11:43 Martes, 09 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-12-2020

O caciquismo grazas as relacións servís, xera no Pais unha gran maioria de galegas e galegos agradecidos e debedores

Unha aproximación ao caciquismo na Galiza

Valorar (10)

FRANCISCO GRAÑA


Galiza leva moito tempo nunha situación de colonización e dependencia, sometida a poderes externos. Esta posición ten creado as condicións óptimas para o xurdimento dunha casta mediadora autóctona, entre o pobo galego e o Estado español. O fenómeno caciquil, con maior ou menor significación é xeral en todos os países do mundo, pero que na Galiza adquire un caracter especialmente nefasto, por mor de que aquí esta relación de dependencia, a diferencia daqueles, xera no pobo galego carencias de todo tipo nos ámbitos públicos e individuaís, coa bendición e cooperación dos diversos organismos colonizadores como a xerarquía da Igrexa castelá anti-galega, a escola, a ensinanza, entre outros........especializados na domesticación e vexación do pobo galego.

Esta subordinación dependente permite aos caciques galegos exercer unhas mediacións benfeitoras co poder españolista para o pobo, a cambio do seu enriquecemento patrimonal e medrar político para cubrir as necesidades básicas da súa clientela, orientadas ao individual e familiar en exclusivo.

Desta maneira as distintas delegacións galegas dos gobernos españois, tecen unha rede caciquil con criterios bastante abertos alimentando o españolismo coa parte dos recursos previamente enviados desde Galiza a España via Madrid, procedentes do expolio fiscal,financeiro, económico e de recursos primarios .....do propio Pais.

O caciquismo como psicoloxia social está incrustada na sociedade galega como un medio útil e lexítimo para resolver as propias necesidades e as dos amigos, parentes, e unha longa clientela nunha sociedade galega zugada pola dependencia colonial. O pobo galego ve no caciquismo unha saida individual que garante, cando menos, a súa supervivencia antes que ter que emigrar. Fraga Iribarne, entre outras cousas, foi un destacado organizador da casta caciquil galega con incursións na España franquista para amarrar fortes relacións de dependencia e intercambio desigual con ela, nos que España era o máis importante. Houbo outros no pasado. Hoxe os dirixentes do Partido Popular fundado por este, exercen como valedores do pobo galego para vincular os seus intereses políticos e individuaís cos superiores españolistas do Estado español.

Pódese afirmar que Fraga reparteo por Galiza máis empregos públicos e privados que todas as empresas do IBEX xuntas, considerando tamén que moitos deles eran seus, e fornecendo de galegas e galegos o funcionariado do aparello do Estado español . Hoxe o seu sucesor Feixoó, engadiulle o narcotráfico. Un bo investimento! E unha mostra de que o caciquismo mafioso ten neste Pais co PP un futuro luminoso.

A carga negativa do caciquismo galego con toda a súa dependencia clientelar, colonial e nacional vinculadas e inter-dependentes, impide e debilita no mellor dos casos as capacidades das e dos galegos incluídos as dos propios membros da casta caciquil, para producir e vender o produto do seu traballo e a súa propia forza de traballo cualificada nun mercado interior desenvolvido, o que limita as capacidades emprendedoras produtivas, individuais e colectivas do Pais.

Por esta causa, ainda se manteñen na Galiza moitas relacións socioeconómicas precapitalistas, pero moi deturpadas nunhas condicións informais e precarias pola situación desta dependencia colonial. A pesares da crise do capitalismo occidental moitas galegas e galegos ven na emigración, amáis de Madrid e Canarias....., con destino a estos paises problemáticos de Occidente, moi desenvolvidos cun modelo de capitalismo xa terminal e nunha situación pre fascista, a fuxida da precaria condición do Pais que permanece petrificado sen cambios.

Non reivindico o capitalismo alleo para Galiza, pero si unhas relacións mercantís libres co exterior non manipuladas por inxerencias políticas financeiras e económicas do españolismo instrumentalizadas polo caciquismo galego asociado ao centralismo español e si reguladas desde Galiza democraticamente, nunha Galiza con poder político propio sen dependencias e sen imitar a ningún modelo produtivo foráneo, senón exclusivamente co formato económico galego restaurado e actualizado que sempre sería contrario o capitalismo imperialista.

Ante esta mudanza, con seguridade e antes de desaparecer a casta caciquil galega evolucionaria forzada á converterse en emprendedoras e emprendedores públicos e privados, colectivos, familiares ou individuais ao servizo do Pais, para desenvolver os valiosos recursos humanos e non humanos desta podente nación galega, e non como agora obrigados, iso si con gosto, a se congregar nun fato de pillos e políticos improdutivos como mediadores vende patrias para enchufar a súa clientela, que empobrece incluso máis o Pais para engrandecer España.

O caciquismo grazas as relacións servís, xera no Pais unha gran maioria de galegas e galegos agradecidos e debedores, desde pais a fillos e netos......que ainda hoxe pagan co seu voto nas eleccións o mantemento da casta caciquil moi vinculada con Madrid. O PP e o PSOE son hoxe os seus indiscutíbeis herdeiros principais que a consideran como un valioso Capital político.

Galiza nos tempos da BIG- DATA pemanece ancorada en gran medida cunhas relacións pre capitalistas moi deturpadas, a pesar que pasaron moi poucos anos, xa non se parecen no máis mínimo as orixinarias comunitarias do Pais, sendo unha perversa deformación caciquil das mesmas motivada pola dependencia nacional. Certamente esta subordinación no nos aportou máis que carencias de toda variedade e a emigración nun Pais cheo de riquezas sen explotar por nos. Pero o peor é que o caciquismo galego freou en seco a posibilidade do desenvolvemento propio do noso Pais, en todas as ordes.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña