05:51 Martes, 20 de Abril de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-02-2021

Os negacionistas sosteñen que somos vítimas dunha cábala enxendrada por uns escuros poderes fácticos

Negacionismo 2.0

Valorar (41)

ROBERT NEAL BAXTER


É absolutamente noxento que a manifestación ‘nacional’ que reuniu cen persoas na capital galega o pasado día 20 de febreiro se convocase sob o lema “No a la ley Auschwitz”, estabelecendo un paralelismo espurio entre as medidas de contención da pandemia e o exterminio sistemático de millóns de seres humanos simplesmente por seren de seren xudeus e xudías, socialistas, homosexuais, eslav@s, cigan@s... No entanto, é claro que o confusionismo foi intencionado, xa que permite enturbar o facto de eles seren seren tan negacionistas como quen nega o holocausto nazi, ao tempo que os coloca no papel de vítimas.

Unha das palabras de orde desta e doutras concentracións similares por todo o planeta é ‘liberdade’. ‘Liberdade’ sempre individual e sen responsabilidade cara às demais á imaxe e á semellanza do modelo ultraliberal ianqui, o que explica a inclusión entre as organizacións convocantes de Policías por la Libertad que –esperamos por coerencia– tamén se manifestarían encontra a Lei Mordaza (ou non...). Por outro lado, tamén abandeiran a defensa da ‘verdade’ que seica se nos oculta, polo que son patrocinados por grupos con nomes como Médicos por la Verdad; en realidade unha infimísima minoría insignificante que burla o consenso médico mundial, obxecto dun expediente por parte do Consello de Médicos (CGCOM), o que demostraría, seguramente, que este organismo tamén formaría parte da maquinación, man na man, coa industria farmacéutica etc.

Os negacionistas sosteñen que somos vítimas dunha cábala enxendrada por uns escuros poderes fácticos (reptilianos por algúns, Bill Gates ou os xudeus por outros...) que nos enganan para nos privaren das nosas liberades básicas co noso consentimento. En parte, como en todas as teorías conspiranoicas, hai unha parte de verdade. É verdade que xa non podemos viver como antes e que as medidas certamente restritivas están a ter consecuencias moi lesivas a moitos níveis (economía, saúde mental e emocional...). Tamén é verdade que o capitalismo serve os intereses dunha minoría que controla os meios de produción. Mais, para eles, non se trata de cuestionar o sistema capitalista e de defender unha alternativa socialista, senón todo o contrario, xa que, as máis das veces, este tipo de conspiracionismo só serve para perpetuar os intereses dun statu quo sob unha forma ultraconservadora.

Pois, se ben arrastran detrás de si todo tipo de persoas, desde antirreptilianos, terraplanistas e outros iluminados con chapeus de papel de aluminio, até autoproclamados antifascistas e progresistas libertarios, pasando por cidadá/ns lexitimamente preocupadas que quedan embrollad@s nas súas redes, o certo é que existe unha confluencia entre as teorías conspiranoicas e o tipo de extrema direita encarnada en QAnon: defensa de armas, denuncia do suposto dogma do ‘politicamente correcto’ que seica coarta a ‘liberdade’ individual de ser racista, misóxino, homófobo... en público como en privado.

E non nos confundamos, esta falsa ‘liberdade’ de expresar e difundir mentiras e odio si ten consecuencias alén das palabras, como xa vimos no asalto ao Capitolio, instigado polo chamado de Trump cuxos chíos atizaran un clima propicio no país. Outro exemplo serían os surtos mortíferos de xarampón en todo mundo, consecuencia directa da tolerancia cara às falsidades diseminadas polo movemento antivacinas. U-la liberdade das crianzas que morreron? Tamén poderíamos citar os médicos católicos antiabortistas que se escudan detrás da liberdade da consciencia relixiosa para negaren às mulleres o pleno exercicio de decisión sobre os seus corpos. U-la liberdade das mulleres?

En todo o caso, cumpre distinguir entre dous tipos de persoas: as malintencionadas e as malinformadas. Pois, se ben as redes sociais están inzadas de memes negacionistas que popularizan a imaxe de quen respectamos as normas como ovellas obedientes frente aos páxaros que voan libres, en realidade quen están detrás dos contéudos negacionistas conspiranoicos son as verdadeiras sereas modernas cuxo canto enfeitiza e leva quen os escoitar a se esnafrar inexorabelmente contra os cons.

Sexamos claros. Todo o mundo ten o direito de indagar para compreender mellor os feitos, sobretodo cando se trata dos direitos básicos, a súa saúde... E, por un lado, cabe recoñecer que, para quen ten acceso a ela, a internet democratizou a divulgación do coñecemento. Mais tamén é verdade que, cada vez máis, as redes están infestadas dunha plétora de noticias falsas, ‘verdades alternativas’ e outras ficcións aberrantes. As opinións son libres, mais, por moito que lle pese a algún/has, o método científico non é democrático; así, por exemplo, a veracidade do creacionismo frente á teoría da evolución non depende dunha votación popular. Os coñecementos e a ciencia mudan, isto si, mais sempre en función dos feitos obxectivos à medida que avanza o coñecemento. Para seren xenuinamente libres, as opinións deben ser informadas e ben informadas.

Parte do problema radica, pois, no funcionamento das redes sociais e doutras plataformas que permiten espallar masivamente opinións de todo o tipo, onde se confunde evidencia anecdótica alarmante con evidencia empírica, argumentando, por exemplo que “Eu non coñezo ninguén que morrese de COVID” ou que “A miña filla desenvolveu autismo tras ser vacinada”... Os proprios algoritmos tamén contribúen ao estaren programados para nos engancharen o máximo de tempo posíbel, xa que isto xera maior lucro e nos insire cada vez máis no fondo dunha labiríntica tobeira de desinformación, progresando dunha conspiración a outra, cada cal máis afastada da realidade que a anterior.

Mais non todo o problema está aí. As solucións son varias e variadas. Ante todo, evitar sementar máis confusión, rexeitando mensaxes e medidas políticas contraditorias como a misión Salvemos la Navidad que abre as portas ao seguinte razoamento: se o virus non é perigoso no Nadal, tamén non o será o resto do ano.... Amais, cumpre recoñecer as preocupacións e dúbidas, non só como algo lexítimo, mais tamén como algo san, evitando tratar quen procure respostas como se non tivese o direito a estar informad@ por non formar parte da ‘comunidade científica’. Para isto, fai falta unha mudanza nas mentalidades, así como investimento no sistema de sanidade pública para o persoal dispor do tempo preciso para poder ouvir, explicar e dialogar, de maneira que todo o mundo se sinta partícipe da ciencia, procurando respostas dentro e non fóra dela.

Finalmente, requerse un impulso do pensamento crítico e do método científico dentro do sistema educativo, proporcionando à cidadanía as ferramentas precisas para separar o trigo do xoio e para tomar decisións acertadas, en vez de malgastar o tempo escolar en contos de serpes faladoras ou na memorización das capitais das Comunidades Autónomas... En definitiva, a defensa histórica por parte do nacionalismo dun auténtico ensino galego de calidade, que non desaparece nas portas dos colexios e dos institutos, senón que acompaña a cidadanía ao longo da súa vida como direito fundamental e chave da verdadeira liberdade.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña