21:41 Domingo, 09 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-07-2010

Sigamos sen ter termos insultantes ou despectivos para quen tivo que saír do seu fogar na procura do que alí se lle nega

O racismo lingüístico como exemplo

Valorar (11)

ELADINO CABANELAS FERNÁNDEZ



Hai uns días asistín a un dos moitos actos a prol do galego que, involuntariamente e moi ao seu pesar, as políticas galegófobas do actual desgoberno da Xunta "están a promover" por todos os recunchos do país. Ao remataren as intervencións dos oradores, e após unha breve, porén fermosísima actuación musical, unha persoa de entre o público fixo unha reflexión en voz alta que, nun primeiro momento e ficando tan só coa mensaxe que se quería transmitir, semellou para todos nós unha bonita afirmación sobre a nosa lingua en canto á carencia nela de termos ou vocabulario despectivo para as persoas de fóra da Galiza.

A súa argumentación, por sinxela, non estivo exenta de lóxica ao recorrer á comparación para afirmar que palabras como "guiri", "maqueto", "charnego", "godo" e, ata "sudaca" non teñen paralelismos na nosa lingua.

Mais esta reflexión agocha, non unha virtude nin bondade inherente ao galego ou ás persoas que formamos parte desta vella comunidade senón máis ben, unha realidade ao constatar a nosa propia historia. Galiza foi un país de partidas e non de chegadas, agás aquelas que supuxeron o retorno dos e das que antes partiran.  Deste xeito a teoría de termos unha lingua, supostamente, non agresora co visitante non ten nada que ver con educación, respecto ou tolerancia, senón co feito de non tivermos ao longo da historia a necesidade de nomear aos foráneos, pola simple razón de que tiñamos moi escasas visitas.

Máis ben e pola contra, os galegos e galegas tivemos que sufrir nas nosas carnes a aldraxe do insulto e da denominación pexorativa por sermos un pobo viaxeiro, mais non por goce ou por "espírito aventurero" como se podía ler nalgúns textos escolares de fins do século pasado, senón por necesidade, por pobreza, por desamparo, por esquecemento.

Lembremos a Rosalía cando en ton de rabia e protesta esixía:

Castellanos de Castilla,
tratade ben ós gallegos,
cando van, van como rosas;
cando vén, vén como negros.


O galego chegou a esquecer -querer esquecer sería máis atinado- un nome tan fermoso e tan común na Idade Media como o de Paio ao ser este empregado polos casteláns como alcuño ou palabra repetitiva e despectiva cara aos traballadores que atravesaban as súas aldeas na procura dun xornal nas épocas da seitura. Que pai ou nai habería querer chamar ao seu fillo Paio cando esa palabra se convertera en motivo de sufrimento? Eu teño a teoría de que o payo -paio- que empregan os xitanos do Estado Español para denominaren aos/ás individuos/as que non son da súa raza ten a mesma orixe que o paio que os casteláns empregaban como insulto cos nosos paisanos.

Aínda hoxe galegas e galegos seguimos a reivindicar que dicionarios e vocabularios, dentro e fóra da península, eliminen as connotacións pexorativas que a palabra gallego/a segue a ter: rudo, tonto, tatexo, etc. Na Arxentina seguen a chamar gallego a calquera persoa orixinaria do Estado Español -proba palpábel de cal foi a orixe da maioría da emigración a ese país- ou fan culto á vulgaridade cos famosos -para eles- chistes de gallegos.

Mais non fomos só as galegas e galegos unha excepción en canto a receptores do desprezo ou chanza por parte dos habitantes dos lugares onde, o destino ao que nos foi abocando a historia, nos obrigou a marchar. É un fenómeno común e dáse na maioría das linguas ou países que, nalgún momento, acolleron migracións. Nos Estados Unidos -paradigma das liberdades e oportunidades para a inmigración- as denominacións insultantes son numerosísimas: white-nigger (negro branco) era o xeito de chamar aos primeiros irlandeses que chegaron en masa á nova nación, cunt-eyed (ollos de cona) ou zipper head (cabeza de cremalleira) para os de orixe oriental, dago para as persoas cuxa orixe era italiana ou española, hymie ou yid cara aos xudeus, limey para os británicos...

Os canadenses chaman frog (rá) aos franceses  e os británicos e australianos insultan aos irlandeses chamándolles, entre outras lindezas, mack.

Na Galiza tampouco podemos tirar a primeira pedra posto que non son poucas as persoas que seguen empregando xitano ou portugués, non como virtude precisamente.

Mais a intención destas cavilacións non é comparar quen ten maior capacidade para descualificar (ou descualificarse, que sería o máis atinado) senón a de, empregando o tema do racismo lingüístico como exemplo, explicar como as palabras nacen cando hai necesidade de usalas, por tanto, o galego non cualificou de ningún xeito ao foráneo porque non había foráneos.

Agardemos que a reflexión positiva que deu motivo para este artigo sexa certa, ou mellor dito, fagamos certa esa reflexión, ese pensamento e, na época que nos está a tocar vivir, na que Galiza non fica fóra do fenómeno inmigratorio, sigamos sen ter termos insultantes ou despectivos para quen -coma nós onte e aínda hoxe- tivo que saír do seu fogar na procura do que alí se lle nega. O dereito a vivir no propio e do propio.


[09-07-2010 00:10] manuel comentou:

Calquera escrito teu é un luxo. Aparentemente semella sinxelo, mais agocha reflexións que convidan a ir a máis. A porta que nos deixas a medio abrir é o mellor, e a partir dese teu primeiro empurrón que ti nos dás, é cando creo, comeza a túa verdadeira intención.
Benvidas sexan sempre as túas palabras, aderezadas ademais, con esa facilidade coa que nos permites achegarnos a elas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña