17:14 Xoves, 08 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-06-2021

Este é o país de Midas

Valorar (12)

MARICA CAMPO



Ben coñecen o conto. Midas, rei frixio, segundo a mitoloxía grega obtivo do deus Dioniso o poder de converter en ouro todo o que tocaba. O don resultou ser condena, porque non podía apertar as persoas que quería nin comer uns alimentos que, ao seu contacto, deviñan no prezado metal. Aristóteles di que, segundo a lenda, morreu de fame. Outra tradición conta que, desesperado, pediulle ao dador de tal prerrogativa que lla retirase. O deus mandoulle que se bañase no río Pactolo e este tinguiuse de cor dourada.

Na Galiza, Midas existe, non é un mito. Porén, a historia é aínda máis tráxica. No noso caso, a ganancia é para o rei e o prezo de convertelo todo en ouro pagámolo nós coa moeda do futuro, esa que é tan difícil –talvez imposíbel- de recuperar.

Non sei quen nos botou a praga, mais é tan antiga como o éxodo de galegos e galegas alén do mar ou alén de nós, que vén ser o mesmo. Aquí non había para todos e, mentres que  algúns alimentaban sen remorso a apoplexía e outras doenzas da fartura, as persoas que lles producían riqueza, soamente entraban no reparto da fame. Resultado: un territorio a morrer na desmemoria.

Chegaron os eucaliptos como árbores ornamentais para os xardíns das casas grandes e os pazos. Midas descubriu axiña o seu potencial económico e substituíu por eles, alí onde se aclimataron, as especies autóctonas. Resultado: Empobrecemento do solo, incendios, perda de especies animais e vexetais, escaseza de pastos e maior consumo de pensos artificiais.

Asolagáronse vales vizosos para instalar hidroeléctricas. Resultado: A mesma pobreza enerxética, o mesmo prezo no recibo da luz, os mesmos candís en lugares afastados, a mesma carencia de forza para facer funcionar as muxidoiras e outros aparellos.

Estendéronse por montes e picoutos inmensos xeradores movidos polo vento. Resultado: Enerxía limpa, si; mais están a proliferar como as malas herbas, a ocupar espazos que non lles corresponden e romper o equilibrio ecolóxico en moitos casos.

Segue a loita contra a explotación de minas, disque capaces de producir moitas toneladas de ouro. Resultado: O proceso sería altamente contaminante e, tras a extracción do metal  -o ouro para Midas-, sería nosa a terra estéril e envelenada e, o que é peor, as graves doenzas pola insalubridade do ambiente creado.

Non seguirei enumerando proxectos e situacións en que o rei Capital, o Midas de todos os tempos, se fai de ouro mentres nós pagamos a minuta. Aos gobernos élles máis doado aceptar estes espolios que implican un risco certo que correr o risco de apostar por solucións máis imaxinativas e acordes co porvir da terra.

Cómpre, xa que logo, comprar todos os boletos das mulleres e homes capaces de remar contracorrente, mesmo que os alcumen de tolos. Dos pragmáticos do paxaro na man fronte aos cen a voar, líbrenos Deus e librémonos nós.


Marica Campo




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña