02:07 Venres, 17 de Setembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-07-2021

O españolismo progresista e o fascismo rampante

Valorar (7)

RAÚL RÍO DÍAZ



Ao contrario dos partidos españolistas, as nacións sen Estado sempre rexeitamos esta Europa dos Mercaderes e apostamos por unha Europa dos pobos, na que os e as cidadáns das diferentes nacións, sexan donas e donos do seu destino e que o poder de decisión non sexa dos tecnócratas de quenda e dos consellos de administración das grandes multinacionais, pero sinto que cando deixe este mundo, malia aos adiantos tecnolóxicos que se produciron desde que nacín, quedará unha sociedade moito peor que a que temos hoxe, porque os avances desa tecnoloxía que producimos nosoutros e pagamos a escote, utilízana contra os nosos propios intereses. Na vez de empregala en beneficio da sociedade úsana para deixar sen traballo aos nosos fillos e aos nosos netos.

Pretenden igualar aos ricos por arriba e aos traballadores na miseria, por iso a banca non se conforma cós millóns de ganancia que tivo durante a crise, nin cos 60.000 millóns euros que lle regalaron e seica agora tamén lle temos que pagar (Feixoó dixit) outros 2,8 millóns de euros das arcas públicas para custearlle á banca privada a instalación de caixeiros automáticos en concellos do rural que non contan con ningunha oficina bancaria nin caixeiro.

Menos mal que o neno da aldea dixo que o financiamento corre a cargo da Xunta e que os concellos só deberán ceder e acondicionar os espazos onde se instale o caixeiro. Que segundo o protocolo marco acordado coa FEGAMP indica que os concellos asumirán os custos de electricidade, telefonía e limpeza. Así os bancos non teñen que poñer nada, pero seguirán negociando cos nosos escasos aforros e cobrándonos substanciosas comisións por elo.

Fan de mecenas da banca privada e regalan o noso diñeiro sen consultarnos, non paran de facer recortes e privatizacións no ensino e na sanidade, pechando camas en plena pandemia e alongando as listas de espera. Pretenden rematar coa visita presencial na atención primaria, onde queren que os médicos fagan de adiviños e nos receiten por teléfono e a ollo de bo cubeiro a menciña que temos que tomar, que pode ser a mesma pastilla si a febre e as náuseas que nos aflixen son debido á Covid 19, a unha gripe común, produto dun esforzo físico ou por unha colanxitis aguda con infección sanguínea incluída, como foi o meu caso, tendo que pasar despois (e menos mal) dez días no Lucus Augusti.
Esta solidariedade cos poderosos móstranos con toda crueza o surrealista, insolidaria é inhumana que é este capitalismo salvaxe cos mais vulnerables. Estes Estados Leviatán so existen para favorecer aos que mais teñen, deixando na miseria e na indixencia á maior parte da poboación e no futuro solo poderán estudar os fillos dos ricos nas universidades privadas e na Juan Carlos I, que é tan avanzada que xa nin sequera fai falta asistir ás aulas nin facer exames para conseguir un máster.

Mentres a dereita nos castiga en Galicia, en Madrid seica temos o Goberno mais progresista da historia, que é incapaz de cumprir o que dicía en tempos de eleccións: derrogación da Lei Mordaza, da reforma laboral do PP de 2012 e do Plan de Sostenibilidad das pensións de 2013, entre outras moitas, pero sen embargo foi o que mais aplicou esa Lei e coa axuda dos sindicatos CC.OO e UGT, mais acordes coas posturas da patronal que cos intereses dos traballadores aos que din defender, deixaron como estaba a reforma laboral e van substituír o Plan de Sostenibilidade por un Factor de Equidad Intergeneracional, que será peor ou ben parecido ao derrogado, para recortar as futuras pensións. Debido á súa miseria moral, este Goberno nin sequera é capaz de cumprir o que firmou no pacto de investidura, o que deixa cada vez está mais claro que entre os partidos españolistas non hai ningún verdadeiramente de esquerdas por moito que queiran disimulalo. Pódense pasar dun partido a outro sen necesidade de ter que cambiar a chaqueta, como fixo José Luís Corcuera; Felipe González, Alfonso Guerra e outros célebres baróns, teñen o corazón partido entre a Fundación FAES de Aznar e a súa militancia no PSOE, e na localidade Cántabra de Cabuérniga xuntáronse os concelleiros dos dous partidos e decidiron gobernar dos anos un e dous anos outro, en paz e en gracia de Deus.





A mesma alternancia que fan na Moncloa para que os chamados progresistas fagan os recortes sociais e o traballo sucio que sería incapaz de facer o PP, debido ao rexeite social que provocaría ao non contar con tanto apoio dos dous sindicatos españolistas. Non pode ser de esquerdas un dirixente que minte e que non cumpre os seus compromisos, nin tampouco un partido que ten militantes que entraron pola porta xiratoria nos consellos de administración de grandes multinacionais. Non pode ser progresista nin de esquerdas un Goberno que permite e protexe, coa policía que pagamos todos, os actos de odio e provocación que organizan os fascistas de VOX.

Para min tampouco merecen a cualificación de políticos de esquerdas aqueles que ían asaltar os ceos e agora tragan os sapos que lles bota no prato o seu socio de goberno e que a súa marca vasca, Elkarrekin Podemos, lle sirva de muleta a este PNV menos nacionalista e mais dereitista da súa historia, para que leve a cabo a súa política antisocial e as súas corruptelas.

Antes dicía Alberto Garzón sobre o recibo da luz, que con Unidas Podemos no goberno, o prezo deste ben de primeira necesidade baixaría, para que miles de familias puideran quentar o seu fogar de forma adecuada e propoñía nacionalizar o sistema eléctrico, pero agora que se dá a subida mais importante da historia, este “Goberno progresista” afirma que a UE non permite baixar o IVA desta enerxía, cando noutros países da Comunidade Europea téñeno moito mais baixo, pero eles e os seu socios queren enganarnos dicindo que o rebaixan ata xaneiro porque non lles deixan mais e que tampouco a UE permite aos Estados nacionalizar empresas eléctricas; outra grande mentira, xa que o Goberno italiano é dono de Endesa, privatizada por Zapatero no 2007.

Está claro que quen queira ser presidente ou ministro do Goberno ten que pasar por vicaria, ser un monicreque da monarquía borbónica e, ao igual que ocorre en EE.UU, saber que nesas funcións non cabe o de facer política de esquerdas, senón facer obrigatoriamente o que mandan os verdadeiros poderes económicos que gobernan o Estado. Ou cumpren esas funcións ou este réxime do 78 cámbiaos por outros.

Son estes partidos que se din de esquerdas, e que por falta de dignidade teñen que facer política de dereitas, os que desencantan á poboación e fan xurdir o fascismo que estaba un pouco cohibido e retraído, pero grazas a eles está en auxe nestes momentos e xa non gardan nin as formas. Perdéronnos o respecto porque saben que agora os retraídos e acovardados son os propios gobernantes.

Na memoria de Samuel Luiz, asasinado polo odio fascista

Raúl Río Díaz



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña