11:16 Luns, 01 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-01-2021

A propósito dunha novela que denunciou a realidade laboral do Xapón dos anos 30 e volve estar de actualidade e conecta coa mocidade de hoxe

Literatura proletaria

Valorar (4)

MARTA DACOSTA ALONSO


Toda obra literaria nace e dialoga cun contexto histórico e social. Nalgúns casos este diálogo ten tal relevo que falamos de obras de temática social, de literatura comprometida, etiquetas ás que hai quen dá un significado pexorativo, pois considera que esta literatura comprometida carece de interese por estar abocada á caducidade do seu tempo. Porque a duración no tempo, a capacidade literaria de permanecer na historia e dialogar con xeracións futuras, a entropía, é un dos elementos que inmortaliza as obras literarias.

Esta reflexión vén a conto da recente lectura da novela O caranguexeiro (Kanikosen) do xaponés Takiji Kobayashi, que podemos ler en galego grazas á tradución de Gabriel Álvarez Martínez, publicada por Hugin e Munin. O autor é clasificado como representante da literatura proletaria xaponesa. A novela publicouse por entregas no ano 1929 na revista Senki, da que podemos ver en Internet algunhas portadas que seguen a estética do cartelismo soviético.

A publicación por entregas nun medio de distribución entre a clase traballadora dunha obra de ficción que dá conta dunha realidade alienante é un método que xa comprobamos noutros autores como Upton Sinclair, que retratou o traballo nos matadoiros de Chicago na novela A xungla, da que xa falamos nesta publicación en 2015. No caso do Xapón, foi unha práctica que atinxiu a varios escritores entre os anos 1920 e 1930, que serían os que representaría a chamada literatura proletaria xaponesa. Así o pon de manifesto Tschudin (historiador e profesor emérito da Universidade París-Diderot, especializado en literatura xaponesa) quen conclúe que Kobayashi era non só o maior representante, senón tamén o dirixente da Nihon puroretaria sakka dômei (Liga dos escritores proletarios xaponeses).

Sinclair ou Kobayashi foron cronistas do seu tempo, de maneira consciente, con vontade de intervir e de que a súa obra literaria transcendese a produto artístico para se converter nunha ferramenta de concienciación sociolaboral. Á fin, algo que encaixa no que toda obra persegue: retratar, deformar para realzar, sinalar aquilo que nos fere ou aquilo que debe ser reparado.

O caranguexeiro relata o traballo a bordo destes barcos que eran auténticas factorías flotantes. Un lugar en que se amoreaban homes, moitos deles sen experiencia no mar, para dedicarse a esquilmar os caladoiros de caranguexos de Kamchatka. Kobayashi retrata a dureza da vida no barco e tamén a presión exercida polo superintendente (o representante da empresa, con máis poder no barco có propio capitán), que botaba man de argumentos como a defensa da dignidade do Imperio nipón para aguilloalos e predispoñelos contra os soviéticos.

Na novela, reflíctese o conflito político, pois en todo momento percibimos o interese do superintendente en que os traballadores se manteñan afastados física e mentalmente dos soviéticos. Mesmo cando se internan en augas rusas. E ecoa a confrontación bélica entre os dous estados (1905), da que resultou a ocupación de Kamchatka polos xaponeses até 1927. Mais non o consegue, e os sufridos mariñeiros fican á valga e son rescatados polos rusos que os atenden con dignidade e lles dan propaganda política.

“Os retornados falaron arreo sobre os rusos que viran despois. Todo o que contaban calaba no corazón dos compañeiros coma se fose de papel absorbente” (p. 45)

O relato de ficción recrea episodios reais de folga nestes barcos factoría e a integración dos traballadores en diferentes organizacións.

Xa dixemos que era o ano 1929, o crac do 29. Un século despois O caranguexeiro volta aos andeis das librarías, no contexto dunha nova crise económica en que a explotación das traballadoras e os traballadores exércese de novo baixo o látego do sacrificio polo Imperio:

“Aquí trabállase polo ben da nación, por tanto isto é coma a guerra. Tendes que estar dispostos a dar a vida! Idiotas!” (p.65)

E entón comprobamos a entropía desta exitosa novela de Kobayashi, da que se fixo unha adaptación ao cine en 1956 (Kanikosen) e un manga en 2006. E que, na última década, deu lugar á expresión “fenómeno kanikosen” que definiría a explotación laboral que sofre na actualidade a mocidade

E neste punto engado as palabras de Tschudin:

“non podemos esquecer, o resultado dun esforzo deliberado de producir obras que serven á revolución proletaria, ao tempo que, idealmente polo menos, sentan as bases dunha literatura nova que rompe, tanto pola forma, como polo fondo, coas producións literarias burguesas.”

E quen era Takiji Kobayashi? Debo dicir que cando lin as liñas biográficas que figuran nesta edición, pensei de inmediato en Manuel Antonio. Naceron e morreron en datas parellas (1900-1930 o galego, 1903-1933 o xaponés), os dous viron acurtada a súa carreira literaria ao faleceren con 30 anos de idade. Ambos os dous eran mozos arroutados que se implicaron na loita política do seu tempo e trasladaron á literatura as súas preocupacións éticas e estéticas. Mais se Manuel Antonio faleceu por enfermidade, non foi así no caso do nipón.

Kobayashi, que chegou ser o Secretario Xeral dos Escritores proletarios do Xapón, foi detido polas súas ideas políticas e militancia no partido comunista, ilegal naquel momento, tres veces. A primeira en 1930, baixo a acusación de financiar o partido comunista. A segunda, meses despois, pola publicación do Caranguexeiro, sobre o que pesaba a acusación de lesa maxestade, segundo o tradutor para o galego, pola pasaxe en que os traballadores están preparando latas de conserva de caranguexo e din:

“-Están feitas espremendo o noso sangue e a nosa suor. De seguro que lles han gorentar. Oxalá non lles senten mal ao comelas!
Fabricáronas todas co mesmo sentir.
-Metédelles seixos! Xa tanto ten!” (p. 114).

En ambas as dúas detencións permaneceu preso. A terceira vez foi en 1933. Pasara á clandestinidade o ano anterior. O día 20 de febreiro, cando acudía a unha reunión, foi detido, tras a denuncia dun infiltrado da policía política xaponesa (Tokko). Faleceu no hospital ese mesmo día, oficialmente, segundo a Tokko, dun ataque ao corazón. Nunca se fixo a autopsia, mais a familia puido comprobar que o seu corpo presentaba evidencias de tortura. Imaxes do falecido foron publicadas no xornal do partido comunista Shimbun Akahata.

Cando Kobayashi enviou o orixinal á revista Senki, enviou tamén unha nota en que dicía:

“O meu traballo responde á urxente necesidade de facer entender aos traballadores por que deben loitar e non só moverse para desencadear a brutalidade do sistema. Cómpre desmontar os mecanismos do imperialismo e do capitalismo.”

Imaxinaría que un século máis tarde, a escravizada clase traballadora do XXI volvería ler e tomar conciencia coa súa novela? Quen sabe. En todo caso, quedemos con estas palabras coas que un dos traballadores arengaba aos seus compañeiros:

“... Non podemos loitar un contra un...Se nos mantemos unidos, a vitoria é nosa.” (p. 94)



Notas:
Jean-Jacques Tschudin (2012): “La littérature prolétarienne japonaise dans les années 1930”, Aden 2012/1 (N° 11), p.p. 15 -34, reeditado por http://www.reveilcommuniste.fr/

[30-01-2021 19:08] Xan Ermida comentou:

Un pequeno apontamento: de 1924 a 1929 o Partido Comunista de Xapón é obxecto dunha intensa represión policial con detencións masivas no 1929 ( o ano de edición do Caranguexeiro). En 1931 principia a invasión de Manchuria ( á que se opuxeron os comunistas xaponeses) como consecuencia do militarismo xaponés e da sua influencia no governo de Xapón. O éxito de vendas do Carenguexeiro, anos despois da sua publicación, é un exemplo de como unha narrativa afincada en batallas esencias do progresar humano ten recoñecemento presente. Magnífico artigo, Marta. Obrigado

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña