05:31 Martes, 20 de Abril de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-01-2021

De todos é sabido que o Estado ten que recadar impostos para poder atender os servizos colectivos necesarios

Madrid, paraíso fiscal

Valorar (6)

RAÚL RÍO DÍAZ


De todos é sabido que o Estado ten que recadar impostos para poder atender os servizos colectivos necesarios en materia de educación, sanidade, xustiza, administracións e as infraestruturas necesarias, pero xa fai vinte e cinco anos que Esperanza Aguirre empezou na comunidade de Madrid a crear un “dumping fiscal” que  beneficia ás grandes fortunas e ás rendas mais altas, pois vindo da extrema dereita, que pretende espoliar recursos comúns, roubar o público, levantar muros e crear desigualdade, non podía ser doutro xeito.

O axuntamento de Madrid é hoxe o mais endeudado do Estado, con unha débeda de 2.500 millóns de euros e agora o alcalde, José Luis Martínez-Almeida, intentando amañar o asunto, aproveita para pedir 1.398 millóns ao Goberno central polos danos causados polo Filomena, xa que, segundo as súas contas, os bares de Madrid perderon 330 millóns de euros diarios por “lucro cesante”, pois so eses bares da capital seica producen o 10% do PIB diario de todo Estado. Que xa manda chover na Habana, estar endebedado e con tanta riqueza!

Pero, aínda que as contas do alcalde non sexan certas, que non o son, non é de estrañar o déficit, xa que Esperanza Aguirre bonificaba o 100% da renda de patrimonio, rebaixou as sucesións e doazóns, o IRPF, etc., evitando que a facenda recadara, desde o ano 2006, mais de 48.000 millóns.

Agora, Isabel Díaz Ayuso e o propio alcalde, afirman que seguirán baixando mais os impostos para estimular a economía; alertan dun suposto sectarismo contra Madrid, porque seica lles temos  e din, que igual que o resto das comunidades, teñen potestade para fixar o tramo de impostos do IRPF e ofrecer mellores ou peores servizos públicos. Deben ser os partidos políticos os que convenzan aos seus cidadáns da idoneidade de ter impostos más altos ou máis baixos para ofrecer os seus servicios públicos. Pero o que non din é que, ao ser unha caixa única no Estado, o que non aporta está gastando do que aportamos as demais comunidades para que teñan tamén uns servizos dignos e necesarios, por moito que o diga o seu partido político.

Si o salario medio en Madrid ronda os 30.000 euros anuais, a rebaixa fiscal prometida para estes estaría por debaixo dos 150 euros ao ano e, si non cotizan os que mais teñen, esas medidas non van estimular a economía, pero si agrandar o déficit e a xa alarmante desigualdade social.
Así non é de estrañar que o 90% das grandes empresas estatais facturen en Madrid e que escapen doutras comunidades por non pagar ese tributo, privándonos desa riqueza a todos os demais. Acoden á capital para beneficiarse desas medidas, como se pode ver no informe elaborado polo Institut d’Economia de Barcelona, Paraísos fiscales, wealth taxation and mobility, no que se afirma que nos últimos cinco anos nos que se suprimiu o imposto ao patrimonio en Madrid, esa comunidade aumentou en 6.000 contribuíntes de outras autonomías para non pagar ese tributo e, entre 2010 e 2015, medrou nun 10% os contribuíntes con domicilio nesa comunidade, que debían pagar ese imposto, pero que non o fixeron porque lle lo bonificou ó 100% o goberno do PP. A axencia tributaria valenciana tamén abriu 60 expedientes a familias con grandes patrimonios que simularon residencia fiscal en Madrid, e en Cataluña están abrindo expedientes a contribuíntes que pagaban alí os impostos e de repente aparecen en Madrid.

Son tales os beneficios dese paraíso fiscal que incluso á hora de morrer acoden tamén miles de ricos a rematar alí os seus días, non por aquela famosa frase “de Madrid al Cielo”, senón por deixar nese paraíso as súas cousas terreais para que os seus afortunados herdeiros aforren cartos por dereitos de sucesión e patrimonio.

No estado Español centralízase todo. A forza centrípeta que ten a Porta do Sol madrileña succiona toda a riqueza da periferia para acumulala ao lado do albedro e darlle de comer ao insaciable oso, polo que non son so as medidas fiscais as que propician a acumulación de empresas na capital do Estado, pois para rematar con ese problema tamén é necesario cambiar leis e algunhas normativas, como a que di que para contratar unha obra pública de ADIF é necesario ter residencia na CAM.

Evidentemente que en Madrid tamén hai traballadores e clases populares ás que tamén lles afectan esas vantaxes fiscais, pero para estas clases o beneficio está, como xa dixemos antes, por debaixo dos 150 euros anuais. A estes pouco aforro lles supón, pero iso sirve de desculpa para que non coticen os 18.000 potentados, un 6% da poboación que acumula a riqueza que creamos entre todos nós e son os que verdadeiramente se benefician desas impopulares e insolidarias medidas, polas que deixan de pagar moitos miles de millóns.

O negocio é redondo para este capitalismo sen rostro humano, para a gran banca, as multinacionais e os fondos voitre, que matan dous paxaros dun tiro; por unha banda subvenciónanlles co que cotizamos nosoutros o que debían aportar eles e despois fan un negocio inmoral coas nosas necesidades vitais, como a sanidade, a educación, a xustiza, a administración e as pensións privadas, porque din que non hai diñeiro para as públicas.

Isto móstranos a decadencia deste reino corrupto e con estas aptitudes camiñamos cara un Estado falido, no que non haxa ningún tipo de servizo nin ben público, no que a única lei sexa a da selva. Pretenden crear un Estado de amos e escravos sen dereitos, no que so poidan vivir felices eles e os da súa clase, ese tipo de xente inhumana, inmoral, corrupta e sen ética.

Non lles importa tampouco que as mais prexudicadas por esa política fiscal sexan precisamente aquelas comunidades que votan ao PP, nin os casteláns son conscientes do que lles custa a capital. Mentres Cataluña é a que mellor vai aguantando esa política centrípeta, debido aos seu alto PIB, as mais afectadas por esas medidas son precisamente Galicia e o resto das provincias casteláns que desgobernan. 

Dentro de pouco nin “O Campechano” nin o seu fillo, “O Preparado”, terán que esconder as súas inmensas fortunas en Suíza ou noutros exóticos paraísos, como tiveron que facer ate o de agora. De aquí en adiante poderán facelo na capital do seu reino e así ninguén vai poder dicir que non son patriotas por levar fora os seus aforros, pois a presidenta desa capitalidade anda artellando o seu propio paraíso, para que tamén os salva patrias, de bandeira franquista na pulseira, poidan lavar os seus cartos e telos a bo recato, sen que teñan que dar contas por elo á xustiza, porque o roubo estará legalizado.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña