinanza de que “todo iso de xudeus e gregos; de escravos e libres, de homes e mulleres, todo iso acabou, pois sodes coma un só en Cristo Xesús” (Gálatas 3:28), prevalecen as repetidas inxuncións a contrario que se achan espallados ao longo do Antigo e o Novo Testamentos referidas à subalternización da muller e que se plasman no catolicismo na doutrina do pecado que remonta ao mito do Xardín do Éden (Xénese 3:16).  

A única diferenza radica en que os talibán poden impor a súa visión deturpada da humanidade, encanto que o cristianismo non o fai non porque non quer, mais porque non pode, como facía en tempos non tan pretéritos e como aínda fai en países como Polonia. Nen esquecemos que aínda hoxe sob o pontificado do ‘progresista’ Francisco, a Igrexa segue a excluír as mulleres do sacerdocio e considera quen practican abortos como “sicarios que matan”, obviando a cruel realidade de 25 millóns de abortos perigosos cada  ano.  

Apliquemos a mesma máxima de “odiar o pecado, non a pecador” que invocan algúns cristiá/ns que apelan ao poder da oración para expelir o demo da homosexualidade. Obviamente, pódese ser crente e crític@ para coa a Igrexa. Non todos os curas son predadores pedófilos e hai persoas LGBT e católicas que loitan para que a Igrexa mude a súa posición, existe a teoloxía da libertación, existen curas galegos comprometidos co povo... Non entanto, hai que recoñecer que non son máis que epifenómenos marxinais e que a Igrexa continúa sendo o que sempre foi: unha poderosa institución profundamente reaccionaria que cabe desenmascarar en cada momento, sen caír no tópico fácil da anecdota escabrosa e sen reparar antes no lixo que hai no ollo alleo do que se decatar da trabe está no seu propio (Lucas 6: 41-42).



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña