23:47 Domingo, 24 de Outubro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-07-2021

ZAS de Melide e ZAS de Soneira: A mesma ou diferente orixe ?

Valorar (6)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Para abordar a orixe deste topónimo, imos acudir ás explicacións que dél dan dous considerados autores:

a)   Joaquim Vázquez Rodríguez, que estuda o nome de ZAS de REI , na sua obra “ TOPONIMIA DO CONCELLO DE MELIDE”, e

b)   Paulo Martínez Lema que estuda a orixe do nome do concello soneirán de  ZAS , e mais da parroquia de Negreira de igual chamadeiro,  cuxo orago é San Mamede.… no seu traballo “ APROXIMACIÓN LINGÜÍSTICA-ETIMOLÓXICA Á TOPONIMIA DAS COMARCAS DE XALLAS, FISTERRA E SONEIRA”.

Vexamos se somos quén de facer un resumo acaído  das teorías expostas polos autores citados .
Joaquim Vázquez acude ás fontes documentais, e alí  atopa unha referencia ao lugar no título dun  documento do ano 1225 : “De sancto Iuliano de Saas de Rege”, e xa no interior “ In Sancto Iuliano de Salas Regis”.

  E segue :

“ O primeiro elemento do topónimo Zas, escrito Saas no latin medieval, é un xermanismo. Provén da voz visigótica *sal  para a cal dá Corominas  o significado de, edificio que consta soamente dunha grande sala de recepción, que vai evolucionar a *sala, no seu proceso de latinización, deixando na toponimia unha forte pegada.

Así temos Saa ( 12 veces na parte de Ourense), Sáa ( 18 veces en Lugo, 2 en Ourense e 1 en Pontevedra), Sa ( 5 veces na parte de Pontevedra), ( mais de 50 veces en Portugal) e Zas ( duas veces, unha en Negreira e outra, este de Melide ).

J. Maria Piel tira os ditos topónimos da voz visigótica *SAL, semánticamente non moi lonxe do sentido de “ pazo, quinta”, que non deixou vestixios no léxico apelativo medieval e moderno, pois no actual galego-portugués e castelán  “SALA” , peza dunha casa, é relativamente recente e procede do francés SALLE, que á sua vez ven do franco SALA.

Xa Garcia de Diego a comezos do século, en 1909, daba para *SAL o sentido de “habitación “, como xermanismo, o mesmo que Leite de Vasconcelos.

Voltando ao noso Zas de Rei, hai que supoñer a base *SALAS, que evoluciona a SAAS, forma con que aparece nos Tombos de Sobrado, que se vai reducir a SAS.

A sua pasaxe ao actual ZAS explícase por ultracorrección.

Nas zonas de seseo ou próximas , SAS foi interpretado como forma seseante, que acabou converténdose en ZAS por unha falsa corrección administrativa.

Para J.M. Piel no decorrer da romanización progresiva teríase perdido o significado característico de *SALA,         “ casa dunha soa estancia”, submerso por sinónimos románicos afíns, como villa, villar, casale, quinta, palatius, etc, ficando *SALA apenas como unha reminiscencia xeográfica.”

Joaquim Vázquez remata, en consecuencia, interpretando o seu ZÁS DE REI facendo alusión orixinalmente a villaris, villae, quintas, edificios, etc, de pertencia ou propriedade real.

  Martínez Lema, para explicar o  ZAS   que nomea ao concello de SONEIRA e mais ao ZAS de Negreira arrédase das teorías que explican o ZAS de Melide.

Na  documentación referida a estes lugares, aparecen, nos séculos XII, XIII e XIV como : SAZ , SSAZ, e ainda, SSAT.

Esto dalle pé para descartar unha orixe xermánica de base *SALA, e así se explica o autor :

“ Estas atestacións son unha clara incompatibilidade cunha base etimolóxica *SALAS, pois en ningún caso aparece reflectido gráficamente o hiato (aa) resultante da sícope do –L-, que encontramos non só en numerosos rexistros escritos doutros topónimos efectivamente procedentes dese tema xermánico, incluso nas formas modernas dalgún deles como SAA e SAVEDRA.”

Procede o autor, a elaborar unha doctrina etimolóxica a partires do latino SALICE, ( o noso “salgueiro” ), e rexistra as antigas solucións  casteláns que deron en : SARGA, SALCE, SAUCE, ZAZ  e SAZ.





Cita tamén o lugar leonés de  VALDESAZ DE LOS OTEROS, e ainda os lugares de SACEDA e SACIDO, todos relativos á abundancia de salgueiros.    

Chegados aquí atopámonos que habería que diferenciar dous tipos de procedencias  diferentes:  Os ZAS  e SAAS que proceden das SALAS xermánicas  e os Zas de  SONEIRA e Negreira que terían unha orixe vexetal, baseada no SALIX- ICIS latino.  

O que nos chama a atención é que ningún dos autores faga referencia á intuición que o P. SARMIENTO, no seu “ Catálogo de voces y frases gallegas”, repara na frase : “ Todos son de humha S”, e explica: “como de una lechigada, camada, cuadrilla, era, etc… De SATA, SADA, SAA, SÂ, como que todos son de una sementera, terruño, etc,…”

Unhas páxinas adiante segue comentando:

SÂ, y a veces casi se pronuncia ZÂ. Es buena voz de Pontevedra para significar la primera o segunda sementera de un género que se siembra muchas veces en un año, v.g. “ estos guisantes son da primeira sâ “, esto es de SATA, SADA, SAA, SÂ, y todo de SERO, IS SATUM. Y vésase aquí el origen de  SAAVEDRA, de “ SATA VETERA”,….

Nós, imos asumir a idea do ilustre bieito, ainda que xustificada de diferente xeito.

CACOFONÍAS :

Nos estudos toponímicos temosa topado caso de reduccións cacofónicas do tipo :
-TETE- > TE FONTE TERROSA > FONTEROSA ( O segundo apelido de Cristobo Colón !!!!)
FONTE TELLADA > FONTELLADA -MAMA- > MA

CASTRO MAMANO > CASTROMAO SAN MAMEDIO > SANAMEDIO

Propomos a existencia dunha redución cacofónica  do tipo : - SASÁ- > SA ; ou – SAÇÁ- > ÇA  
Etendemos que o étimo sería SATIA, ou sexa, “sementeira” ; e  o camino evolutivo  podería ter sido o seguinte, desde unha  suposta  *TERRAS SATIAS  >  SAÇAS > SÇAS > SSAS > SAS ou ZAS.

Partindo  de SATIAS explicaríase a ausencia de hiato nos ZAS  de Soneira e Negreira.

Se partimos dunha * TERRAS SATIANAS > SAÇÁAS < SÇÁAS > SÁAS ou ZÁS, así ficaria explicado a presencia do hiato (aa) nos documentos que acreditan as demais SÁAS.

Todo baseado na reducción cacofónica de -SAÇA- > SSA  ou SZA.

Mesmo , desde esta perspectiva, sería máis doado de entender o paso de SATIETA > SACEDA, como terra de sementeiras e non de salgueiros.

O VALDESAZ leonés, de proceder dunha VILA de SAZ, entenderíase millor como a vila de propriedade dun tal chamado de *SATIUS ( farto, satisfeito),  SATIE > SACE >  SAZ, millor  que pensar que  un único salgueiro fose tan excepcional que provocase o nome da vila.

Sempre ao carón da palabra “ VILA” aparece unha consideración xurídico- política : un posesor, unha partición,….

VILA-GARCÍA, VILA- MAIOR, VILA XOÁN, VILA-MEÁ, VILA REAL , etc…

Mesmo as vellas escritas, co duplo –SS-,  de SSAZ e SSAT , seica non semellan reliquias dunha antiga SATIONE latina e a sua consecuente reducción cacofónica ?   A teoría da procedencia dunha SALA xermánica que deu nunha SÁA galega, non nos convence moito pois a palabra non deixou pegada na lexicografía galega posterior.

 Para proceder dunhas LES HALLES fráncicas sería complicado demais.

Os escribas, tamén dubidan; algunha vez escreben SANAS en lugar de SALAS, eles tamén non saben a orixe da palabra !

Non obstante a intuición do P. Sarmiento é mais convincente pois aporta o dito popular de “ estes guisantes son da mesma Sâ” o que acredita que a voz SÁ, estaba presente no falar da xente , nun sentido próximo ao de SEMENTEIRA.

Así SAAVEDRA sería “ A SEMENTEIRA VELLA”, e  SÁS DÓNIGAS estannos informando que aquelas sementeiras eran DÓMINICAS ou señoriais.

Mesmo a abundancia destes topónimos na Galiza e en Portugal estannos a indicar que se deben referir a algo moi usual no contesto labrego; haberá no rural,   algo mais corriqueiro que sementar ?

Se funcionase esta reducción cacofónica que propomos, ficarian unidas todas as ZAS e SAS galegas e portuguesas nunha mesma orixe de SEMENTEIRAS.

Cesar Varela



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña