11:57 Luns, 01 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-02-2021

Nos vieiros do Nacionalismo Galego: do Romanticismo ao Modernismo

Exotismo, simbolismo teosófico, etnocultura e identidade nas raiceiras de “Nós”

Valorar (4)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


.... Cuanto era de Galicia, cuanto se refería a su pasado, cuanto tenía relación directa con su porvenir, todo era objeto de nuestro estudio y observación: Pues queriendo levantar un pueblo, preciso era que se conociesen bien y pronto..... A esto se dirigieron todos los esfuerzos....Pronto surgieron las encontradas opiniones, se aflojaron los lazos que unían a los más entusiastas...” Con pensamentos así Manuel Murguía abre “Los Precursores” (1886). E Risco retoma os vieiros e escribe estoutro na súa entón necesaria e urxente biografía sobre “Manuel Murguía” publicada en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos (1933). “...Ollou como se erguían e como se borraban os imperios; viu como se formaban Estados novos, e como espertaban do seu sono nacionalidades milenarias en procura da súa liberdade... e deprendéu na evidencia dos feitos a arredar o que é pasaxeiro do que é eterno, e viu como os estados e as formas políticas pasan, e como fica sempre o esforzo e a alma inmorrente dos pobos”... Estralampos na historia da busca do espírito, que eles dicían, do Nacionalismo galego.

Asuntos como os devanditos petaban no pensamento dun Vicente Risco aguilloado polo acontecer, profundador, explorador shakespearián. A súa influencia faise patente en toda a súa xeración, por algo dos autores máis tratados e controvertidos. Para logo ser catalogado como controvertido. O ourensán converteuse nun xeito de pégalle e dálle no que bate toda militancia crítica. Asunto acaído pra abrir camiños de convivencia e liberdade individual e colectiva. ¿ Entón con que Risco quedarse?: ¿Con aquel mozo, agudo escudriñador, cunha fonda base cultural ourensán e humanista, como alumno de Marcelo Macías e asiduo aos parladoiros da Comisión de Monumentos? ¿ Co Risco ateneista en Madrid, metido en escuros debates teosóficos...? ¿co teórico dun nacionalismo “de espírito” fundamentado nun proxecto etnocultural? ¿ou cun Risco feble, esmagado por unha guerra irracional que deu con moitos dos seus seguidores no paredón, nas cunetas ou no exilio?. O tema deu e dará para moitas clasificacións fáciles. Iso si, non deixan de ser vivencias a sumar a súa biografía persoal, como tampouco á Historia da Nación Galega. O asunto é como prenderon en Risco ou na Historia de Galiza os substratos dun longo aprendizaxe, que Risco non dubidaría en incorporalo ao espírito pra irse consolidando un nacionalismo con base etnocultural como árbore aberto a un futuro que asume en madura na inseparable base económica, política e social.

Expurgar os convencionalismos, as filias e as fobias “coloniais” pra furar na Historia
Aquilo que non se coñece e se embretema en maxia, en misterio atrae e seduce... Dificilmente se separa o adxectivo “máxico” de Galiza, a “Galiza máxica”. Precisamente cualificada así pola escuridade que envolve as reviravoltas do labirinto da súa Historia e conseguinte dos seus efectos da cultura. Acontecer sometido a tantas tensións. Así pois, na medida que se aplique a razón e se entre e se coñeza a entraña dos misterios, e a través dos efectos se chegue ás causas, iranse esvaecendo as tebras da maxia.

Asuntos de Filosofía aos que non foi allea a liberdade de pensamento de Vicente Risco e dos seus seguidores da Xeración Nós. Mesmo nesa ansia de enriquecer a cultura ate meterse na teoría, máis que na praxe, na praxe das profundidades teosóficas.

Os finiseculares anos do século XIX propician mudas, reformulacións en todas as ordes, especialmente nas políticas e na cultura, predominando o xeito urbano ante unha gran emigración do rural. Momentos nos que se cría a sociedade de consumo, mesmo as ideas se converten en mercancías comercializadas en ritos, a robotización do individuo... Cando as máquinas, que non protestan, nin fan folgas, comezan a programarse a si mesmas. A deshumanización esta servida pros “espíritos” conservadores ( etnoculturais) románticos.

Son anos de pescudas que deixan atrás o naturalismo e o realismo, para entrar nos códigos das formas, no debate entre a arte pola arte e a arte con función social, como en busca da beleza e da liberdade. Pescudas nas que a Teosofía, con canto reporta de misterio e exotismo se incorpora ao pensamento de creadores e artistas da vangarda que se internan no Modernismo con canto supón de individualismo, extravagancia, distinción, dandismo, exquisita urbanidade ateneista..... A Sociedade Teosófica de Londres está nas miras cono epicentro deste pensamento arredor do “máis alá”. O prohibido, o oculto, o Trasmundo, o que hai nese nó, entre o cabo da vida e da morte, entre escuridade e á Luz, entre as sombras e o Sol Negro, entre o terrestre e o extraterrestre... Asuntos que atraen a desenvolvelo, abstraen e levan aos iniciados a furar entre as forzas escuras, á psicomaxia, a desvíos, á tolemia e tamén á fantasía creativa. Para tamén comezar polo “Un” , isto é o individuo, a esencia primaria das realidades do seu grupo, do seu pobo.

Arturo Noguerol, “Un” dos de “La Centuria” cos pes nas realidades do “Nós”
Así éntrase na cerna do particular e do xeral, nos antónimos de nacionalismo é imperialismo, na ciencia e no seu antónimo, a ignorancia; na relixión, no ateísmo, nos xeitos de enxergar o mundo, nas teorías filosóficas, entre ela a dialéctica marxista. Asuntos nos que tamén cabe a farsa e a charlatanería, non faltarán entón entre uns e outros as diatribas coa ansia de desacreditar e desactivar ás filosofías e aos seus protagonistas.

Compre enxergar a traxectoria de comprometido explorador, acumulador de experiencias e memoria que era Vicente Risco: dende a súa formación de estudante, antes de galeguizarse, mesmo pola influencia do seu ambiente ourensán e o peso do seu amigo Arturo Noguerol, da forza das Irmandades da Fala, para pasar a ser teórico do nacionalismo galego, petando nel a brutalidade da preguerra, a guerra e a posguerra pra entrar en contrariedades sometidas á vixilancia da prohibición. Modas nas que se enguedellou, mesmo con senso unamuniano, como dixo nalgún caso, ente “ismos”, no debate entre materialismo, idealismo, espiritualismo.... Acontecer que o filósofo ourensán entende como fases necesarias pra a historia do pensamento. Confluencia de circunstancias que inciden e se reflicten nos comportamentos, nas formas, na creación, na Arte, con comportamentos individuais, “a según”, como insistía con teimosía, entre os que atoparse e definirse, pra SER. Seguir sendo entre as realidades que lle tocou vivir: as liberdades republicanas, o medo e as prohibicións da ditadura . E así enguedellase e confúndese o seu sentir filosófico: o mundo e o Trasmundo, o inintelixible e o inintelixible, do UN entre a UNIVERSALIDADE, o singular no plural o do nacionalismo que protagonizou como “excéntrico”, “kármico”, como “ocultista”, mesmo como “racista” ou “fascista”.... non sendo máis que un libre pensador galego, quéirase ou non, unha peza coas súas vetas, na construción do Nacionalismo galego.

Buscas teosóficas, discurso e imaxinario “Oriental”, “Celta”: de “La Centuria” a “Nós”
Vicente Risco, tivo dende mozo unha formación humanista, como alumno de Marcelo Macías, seguidor de Alonso Cuevillas, de Vázquez Nuñez, entre ese universo da filosofía e a arqueoloxía arredor das orixes con tanto de misterio que reportan...Saberes estimulados en fonda amizade con Florentino López Cuevillas, con Ramón Otero Pedrayo, Primitivo R. Sanjurjo, Arturo Noguerol... Cuestións que ademais, entre a marea de correntes novidosas entraban nos parladoiros de café e mesa de braseiro dentro da moda do Modernismo: á liberdade, as buscas, o exotismo, o individuo, o orientalismo...ese orientalismo que presupón teosofía ( a sabedoría de Deus), a busca da verdade universal a través de cada cultura e da Historia. O que presupón o estudo interactivo e comparativo das filosofías, da ciencia, das doutrinas, das relixións ...

A Teosofía é termo xa usado a mediados do século XVII por círculos de pensadores de Cambridge, arredor da vida e da morte, do Caos e do Cosmos, do principio e do fin...Asuntos que mesmo levan á arqueoloxía , ás orixes, a restos antigos, apelidados entón e sen demasiada rigor como “céltico”, aínda que os romanos clasificasen con ese nome aos habitantes castrexos destes confíns. Celtismo que era orientalismo, chegado na protohistoria , tanto a través da Centroeuropa danubiana, como dos camiños do Mediterráneo oriental, incluso a través de moitos dos soldados dos exércitos romanos recrutados en confíns orientais que convivirán con outros mercenarios galegos, intercalando sentimentos culturais. As relacións con celtas galos, cos bretóns, irlandeses....e por suposto a cristianización, o panteísmo celta, as relación viquingas, as dos cruzados bordarán esas relacións oriente occidente... Ese discurso estaba en Cuevillas e en Risco e trataban de levalo ás raiceiras da cultura galega.

Risco co pseudónimo de Wicenty Lutoslawsky, en “La Centuria” (N. 6. 1917) revista feita á medida do seu pensamento, insiste na dedicación da mesma á “Neosofía” como ciencia dos novos saberes. “Nova Filosofía” avivada polo seu amigo Primitivo Rodríguez Sanjurjo, intelectual de pura cerna, obsesionado co tema. Un dos pensadores de referencia para aqueles mozos como para aos da Europa de entón era Nietzsche e no que encaixan moitas tradicións orientalistas de corte zoroástrico, o ariosofismo transportado no celtismo galego. Enténdese ao filósofo alemán como “espírito libre”, ceibe, o que busca entre o ben e o mal a un ser humano mellor, fronte ao “libre pensador”, que aínda que impersoal defende a igualdade democrática. Aínda que ambas as dúas visións caben xuntas tamén .

Metidos dende mozos nese tomar e refugar ideas, ao respecto de Nietzsche, xa anos antes de “La Centuria” (Artigo de Marzo de 1910 en “El Miño..” declarará “ me condujo a ciegas por un camino enteramente nuevo, que no conduce a ninguna parte.... y llegué a olvidarme de mi mismo, hasta el punto que caí en la mayor de las impiedade. En la impiedad de hacerme confiadamente un nietzschiano, es decir de perder de vista por completo no solo mi personalidad interna, sino mi posición, el lugar en que estaba colocado en la vida...Nietzsche es un verdadero corruptor de la juventud, es la suya una litertura malsana y venenosa...”

Asenta ademais no devandito artigo sobre a “Neosofía” que o “El espiritualismo es la emancipación... Solo optando por la relidad del yo podemos atribuirnos una voluntad....es necesario un acto personal.....la autocreación, creencia de que el hombre puede progresivamente crearse a si mismo...” Afirma que “todo organismo material es la creación y la expresión de una voluntad individual y distinta”. Léese ao polaco Ciezkowsky, a Renouvier, a Bergsón, a Boutroux...pra crer unha teoría propia, o “Eleutherismo”, dende a filosofía da liberdade, concibindo o mundo como unha suma de almas, de particularidades.

Nestes anos da “Metamorfose” europea outra das grandes influencias que callan en Risco e en “Nós” foi o “Decadentismo” de J-K Huysmans, autor da influinte obra de “A rebours”, creadores especialmente literatos e creadores contrapelo, introvertidos, inadaptados, singulares dandis , obsesos da “filosofía da abstraccións, de quintas esencias, de habitantes de torres de almasí.... ata chegar a nós o galeguismo” . Nada mellor para esa distinción que asolagarse no labirinto, nas negras sombras, nos misterios... e Galiza era a mesma esencia do misterio da teosofía que movía o Modernismo: entrar no espírito.

Risco nun ensaio do 1912 que non chegou a publicar titulado “ Las Tinieblas de occidente” xiraba arredor do que acontecía nunha Europa postindustrial, de entreguerras, entre o nazismo e o comunismo, que sentía enferma, de busca de solucións, onde sentía ao individuo atrofiado polas rutinas mecanicistas. Traballo no que se adiantou a teses coincidentes presentadas por Splenger en “A decadencia de Occidente”. Risco entendeu que o seu traballo quedou invalidado polo filosofo alemán . Obra na que radican moitos dos principios considerados “ríxidos ”de Risco, aínda que esa cualificación resulte desaxeitado ao seu pensamento en devalar, sometido as incertezas dun mundo inestable, desafiando cambios que reportan respostas e aprendizaxe.. Sentimento antidialéctico, antimecanicista fronte aos valores do espírito.

Madame Blavatsky e as escolas teosóficas, as que tanto furan no “Un”  como no Cosmos.
Asuntos como os devanditos, en especial a filosofía de Nietzsche, eran tratados nas influentes e escurantistas cenáculos de H. P. B, siglas coas que os iniciados na teosofía se referían a madame Helena Petrova Blavatsky, nacida no 1831 en Ekaterinoslav, sur de de Rusia. Filla de familia aristócrata, de eruditos gobernadores de formación masónica, estudosa, observadora, feminista, divorciada varias veces, viaxeira polas culturas clásicas e orientais, incluso América do Norte e do Sur, en ocasións acompañada do masón Albert Rawsón. Formada en Londres no misticismo orientalista do gurú Morya. Onde a ansia era entrar no que dicían os “Libros revelados”, nos secretos ocultos dos rexistros Akháshicos (Akasha é todo o que foi, é e será e do que nacen diferentes almas, espíritos que na relación facilitan o pensamento, a evolución). Iniciados que entendían o seu paso como peregrinación, “Xogo da Oca” , ascese, aprendizaxe polos mosteiros dos Himalaias para nos Estados Unidos profundar no espiritismo. Entre os obxectivos dos “irmáns” da súa “The Theosophical Society” están: 1º Crear núcleo dunha Fraternidade Universal, sen distinción de raza, crenza, sexo... 2º Fomentar o estudo comparativo das doutrinas, relixións, filosofías, da ciencia; 3º Afondar nas leis inexplicables que rexen á Natureza, ao ser humano e o seu papel. Blavatskianos atraídos pola lingüística, a música, arqueoloxía e a ultratumba, gustos a sumar ao exotismo Modernista.

H.P. B casou co gobernador de Ereván, en Armenia, país cunha fonda cristianización de “santos” moitas semellanzas aos “célticos”... Inconformista, iconoclasta, desafiante ás ortodoxias do seu tempo, fuxe, querendo quitar o velo de submisión feminina ao considerado blasfemo. Controvertida polos convencionalismos e os conformismos campantes, autora dunha obra de transcendencia,“Isis sen veo” é mundialmente coñecida, como “A doutrina secreta”. No 1878 traslada a Sociedade Teosófica a Madrás, ao barrio de Adyar, afondando no budismo de sona internacional pola publicación de “The Theosofist”. Entre 1887 e o 91, no que morre, establece a The Theosophical Society” en Londres, aquí nacerá a revista “Lucifer” (o que leva a luz en relación co planeta Venus) tema que inspira a creadores modernistas, entre eles ao mesmo Risco para unha obra que lle levará anos e desgustos “Satanás” biografía do demo (1947) que segue pautas de moitos escritores do seu tempo metidos neste mesmo tema. Momentos nos que H. P. B escribe ademais “A chave da Teosofía”, “A voz do Silencio” que foi traducida ao portugués por Pessoa, escritor “contrafío”, tamén interesado nesta filosofía. Influída por Willian Blake, Edgard Bulver, polo mesmo Nietzsche... pra exercer influencia en místicos , filósofos, científicos, artistas que desexan retratar outras realidades, buscar a alma das cousas dende unha corrente espiritualista, contar algo máis que o literal, buscar o luminoso Gandhi, Papini, Joaquín Torres, Marconi, Edisón, Einstein, Hitler, Augusto Cesar Sandino, Gabriela Mistral, Joyce, Gauguín, Kandinsky, Klee, Mondrián,Pasternak, Churchil e sobre todo en W. B Yeats e no seu “Renacemento Celta”, irlandés e pancéltico.

A obra da Blavatsky e da súa escola fuxe do ordinario, fuxindo de galas literarias, en forma e fondo, non fácil de entender polo enguedello de coñecementos e ideas arredor de misterios, verdades ocultas, como un razoable Caos-Cósmico de frases escuras e pensamentos truncados, mesturados, incompletos...como ela mesmamente di. Pra máis inri escritas nun inglés de autora rusa, sometido a malas traducións, si acaso entendibles pola intuición, entre enigmas de revelacións, de doutrinas, de relixións, ideogramas e símbolos que a percepción do lector entenderá segundo o seu saber, mesmo ata deformalos. Ofrécense guieiros como os que dan as tradicións orientais, métodos para penetrar neste universo. Sexa o que sexa esta proposta resulta un batedor de ideas que convida á imaxinación, á creación e á filosofía en definitiva, co afán de construír un utópico sistema a través da unidade dos “irmáns” teósofos pra o progreso espiritual do individuo e da humanidade.

O nacionalismo kármico de Vicente Risco”: o “espírito e a alma de Galiza”
Coincidindo coa obra de Joaquím Ventura “O nacionalismo kármico de Vicente Risco” (2000) libro que entendemos resume de xeito crítico e con claridade o devalar do pensamento de Risco, comprobamos que o intelectual ourensán recolle, como sega en cada seu tempo, aspectos que van enriquecendo o seu pensamento, o “espírito” a neosofía, a teosofía, a historia das relixións entre elas a xudía-cristián, a etnografía pra reflectilas no nacionalismo galego, experiencia sometida a tensións, a escarmentos, a ameazas, a unha vixilancia do humanista, pacifista, buscador da persoa dentro dunha Galiza Ideal, incontaminada fronte á sangría dun país desfeito pola emigración, o abandono do rural, a crise de identidade e a aculturación

A premisa unionista da escola teosófica de H. P. B non so en canto ao que significa e emancipación do individuo (muller incluída entón), senón tamén no que respecta á unidade dos pobos, a que incluso alentou o movemento garibaldino foi reconvertida por algúns na unidade do individuo ou a dun pobo como singularización respectada na universalidade. Un deses concorrentes á escola teosófica é W. B Yeats que suma estes saberes teosóficos universais ao seu fondo coñecemento e revitalización das tradicións celtas irlandesas, como en Galiza tan relacionadas coa dualidade Ben-Mal, Ceo-Terra, Día- Noite, Vida-Morte...

Ideas que chegaron a Galiza a través de varios intelectuais e círculos culturais: O “Grupo Marco Aurelio” de Pontevedra, do ourensán Primitivo R. Sanjurjo e do sacerdote Antonio Rey Soto e dos parladoiros da Marquesa de Atalaya Bermeja...Risco estaría atento, Castelao tamén... e a través da súa obra denotarase esa ansía moza de profundar en misterios que mesmo latexaban na cultura tradicional, na identidade do pobo galego. Nas páxinas de “Nós”, no fondo e na forma das obras dos de “Nós” enxérganse estes herdos de época e de moda. Mais ese é outro capítulo.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña