15:44 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-07-2010

Coñecemos a Mini e Mero, tamén é certo despois de ter tareado xa case todo o seu repertorio, xa entrada a década dos noventa naquela Compostela..

Mini e Mero, común a loita ambos

Valorar (28)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



Soubemos de Mini e Mero no noso particular, tránsito colectivo de xogar co aradiño de pao a reclamar por galegos, naqueles anos fructíferos de sementeira que vivimos no IES de Foz. Mentres construíamos os CAE e organizabamos mobilizacións, sentiámonos todos Lelo, naquelas xuntanzas as agachadas da primeira Galiza Nova poñiámoslle cara aos lobos dos anos pasados e cando redixiamos e montabamos, armados de cuter e cartabón, volantinas e fanzines, considerabámonos a Galiza enteira que non ten medo. Se tocaba pintar nalgún muro "Francisco Rodríguez Liberdade", con spray expropiado en ferraxería amiga, recoñeciámonos como galegos de raza, o día que tocaba asemblea, á par que se repartían os dossiers de formación preparados por Marcelino, atronabamos o local da asociación cultural cos seus temas, discrepando, iso si, co noso contador particular cara á soberanía, de que os  tempos non eran chegados.

Coñecemos a Mini e Mero, tamén é certo despois de ter tareado xa case todo o seu repertorio, xa entrada a década dos noventa naquela Compostela, coma sempre, plagada de entendidos sabidos e moi cultos,...A primeira vez que falamos con eles, viñan con nos os arados de ferro e os carros con bois, foi pedirlle que actuaran na Arenga, non preguntaron polos cartos aínda hoxe. E seguimos falando con eles, e eles sempre xenerosos, acompañáronos/colaboraron con nós, na noite calada, ben fora para restaurar aquela data instituída polo vello Partido, o de Vilar Ponte de Viveiro, para defender a terra "e din que fan todo iso no nome do progreso", ou para acudir a Cuba, o internacionalismo proletario que os modernos chaman solidariedade, como dicía e di o Mini. E xa para sempre convertémonos en parciais, destes dous galegos que se resignan ás reservas, con que compartimos concertos, ás máis das veces fora dos circuítos comerciais,  a quen escoitamos, falando dos cantares de cegos ou da musica tradicional, con que choramos e compartimos dor no enterro do Manuel ou na Homenaxe ao Suso en Poio, a quen acompañamos en centos de mobilizacións da nosa loita común.

Mini e Mero, A Quenlla, ven de editar un novo disco, que pon música e voz aos poemas do Manuel sobre as revoltas irmandiñas, redixidos para aquela vella obra teatral "Unha vez foi o trebón"e publicados por primeira vez naquela "Historia compacta do Reino de Galiza", impresa por Galiza Nova que pensou e deseñou Roberto . Un novo disco da Quenlla, e xa van dez, e sempre unha boa nova porque e atopármonos co que fomos, somos e aspiramos a ser; máis alá da calidade contrastada e dos gustos, os seus temas son para todos nós, conciencia, memoria, loita e Galiza; ao fin  Mini e Mero significan o triunfo da palabra, propia ou prestada, escrita ou falada, pero nosa. Parabenizamos a Mini e Mero, pero tamén nos parabenizamos nós, cada vez que nos agasallan cun/seu traballo. Parabenizamonos porque un seu traballo é triunfo da xenerosidade, creación colectiva non mercantilizada, porque un seu traballo é festa da lealdade, tradición de nós que perdura, porque un seu traballo é vitoria da dignidade, liberdade de exercer de seu. Mini e Mero, como un irmán che falo.

[05-07-2010 10:42] sinheira comentou:

Como xa falamos, tovarich, persoas da calidade humana e artística e do compromiso social e político como Mini e Mero precisan dunha homenaxe nacional onde todos poidamos mostrarlles o importantes que son para nós e a consciencia que temos do seu exemplo xeneroso.

[04-07-2010 10:21] lucia comentou:

Fermoso artigo, recoñecemento necesario a Mini e Mero, que seguen loitando xuntos, e coa Quenlla enteira, case desde a porta de atrás, silenciados, anónimos (mais non tanto), mentres outros/as levan as "frores".

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña