21:51 Sabado, 15 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-07-2010

O Tribunal Constitucional non pode ser xuíz da constitucionalidade dun pacto político entre os dous Parlamentos (Estatal e Autonómico)

A sentencia do Tribunal Constitucional sobre o Estatut: cuestión de lexitimidade e democracia

Valorar (28)

GONZALO-HENRIQUE CASTRO PRADO



O fallo da sentencia do Tribunal Constitucional (TC) sobre o Estatut de Autonomía de Catalunya, á espera da análise máis de vagar que haberá que realizar unha vez que se coñeza o contido dos seus fundamentos xurídicos, consolida unha lectura da Constitución que imposibilita o encaixe do carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüe do Estado Español.

Previamente, debemos dicir que o certo é que esta resolución do TC resulta de cuestionábel lexitimidade. Debemos lembrar que na vía de acceso á autonomía do artigo 151 da CE, a prevista para  as "nacionalidades históricas" (na terminoloxía constitucional): Cataluña, Euskadi e Galiza, o Estatuto unicamente pode converterse en norma xurídica mediante o acordo político do Parlamento autonómico e o Parlamento do Estado, confirmado en referendo, ou mediante a decisión unilateral do Parlamento do Estado, sempre que dita decisión non sexa rexeitada, é dicir, sexa aceptada en referendo pola cidadanía da "nacionalidade" afectada. Ningún outro órgano do Estado podería participar no proceso de aprobación dun Estatuto, nin tampouco podería revisar a decisión alcanzada a través do procedemento previsto en dito artigo. A última palabra debe tela a cidadanía da "nacionalidade" afectada.

O Tribunal Constitucional non pode ser, en consecuencia, xuíz da constitucionalidade dun pacto político entre os dous Parlamentos (Estatal e Autonómico), ratificado en referendo, porque é completamente incompatíbel cos máis elementais principios democráticos e coa definición do que sería o núcleo esencial do dereito á autonomía.

Dito isto, se analizamos o contido do fallo da sentencia do TC, atopamos tres bloques, que sentan as bases dos límites ao desenvolvemento do autogoberno de acordo cunha interpretación da Constitución manifestamente restritiva.

No primeiro, referido ao Preámbulo do Estatut, o TC estabelece que "carecen de eficacia xurídica interpretativa as referencias a Cataluña como nación e á realidade nacional de Cataluña". Con esta interpretación imponse a tese centralista de cuestionar a definición de Cataluña como nación, negándolle a esta declaración calquera valor xurídico, se a isto engadimos que nos fundamentos xurídicos da sentencia prevense reiteradas referencias na motivación desta parte do fallo á "indisolúbel unidade da nación española", atopámonos coa negación por parte do TC do carácter plurinacional do Estado Español, nunha liña interpretativa absolutamente regresiva incluso co propio recoñecemento constitucional das "nacionalidades históricas" que forman parte do Estado Español.

No segundo bloque estabelecese a inconstitucionalidade de diversos aspectos relativos a 14 artigos, que fan referencia a cuestións de grande transcendencia para as aspiracións de maiores cotas de autogoberno expresadas polo pobo catalán. Así, eliminase o uso preferente do catalán nas administracións públicas, limítanse ao mínimo as funcións do Consello de Garantías Estatutarias, deixandoo como un órgano mesmamente consultivo e elimínanse os avances na descentralización orgánica e funcional do Poder Xudicial en Cataluña, defendendo a continuidade dun poder xudicial fortemente centralizado e alleo ao Estado das Autonomías.

Tamén neste bloque, no caso das competencias compartidas, a sentencia reforza a función normativa das leis de bases estatais, que se teñen demostrado como un dos instrumentos de recentralización máis útiles para o Estado, o que resulta especialmente grave no caso da regulación das competencias compartidas sobre as caixas de aforros, onde se elimina a referencia que figuraba no Estatut a que as leis de bases estatais so regularían os principios, regras e estándares mínimos, acontecendo o mesmo no caso das competencias compartidas en materia de crédito, banca, seguros e mutualidades non integradas no sistema de seguridade social, o que vai limitar significativamente as posibilidades de desenvolvemento dun sistema financeiro propio.

Finalmente, neste segundo bloque do fallo rabelase tamén as aspiracións dunha internalización real e efectiva da Administración Local no marco autonómico, ao eliminarse a posibilidade de que a Generalitat posúa capacidade lexislativa para establecer e regular os tributos propios das Administracións Locais.

O terceiro bloque do fallo mantén o tenor literal dunha serie de artigos condicionada á interpretación do seu contido ao abeiro dos fundamentos xurídicos da sentencia, que aínda non foron feitos públicos mais que, como ten confirmado o propio TC, estabelecen unha lectura restrictiva que limita o alcance destes preceptos, que pode sistematizarse en varios eixos:

- Os relativos aos dereitos lingüísticos: o dereito a coñecer o catalán, o fomento e difusión do catalán e os dereitos lingüísticos dos consumidores, dereitos lingüísticos ante as Administracións Públicas e os dereitos lingüísticos no ensino.

- Os relativos aos dereitos históricos e aos símbolos nacionais de Cataluña.

- Os  competenciais: limitación do alcance das competencias exclusivas da Generalitat, das competencias do Tribunal Superior de Xustiza, da competencia en consultas populares, en dereito civil...

- Os relativos á bilateralidade: a participación da Generalitat na toma de decisións por parte do Estado en materias que lle afecten directamente, a designación de membros do TC ou do CXPX, o papel da Comisión Bilateral...

- Os relativos á organización territorial: limítase o alcance da organización territorial en Veguerías como superación do marco provincial.

En síntese, con esta sentencia, o TC deixa estabelecidos os límites ao desenvolvemento do autogoberno, cunha lectura restrictiva da CE e quitándolle a última palabra aos/ás cidadáns de Cataluña, o que non é máis que a proba da existencia dun sistema constitucional, sobre todo no tocante ao Título VIII da CE, condicionado desde a súa configuración inicial polas presións dos herdeiros do franquismo.

O certo é que quitarlle a última palabra aos/ás cidadáns de Cataluña, despois de que estes refrendasen o pacto político acadado entre o Estado e Cataluña a través dos seus respectivos parlamentos, para que un órgano fortemente politizado e bipartidista impoña un recorte substancial a ese pacto político de convivencia, cuestiona abertamente a lexitimidade do Estado Autonómico e pon de manifesto a necesidade dunha verdadeira transición democrática no Estado Español, que teña realmente en conta o seu carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüe, e supere os condicionantes derivados dunha transición tutelada. Só deste xeito a organización territorial do poder no Estado Español poderá posuír verdadeira lexitimidade democrática.


[05-07-2010 20:41] Rubén comentou:

O BNG non pode dar un paso atrás na reivindicación dun Estatuto de Nación. Agora máis que nunca Estatuto de Nación xa!!

O nacionalismo está no punto de mira do imperialismo español, a crise económica está a producir unha apatía na sociedade que o PP e o PSOE van aproveitar para liquidar aos nacionalismos.

En Galiza os nacionalistas debemos levantarnos fronte a aldraxe e esixir un Estatuto de Nación para Galiza.

[05-07-2010 14:15] Oscar comentou:

Das moitas análises sobre a sentenza do Estatut que teño lido nos últimos días, esta é a máis atinada, tanto desde un punto de vista xurídico como político.

Concordo en que esta sentenza liquida o Estado autonómico, e pon os límites ás reclamacións de autogoberno das nacións do Estado Español, o propio Zapatero xa o recoñeceu.

Tamén creo necesario un acordo de TODOS os partidos políticos nacionalistas de Galiza, Euskal Herria e Catalunya sen exclusións de ningún tipo. A alianza das tres nacións fronte ao españolismo ten que darse sen a exclusión de ningún partido nacionalista.

[04-07-2010 23:00] Miguel comentou:

Un pouco precipitado iso de comentar unha sentenza sen contar cos fundamentos xurídicos...Á marxe de que moitos dos teus argumentos son, canto menos, xurídicamente discutíbeis.

[03-07-2010 17:22] Brais comentou:

Moi bo artigo. Clarificador do que debe ser a postura do nacionalismo galego diante da tensión que se vai producir no Estado por esta aldraxe con Catalunya.

É o momento de recuperar Galeuscat e construir unha alianza das nacións sen Estado fronte á recentralización que se está a producir.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña