16:37 Xoves, 08 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-12-2020

No filme Sede de mal, xenial colofón ao cine negro clásico americano, Orson Welles dirixe e representa o personaxe principal, Harry Quinlan

Sede de ben

Valorar (13)

MARICA CAMPO


No filme Sede de mal, xenial colofón ao cine negro clásico americano, Orson Welles dirixe e representa o personaxe principal, Harry Quinlan. Trátase dun policía que non coñece límites morais e utiliza calquera método para conseguir meter entre reixas a quen el considera delincuentes.  Así, falsifica probas para xustificar a hipótese inicial de culpabilidade.

A extrema dereita e a dereita sen máis, que tamén é extrema en aras do rendemento nas urnas, por unha banda; a esquerda acomodada e acomodaticia, por outra banda; nós, en fin, moitos e moitas e varios, cómplices ou non, uns e outros, somos os actores e actrices da mala película que estamos a vivir. É o seu un argumento distópico e a súa realización cutre a máis non poder.

O malo, a mala, o inimigo, sempre é o de enfronte. Estar enfronte é ter outra ideoloxía. Unha ideoloxía diferente é o criterio de bondade e maldade. Se non hai probas da tal maldade, fabrícanse. Digan o que digan, os de enfronte sempre lles farán dicir o que lles conveña para declarar infame o seu discurso. E non, non é un trabalinguas, mais seméllaselle abondo. Diso se trata, de que embelequemos nas palabras para acreditarmos no que non ouvimos e ninguén dixo.

As mentiras serán maiores se nacen de verdades a medias. Cómpre retorcer, castrar, encoller ou estirar a mensaxe orixinal para convertela no texto que fará rachar as vestiduras ás persoas proclives a crer todo mal dos de enfronte.

Cando a lei Wert, aprobada sen máis consenso que o do PP, ousou  impoñer o castelán como única lingua vehicular, a Xunta de Galicia, por decisión do seu presidente, apresurouse a aplicala…, a medias. A medias porque o inglés si que se impuxo como lingua vehicular para varias materias. A Xunta non desobedeceu, desobedeceron os cataláns por impoñer a lingua propia. Agora din que a nova lei prohibe que o castelán sexa lingua vehicular. Falso de toda falsía. A lei non di tal. Non emprega a palabra vehicular.  Mentres a Constitución sexa a que é, este asunto ten mal arranxo.  A repetición do verbo impoñer é propositada.

As subvencións a centros que segregan rapaces e rapazas, en contra da coeducación que propugnaba a lei, legalízanse pola sentenza dun xuíz desa casa que é o pensamento reaccionario. Agora estenden a especie de que, os que  queren que todo o mundo poida elixir e, por tanto, ser admitidos nun centro subvencionado, a seguir os mesmos criterios que na pública, pretenden rematar con este tipo de centros.

E non falo da relixión nin doutras cousas porque, como as anteriores, supoño que ninguén entre os  lectores e lectoras as descoñecen. Soamente pretendo reflectir esa práctica tan actual de falsificar, calumniando, as palabras e actividades dos rivais políticos.

Indígnanos a información enganosa verbo da pandemia. Botan ás costas de moitas persoas que a padecen a culpa de expandila e non contan que poden pasar varios días sen que lles fagan unha PCR e, por riba, aínda aclaran, por se alguén o dubidase, que os tratamentos son máis efectivos se se comezan nos primeiros días da doenza.

Anóxannos os petimetres a se pronunciar continuamente desde a hipocrisía e o enfrontamento, as damiselas a facer o mesmo e mellor se for preciso. Desde Madrid ou desde a súas sucursais “de provincias”.

Porén, sexamos ou non máis ou menos partidistas, o que non se pode discutir é que somos a pasaxe dun mesmo barco e, á marxe da tripulación que anda en continuas leas, desexamos chegar xuntos a bo porto.  Queremos arranxar cadaquén o noso camarote, a ofrecer aos outros o respecto que pedimos.

Glosando o Fado das Sedes que coñezo por Mariza, calquera que teña unha miga de consciencia, ben podería facer súas estas palabras: “Há muito que tenho sede /Sede que me faz gritar”. 

Temos sede de política da boa, a que fai verdadeiro o seu nome e axuda a construír a polis, non a destruíla desde os alicerces, a forza de lle borrar o verdadeiro rostro e lle arrincar a lingua que a fai ser. Concretando  e aterrando: Aquí, en Galiza, unha política que parta da nosa realidade, que coñeza a nosa historia e aprenda dela os porqués e os para-qués, de onde vimos e a onde podemos e queremos ir. Unha política que non sexa un placebo deses que nin curan nin matan e, por iso, resultan inocuos e semellan concitar maiores adhesións. Unha política que resucite o pobo-Lázaro e o mande camiñar cara á vida.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña