05:11 Martes, 20 de Abril de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-02-2021

As teorías teosóficas da escola da Blavatsky chegan a Galiza a través de diversas vías e intelectuais

Os grupos teosóficos e “de espírito” no Modernismo Galego

Valorar (2)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


As teorías teosóficas da escola da Blavatsky chegan a Galiza a través de diversas vías e intelectuais. Mesmo a Pardo Bazán, atenta a todo acontecer “Moderno”, non deixa de man esta tendencia, velaí a novela “La Sirena Negra”. Non cabe dúbida que a madurez de moitos intelectuais xira arredor dos parladoiros do Ateneo de Madrid. Naqueles anos finiseculares o interese do misioneiro do Modernismo, Ruben Darío, polo tema, as referencias ao simbolismo, entre eles o cisne, en relación con Lohengrín, do ciclo artúrico, axudou a espallar a curiosidade mistérica. Mesmo as modas, como tantas cousas novidosas chegaban a Galiza través de círculos de Porto e Portugal, tan propensos á masonería. Velaí o grupo de base masónica e de estudos teosóficos “Marco Aurelio” de Pontevedra, impulsado por Alfredo Rodríguez Aldao, xunto con Javier Pintos, Jacobo San Martín, con Manuel Otero Acebedo (de familia de creadores, o seu irmán Xosé aínda está por estudar), colegas de Valle Inclán, os que xa en anos estudantís en Compostela (1888) a través do espiritismo profundaban en escuras cuestións que, como moda se reflicten no so nas súas obras, no grafismo e tamén na arquitectura. Mesmo o creador dos esperpentos escoitara en 1888 en Pontevedra unha conferencia do espiritista Manuel Navarro Murillo. Grupo pontevedrés pioneiro en España nestas cuestións, pois a Sociedade Teosófica Española fundase no 1888 en Barcelona, cidade aberta ás modas Europeas. que se reunían nas ruínas de Santo Domingo, de onde saíron varias iniciativas como buscar o contacto coa escola blavatskiana, facéndoo a través do membro do Ateneo de Madrid, o estremeño , “O Mago Roxo de Logrosán” Mario Roso de Luna, nomeado presidente Honorario do grupo pontevedrés. Teósofo que mesmo acuñou e vencellou aos seus saberes o nome de “ateneistas” en relación co núcleo madrileño. Roso de Luna foi autor de numerosas e moi lidas obras, como os ”Comentarios a la Doctrina Secreta de H. P. Blavatsky” nos que entre outros inclúe a “Simbología Arcaica” ou “Simbolismo de las religiones del Mundo”. Persoeiro de grande amizade con Primitivo R. Sanjurjo e con Vicente Risco até solicitar e incorporar os seus artigos á revista ourensán “La Centuria”.

Os teósofos pontevedreses, os ourensáns, Primitivo R. Sanjurjo e os intelectuais de “Nós
Un Risco mozo confesa e manifesta o seu grande intereses pola teosofía, mais sen asociarse a este grupo , tal como conta en significativa carta a Pintos Fonseca, e da motivos que expresan a súa personalidade “ ... xa que “podría constituir un peligro para mi carrera y porvenir...pues es incurrir en la excomunión laica, que inhabilita para conseguir cátedras por oposición, pensiones de estudio en el extranjero, bombos de prensa de los primates del mundo intelectual” Felicitando ademais ao grupo teosófico pontevedrés por “ tener cortado con el cordón umbilical que les unía a Ayar. Esperando tener personalidad para laborar con Vds por lla conservación del sagrado deposito que nos dejó H.P.B”... y para sostenerse ante toda esa masonería, es preciso ser un Unamuno” (18-XII-1913). Ao respecto recomendo o libro de Carlos Pereira Martínez “A Galicia Heterodoxa” (2010) ou mesmo “O ocultismo na obra e vida de Vicente Risco” ( 2020) da autoría de Felix Castro Vicente, a través das que profundar nas ansias “espirituais” de Risco e conseguintemente, con maior o menor grado, no seu núcleo e no seu tempo.

Naqueles anos que alboreiros do século XX existía en Ourense un grupo de carácter orientalista denominado “Amritnagar” ( en relación co territorio himaláico, nepalí, en sánscrito “inmortal”. Outro selectivo núcleo intelectual, aristocrático que avivaba a teosofía era o da Marquesa de Atalaya Bermeja, en Ourense, animado polo erudito sacerdote Rey Soto. O profesor ourensán Ogando Vazquez, que en Lugo tivo amizade con Primitivo R. Sanjurjo, no prólogo que fai á edición de “La centuria” (1981) refírese a que Risco coñecía as obras de H.P.B como un regalo “fineza da Marquesa de Atalaya Bermeja” . Tan imbuída estaba nesta moda a que canto proxecte ou faga estará en función dese sentir. Mesmo a arquitectura do seu complexo arquitectónico, sintomaticamente dedicado ao “Santo Angel, recollerá eses presupostos neomedievais, segundo trazas de Daniel Vázquez Gulías, incluso a tumba feita por Asorey, a selecta colección de Arte e relicarios.... Artistas, que como o mesmo Camilo Díaz Baliño mesturan o saudosismo teosófico coas raiceiras celto-galegas.

O simbolismo teosófico no Modernismo: da revista “La Centuria” ás páxinas de “Nós”
Na revista “Nós” ( plural de unidades) estes presupostos “diferentes” póñense de manifesto non soamente no fondo, senón tamén na forma . Os artigos de Risco móvense arredor das raiceiras, das orixes, das preguntas e velaí as referencias a escolas como as devanditas, mesmo ao croata asentado en Suíza, antropósofo, teósofo, artista e humanista, Rudolf Steiner (1861-1921), colaborador de Schopenhauer, que retomando a Goethe, a Nietzsche , como autodidacta que di non inscribirse a ningunha escola é autor da “Filosofía da Liberdade” (1893), insistente nese valor do “Un” na colectividade, na constitución do ser humano en corpo-alma-espírito, a unión do escuro, do espiritual co que enxergan os sentidos...

A relixión Hindú, o zoroastrismo, caldeos, exipcios, budismo, xudaísmo, cristianismo, islamismo...entran na danza pra buscar nas súas raiceiras o elemento orixinal, entre misterios e dogmas . Entendendo que somos parte inseparable da natureza, “non é unha aglomeración fortuíta de átomos”, buscando o xeito de asignar ao ser humano a parte que lle corresponde no plan universal, coidando que pode facerse rescatando verdades arcaicas de doutrinas e relixións, entrando onde non entra a ciencia, na banda oculta da Natureza.

H. P. B incorporaba aos seus principios os dos “adeptos da raza aria” , idea nacida, evoluída co século XIX e no debate do Modernismo, incluíndo no debate o capítulo nefasto e racista da expurgación, delirios aos que chegou o nazismo . Entendendo o mundo ario, iraniano, persa como a raiceira dos pobos indoeuropeos e orixe cultural de tan variadas ramas, xermánica, céltica, mediterránea, nórdica....orixe de diferentes movementos e tamén de errores racistas, que o mesmo humanismo irá erradicando e lamentando.

Como en Irlanda.....” Entrar nos misterios pra petar na negación individual e dun pobo
Willian Butler Yeats, que tanta influencia tivo no Renacemento Celta Irlandés, ben coñecido dende o romanticismo e o Modernismo galego, interesouse e coñeceu a teosofía por un dos pioneiros o visionario Jacob Beohme e logo da revisións feitas por Franz Hartmann, e velaí a súa obra “A visión” , seguindo tradicións celtas inspirada na Utratumba. Admirador do oriente, onde radican as orixes celtas. Sentir orientalista-celta anovado por Rabindranath Tagore. Yeats afiliase á “Orde Hermética do Mencer Dourado” de raiceira teosófica, afín á maxia, ás doutrinas dos rosacruz. Grupos enraizados no pensamento védico e no aprendido da Blavatsky.

Risco, como Yeats por tradicións panteístas que mesmo diramos “celtas”, xa levaba en mente este bagaxe cultural ao que agora suma os novos coñecementos “ateneistas repasados nos cenáculos ourensáns: a significación da individualidade na sociedade, como célula de universalidade, o mundo das formas como unha linguaxe cultural que, ademais do idioma, identifica aos pobos , a base etnocultural, espiritual do nacionalismo. E conseguintemente universalización da cultura galega en relación co occidente atlántico celta.

En “La Centuria” como revista de mocidade campa o exotismo modernista, portada que sintomaticamente e en relación cos contidos se ilustra polo mesmo Risco debuxante con dúas efixies pensadora, simétrica e de trazo exipcio a carón dunha columna e sobre dela un moucho, o símbolo da sabedoría, do oculto entre as negras sombras.

E ollo, non soamente se coidan as formas e o fondo, mesmo en saber elixir o día de presentación tanto de “La Centuria” (1917), como o de “ Nós”: presentándose ao público a primeira no tempo do solsticio de verán, cristianizado o 24 de xuño pola festividade de San Xoán, día e noite no que conflúen tantas tradicións en relación co Trasmundo, cos Catro Elementos, cando a forza da raiola solar peta nas cámaras funerarias.” Nós” aparecerá a significativa data dun 30 de outono do 1920, que abre ao tempo de Santos e Defuntos, de Magostos, tan en relación coa Vida e a Morte, a semente (castaña, cabazas...) agora mimetizando as tradicións gaélicas avivadas no Modernismo por Yeats co nome de “Samaín”,

Publicacións con colaboradores mozos, diferentes entre si por ideas, vidas e profesións, máis vencellados “por la accidentalidade de haber nacido en el mismo pueblo. Esto y la CASUALIDAD misma a que se debe la fundacións de esta revista, le darán ese aire vagaroso que comunica la intervención pura e incondicionada del Azar. Del AZAR que tan extraordinaria significación tiene en nuestra ideología...” : unha nova ideoloxía en relación co novo pensamento “euroamericano” .... “Pronaos” , limeira de “La Centuria”, declaración de principios do estado de alma” ou de “espírito”, a fin de “aprovechar el instinto aventurero de la raza...Se trata de romper el ritmo habitual de las ideas”. Velaí: individualidade, experimentalidade, o diferente, o azar, as relacións, a persistencia no espírito, no estado de alma.

No primeiro artigo, modo de crítica literaria “Letras contemporáneas” o profesor e teósofo Primitivo R. Sanjurjo, autor, en 1910 dun libro de poesías, titulado “ Las Meseta ideales”, eloxiado por Ruben Dario. E. Sanjurjo recomenda ao escritor católico francés, de tendencia espiritualista, José Peladan, católico, cabalista, teósofo, fundador dos Rosacruces, activista cultural, defensor do prerrafaelismo e da música de Wagner... modelo de como integrar o estraño dentro do real de xeito experimental e espiritual (importante idea da que parte o realismo máxico) . Autor de significativos títulos como “Anfiteatro de las ciencias muertas”, de “Como se convierte uno en mago”. Autor do que recolle textos referidos á simboloxía, como a do “Templo” que entende como “lugar del milagro”, da arte, do ben... ao “Monumento” , como a pedra que sobrevive, “reflejo de inmortalidad”, herdo dos devanceiros, “espejo del ideal de cada pueblo” e un anaco do texto “Paráfrasis del Rey Seriente” sobre os albores históricos, escudriñando en arqueoloxías e xeróglifos exipcios...

Primitivo R. Sanjurjo, e un dos agasallados en “ O libro dos amigos” de Otero Pedrayo, igualmente foino e influíu en Risco como en Cuevillas. De neno iniciado coa lectura de “ As mil e unha noites” pra seguir unha vida acorde coa súa ansia experimental: pasa polos Estados Unidos como profesor, para retornar como catedrático de Instituto a un Lugo mi activo culturalmente. Teimudo cos asuntos teosóficos, cos misterios, coa literatura fantástica, exercendo unha gran influencia no realismo máxico entre os seus, como na súa amizade con Jorge Luís Borges.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña