14:08 Mércores, 27 de Xaneiro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-12-2020

Con motivo do lanzamento da campaña de inmunización contra a COVID-19 no Reino Unido, os meios de desinformación occidentais non dubidaron en proclamar Margaret Keenan a primeira “persoa” vacinada

Iso cunha vacina non se amaña

Valorar (46)

ROBERT NEAL BAXTER


Con motivo do lanzamento da campaña de inmunización contra a COVID-19 no Reino Unido, os meios de desinformación occidentais non dubidaron en proclamar Margaret Keenan a primeira “persoa” vacinada, como se @s habitantes da Rusia ou da China, onde a vacinación se iniciou hai un tempo, non fosen persoas. Obviamente, hai intereses económicos potentes que espallan a mensaxe de desconfianza ante a vacina rusa Gam-KOVID-Vak (Sputnik V), frente à vacina “occidental” BNT162b2 (tozinameran) desenvolvida polo laboratorio BioNTech, da cal o Reino Unido xa comprou 30 millóns de doses (sen falar dos billóns de dólares que desembolsarán os EUA) etc. Convén desmentir o bulo da vacina “europea”, pois se ben o laboratorio se acha na Alemaña, unha das empresas distribuidoras (Pfizer) é de matriz estadounidense, encanto a outra (Fosun Pharmaceutical) está radicada na China.

Son un fervente defensor da inoculación como un dos grandes avanzos da ciencia ao servizo da humanidade, polo que cabe entender que o desenvolvimento de varias vacinas contra a COVID-19 non é senón o arauto dunha nova aurora e desexar que se poña o mesmo empeño en pesquisar noutras doenzas menos lucrativas. Aínda así, tamén hai que recoñecer que, se ben a vacina vai axudar moito a frear o avanzo do SARS-CoV-2, de modo ningún evitará a posibilidade –mesmo a probabilidade– de futuras pandemias. Pois, se o que de verdade se pretende é reducir o risco de novas pandemias, de nada serven remendos superficiais que pensan só no imediato sen aprofundar nas causas subxacentes, sen aplicar medidas correctoras permanentes, xa que todo indica que, se non se muda radicalmente de sistema, sucederanse cada vez con máis frecuencia.

Ao igual que a mudanza climática, lonxe de se tratar dunha catástrofe natural cíclica que azoutará periódica e irremediabelmente a humanidade e que cabe encarar con estoicismo, as pandemias deste tipo son provocadas pola acción humana. A palabra chave para compreender as verdadeiras causas e o risco a que nos expomos é ‘zoonose’, isto é, doenzas infecciosas transmitidas entre outros animais e seres humanos mediante patóxenos de tipo bacteriano, fúnxico, parasitario, priónico ou vírico.

Existen precedentes históricos que ilustran os estragos que poden causar, desde a peste bubónica –aínda ser erradicar– que acabou coa vida dunhas 200 millóns de persoas na Europa na Idade Media, até a gripe española de 1918, probabelmente de orixe aviar, que matou entre 50 e 100 millóns de persoas segundo algunhas estimativas. Noutras palabras, a pandemia actual podía ser infinitamente funesta, como tamén poderá ser a vindeira.

Mais non hai que se remontar tan lonxe na historia da cal, ao parecer, pouco se aprende. Aliás, a pandemia de gripe suína de 2009 foi causada polo mesmo virus Influenza A subtipo H1N1 que a gripe española, chegando a matar entre 151.700-575.400 persoas. Tamén cabe lembrar o surto da doenza das vacas loucas dos anos 80 e as pandemias de gripe das aves de 2004, 2005, 2006 e 2007, sen esquecer o exterminio o pasado mes de novembro de 15 millóns de visóns na Dinamarca ante os temores que suscitou unha mutación do coronavírus.

É moi fácil atribuír a culpa a países estranxeiros; o mal vindo de fóra. O mellor exemplo de culpabilizar un país concreto do virus mortífero –o inimigo invisíbel do povo e da nación– e que callou no imaxinario popular foi o uso constante e deliberado que fixo Trump do termo ‘virus chinés’. Resulta moi tentadora a idea de relacionar unha doenza tan insidiosa cun povo tan “inescrutábel”, coñecido polos seus hábitos alimentares tan aberrantes, ao asociar os famosos mercados da China coa venda de carne de gatos, cans e morcegos, cando en realidade a maioría se asemella a calquer mercado de alimentos perecíbeis, como as tradicionais prazas de abastos galegas. O problema radica máis ben en manter en proximidade física animais vivos de especies que habitualmente non entrarían en contacto entre si, nen con seres humanos, o que aumenta exponencialmente o risco de transmisión zoonótica.

Porén, esta problemática transcende os notorios mercados asiáticos, ao estar intimamente ligada coa exploración dos recursos naturais, tanto animais como vexetais, e a invasión de zonas virxes que decorren directamente e inevitabelmente do modelo capitalista, á procura permanente de maior lucro a calquer prezo, exacerbadas polo crescimento demográfico desenfreado e ancoradas insidiosamente en occidente na ensinanza xudaico-cristá de que deus puxo todos os animais ao servizo do home (sic.) (Xénese 1: 26).

Infelizmente, ao tempo que se revela infactíbel eliminar completamente calquer posibilidade de transmisión de doenzas entre outras especiais animais e humanos, si se podería limitar enormemente. No entanto, para isto, non fan falta accións reactivas parciais como a inmunización, mais grandes mudanzas no paradigma e no sistema de produción.

Vexamos un caso que ilustra como as reaccións en cadea orixinadas pola exploración dos recursos naturais exacerbada pola gandaría intensiva levaron a epidemias localizadas que, por sorte –e só por sorte– non chegaron a propagarse ao resto do mundo, sabendo que, aquilo que non chega á Europa, non é motivo de preocupación. Os primeiros casos de infección por Virus Nipah foron detectados na Malasia en 1998, após un surto de síndromes respiratorias agudas a encefalites transmitido por porcos hospedeiros intermediarios que resultou en 105 mortes humanas e o abate dun millón de animais. Na orixe do virus, que ten unha taxa de letalidade do 40-79%, estarían os morcegos fruxívoros do xénero Pteropus que transmitirían o virus aos suínos mediante derrames de urina, feces e froita parcialmente comesta debida à invasión, cada vez maior, do hábitat dos morcegos polas pocilgas.

O saque voraz dos recursos naturais do planeta por parte das multinacionais aumenta o contacto entre animais selvaxes e animais domésticos e humanos, incrementando o risco de exposición a doenzas zoonóticas. Nun mundo cada vez máis interconectado, a transmisión tórnase global moi rapidamente, de xeito que o que pasa na Asia ou nas Amazonas non nos é alleo e non nos debería deixar indiferentes.

Xa ficou máis que demostrado o impacto negativo que ten a industria agro-gandeira no meio ambiente, con consecuencias moi lesivas para a saúde, desde @s traballador@s das granxas e as persoas e comunidades que as rodean, até as pesticidas ou a contaminación dos acuíferos, pasando pola problemática da resistencia aos antibióticos ligados ao seu uso no gando, sen falar do risco que supón o comercio internacional de animais vivos.


O medo ao contaxio por COVID-19 apoderouse do mundo, cando en realidade o verdadeiro behemot que lanza unha sombra de destrución de proporcións apocalípticas sobre a face da terra toda non é outro que o capitalismo que cabe combater con afouteza, na certeza de que o podemos vencer para levantarmos un mundo mellor.



[28-12-2020 21:20] Marica Campo comentou:

Canta razón, Neal. Dan medo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña