07:24 Martes, 20 de Abril de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-03-2021

A actuación fronte á pandemia e o proceso de renovación económica e social son probas da enorme capacidade do pobo vietnamita

Vietnam contén a COVID ao tempo que avalía o Dói Mói

Valorar (10)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


Na derradeira semana do mes de xaneiro celebrouse en Hanoi o XIII Congreso Nacional do Partido Comunista do Vietnam, congreso condicionado polos efectos da covid-19, ao igual que calquera outro acontecemento dos que se producen no planeta nestes tempos.

Vietnam é un dos estados que mellor deu conseguido controlar os efectos tanto sanitarios como económicos da pandemia, cuns resultados verdadeiramente espectaculares dos que apenas temos recibido información en occidente. Desde a aparición da covid-19 o número de persoas infectadas non chegou ás 2500 e os falecementos contabilizados é de 35, ademais levan desde o mes de setembro sen falecementos. Uns datos que son moi meritorios e que para si querería calquera país, pero son moito máis meritorios se temos en conta que estamos falando dun estado en vías de desenvolvemento que é o número quince do planeta en canto a poboación, con máis de 96 millóns de habitantes. Desde que se tiveron as primeiras noticias da aparición en China da covid-19, país co que Vietnam comparte unha fronteira de 1300 km, as autoridades vietnamitas marcáronse como único obxectivo a preservación da saúde do conxunto da súa poboación, aínda que iso tivera uns importantes custes económicos; e para conseguir ese obxectivo despregaron un estrito plan de actuación en todo o país, plan que en moitas das súas medidas ía por diante das recomendacións da Organización Mundial da Saúde e que recibiu varias veces os parabéns da propia OMS. As autoridades vietnamitas puxeron en marcha unha gran campaña informativa para comunicar e sobre todo concienciar á súa poboación do grave perigo potencial que supoñía o virus, campaña acompañada dun amplo traballo de educación comunitaria co que explicaban á poboación aquelas medidas preventivas que debían adoptarse; en paralelo ás medidas de concienciación e prevención aplicouse un estrito confinamento daquelas zonas nas que se detectaron persoas infectadas, complementado coa aplicación de medidas de distancia social e confinamento xeral durante algúns períodos de tempo. Todas estas medidas estiveron acompañadas dun rigoroso mecanismo de rastrexo dos contactos que puidera ter cada afectado.

Como é lóxico a economía veuse afectada pola redución da produción e do comercio internacional, polo coste das medidas directas de prevención e tratamento da pandemia anteriormente descritas, e pola necesidade de poñer en marcha axudas á poboación afectada directamente na súa saúde ou no seu traballo. Segundo datos do goberno 30 millóns de persoas víronse afectadas directamente nos seus empregos con redución de ingresos, modificación nas súas condicións de traballo ou despidos.  Pero aínda así Vietnam destaca tamén por ser un dos poucos estados que non teñen entrado en recesión, a súa economía seguiu medrando ao longo de 2020 aínda que cun ritmo de crecemento menor do previsto, o crecemento en 2020 foi do 2,91%, en contraste co 4,3% de contracción da economía mundial.

Neste marco celebrouse o XIII Congreso do PCV, que podemos considerar un dos máis importantes dos últimos tempos. Como en todo congreso procedeuse á análise dos últimos cinco anos, o anterior foi en xaneiro de 2016, aprobándose os obxectivos e liñas de actuación para o período 2021-2026; pero ademais o Congreso tiña un cometido especial, avaliar os efectos do proceso de reestruturación económica, coñecido como Dói Mói , cando se compren 35 anos da súa aprobación.

O DÓI MÓI
O Dói Mói, expresión vietnamita que poderíamos traducir por “renovación” xurdiu como resposta á complicada situación económica pola que pasaba o Vietnam nos anos oitenta do século pasado, situación que estaba condicionada fundamentalmente polos efectos da aplicación do modelo económico soviético, algo inevitábel no Vietnam do Norte no tempo da guerra, pero unha vez producida a reunificación do país en 1976 aplicouse ao Vietnam reunificado. Co paso do tempo constatouse que non era o modelo axeitado para a realidade dun país con máis do 80% da poboación campesiña, coa meirande parte dos cultivos arrasados, e a case totalidade da industria e das súas infraestruturas destruídas na guerra.

A excesiva centralización da planificación socioeconómica levou ao fracaso, debido ao burocratismo e sobre todo á ineficacia do proceso de colectivización das terras e recursos industriais que se converteran no principal obxectivo dunha economía que tiña moitos problemas e que non estaba preparada para iso, dado que a base produtiva era a pequena propiedade familiar. Unha das consecuencias máis graves daquela colectivización foi a diminución xeneralizada da produción. Naquela etapa Vietnam mantíñase fundamentalmente polas axudas que recibía do espazo económico e político liderado pola URSS, axudas que supoñían máis do 40% do orzamento anual do país e o 70% dos investimentos.

O VI Congreso do PCV celebrado en decembro de 1986 foi o que iniciou o proceso de renovación económica, no informe presentado polo Comité Central dise  “As experiencias prácticas demostran que as forzas produtivas non só están freadas no caso do atraso das relacións de produción, senón tamén a  desincronización das últimas cos elementos que van máis aló do nivel de desenvolvemento das forzas produtivas. As realidades do noso país esixen que se deben tomar en consideración as formas económicas intermedias e transitorias para avanzar do nivel inferior ao superior, da pequena á gran envergadura". Isto supón asumir  que a colectivización forzosa de todas as estruturas económicas, sen ter en conta nin a súa dimensión nin a súa funcionalidade, era un grave erro.

Os acontecementos que se producirán nos seguintes anos no ámbito internacional, que levarían á desaparición da URSS e do campo socialista e como consecuencia directa á eliminación de todas as subvencións e apoios técnicos que recibía Vietnam, converterán nunha urxencia inaprazábel a posta en práctica do proceso de renovación económica, proceso que partindo da realidade vietnamita buscará a creación do que os comunistas vietnamitas denominan “Economía de Mercado con Orientación Socialista”, unha economía na que convivirán distintas formas de propiedade, eliminando a estatificación total e considerando que o mercado ten un papel positivo no desenvolvemento da economía sempre e cando estea regulado polo estado.  

ANÁLISE DE 35 ANOS
Cando se van cumprir 35 anos da decisión de poñer en marcha o Dói Mói, Vietnam procede a unha análise profunda non só das súas implicacións económicas senón tamén noutros ámbitos, análise que non se circunscribiu só ao interior do partido, senón que foi un proceso aberto á sociedade e no que participaron millóns de persoas.

Os datos económicos e sociais din que o Dói Mói supuxo un gran avance, en primeiro lugar porque o país, que viña de pasar por varias crises alimentarias aumentou a produción, sobre todo de arroz, alimento básico da súa poboación, pasando de ser importador de alimentos a ser exportador. Ademais a súa economía iniciou un importante proceso de diversificación co aumento do sector industrial e do sector terciario.

Esa mellora e diversificación da estrutura económica tivo tamén importantes consecuencias sociais, con unhas taxas de desemprego que antes da pandemia se situaban aproximadamente no 4%, triplicándose a renda per cápita, reducíndose os niveis de pobreza dun 75% nos inicios dos anos oitenta a un 8% na actualidade e aumentando a esperanza de vida que pasou dos 62 anos na década dos noventa aos 76 hoxe. A alfabetización sitúase no 95%, incluíndo nesa porcentaxe aos 54 pobos orixinarios. En canto ao Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) en 2019 Vietnam situouse por enriba da media mundial.

Tendo en conta os datos anteriores o PCV fai unha valoración moi positiva do Dói Mói, considerando un gran logro a mellora das condicións de vida da poboación e a diversificación da economía co importante pulo dado á industria e ao comercio internacional, un logro que leva ao Vietnam a ser un dos países que máis avanzan da rexión. Pero aínda así advírtese de que o nivel de desenvolvemento está por debaixo das potencialidades existentes, e non foron acadados algúns dos obxectivos, feito que atrasa o cumprimento dos plans marcados.

A valoración moi positiva dos avances non impide que se advirta dos importantes perigos existentes, facendo fincapé na realidade do aumento da corrupción, do exceso de burocracia e da existencia de actuacións en base a “intereses de grupo” e non buscando o ben colectivo. Unha realidade da que xa se advertía no XII congreso, sendo a loita contra a corrupción un dos obxectivos principais do anterior mandato do agora re-elixido Secretario Xeral Nguyen Phu Trong, e que levou a dirixentes empresariais e a varios membros da dirección do PCV de distintos niveis a ser condenados a prisión.

Xunto coa advertencia deses perigos o Congreso considerou que se debe dar maior importancia á participación do pobo na toma de decisións, renovando e perfeccionando o sistema legal, para promover fortemente a democracia socialista e o dereito do propio pobo a facerse dono do seu futuro, construíndo un estado de dereito socialista transparente e sólido.

Para avanzar nesa construción dun estado de dereito socialista é necesario tamén enfrontar o perigo da manipulación informativa, algo sempre perigoso pero moito máis na era da internet, nese sentido o congreso advirte da necesidade de fortalecer a formación ideolóxica e o labor de información, algo no que o PCV leva tempo traballando, consciente de que as contradicións existentes e as desigualdades económicas son caldo de cultivo para ataques ao modelo de socialismo vietnamita, ataques cada vez maiores. A este último aspecto dedica moitos esforzos o Departamento Teórico do PCV , analizando os cambios producidos na sociedade e sobre todo os cambios nos mecanismos de recepción de información, como se indica nun informe ao respecto 

“Debido a que o ciber-espazo está aberto con características de liberdade, diversidade e igualdade, os límites entre a realidade e o virtual a miúdo bórranse, polo que o ciber-espazo presenta grandes desafíos para os fundamentos ideolóxicos do Partido. Pódese dicir que na actualidade, as ideoloxías, os argumentos, as teorías non marxistas, desde distintos tipos de pragmatismo,  anarquismo, nacionalismo extremo,  ciber-terrorismo ... ata o egoísmo, o individualismo, o  hedonismo, así como multitude de relixións, crenzas, incluso  supersticións, están a aparecer na rede espacial.(...) O ciber-espazo está aberto, así que se non nos facemos cargo da rede, outros o farán; ademais, é moi perigoso que este espazo quede baleiro, pois ten grandes vantaxes como se mencionou anteriormente. (...)Por tanto, necesitamos dominar activamente o ciber-espazo, aumentar a influencia da nosa ideoloxía con actividades de propaganda e educación ideolóxica dos internautas, cadros e membros do partido. E a educación ideolóxica e política do pobo debe estar asociada ao patriotismo, o orgullo nacional, a historia, a cultura, o afecto e a moral.”  

OBXECTIVOS PARA O VINDEIRO PERÍODO
O primeiro obxectivo que se marcan os comunistas vietnamitas é proseguir no traballo de control da covid-19, iniciando unha nova etapa coa vacinación masiva de toda a poboación. Un proceso paralelo a unha recuperación socioeconómica na que se marca como retos:  para o 2025, cando se celebre o 50 aniversario da reunificación nacional, ser un país en vías de desenvolvemento con ingresos que superen o nivel medio baixo; e para 2030, ano do centenario da fundación do  PCV, converterse nun país en vías de desenvolvemento con industria moderna e ingresos medios altos. Retos para os que é básico o perfeccionamento da Economía de Mercado con Orientación Socialista, garantindo a estabilidade macroeconómica ao tempo que se avanza na mellora das condicións de vida da poboación.

Sexa cal sexa a evolución do Vietnam nos vindeiros anos, o que está claro é que tanto a súa actuación fronte á pandemia da covid-19 como o proceso de renovación económica e social do Dói Mói son probas da enorme capacidade dese pobo. Non debemos esquecer que como consecuencia das guerras contra os franceses e sobre todo contra os Estados Unidos, o país quedou arrasado e foi capaz de recuperarse; conseguindo posteriormente non ser arrastrado pola caída dun bloque socialista do que era dependente; e partindo das súas propias forzas decide construír un modelo propio de socialismo. Un país que nos últimos 35 anos ten mellorado de xeito salientábel a súa calidade de vida, e desenvolvido unha economía que garantindo a produción de alimentos ten un importante nivel de desenvolvemento industrial e tecnolóxico.  



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña