13:22 Luns, 08 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-12-2020

A incorporación de tecnoloxías que traerán unha ruptura brusca na sociedade e un cambio determinante, engadirá un novo atranco para a supervivencia da lingua galega senón actuamos con celeridade

A lingua galega nun escenario disruptivo

Valorar (22)

RAÚL FERNÁNDEZ IGLESIAS


Que en pouco máis de cen anos a humanidade pasara de ir a cabalo a facer viaxes interplanetarias é a constatación de que todo evolucionará cada vez máis aceleradamente. Da terceira revolución industrial, coa incorporación de internet, pasamos a unha cuarta motivada por varias tendencias disruptivas, entre elas a tecnolóxica que traerá aparellada unha innovación na que ten que estar presente a lingua galega ou estará morta sen posibilidade de coller outro tren.

Daquela maneira fomos amañando, máis mal que ben, a presenza do galego na aparición, na segunda metade do século XX, de Internet e o que levou aparellado, redes sociais e demais. Fomos tamén, e a maior parte das veces grazas ao esforzo voluntario de persoas comprometidas coa lingua, loitando para que as distintas aplicacións de software tiveran versión en galego, sobre todo as de software libre, porque as de software privativo houbo que pagar ou non se dispuxo delas na maior parte das ocasións.

Sucede que agora aparecen, xa están aquí en realidade, tecnoloxías como a intelixencia artificial, o Internet das cousas, as Cloud, o Big Data, o Blockchain, a Realidade Virtual e a Aumentada, a Automatización, a Robótica evolucionada e a Ciberseguridade como feito transversal que afecta a todo. E neste escenario disruptivo non valen os esforzos voluntarios de persoas comprometidas coa lingua, teñen que ser as administracións galegas as que o tomen en serio e protexan o noso ben cultural máis prezado, aquel que levamos todos os galego-falantes posto.

A interface, ou xeito de comunicármonos coa tecnoloxía, está xa cambiando, e en moitos casos mudando á linguaxe natural, sobre todo en domótica (sistemas capaces de automatizar unha vivenda), e Internet das cousas (IoT) que inclúe os wearables (trebellos que levamos postos como os reloxos e roupa), os electrodomésticos, os vehículos (que chegarán a ser autónomos), os sistemas de información con Realidade aumentada/virtual e mil e unha cousas máis que van aparecendo día a día. Con eles falamos ou falaremos, e o temos que facer nunha lingua e non é aceptable que falemos sempre en galego e teñamos que cambiar ao castelán ou inglés para dirixírmonos ao noso reloxo, a   Siri, a Alexa a Google ou a calquera outro asistente virtual por poñer un exemplo.

Recorda a aqueles proxenitores galego-falantes que cando se dirixen aos cativos mudan ao castelán, como si houbera unha lingua de andar por casa e unha lingua seria. Na Intelixencia Artificial, a comunicación con máquinas a través da lingua, e non estou falando do futuro estou falando do presente pois todos falamos as veces con elas cando chamamos a atención ao cliente de determinadas empresas, ten que ser en galego e para os produtores de tecnoloxía non é rendible facer unha versión na nosa lingua por ser minoritaria. Así pois teñen que ser as administracións as que se comprometan a que no mundo que está chegando sexa posible a comunicación en galego, xa que, do contrario, a nosa lingua corre un perigo real de desaparición xa que nos enfrontamos ao maior dos atrancos para a súa supervivencia.

Na deslocalización que se vive na actualidade as veces utilízase o recurso de pedir atención en galego, cando existe, para asegurármonos de que nos atenden en proximidade. Explotemos ese recurso para potenciar a lingua. Explotemos tamén que en ciberdelitos como el physing (enganan á vítima facéndose pasar por unha persoa, empresa ou servizo para manipulala e facer que realice determinadas accións) se empregamos habitualmente a lingua galega é menos doado caer na trampa. A Ciberseguridade é un tema moi transversal que se converte en crítico no momento que todo, absolutamente todo, está/estará interconectado. Existen montóns de palabras anglosaxoas para definir os distintos tipos de ataques: physing, pharming, malware, ransomware, máis todos eles utilizan a chamada enxeñería social para enganar a un usuario para poder acceder a determinada información, e ese engano vai ser máis difícil se a lingua de comunicación é o galego.

Temos tamén outras potencialidades xa que temos a sorte de ter unha lingua irmá, de contar cunha comunidade lusófona que axuda a minimizar a nosa condición de ser unha lingua minoritaria. Ademais dispoñemos dun puntogal que temos que explotar e que ten que ser marca da nosa cultura e da nosa lingua no ciberespacio. Galiza é sinónimo de calidade, de alimentos de calidade, de turismo de calidade, de produtos de calidade, unamos a lingua a todo isto, fagamos dela o noso mellor selo de identidade.   

Precisamos de talento e coñecemento para significármonos nun mundo que ven e que agardemos que non sexa distópico senón que se achegue máis a unha utopía onde sexan realidade os mellores dos nosos sonos. E dentro dise talento non solo se precisan enxeñeiros e matemáticos, senón tamén, entre outros, psicólogos e lingüistas, psicólogos para definir intelixencias artificiais cun axeitado comportamento e lingüistas para ensinalas a utilizar a nosa lingua. Para cando unha Aldara ou un Xandro, asistentes intelixentes galegos? E non nos quedemos con esta anécdota, pensemos que detrás disto ten que estar unha tecnoloxía que permita a todo canto trebello exista ou salga no futuro entendernos cando lle falemos na nosa lingua, para logo informarnos, aconsellarnos ou calquera outra cousa que fagan, en galego. Así co galego, estaremos no mundo.    



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña