07:12 Martes, 20 de Abril de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-03-2021

Pouco anos antes da conquista de América o dominico Francisco de Victoria, na Escola de Salamanca, teorizou con acerto sobre o valor dos bens no mundo da economía

Empresas españolas en Latinoamérica 2021

XURXO MARTIZ CRESPO



Pouco anos antes da conquista de América o dominico Francisco de Victoria, na Escola de Salamanca, teorizou con acerto sobre o valor dos bens no mundo da economía.

A teoría quedou en teoría e os casteláns que desembarcaron en América cambiaron trapalladas por ouro e trataron de vivir á conta da apropiación indebida, do furto, do engano, do abixeato, do traballo alleo, da escravitude e da morte dos conquistados.

En Latinoamérica coñécese como «Segundo gran desembarco» (sempre con connotacións pexorativas) o tsunami de bancos e empresas españolas que mercaron empresas estatais, empresas privadas e todo o que se puidese mercar barato e que a futuro fortalecese en diñeiro e imaxe a escuálida potencia empresarial española ante Europa.

Foi grazas a Latinoamérica que as empresas españolas se transformaron en multinacionais. Superaron a crise de 2008 apoiados no 52% dos ingresos do Ibex35 (2009) e o 65%(2014) procedente das excolonias. Só no período de 2007-2012 as empresas españolas obtiveron uns beneficios de 81.000 millóns de euros, ingresos impensábeis para esas mesmas empresas no seu contorno natural, no seu «mercado único»: Europa. Aínda así, o empresariado español actual non está conforme coa situación e considera que non acaban de atopar «El Dorado prometido hai décadas».

A desilusión en 2021 ante a incapacidade de trocar ouro por bagatelas en Latinoamérica por parte de empresas como Telefónica, Hispam, Naturgy, Iberdrola, Santander, BBVA, Repsol e outras está levándoas a vender parte dos seus negocios a empresas chinesas, fondos de investimento ou bancos estadounidenses, pero se cadra hai un problema de fondo moito máis grande como é a chegada dunha nova vaga de gobernos progresistas que están dispostos a nacionalizar (renacionalizar) a desfeita que supuxo a privatización de empresas que representan parte da soberanía dos seus países e das que depende o benestar dos seus cidadáns.

Aseverar que «el clima de la región no es favorable a los negocios[1]» e que o exemplo máis paradigmático é Andrés Manuel López Obrador en México «que es supeintervencionista» é un claro exemplo do que acontece cando os indíxenas non aceptan bagatelas a cambio de ouro.

López Obrador iniciou unha campaña contra as compañías enerxéticas españolas ás que acusa (con dereito e razón) de «saqueo e colonización» e pretende que a empresa estatal mexicana CFE ocupe o lugar de Iberdrola.

Os dous próximos anos son de consultas electorais en Latinoamérica, empezando en abril co Perú. O máis que probábel triunfo do progresismo en moitos países latinoamericanos pon en serios problemas a estes empresarios extractores. Se cadra a pregunta ao final sempre é a mesma: quen decidiu privatizar empresas rendíbeis? U-los gobernos, presidentes, deputados latinoamericanos que venderon a soberanía por bagatelas?


[1]Alfredo Arahuetes, profesor de Economía Internacional de Icade, El País, Negocios, 14 de marzo de 2021.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña