13:29 Mércores, 27 de Xaneiro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-11-2020

Os escritos procedentes dunha tan alta instancia coma a do papa teñen en principio un especial significado non só para os crentes dunha concreta relixión

Reivindicando unha Galicia de seu desde a carta encíclica “Fratelli tutti”

Valorar (9)

MANUEL CABADA CASTRO


Os escritos procedentes dunha tan alta instancia coma a do papa teñen en principio un especial significado non só para os crentes dunha concreta relixión, neste caso a católica, senón tamén para calquera persoa interesada ou preocupada polo devir da humanidade e dos pobos que a conforman.

En tal sentido, están tamén de feito dirixidos desde a autoridade e a responsabilidade de quen os escribe a calquera interesado nas temáticas que neles son abordadas, se ben de maneira especial, directa ou indirectamente, serían así mesmo os seus destinatarios líderes políticos, sociais ou relixiosos, pensadores etc. etc.

Nesta ocasión vou aludir concretamente á recente carta encíclica “Fratelli tutti” de Francisco, do 3 de outono deste ano. Hai xa, porén, algo máis de cinco anos, en maio do ano 2015, publicara el outro escrito, “Laudato si’”, que non pouco me sorprendera (gratamente por certo!) debido a determinadas afirmacións que nel se vertían e que incidían na importancia que as diversas culturas teñen na comprensión, concreta e particular, dos pobos, pois delas reciben estes a súa propia e inalienábel autoestima e dignidade. Lémbroas sucintamente a continuación, en certo modo como preámbulo das actuais de “Fratelli tutti”.

Francisco falaba xa, efectivamente, en “Laudalo si’” verbo da que el denomina “ecoloxía cultural”, é dicir, daquel tipo de “ecoloxía” que está en directa relación non xa só directamente co patrimonio natural, senón co cultural, coas culturas que el denomina “locais”, ás que é preciso prestar decidida atención. Léase, por exemplo este texto de “Laudato si’”:

“Moitas formas altamente concentradas de explotación e degradación do medio ambiente non só poden acabar cos recursos de subsistencia locais, senón tamén con capacidades sociais que permitiron un xeito de vida que durante moito tempo outorgou identidade cultural e un sentido da existencia e da convivencia. A desaparición dunha cultura pode ser tanto ou máis grave cá desaparición dunha especie animal ou vexetal. A imposición dun estilo hexemónico de vida ligado a un modo de produción pode ser tan daniña coma a alteración dos ecosistemas” (Laudato si’, 145).

Enfrontábase así directamente xa entón Francisco coas pretensións dunha economía globalizada que “tende a homoxeneizar as culturas e a debilitar a inmensa variedade cultural, que é un tesouro da humanidade”. É necesario, xa que logo, a teor das súas palabras, facer valer, fronte ós intereses tecnocráticos, “os dereitos dos pobos e das culturas”, de tal maneira que “nin sequera a noción de calidade de vida se pode impoñer, senón que debe ser sempre entendida dentro do mundo de símbolos e hábitos propios de cada grupo humano” (Laudato si’, 144).

Agora ben, estas reflexións van acadar –como imos ver agora- unha meirande radicalidade na recente “Fratelli tutti”. Como ben saben os antropólogos, as por eles chamadas “culturas” son creacións humanas (pois non veñen sen máis dadas cos xenes biolóxicos) e que están na orixe por exemplo da diversidade das linguaxes, dos xeitos de se comportar etc. dos integrantes das mesmas, por máis que estean tamén tales “culturas” en certa medida abertas a determinados cambios no seo das mesmas sen que iso, porén, implique a súa substitución ou destrución. As culturas afectan así ó grupo humano concreto que as posúe e, polo mesmo e en consecuencia, a cada concreto individuo que forma parte del.

De aquí que Francisco tome clara posición contra a “perda do sentido da historia”, contra a pretensión de “construílo todo desde cero” (Fratelli..., 13). Un tal esquecemento inducido ou unha destrución tal da propia e herdada cultura veñen ser para el unha das “novas formas de colonización cultural”, botando man aquí el a este respecto dunha significativa aseveración de 1974 do cardeal Raúl Silva Henríquez, na que este se expresaba deste xeito: “os pobos que se alienan da súa tradición e por manía imitativa, violencia impositiva, imperdoábel neglixencia ou apatía aturan que se lles arrebate a alma perden, xunto coa súa fisionomía espiritual, a súa consistencia moral e, finalmente, a súa independencia ideolóxica, económica e política” (Fratelli..., 14).

É aquí xustamente onde Francisco vai situar o verdadeiro perigo, o inimigo omnipresente e agachado, ó que cómpre dar nome en canto destrutor das diferenzas culturais, das que xorden precisamente os pobos, as nacións (recoñecidas ou non) diferentes e conscientes de si mesmas. O seu nome é para Francisco o que el denomina a “economía global”:

“‘Abrirse ó mundo’ é unha expresión que hoxe foi cooptada pola economía e as finanzas. Refírese exclusivamente á apertura ós intereses estranxeiros ou á liberdade dos poderes económicos para investiren sen trabas nin complicacións en tódolos países. Os conflitos locais e o desinterese polo ben común son instrumentalizados pola economía global para impoñer un modelo cultural único. Esta cultura unifica o mundo pero divide as persoas e as nacións [...] Estamos máis sós ca nunca neste mundo masificado que fai prevalecer os intereses individuais e debilita a dimensión comunitaria da existencia. Hai máis ben mercados, onde as persoas cumpren roles de consumidores ou de espectadores. O avance desta globalización favorece normalmente a identidade dos máis fortes que se protexen a si mesmos, mais procura licuar as identidades das rexións máis débiles e pobres, facéndoas máis vulnerábeis e dependentes. Deste xeito a política vólvese cada vez máis fráxil fronte ós poderes económicos transnacionais que aplican o ‘divide e vencerás’” (Fratelli..., 12).

Compréndese ben, desde este modo de pensar, que o único imperativo categórico veña ser en consecuencia e en definitiva “a necesidade de consumir sen límites” (Fratelli..., 13). Fronte a tal imposición, vencellada a intereses mercantís e egoístas, Francisco sostén que “non se pode admitir que no debate público só teñan voz os poderosos e os científicos” (Fratelli..., 275). Pois tamén a “reflexión” e a “sabedoría” acadadas ó longo dos séculos da historia humana terán nestas cuestións algo que dicir. Por exemplo, se ós intereses puramente económicos as forzadas migracións humanas por mor da busca de traballo non constitúen problema, si que o resultan ser desde o punto de vista xeral humano e, máis concretamente, se se atende á destrución con iso provocada do contexto cultural e familiar do que se procede, tal como en tal sentido e con clarividencia comenta Francisco:

“Os que emigran teñen que se separar do seu propio contexto de orixe e con frecuencia viven un desarraigamento cultural e relixioso. A fractura concirne tamén ás comunidades de orixe, que perden os elementos máis vigorosos e emprendedores, e ás familias, en particular cando emigra un dos pais ou ámbolos dous, deixando os fillos no país de orixe. Por conseguinte, tamén ‘hai que reafirmar o dereito a non emigrar, é dicir, a ter as condicións para permanecer na propia terra’ (Francisco bota aquí man do dereito a non emigrar proclamado polo seu predecesor Bieito XVI o 12 de outono do 2012)” (Fratelli..., 38).

Se o aquí dito fai directamente referencia ás actuais e xerais migracións entre moi diversos países, non deixa de ser de facto igualmente válido tamén en relación coas ben coñecidas migracións especificamente galegas tanto nos tempos pasados coma nos presentes, que afectaron e continúan a afectar Galicia –como é ben sabido- de xeito importante, tamén obviamente desde o punto de vista político. Pois orixe política tiñan tamén e continúan a ter en último termo tamén tales migracións: a ben coñecida secular dependencia galega respecto de instancias políticas foráneas.

Migracións galegas que foron, por exemplo, especialmente graves en tempos aínda non tan distantes por mor da sublevación militar nos anos trinta do século pasado contra os lexítimos representantes políticos republicanos. A violencia exercida en Galicia contra os disidentes foi notoria, mais coidadosamente silenciada e subtraída ó coñecemento das xeracións posteriores (ultimamente o xornal “Nós Diario” está meritoriamente a ofrecer ós lectores reportaxes, suficientemente documentados, desas execrábeis violencias contra persoas indefensas). De modo que, e especialmente na nosa terra, fica aínda moito por saber e coñecer co fin de acadar unha auténtica e madura normalización política e social.

Francisco sabe naturalmente desas situacións, mais non opta (como semellarían esperar del certos supostamente ben pensantes) por se sumar ó silencio ou ó esquecemento. “Non é posíbel –indica o pontífice- decretar unha ‘reconciliación xeral’, pretendendo cerrar por decreto as feridas ou cubrir as inxustizas cun manto de esquecemento [...] En calquera caso, o que endexamais se debe propor é o esquecemento” (Fratelli..., 246).

Hai xa que logo nel unha clara opción pola memoria, pola memoria histórica dos feitos violentos contra as persoas, co fin precisamente de eles serviren en certo modo como vacina contra a súa repetición. Tanto se se trata de feitos máis próximos a nós coma se se tiveran producido en tempos e lugares distantes:

“Non podemos permitir que as actuais e as novas xeracións perdan a memoria do acontecido, esa memoria que é garante e estímulo para construírmos un porvir máis xusto e máis fraterno [...] Tampouco deben esquecerse as persecucións, o tráfico de escravos e as matanzas étnicas que ocorreron e ocorren en diversos países, e tantos outros feitos históricos que nos avergonzan de sermos humanos. Deben ser lembrados sempre, unha e outra vez, sen cansármonos nin anestesiármonos. É doado hoxe caer na tentación de pasar páxina dicindo que hai xa moito tempo que ocorreu e que hai que ollar cara adiante. Non, por Deus! Endexamais se avanza sen memoria, non se evoluciona sen unha memoria íntegra e luminosa. Necesitamos manter viva a chama da conciencia colectiva, testemuñando ás xeracións vindeiras o horror do ocorrido, que esperta e preserva desta maneira o recordo das vítimas, para que a conciencia humana se fortaleza cada vez máis contra todo desexo de dominación e destrución. Necesítano as mesmas vítimas —persoas, grupos sociais ou nacións—  para non ceder á lóxica que leva a xustificar as represalias e calquera tipo de violencia en nome do enorme mal que sufriron” (Fratelli..., 248-249).

Todo isto -a necesidade e a importancia da memoria, do non esquecemento da inxustiza e da inhumanidade exercidas- non está en modo algún para Francisco en contradición coa posibilidade do perdón. A memoria é mesmo, polo contrario, presuposto para a posibilidade de tal acción: “O perdón non implica esquecemento. Dicimos máis ben que cando algo que de ningunha maneira pode ser negado, relativizado ou disimulado, podemos porén perdoar. Cando hai algo que endexamais deber ser consentido, xustificado ou escusado, podemos emporiso perdoar. Cando hai algo que por ningunha razón debemos permitirnos esquecer, podemos con todo perdoar” (Fratelli..., 250).

Neste contexto, tampouco ha ser desvalorizada a importante advertencia de Francisco, formulada por el en medidas palabras deste xeito: “Cando houbo inxustizas mutuas, cabe recoñecer con claridade que poden non estar afectadas da mesma gravidade ou que sexan comparábeis. A violencia exercida desde as estruturas e o poder do Estado non está ó mesmo nivel de grupos particulares” (Fratelli..., 253).

E xa para rematar e en certo modo tamén para estarmos suficientemente ó tanto das razóns polas que un personaxe tan relevante no eido relixioso como Francisco se teña ocupado dunha temática como esta -da que podería pensarse que é couto exclusivo de historiadores, políticos ou politólogos...- velaquí van estas súas palabras, que nun certo sentido poderían facer referencia tamén a el mesmo: “É verdade que os ministros relixiosos non deben facer política partidaria, propia dos laicos, mais nin sequera eles poden renunciar á dimensión política da existencia” (Fratelli..., 266). Obviamente, e como era de esperar, Francisco alude aquí mesmo, en nota a este seu texto, ó coñecido texto de Aristóteles da forma seguinte: “‘O ser humano é un animal político’ (Aristóteles, Política, 1253a 1-3)”.

Nesa “política” estamos, pois, todos. Queirámolo ou non.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña