16:02 Martes, 26 de Outubro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-10-2021

FISTEUS ou marcos de pedra : desde Aragón á Galiza

Valorar (6)

CÉSAR VARELA GARCÍA




Tratando do xeito de demarcar os campos, no libro,           “ Toponimia navarro-aragonesa del Ebro” do que é  autor o prof. Juan Antonio Frago, lémos : “…lo mojone con piedra y cal ”  e  “ en el un fito que pusieron un asno muerto et un cernido ”.

No Antigo Testamento, xa se fala da SEPULTURA DE ASNO nestes termos : “Así falou Xeová a loor de Xoacim, o fillo de Xosías, rei de Xudá: … E non o chorarán ,….en SEPULTURA DE ASNO será enterrado, arrastrándoo e botándoo fora das portas de Xerusalem”.

Dá para entender que a dita SEPULTURA DE ASNO era un xeito de enterramento indigno.
Onda nós, na outra banda da península, no diccionario de VITERBO atopamos na entrada “ FIÉIS DE DEUS ”  unha referencia ás moreas de pedras que se colocaban nos camiños; o que nós chamamos de MILLADOIROS.

FIÉIS DE DEUS

“Assim chamavam aos montes de pedra miúda , que junto dos caminos lançavam á mao os passageiros….
Chegou-se a isto o costume dos antigos , que apedrejavam e deixavam sepultados com rimas de pedras os convencidos de certos crimes  e os mais atrozes.

….E assim morrendo eles no grémio da Igrexa , ainda que fossem postos na SEPULTURA DO ASNO, e junto dos camiños públicos, para  ejemplo e terror dos outros, a caridade lhes ensinou a rogar  e pedir a Deus  o seu descanso, designando con estes montes de pedras o lugar das suas cinzas, para assim mesmo excitar á compaixao das suas almas, na certezade que também  foram FIÉIS DE DEUS .

E  daqui veio este nome a muitos sítios, em que, algum dia ao menos, existiu algum daqueles túmulos.

Também foram chamados MONTES-GAUDIOS estes montoes de pedra , no meio dos quais arvoravam cruzes os peregrinos ou romeiros, logo que descubriam o lugar e termo da sua peregrinaçao.”

  Da leitura dos dous textos podemos extraer unha chea de topónimos que abondan no noso País; velaí : O topónimo ALBEIRO, penso que está facendo referencia ao que o documento aragonés “ … lo mojone con piedra y cal ” ao falar dos marcos que eran pedras caleadas de blanco.

Temos ALBEIRO  en Friol, Pontevedra e S. Sadurniño e ALBEIROS en Amoeiro.

Xa é mais ruin de entender a segunda testemuña navarro-aragonesa : “ … en el fito que pusieron un un asno muerto et un cernido ”

Terían que matar un burro cada vez que puñan un marco ?

Na verdade, ficamos un chisco estarrecidos ante semellante leitura.




A chave déunola ao lermos o texto do Viterbo onde nomea o que eran as SEPULTURAS DO ASNO; MILLADOIROS de pedras onde soterraban aos criminosos.

Criminosos que eran considerados ainda así, FIÉIS DE DEUS, nome, que aventuramos está na orixe do topónimo FISTÉOS  de Melide e FISTÉUS de Quiroga.

FIDELIS DEUS > FIEIS DEUS > FISTÉUS.

E porqué lle chamarian a semellante milladoiro un ASNO MUERTO ou SEPULTURA DE ASNO ?

Tería ise chamadeiro simplemente un valor despectivo ante tan informal xeito de enterrar, ou detrás da palabra ASNO , seica non se atopará o latino ÁSIGNO ?

Así o consideramos cando nestas páxinas quixemos desvendar o sentido do topónimo moañés CARBALLADASNA como procedendo dunha CARBALLA DA ÁSIGNA; ou sexa unha carballa que demarcaba algunha antiga xurisdicción.

“… un asno muerto y un cernido ”

Que será o tal  “cernido”?

Noutro traballo nesta publicación, falamos do nome de montes que se chaman de “ AS CERNADAS”.

CERNIR, ven sendo, “ separar”; cando se cerne ou peneira a fariña o que se fai é separar o farelo para polo porparte.

Os montes de CERNADAS serían montes divididos  en bouzas ou devesas, e as CERNADAS serían os muros ou gávias separadores.

Ao noso entender : ASNO MÚRITO = milladoiro de pedras = SEPULTURA DO ASNO.

CERNIDO = rodeado por un muriño.   Xa no final do texto do Viterbo temos unha cabal explicación do noso compostelán MONTE DO GOZO, onde os peligríns armaban outro milladoiro ao redor dunha cruz ao ver a sua meta tan próxima.

No seu dia, cando falamos dos MONTES ALEGRES  que adornan a nosa paisaxe montaraz, opinamos alí, que debeu haber un cruzamento entre a alegría que producia a vista do objectivo dos seus desexos ( GAUDIO ) e a palabra latina CAUTES, que simplesmente quer dicer MONTE PEDROSO ou PENEDENTO.

E ainda pensamos que o conto iría mais lonxe, pois se cadra, aquí está a explicación do MONT JUICH barcelonés, que sería como o MONTE DO GOZO compostelán:

Na da a ver cos xudios e tudo a ver cos  MONT JOIE, pedras  ergueitas, ou milladoiros  sinalando unha demarcación, unha verea de trahumancia, ou unha pilegrinaxe,….ao fin,  montes cheos de pedras ou MONTES ALEGRES ( joie = alegria) !

  Sería ben fermoso que os viciños dos nosos FISTEUS; o de  Quiroga e o de Melide selasen unha irmandade baseada na sua común orixe, e abondasen no estudo do seu ancestral chamadeiro.  

César Varela          


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña