06:36 Martes, 20 de Abril de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-03-2021

Non hai tempo para o debate sereno e sosegado

Política de usar e tirar

Valorar (7)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Un señor de Murcia, alto cargo no goberno do Popular Fernando López Miras, vacínase en xaneiro contra a Covid19, saltándose a quenda que lle correspondía. Dimite aos poucos días, mais a pesar diso, serve de escusa para que dous meses despois Ciudadanos e PSOE presenten unha moción de censura contra o citado goberno do PP. Por estraño que pareza, a pesar de que o PSOE acadou en Murcia 133 mil votos máis que e 11 deputados máis que Ciudadanos, a moción de censura propón como candidata a unha deputada deste último partido. A cousa xa pintaba mal e así foi.

Ao día seguinte, cando todo o mundo pensaba que o terremoto político non sairía da rexión murciana, as ondas sísmicas reverberan no centro da península, provocando un movemento telúrico de grandes proporcións: Isabel Díaz Ayuso, presidenta de Madrid, que gobernaba con Ciudadanos e o apoio de VOX, convoca eleccións anticipadas. De pouco serviron as mocións de censura presentadas in extremis por Más Madrid e PSOE, a capital do Estado iría a eleccións o 4 de maio, un día laboral, perfecto para unha baixa participación.

Mais a cousa non acaba aquí. Seis días despois Pablo Iglesias anuncia que deixa o goberno e anuncia que concorrerá ás eleccións en Madrid. Non son poucas as persoas que ven no salto do líder morado audacia e valentía, mais as razóns son diversas. Por unha banda deixa unha vicepresidencia floreiro que nada lle aportaba politicamente; abandona un goberno no que el era o principal elemento desestabilizador para tentar influír desde fóra, deixando en mans de Yolanda Díaz as contradicións de gobernar co PSOE; e por último Podemos corría o risco de non entrar no parlamento autonómico e iso deixaría a organización nunha situación crítica, despois perder representación en Galiza e baixar votos en Euskadi e Catalunya. Nesta fuxida cara adiante Pablo Iglesias pasou por enriba da portavoz morada, Isabel Serra, e tentou tamén apartar a candidata de Más Madrid, Cristina García, ofrecéndose como cabeza de lista dunha coalición entre Podemos e o partido no que milita o seu ex-compañeiro de filas, Íñigo Errejon, cuxo partido ten 20 escanos fronte os 7 de Podemos. Ao día seguinte Más Madrid, obviamente, pechaba a porta a Iglesias.

Todo isto ocorre en apenas sete días. Como di Enric Juliana, director de La Vanguardia, a política española xera máis acontecementos dos que pode absorber a cidadanía. Política de baixo custe e de consumo rápido, encerellada en cuestións emocionais e de regate curto. Política de trending topic que se dixire pola mañá e se esquece pola noite, e así un día tras outro, mentres a grandes cuestións de fondo fican a un lado. Todo o mundo sabe a última ocorrencia de Ayuso, pero non saben o que son os fondos Next Generation, por citar un exemplo.

Pero botemos unha ollada á última sesión de control ao goberno español no Congreso. Pregunta de Pablo Casado a Pedro Sánchez: “¿Cómo valora su actuación después de un año de pandemia?”. Pregunta de Gabril Rufián (ERC): “¿Qué carencias democráticas identifica en un Estado español que ustedes califican de democracia plena?”. Pregunta de Cuca Gamarra (PP) a Carmen Calvo: “¿Hay alguien a quien no piense traicionar el Gobierno?”. Pregunta de Iván Espinosa de los Monteros de Simón (VOX) a Carmen Calvo: “¿A quién cree que inspira confianza este Gobierno de coalición?”. Pregunta de Teodoro García Egea (PP) a Pablo Iglesias: “¿En qué emplea su tiempo el Vicepresidente Segundo del Gobierno?”. Estas preguntas non están para botar luz sobre a actuación do goberno español sobre a crise económica, o paro, a crise industrial ... non, forman parte do circo no que se converteu a política estatal, que logo encherán os telexornais e osdebates políticos, eclipsando as cuestións importantes, na maioría dos casos formuladas polos partidos minoritarios como o PNV ou o BNG, que hai dúas semanas, por exemplo, preguntou sobre a rebaixa das peaxes da AP-9.

Todo está pensado para o consumo rápido. Non hai tempo para o debate sereno e sosegado. Neste sentido, hoxe sería impensábel un programa de debate político como La Clave de José Luís Balbín; hoxe o que triunfa é o hiperexcitado Ferreras e o seu programa “Al Rojo Vivo” ou “La Sexta Noche”, cos seus polarizados debates, onde tanto colle un fascista como Eduardo Inda como unha Vitoria Abril falando de “plandemia”. Todo vale. O importante é captar a atención do televidente para que non cambie de canle.




[30-03-2021 15:01] Pedro comentou:

Nom perdamos tanto tempo coa politica espanhola, que ao final imos viver e pensar como se fóssemos de Murcia, quer dizer, como espanhóis.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña