14:03 Luns, 08 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-12-2020

Nos últimos catro anos Perú vai caseque alcanzar o triste récord de Bolivia dun presidente por ano

Perú: incapacidade moral permanente

Valorar (6)

XURXO MARTIZ CRESPO


Nos últimos catro anos Perú vai caseque alcanzar o triste récord de Bolivia dun presidente por ano, malia Bolivia ter presidentes que duraron só unhas horas, dous o mesmo día (René Barrientos Ortuño e Alfredo Ovando Candía en 1964).

A segunda feira, 9 de novembro, o presidente Martín Vizcarra foi destituído como presidente do Perú polo Congreso despois de aprobarse unha moción de vacancia por incapacidade moral[1]. A destitución de Vizcarra, exvicepresidente do hoxe arrestado por corrupción Pedro Pablo Kuczynski, xerou unha serie de manifestacións de rexeitamento ás artimañas do Congreso peruano que remataron coa morte de dous mozos[2] a disparos da policía.

Vizcarra aturou meses de intentos para destituílo, por parte dun Congreso maioritariamente opositor e dominado polo partido fujimorista Fuerza Popular e os seus aliados de dereita. Cunha representación política ínfima, do seu partido Partido para el Cambio (hoxe disolto), Vizcarra seguiu o camiño do seu antecesor.

Dos catro últimos presidentes peruanos, só Pedro Pablo Kuzcinsky foi elixido democraticamente (2016). Dous procesos políticos nos que se lle acusaba de corrupción remataron coa súa renuncia e unha orde de arresto domiciliario dende abril de 2019, pola súa relación coa empresa brasileira Odebrecht, o maior escándalo coñecido de subornos en Latinoamérica e nos que están implicados, no Perú, os expresidentes Humala, Toledo, Kuzcinsky, Keiko Fujimori e o finado Alan García.

Ante a guerra política entre o lexislativo e o executivo que impedía a gobernabilidade do país, Vizcarra convocou eleccións lexislativas en xaneiro de 2020. O resultado foi un revés para o partido fujimorista Fuerza Popular, que non logrou o primeiro lugar, escorou o Congreso peruano aínda máis á dereita e a situación de Vizcarra continuou sendo igualmente mala. 

A campaña de loita contra a corrupción subiu a popularidade de Vizcarra entre os peruanos, pero o Congreso, tras varios intentos, logrou desaloxalo coa fórmula lexislativa da «moción de vacancia» sustentada en titulares xornalísticos sen ningún tipo de fundamento que sinalan a Vizcarra como receptor de  máis de 500 mil euros do chamado «cartel da construción», grupo de empresarios que pagaban ás autoridades para gañar licitacións públicas.Vizcarra, malia as novas de corrupción publicadas pola prensa, non está investigado xudicialmente por non teren sustento ningún. 

O poder lexislativo en Perú é unicameral[3], como en Ecuador e na Venezuela, polo tanto é relativamente doado tomar decisións tan transcendentes como a destitución presidencial, que non teñen que ser ratificadas por ningunha outra cámara, como o Senado. 

O procedemento de destitución é tan simple como que nun Congreso de 130 deputados coma o peruano, abonda con que 26 soliciten a vacancia (destitución), 52 admitan a solicitude e 87 a aproben. Pola destitución de Vizcarra votaron a favor 105 congresistas cuns debates de apenas unhas horas. 

Perú afúndese nunha crise de gobernabilidade adobiada pola crise económica da pandemia e unhas eleccións próximas cunha clase política desprestixiada e a cabeza de Keiko Fujimori como candidata eterna e probábel gañadora. 

O corolario máis triste de toda esta situación é que dous de cada tres peruanos aproban e botan de menos a xestión de Fujimori. Que os sucesivos gobernos peruanos encabezan nominalmente todas as aventuras anti progresistas en Latinoamérica: dende o antibolivariano Grupo de Lima até o apoio sen restricións do autoproclamado presidente Guaidó. 

Calquera opción progresista e de cambio como o Movimiento Nuevo Perú de Verónika Mendoza é definida polos medios como «senderista» (en alusión a Sendero Luminoso) ou chavista, perpetuando a alternancia no Congreso e na presidencia de grupos políticos desprestixiados pola corrupción. 

[1]
 Un dos supostos de vacancia da Xefatura do Estado do artigo 113 da Constitución do Perú de 1993

[2]Inti Sotelo Camargo, de 24 anos, e Bryan Pintado Sánchez, de 22. Son máis de 40 as persoas desaparecidas nas protestas. 

[3]Vizcarra promoveu unha reforma constitucional en agosto de 2018 na cal se lle preguntabaá cidadanía se querían ou non a reelección dos deputados e o retorno a bicameralidade. A reforma foi duramente criticada por Keiko Fujimori, que a definiu como «populismo de centro».

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña