05:02 Martes, 20 de Abril de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-03-2021

O tema da lingua e a mocidade —como non pode ser doutro xeito— é un tema candente que merece estudos en profundidade.

Sobre "A muda lingüística na xuventude"(2020)

Valorar (8)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA



Hai poucas semanas a Real Academia Galega publicou nos seus Cadernos de Lingua un informe chamado A muda lingüística na xuventude: momentos e factores que non pode pasar inadvertido. A súa autora é Lidia Gómez Martínez e o seu obxectivo é analizar cando, como e por que as mozas e mozos mudan de lingua ao longo da súa vida.

O traballo de Lidia Gómez ten profundas similitudes coa miña tese doutoral Lingua, poder e adolescencia, recentemente aprobada, e da que xa teño falado en artigos anteriores neste mesmo medio. O tema da lingua e a mocidade —como non pode ser doutro xeito— é un tema candente que merece estudos en profundidade. As persoas interesadas poden consultar a miña tese doutoral, que xa se atopa en aberto no repositorio da UDC, neste enderezo. Espero poder publicar unha versión divulgativa deste meu traballo nos próximos meses.

A muda lingüística sérvese de informantes nacidos entre 1991 e 1997, pertencentes á mesma xeración millennial á que pertencen o traballo que eu desenvolvín entre 2014 e 2020.O obxectivo é o mesmo: reconstruír a historia lingüística dunha pequena mostra de persoas mozas para tirar conclusións que describan a realidade e que informen as futuras políticas normalizadoras.

Se as condicións e os obxectivos da pesquisa son parecidos, non é de estrañar que os resultados tamén osexan. O cadro que pintan as e os informantes de Lidia durante o seu paso pola escola e o instituto é basicamente coincidente co que eu teño estudado. Os mozos e mozas galegofalantes de ambos os traballos describen episodios de violencia simbólica e agresión verbal de carácter galegófobo sobre as súas persoas no medio escolar, que proveñen tanto de pares como de membros do profesorado. Igualmente, todos e todas deseñan un panorama escolar no que o idioma galego vai esmorecendo coa idade: máis galego nos cursos baixos, progresivamente menos nos superiores. En ambos os casos é usual que as e os adolescentes claudiquen do uso do idioma galego materno no medio escolar en busca dunha integración que ven imposíbel mentres sexan idiomaticamente peculiares. Igual que sucede co instituto que serve de base na miña tese, os centros escolares das e dos informantes de A muda lingüística non están preparados para soportar a diferenza cando o diferente é quen fala a lingua minorizada. As e os informantes galegofalantes de ambos traballos apuntan ao paso de primaria a secundaria como etapa crítica na que trocan a lingua de relación do galego para o español.

Hai máis parecidos. Hai informantes de Lidia que, tamén adultos e no seu traballo, teñen que aturar galegos urbanos (do centro da Coruña e de Vigo, segundo a súa expresión textual) que din non entender o galego que a traballadora lles fala. É este un episodio que moito me lembra a un relatado no meu traballo, no que un profesor glotófobo, no medio dunha clase, ataca en ton de burla a un alumno recentemente pasado ao galego pretendendo que non o entende. Hai no testemuño das informantes de Lidia persoas estranxeiras que solicitan que as actividades polas que pagan se fagan en galego, demostrando unha sensibilidade cara ao idioma maior que as de moitas do país, xeralmente dispostas a renunciar á súa lingua ante calquera persoa de orixe non galega. No meu traballo recóllese algunha situación similar.

Mais, sobre todo, sorprende a cantidade e insistencia dun argumento que repiten unha e outra vez as e os informantes de ambos os traballos. Durante a súa etapa escolar, os incumprimentos da lexislación lingüística parecen ser a norma e non a excepción. Profesoras e profesores que debían das as súas clases en galego confórmanse con cumprir a obriga legal de ter o libro nesa lingua a fan todo o demais en castelán. E isto, para vergoña das autoridades educativas responsábeis, parece suceder coa máxima impunidade, sen que ninguén se opoña nin alce a voz. Como dicía unha Vitoria, unha das miñas informantes, “nós calábamos e íamos co conto para a casa”, pensando que se destapaban o tema a cousa podía aínda empeorar.

Finalmente, e para a miña satisfacción, no traballo de Lidia recóllese algunha informante que reacciona positivamente ante os ataques recibidos dos pares (das asco por falar galego, chéganlle a dicir en certa ocasión) e adopta o galego como lingua normal, estábel, afianzada, orgullosa. Isto, xunto a certas irónicas reaccións deresistencia de galegofalantes rurais ante a muda de lingua de certos paisanos seus diante de galegos urbanos e castelanfalantes, son a parte máis optimista do informe de Lidia Gómez, aquela que nos leva a confiar en que existe realmente un futuro para as e os galegófonos e para a nosa lingua entre as linguas vivas do mundo.  

A muda lingüística configúranse como unhas peza máis do puzzle que pouco a pouco nos vai descubrindo desde a investigación cualitativa que é o que sucede coa nosa lingua e a nosa mocidade, un camiño que anos atrás comezaran Ana Iglesias e Valentina Formoso coas súas obras. Comezan a saír a luz estes e outros traballos querecollen cal é o produto das políticas desnormalizadoras do idioma galego durante os últimos anos. A muda lingüística e Lingua, poder e adolescenciason dous anacos daquel quebracabezas. Dentro del, son pezas que retratan partes diferentes da paisaxe, mais que están tinguidas das mesmas inquietantes cores. 

 



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña