03:49 Venres, 17 de Setembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-08-2021

Formato pequeno

Valorar (4)

XOÁN BAUTISTA MARIÑO ABUÍN



Á hora de abrir o frigorífico, de mercar,... vemos paquetes disque de maxi aforro. Ocupan moito e só quería 4 iogures ou unha chave Allen e pagamos máis do esperado e cargamos co dobre. Gaña a empresa coa adquisición do calculado e perde o cliente tamén despois cando caduca ou cando non lle fai falta. As contas da casa non dan coas da praza, non damos reaccionado ante isto. Non é un trato xusto. Non existe un equilibrio social.  

Pero pasa noutros moitos eidos incapaces de xestionar ben grandes proxectos onde só gañan os mesmos.  

Saír da casa co sacho ao lombo ou fouza do monte sinónimo hoxe de ir cun tractor ou rozadoira para a túa parcela, horta, hortelexo onde rozar, botar patacas do ano, as cebolas, allos, millo? Impensable abarcar hectáreas que non hai na maioría de Galiza. Aínda así son demasiadas as cuncas para atender con tan boas ferramentas e ben poucas mans. As aldeas galegas énchense de trebellos formidables e baldéiranse de persoas ante as ocorrencias da Xunta non decatándose de que anque expropie fincas sen limpar seguirán -noutras mans- pero sen limpar igualmente! A electrónica pura coma a das orquestras fronte aos cuartetos de gaiteiros. Tradición fronte ao infinitivo modernizar que ignora a súa conxugación.  

Desde a nosa autoestrada ao Atlántico ben se pode cultivar cos adiantos sen chegar aos transformers e sen estragar máis a paisaxe , sen máis anacrónicas parcelarias - con bancos de terras-, sen tirar latas, sen anchear camiños, sen piche nas pistas. Sen importantes latifundios a nosa terra da de todo para  aquí e afora. As posibilidades do mar e do agro son as dadas segundo a súa produción ou modernas adquisicións. Aí están as industrias de transformación lácteas nos vales desde hai décadas, os viños seculares como as conserveiras, horta, froita variada de temporada... Non fai falta un gran formato de explotación. Xa hai décadas un colega meu estudaba o estrés dos animais engaiolados. Formato pequeno para gando e agro, recuperación do rural, sostibilidade: o natural.  

Está detrás de todo isto un falso progreso patrocinado desde unha lexislación proposta por un neoliberalismo, nunca farto, de asfalto e baldosas transformando navais, leiras e empobrecendo barbeitos e herdanzas chamados pisos, verdadeiros enxames de xentes. Velaí os novos quinteiros lonxe das parroquias, unidade histórica, identificadora galega que sobrevive nos réximes de comunidade xermánica de montes e por suposto nas arengas dos púlpitos dominicais. Os bos e xenerosos topan cos escuros que non se interesan por recoñecer a personalidade xurídica da parroquia rural do artigo 40.3 do Estatuto de Autonomía.  

Formato pequeno sono as regueifas, foliadas, seráns -para moito alumnado- leccións de cultura exótica na nosa terra. O traxe galego élles coma un entroido, ou como unha empanada, unhas filloas ou unha caldeirada para un día de festa. A realidade galega apartada a diario. Obrígannos a ver polo prisma do castelán as canles de televisións estrañas ignorando tamén idiomas veciños e das realidades do resto do mundo. Basta ver o poder da terra só nas emocións que despertan na Galiza emigrada sinais de identidade da nosa extensa cultura milenaria: oral, gastronómica, literaria, música, baile,... en letras pequenas fronte a fastos insulsos de consumo rápido. Son centos de poetas, narradores, dramaturgas, músicos, investigadoras,... do noso. Manteñen coas súas artes, no perpiaño da lingua, un formato pequeno dunha gran nación aínda por estudar onde prebostes universitarios, cegados polos cristais de san Caetano parecen anhelar unha versallesca Madrid, esquecendo ao pobo que lles da de comer.  

O formato pequeno resulta nos nosos 29 mil km2.. Estámolo vendo nesta perpetua pandemia encadeada. Contrastan as posibilidades dun país autosuficiente en enerxía e materias primas para a súa transformación co prezo que paga. Coas novas tecnoloxías ben axeitadas enchen de luz, cor e alegría os recunchos onde ninguén quere -nin colle- un macro concerto. Vellos e meniños son as prazas con bailes, lavadoiros, eiras, contacontos, teatro de rúa, concertos nas aldeas, xuntanzas. Son os burbullóns que quedan de entre a lama dos camiños e corredoiras. Son as mallas (eu xa son das CAMPEVA); as escolas e muíños; son as tabernas dos mil viños e cantares que volven de onde saíron e revolve espectadores nas butacas de salas e teatros cando alí chegan, ou acaso de onde saíron as polkas, valses e bailes do Musikverein e outros.  

A escola do rural, outro exemplo, trunfa nestes tempos pandémicos desde a súa creación como autosuficientes, con entidade propia. Rinse por estes pagos dos envíos urbanos porta a porta; os verdadeiros creadores do reparto a domicilio permanecen no panadeiro e o peixeiro de meu pai adaptados aos novos tempos cruzándose co do butano e coa carteira. Morreu Juan e Che o do Leite e viñeron as cubas e os sempre insuficientes buses de liña por favorecer o incremento do parque automobilístico en detrimento da san bicicleta. A especificidade da evolucionada e diversa Galiza castrexa resístese a modelos quiméricos nun estado aborbonado polos seus rancios seareiros. A única independencia a do oso, ben mantido e iluminado, sempre lambendo os melosos froitos do érbedo propiciado polos formatos pequenos.  

Xoán Bautista Mariño Abuín. Agosto 2021


[26-08-2021 18:08] Moncho comentou:

Bravo Xoán

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña