19:37 Luns, 06 de Decembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-02-2021

Un recorrido polas diferentes teorías que se foron deitando ao longo do tempo para explicar a orixe do nome, XALLAS

O rio XALLAS: Diferentes teorías a loor da orixe do nome deste rio bergantiñán

Valorar (3)

CÉSAR VARELA GARCÍA


Para iniciármonos no estudo deste nome, acudimos ao traballo do prof. PAULO MARTINEZ LEMA, do departamento de Filoloxia Galega da Universidade Compostelán.

O seu título é: “ A TOPONIMIA DAS COMARCAS DE BERGANTIÑOS, FISTERRA, SONEIRA E XALLAS NA DOCUMENTACIÓN DO TOMBO DE TOXOS OUTOS (SÉCULOS XII-XIV) ”

Moi recomendábel para quen estea interesado no tema.

Atopamos alí un percurso polas diferentes teorías que se foron deitando ao longo do tempo para explicar a orixe do nome de, XALLAS.

Velaí:
Identifica a orixe do nome coa freguesía de S. Pedro de XALLAS de CASTRIZ, no concello de Sta. Comba, que na antigüidade era nomeada como “ ialles d’Alcayaa ”.

Daí o nome de XALLAS pasou a denominar o rio que ainda o P. Sarmiento nomea como “rio Ézaro o Lézaro”.

Pasa, o autor do traballo, a descreber as diferentes etimoloxías realizadas até agora sen que ninguna delas lle resulte satisfactoria.

1) Así explica como o prof. Moralejo Lasso refire a expresión XALLAS ao radical *SAL- “agua corrente, regato”, e propón unha forma etimolóxica a partires de *SALIA, remitíndonos aos nomes do rio SAJA (Cantabria) ou SELLA en Asturias.

Achega os topónimos asturianos, SALINZA e SALIENTES conectando, se cadra, con SALIRE , en referencia a mananciais e saltos de agua.

2) Pasa logo a expor as teorías do prof. Monteagudo, quen desbota que sexa de orixe un hidrotopónimo derivado de *SALIO ( saltar, abroiar), e prefire partir dun radical europeo “iam “, “iem" (excavar), unha gabia ou canle ; IALIA, seria “excavación”, que relaciona coas riquezas de ouro e estaño, destas terras.

Remata o interesante traballo con estas verbas :
Ainda que non nos atrevemos a propoñer unha solución definitiva á cuestión da etimoloxía de XALLAS,cremos bastante razoábel tratar de establecer conexión entre este ítem e o repertorio hidronímico de filiación indoeuropea ”.

Nesta liña, cita ao prof. Edelmiro Báscuas que apunta o nexo de XALLAS co MONTE XALO que relaciona co ámbito xermánico e balto-eslavo.

As nosas ideas van mais ben polo camiño de que as orixens dos nomes da Terra veñen das ánsias e traballos da xente.

Da orixe do nome do monte XALO, (antigamente, “ Monte GALLO” ), fumos quen, de propor coma orixe, un monte do NUGALLO, en referencia ás NUGALLAS, ou “descansadeiros do gando” ; e metíamos na mesma explicazón as orixens do monte GAIÁS, VILANOVA DE GAIA, e o compostelán, cruceiro do GALLO.

Chegados aquí, ousamos propor a mesma orixe para o nome de XALLAS.

Dunha NUGALIAS latina sairía toda a história.

Seguindo as regras da gramática histórica o -G- intervocálico podería seguir varios avatares.

a) Un deles seria permanecer; e daí sairía o NUGALLÁS de ANTAS de ULLA.

b) Outra posibilidade seria desaparecer, dando lugar á NOALLA de Sanxenxo, sitio de terras brañentas e criadeiro de bon gando.

c) Ainda o dito - G -, podería evoluir para dar no -X- galego, e producir un NOXALLAS .

Deste NO.XALLAS sairía o XALLAS de hoxe ao confundirse a primeira sílaba NO- coa contracción de - EN O - .

Velaí pois, que a orixe do nome faría referencia ás gandeiras terras de SEAIA, dominadas polo castro de ALCAIÁN.

Iste nome de ALCAIÁN resoa como a CAVEA ou gaiola, groba ou congostra; lugar axeitado para acubillar a “facenda” ou gandaria.

Ás veces pensamos se os muros castrexos non terían sido aproveitados polos labregos para encurralar pola noite o gando que pacía de día ceibo polo monte. Este “ameixoar” do gando debeu ser un costume usual ao longo e largo da xeografía do País, e daí sairon os “pousadeiros de gando”, NUGALLAS ou NOXALLAS, que deviron no noso XALLAS de hoxe.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña