02:05 Venres, 17 de Setembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-09-2021

REFLEXIÓN, SOBRE CUBA E TAMÉN SOBRE NÓS

Valorar (23)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Tras varias semanas cheas de noticias sobre un levantamento popular contra a “ditadura” cubana, semella que en agosto grazas ao Afganistán chegou un período de calma, e en Cuba xa non pasa nada. A enxurrada de noticias e imaxes transformouse dun día para outro en simples pingas, que deixan caer de cando en vez para lembrarnos que a “ditadura” segue aí.

Desgraciadamente vivimos na época do inmediatismo, do impactante e do cultivo das reaccións viscerais; todo co obxectivo de que deixemos de lado a reflexión á hora de formar unha opinión ou adoptar decisións. Atopar unha versión distinta, á que nos ofreceron a inmensa maioría dos medios de comunicación, sobre o acontecido en Cuba os días 11 e 12 de xullo é posíbel; pero precisa o esforzo de buscala e lela ou visualizala para opinar despois. E buscar nós mesm@s a información cústanos cada vez máis, levamos demasiado tempo alimentándonos de titulares e imaxes que recibimos de xeito automático cun simple cliq.

A situación en Cuba é moi delicada, niso coinciden todas as fontes, e na orixe desa situación hai algo obvio por moito que se busque tirarlle importancia. Se os EUA manteñen o bloqueo  iniciado en 1962 é porque o consideran efectivo; ou pode pensar alguén que a primeira potencia do planeta desfruta coa condena dese bloqueo por parte da inmensa maioría de estados membros da ONU desde 1992? Un bloqueo ao que se engadiron as novas medidas acordadas durante a administración Trump e que Biden non levantou.

Coa caída da URSS Cuba entrou nunha grave crise económica e social, o chamado período especial, perdendo a práctica totalidade das súas relacións económicas internacionais ao desaparecer o chamado campo socialista. A illa para sobrevivir veuse obrigada case a ter un monocultivo turístico, que garantía a entrada de divisas pero tamén introducía moitas contradicións, pois determinados sectores da sociedade cubana que traballaban co turismo, ademais de aumentar os seus ingresos e ter acceso a bens de consumo aos que non podía acceder o conxunto da poboación, empezaron a ter contacto con esa realidade deformada sobre as condicións de vida nos países capitalistas que transmite o turismo.

Pese a unha situación económica que podemos cualificar de crítica, Cuba nese tempo mantivo as principais conquistas sociais da revolución, como sanidade, educación, atención á infancia, cultura, uns mínimos alimentarios para toda a poboación.... Nesa etapa o neoliberalismo imperaba nos estados veciños e en case toda América Latina.

Houbo disidencia, fuxidas e protestas, diante da gravidade dunha situación que en calquera outro lugar tería provocado o colapso inmediato, pero unha poboación que até 1991 recibía todo da URSS maioritariamente decidiu aguantar. O problema principal foi que a atención á urxencia do momento impediu avanzar na aplicación de medidas de rectificación xa acordadas, pois había conciencia de moitos dos problemas desde había tempo




A CRISE ACTUAL

A chegada da covid que eliminou de un día para outro o turismo, o asedio económico ao principal socio comercial de Cuba, Venezuela, e a retirada obrigada de misións sanitarias de outros países nos que gobernos de dereita submisos aos EUA prefiren non contar con asistencia médica para segmentos da súa poboación que aceptar a axuda cubana. Estes tres elementos foron un novo e duro golpe para e delicada situación económica de Cuba, desaparecendo case totalmente determinados produtos de primeira necesidade. E aínda que os datos demostran que é un dos estados do mundo con maior efectividade até o momento no control da pandemia, un forte incremento dos efectos da covid que afecta á illa desde hai xa uns meses esixe que se dediquen aínda maiores recursos materiais e enerxéticos para a atención sanitaria.

A conxunción de todos eses factores nun curto período de tempo creou o marco propicio para as protestas, pois os cortes de fluído eléctrico en determinadas zonas do país pasaron a ser repetitivos, e escasean ou incluso desapareceron determinados produtos.

Esta situación levou a moita xente á rúa, é  indiscutíbel, e así o recoñeceu o propio presidente cubano; pero a amplificación desas protestas, a campaña #SOSCuba nas redes sociais para darlle unha dimensión internacional e a inmensa maioría dos actos violentos, tamén é indiscutíbel que tiñan detrás a man dos servizos de intelixencia dos EUA e dos seus axentes e colaboradores no interior de Cuba.

Cuba leva décadas sufrindo agresións continuadas por parte dos EUA, nunha guerra non declarada, e as autoridades cubanas tiñan a evidencia de que detrás dunha parte das protestas estaba o inimigo, pero era unha parte do seu pobo a que estaba na rúa. A represión exercida que para a realidade cubana pode considerarse como dura, quen non vivimos a illa non o podemos facer se a comparamos co que acontece en Colombia desde hai décadas, ou coas actuacións represivas en estados “democráticos” como o español ou o francés contra mobilizacións obreiras, do independentismo catalán ou dos chalecos amarelos.

De haber persoas ás que lles rebentara un ollo a policía, cargas bestiais ou ducias de persoas desaparecidas, as imaxes e as declaracións percorrerían medio mundo. Ninguén que pense un pouquiño pode crer que o estado cubano está  masacrando de xeito bestial a quen se manifesta, e ten a capacidade tecnolóxica para impedir que unha potencia como os EUA, que nos ten monitorizados a tod@s, poida difundir imaxes ao respecto.




PULSO INTERNO E EXTERNO

Descoñezo a lectura que fai  o imperio sobre o número de persoas que saíron á rúa en Cuba, se foron moitas ou foron poucas; pero cada vez teño máis claro que o 11 e 12 de xullo os EUA o que estaban era facendo un ensaio, con un obxectivo para o interior e outro para o exterior.

No interior da illa buscaban medir forzas comprobando canta xente podía saír á rúa nunha situación límite; e na suma incluían distintos colectivos que tendo posicionamentos distintos ou incluso opostos, nunha situación como a que se vivía aqueles días podían confluír. Sumaron persoas que protestaban debido á gravidade da situación, outras que non ven chegar as reformas ou se decatan de que as que se están aplicando supoñen cambios de esquemas mentais difíciles de asumir, outras asustadas pola situación sanitaria daqueles días cun número importante de falecementos nun país que non está afeito a iso, outras implicadas directamente na actuación desestabilizadora; e tamén as que embobadas polo discurso transmitido polas redes sociais, radio Martí e a imaxe distorsionada que transmite o fenómeno turístico, pensan que a caída do sistema socialista suporá a chegada do maná e dunha felicidade propia do paraíso, sen decatarse de que o modelo de capitalismo que lle agarda a Cuba é máis parecido ao de Haití, Honduras ou Guatemala que ao de Suecia ou Luxemburgo.

Esa proba cara o interior creo que a suspenderon; pese á dureza do momento e sen desprezar o número de manifestantes que saíron á rúa, o certo é que o estoupido do 11 e 12 de xullo non tivo réplicas. E nos días posteriores a resposta de quen defenden a revolución foi masiva, pois aínda con todas as eivas e problemas existentes, a maioría do pobo cubano vén demostrando até hoxe que é consciente do lugar que ocupa a illa no mapa e do que lles agardaría de renunciar á súa soberanía e renderse diante do imperio.

Desgraciadamente, onde si creo que avanzou a estratexia foi no obxectivo cara o exterior; e dígoo polo que observei ao meu redor nos días posteriores. Vin persoas habitualmente solidarias con Cuba facendo duras críticas, acusando ao estado cubano de inmobilismo e falando incluso de dura represión; chegando a escoitar de algúns compañeiros de moitas loitas frases como “o bloqueo sabemos que está aí, pero o goberno non dá pasos“, “non pode ser que se reprima a quen protesta con tal brutalidade”, “se Cuba cambia acábase o bloqueo”, “o bloqueo é unha simple escusa”.




OBXECTIVO RACHAR A SOLIDARIEDADE

Lía non hai moito un artigo que falaba de que unha das armas fundamentais na chamada guerra híbrida ou guerra de cuarta xeración é o cultivo e direccionamento das emocións ao que me refería ao inicio deste texto; e as emocións son un arma estratéxica á hora de crear un determinado ambiente social.

Os famosos aplausos das oito da tarde de cando o confinamento, televisados e referenciados en todos os medios para ternos entretidos e evitar que saltáramos denunciando a ineptitude, foron un xeito de dirixir as emocións para facernos crer que estábamos sendo útiles. Non é casual que hoxe non se cultiven esas emocións para levarnos a denunciar os recortes que segue sufrindo a sanidade, e que se nos anime a desfrutar do verán e asumir as mortes que seguen producíndose como un dano colateral propio da nova normalidade. E o mesmo podemos dicir de asumir como lóxico mostrar un certificado de vacinación para entrar en determinados establecementos mentres se permite que ducias de persoas se amorean no transporte público sen comprobación algunha sobre a súa situación ao respecto do virus.

No referido a Cuba considero que está acontecendo algo semellante; a manipulación das nosas emocións está conseguindo que persoas que empregaban a razón para analizar o que alí pasa, agora sexan hipercríticas. E nesa manipulación das emocións xógase con dous elementos.

Por unha banda, o descoñecemento sobre as medidas aprobadas e/ou postas en práctica polo estado cubano para mellorar a situación. Medidas que as veces van lentas pola resistencia de sectores que se negan a perder privilexios, que os hai como en toda sociedade; e outras veces compróbase que son erradas e debe desandarse o camiño andado. Pero no ámbito económico calquera medida que busque mellorar a situación tropeza co muro infranqueábel de unha economía que non se pode desenvolver de xeito normal, debido a un bloqueo que aínda que a nós nos poida parecer incríbel, impide por exemplo a compra no mercado internacional de útiles tan básicos como xiringas suficientes para aplicar unhas vacinas que a propia Cuba foi quen de desenvolver.

E por outra, xógase con ese outro virus que ten a esquerda ben pensante, o de esixir a outros o que non se está disposto a facer na propia casa. Así, Cuba ou é perfecta ou non nos vale.
O mesmo virus que nos leva a chamar democracia a un sistema político no que o xefe de estado é vitalicio por pertencer a determinada familia e non pode ser elixido, ese virus que nos fai esixir á revolución cubana unha pureza e unha perfección imposíbeis.

O virus que nos impide separar os desexos da realidade, e que nos ten cada vez máis enganchados a determinados hábitos de consumo pensando que somos totalmente libres, o virus que nos ten paralizad@s diante da perda de dereitos laborais e sociais e do deterioro progresivo das nosas condicións de vida; o mesmo virus que nos levou a acaparar papel hixiénico ou a estar desgustad@s e incluso protestar porque non se podía ir de viños.

Un virus que tamén sufre mutacións e a actual fai que empecemos a descargar parte das nosas frustracións con Cuba, por non ter construído o noso socialismo ideal.

Dise que o home e a muller somos seres racionais, sendo unha das nosas características buscar o progreso. Pero cando deixamos de reivindicar utopías o seguinte paso é pensar que vivimos no mellor dos mundos posíbeis, a continuación asumimos a idea de que vivíamos por riba das nosas posibilidades e tampouco é para tanto que outr@s están moito peor; rematando o proceso de degradación no momento no que atopamos un chibo expiatorio para fuxir dos nosos males e da nosa incapacidade. Para algunha xente que cansou de erguer a bandeira, semella que agora o problema está nunha pequena illa do Caribe na que non se fai o que queremos, e que nós tampouco damos feito.

Cuba comete erros cada día, claro que si, porque a revolución marcouse un obxectivo propio de titáns, o de construír unha sociedade humanitaria, defendendo a soberanía nacional nun país do terceiro mundo, unha sociedade socialista. Non sei se chegarán a acadar ese obxectivo pois teñen todo en contra, pero polo menos inténtano.

E non esquezamos que pese á dura situación pola que atravesan desde hai anos, en Cuba non hai tráfico de órganos humanos como en México, Brasil ou Guatemala. E en Cuba non se decidiu nunca aplicar a triaxe, marcando na entrada dos hospitais quen debe morrer por ser xa maior e por tanto improdutivo, e quen debe vivir e pode pasar á UCI; tampouco houbo alí miles de anciáns mortos no que descubrimos agora que son almacéns de persoas. Esas foron realidades ao noso carón nos picos altos da pandemia e que poden repetirse mañá mesmo.



[03-09-2021 12:03] Duarte comentou:

Un abrazo John, sé de tu compromiso y del WWP en la solidaridad, algo siempre meritorio pero mucho más cuando vosotros lucháis en el corazón del imperio. Mucha fuerza en la lucha en los EUA y echo de menos nuestras conversas sobre la situación internacional. Espero que podamos coincidir en 2022

[03-09-2021 08:01] Miguel Rodríguez Carnota comentou:

Se as persoas interesadas desexan diversificar a súa información sobre Cuba, sempre terán a man os medios oficiais Granma e Juventud Rebelde, que non por seren oficiais son menos propagandísticos que a información que a diario recibimos en Occidente a través das canles habituais. E tamén, á marxe do oficialismo, poden consultar o blogue do cantante Silvio Rodríguez, Segunda Cita, no que con frecuencia se analiza o tema cubano desde unha óptica soberanista, revolucionaria, crítica e intelixente.
http://www.granma.cu/cuba
http://www.juventudrebelde.cu/
https://segundacita.blogspot.com/

[03-09-2021 00:14] John Catalinotto comentou:

Perdón para escribir en castellano, no puedo en gallego, pero leer este artículo fue para mi importante. Hay revolucionarios en países en todo el mundo que han escrito artículos similares, y puedo decir que son contribuciones grandes para mejorar el entendimiento de anti-imperialistas y fortalecer la solidaridad con Cuba revolucionario, no como un paraíso imposible, sino como un país en donde el pueblo lucha para desarrollar un mundo mejor. Desde EEUU quiero agradecer a Duarte Correa por este artículo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña