07:04 Martes, 20 de Abril de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-03-2021

Xa fai ben anos que coñecín a Xosé Benigno Rei Rodríguez, Pepe Rei, ou Pepiño, como lle chamabamos cariñosamente

No pasamento do amigo Pepe Rei

Valorar (6)

RAÚL RÍO DÍAZ


Xa fai ben anos que coñecín a Xosé Benigno Rei Rodríguez, Pepe Rei, ou Pepiño, como lle chamabamos cariñosamente. Foi en Bilbao, nunha manifestación da que xa non lembro o motivo. A partir daquela tivemos bastante relación e, como a inmensa maioría dos galegos e galegas emigradas en Euskadi, sempre sentín un grande aprecio e admiración por el, pola súa valentía e polo seu traballo de investigación.

O pasado día 9 o amigo Xose Antón Barrán deume a mala nova do seu pasamento, despois de case vinte anos daquel tráxico accidente nos arredores de Donostia. Fóisenos, pero quedarán para sempre no noso recordo a súa enteireza, a dignidade e a profesionalidade que atesorou. Tamén quedará na memoria de todos aqueles que tivemos a sorte de coñecelo e tratalo, a súa bonhomía e ese orgullo de ser galego que sempre nos transmitiu.

Naceu na Barca de Barbantes, do concello de Cenlle, da provincia de Ourense,  o 13 de abril de 1947. Empezou a traballar en El Pueblo Gallego, mudándose logo a Asturias, onde se casou e onde axuda a fundar o semanario Occidente; despois pasou ao Odiel de Huelva e mais tarde, ao rematar a carreira de periodista, emigra a Euskadi, empezando a traballar en La Voz de España de Donostia, a Hoja de Lunes, La Voz de Euskadi e na revista Interviu. No ano 1988 pasa ao diario Egin, creando en 1990 unha equipa de investigación da que chegou a ser director.

Esa equipa de investigación converteuse no azoute da incipiente corrupción vasca. Abriu a tapa da cloaca e descubriu que existían fontaneiros con máquinas comecartos, operacións mafiosas no Max Center de Barakaldo; como se obraba a milagre de converter a auga en formigón durante a construción do edificio Lantik; Rubios, Roldáns e moita droga de por medio.

Grazas a el soubemos dos contactos e negocios de Arzallus coa Logia P2, a Tangentópolis, a Rede Gladio, o Mossad israelita, a CIA e empresas rexentadas por mafiosos italianos, como a que construíu Lakua 2, sede do Goberno Vasco en Vitoria. Estas investigacións foron o motivo polo que en 1994 a policía vasca, que intentando desprestixialo lle chamaba “Pepe el Español”, liderada polo daquela conselleiro de interior, Juan María Atutxa, levou a cabo o primeiro rexistro en EGIN para facerse cos documentos e material informático que os comprometían con ditos contactos, segundo contou el mesmo nunha entrevista ao periódico A nosa terra.

Pola súa denuncia constante da corrupción foi perseguido por políticos corruptos, fiscais e xuíces aos que os seus amos utilizan como arma política contra o nacionalismo. Así, en 1994 foi encarcerado polo xuíz Bueren, acusado de pasarlle información a ETA, resultando absolto en 1997. Sen embargo ese mesmo ano volve a ser detido, acusado de pasarlle información á mesma organización sobre posibles obxectivos, aínda que finalmente tamén foi absolto.

Ese primeiro rexistro ordenado por Atutxa, deu pé e púxolle a alfombra roxa para que o xuíz Garzón, por orde de Aznar, entrara con 200 policías nas instalacións de Egin e pechar o periódico e a radio, Egin Irraia, a pesar de que dez anos mais tarde os tribunais resolveron que todas as actividades eran licitas, tanto as do diario como as da radio.

Unha vez pechado Egin, Pepe Rei segue traballando na revista mensual Ardi Beltza, fundada por el mesmo, pero volve a ser detido de novo e a revista pechada por orde xudicial en 1999, acusado de ser colaborador do aparato de investigación de ETA que nunca puideron probar, polo que outra vez foi castigado sen proba algunha.

Tampouco quedou sen investigar Intxaurrondo, o cuartel que Galindo converteu nun centro infernal onde sistematicamente se torturaba até a morte, como testemuña a famosa conversación entre Juan Alberto Perote e Pedro Gómez Nieto. No libro A Red Galindo Pepe Rei denuncia os pormenores do narcotráfico, que conmocionou á sociedade vasca. Civís, truáns e uniformados fixeron do tráfico de drogas o seu modo de vida amparados na complicidade de moitos estamentos públicos. O xeneral Galindo e os aparatos do Estado intentaron secuestrar o libro, pero o que fixeron foi darlle mais publicidade e convertelo nun best-seller.

Para recoñecer todo ese traballo, e co fin de organizar un grupo de apoio ao semanario A nosa terra, da que era colaborador, o 4 de maio de 1997 un fato de emigrantes organizamos unha comida de confraternidade no Centro Galego de Laudio, na que tamén participou xunto co seu amigo Gustavo Luca de Tena, que se desprazou desde Galiza e na que lles fixemos entrega dunha placa de agradecemento pola súa labor en pro dunha prensa en galego e independente.

A última vez que estiven con el foi na festa popular galega dos Magostos de 1998, organizada polos compañeiros e compañeiras do Fato Cultural Daniel Castelao de Trintxerpe, onde nos comentou os seus proxectos mais inmediatos e falounos do libro que estaba escribindo sobre o prevaricador xuíz Garzón. Tamén nos expresou o seu temor a ser encarcerado utilizando calquera desculpa, como así foi (e xa dixemos mais arriba), en 1999, ano no que saíu o libro, pois contra os nacionalismos periféricos calquera argumento é válido para xuíces mediatizados, capaces de perseguir o dereito a informar na vez de perseguir o delito, anque despois se lles desinche a pelota, como lle pasou varias veces a Bueren.

Aínda así nunca refugou da xustiza, porque sabía que a razón ten que prevalecer sobre a infamia, a pesar dos xuíces lacaios do político de quenda que ocupe a Moncloa. Por iso a súa voz sonou tan alto e tan claro que aínda nos queda o seu eco, unha voz que nin os políticos corruptos nin os poderes fácticos do Estado puideron calar. Por desgraza, so o fixo calar aquel fatídico accidente do ano 2002 que o deixou incapacitado para desenrolar a súa labor de investigación. Foi unha pena moi grande que non puidera investigar o seu propio accidente, que sempre tivo un tufo a chamuscado, porque de haber podido seguro que houbera descuberto moitas cousas de interese.

Que a terra lle sexa leve. Agur eta ohore, Pepiño.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña