14:40 Xoves, 23 de Marzo de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-09-2021

Os outros himnos galegos

Valorar (7)

XOÁN BAUTISTA MARIÑO ABUÍN



Dicía hai pouco que cando un está fóra bota de menos a terra. Chegan unhas notas para electrizar a unha persoa e tele transportala ao seu pobo, sexa cal sexa. O pobo galego na diáspora ten tantos exemplos disto como persoas desterradas. E tantos e tantos, e descoñecidos ou por estudar máis, son os exemplos de música e bailes propios. Música clásica de aquí, feito diferencial galego desde a Idade Media descoñecida. Sacra, tradicional, actual,... para escoitar e bailar, para cantar e emocionar; coma o himno.

É difícil non sentir os rumorosos de Veiga nos pondalianos versos. Arume histórico que nos perfora desde as cicatrices da emigración -inmensa parroquia secular- ao futuro. Ese valor que recobra o primeiro compás cando comeza e que che empurra a cantar, anque non todo quisque sabe... as catro estrofas!

Pero hai outras cantigas que, se houbera unha competición, ben puideran gañar o 1º posto.
O marcial Deus Fratesque Galicia de Alfredo Brañas popularizado, entre outros, por Suso Vaamonde ten bos ingredientes para ser un perfecto símbolo. Precisamos máis estudosos do noso con cancións para unirnos e pasalo ben, aseguran grandes mestres da nosa música tradicional coma Xosé Luis do Pico Orjais ou iniciativas como arredor da tradición,... Concordo. E para cando música e danza galega desde a escola á universidade. Pero a decisión de xuntarse nun cantar reside no pobo sexan ou non cantos guerreiros. Recordemos agora só unhas mostras xurdidas do pobo galego.

  A Rianxeira  

Continuando cos ecos de lonxanas terras, veñen e van as Ondiñas da nosa ría composto por Anxo Romero Lojo e Xosé Frieiro Dourado “Pinciñas”. A cariñosa idea de homenaxear, tocando e cantando, a Castelao á súa chegada á Arxentina en 1947 procedente de Paris converteu a sinxela composición, con aires tamén segovianos, en universal. Desde aquel disco enviado á familia do restaurante Feliciano por Andrés Lojo -un dos primeiros cantores- ata as guitarras de Astarot, son centos as versións para acompañar verbenas, encontros familiares, deportivos...descoñecendo a maioría da xente a orixe e a finalidade primeira. Bernardo del Río transforma, con habilidade canda a letra, a grandeza daquel tributo ao Ministro do Goberno no Exilio, harmonizando a versión mariana que hoxe pecha certames, encontros, competicións e moitas festas como as da xente do mar de Rianxo.  

Negra Sombra  

Nas Follas Novas de Rosalía de Castro está a Negra Sombra á que o prolífico Xoán Montes ponlle música. Desde aquela é unha das Rosalías máis coñecidas. Avelino Abuín de Tembra teimaba comigo, e nas súas crónicas máis dunha vez, que esa ben podía ser a nosa canción patria. Podería. Difícil foi de lle ensamblar as 4 voces nunha Coral Polifónica de Laíño fundada no 1992 coa ilusión das máis de 40 persoas. Un Va, pensiero á galega.  

Unha Noite na Eira do Trigo  

Nace fóra a Cántiga de Curros, balada dramatizada coñecida grazas a Chané. Na boca de intérpretes clásicos e modernos a tráxica historia de amor engaiola e popularízase desde Os Tamara. Nesa onda Eu de Marín Ausenteime fai pensar tamén na emigración galega. Transcende máis alá do océano de bagullas que poden cantarnos coros e masas corais.  

Camariñas  

Non ía ser menos que Rianxo e a cantiga popular de repertorios patrios ou na voz de Julie Fowlis fai esquecer ese ton machista no aire de valse que me cantaba miña nai.  

Do mar á terra. Nunca O Carro da Terra Cha se escoitou tan forte desde os cincuenta coma o de Fuxan os Ventos. Canta o seu eixo tan ben que agarrado nos fungueiros de atrás recordas. Verdadeiro Manuel María feito música.  

E que pensar das actualizadas Tempestades de Sal de Sés, espello moderno do noso himno.  

En canto á música soa, omnipresente nos nosos eventos, tamén ten exemplos hímnicos  dignos de discos de ouro. A Marcha do Antigo Reino de Galicia fai solemne o aire que zoa  do Ortegal ó Miño.
Ponteareas ou o pasodobre de Mallou lección obrigada de quen se preza en denominarse gaiteiro. A Camposa dos Rosales campa máis alá de Asados.

Milladoiro elevou tamén ao seu máximo esplendor a Marcha procesional de san Bieito.
E seguro pensas en máis marchas e máis cantigas, e raps galegos, e retrousos, e variacións,...Pois ninguén pode frear un organismo vivo como a lingua ou a creatividade milenaria da nazón de Breogán.  

Xoán Bautista Mariño Abuín. Setembro 2021


[17-09-2021 14:29] JOSE MANUEL BREA comentou:

Fermosas mostras das sonoridades galegas. Eu non podería esquecerme do marabilloso «Alalá das Mariñas» nin do contaxioso ritmo da «Muiñeira de Chantada», entre outras pezas representativas da música galega.

A miña escolma de cancións galegas
https://medymel.blogspot.com/2012/10/canciones-gallegas.html

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña