14:24 Mércores, 27 de Xaneiro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-11-2020

Quen non está de acordo en apostar pola modernidade?

A oportunidade da pandemia

Valorar (10)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA


A crise provocada pola pandemia da Covid19 terá unha forte repercusión social e económica, e mesmo psicolóxica, que aínda está por ver o seu alcance. Mais o que xa apuntan diversos economistas é que acelerou procesos e cambios que estaban en marcha, pero en condicións normais tardarían aínda por instalarse nas nosas vidas, especialmente polo impacto que terían na poboación en xeral.

Para paliar os estragos económicos provocados polo confinamento que realizaron a maior parte dos países do noso continente, a Unión Europea activou un fondo para a reconstrución. Son 750 mil millóns de euros, que segundo palabras do presidente do goberno, Pedro Sánchez, terán como finalidade as políticas verdes, a dixitalización e a igualdade, uns proxectos que deseñarán as “big four”, as catro grandes consultoras, Deloitte, PricewaterhouseCoopers, Ernst & Young e KPMG. O Estado español xestionará 140 mil millóns, dos cales a metade serán xestionadas polas comunidades autónomas, que xa recibiron as instrucións precisas por parte da presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, que participou na última reunión de presidentes autonómicos. É dicir, os proxectos terán que axeitarse ás instrucións dadas ou non haberá cartos.

Políticas verdes, dixitalización, igualdade. Quen non está de acordo en apostar pola modernidade? Mais o que non nos contan é o impacto social, e sobre todo no emprego, que terán estas políticas, en especial as dúas primeiras.

Durante a celebración do COP25 (Conferencia das Nacións Unidas polo Cambio Climático), que se celebrou en decembro de 2019, e que tivo como estrela invitada a Greta Thunberg, houbo diversas manifestacións na que participaron miles de persoas para presionar na rúa aos representantes políticos presentes na cimeira climática. Quedou patente o apoio social que suscitan as políticas para combater o cambio climático. Porén, vendo esas imaxes das rúas cheas de xente implicada, a maior parte moi nova, non podía deixar de pensar que, se ben cómpre loitar contra o cambio climático, facelo de xeito decidido ía ter consecuencias para a poboación en xeral. Se pechamos empresas que contaminan, haberá traballadores e traballadoras que perderán o seu emprego, como no caso da térmica das Pontes. Se poñemos en marcha políticas que eviten a mobilidade das persoas incrementando o prezo dos carburantes, por exemplo, estas terán consecuencias directas no sector turístico, hostaleiro e o transporte, que se traducen en máis desemprego. É dicir, o modelo social e económico actual é incompatíbel co medio ambiente.

Loitar contra o cambio climático é necesario, mais se non se ten en conta as repercusión sobre o emprego, buscando alternativas que substitúan os empregos perdidos na “vella economía”, as consecuencias sobre a clase traballadora en xeral serán desastrosas, mais tamén sobre sectores vinculados aos sectores produtivos tradicionais (agricultura, pesca, turismo, hostalaría, industria, transporte...). Estas consecuencias xa se puxeron de manifesto en movementos sociais de certa envergadura, como a dos chalecos amarelos en Francia, que protestaban na rúa polo incremento dos impostos aos carburantes, entre outras cuestións, e que, logo de semanas de protestas, fixeron recuar ao goberno de Macron. Este movemento social pon en evidencia as contradicións e as dificultades políticas para executar o plan trazado por unha parte das elites políticas e económicas, que non só chocaba cos intereses das clases populares, os principais damnificados, senón tamén da outra parte das elites económicas, que non queren perder os seus privilexios. Isto explicaría en parte o interclasismo de movementos políticos como VOX ou mesmo o de Donald Trump, negacionistas do cambio climático e polo tanto claramente posicionados contra as políticas verdes.

Mais o apoio mediático masivo a Greta Thunberg, que participou no Foro Económico de Davos, e recibiu a bendición de Christine Lagarde, presidenta do Banco Central Europeo e directora no seu momento do Fondo Monetario Internacional, deixa clara a aposta polas políticas verdes dun sector das elites económicas vinculadas co sector financeiro especulativo, que engordou nos últimos anos a conta das inxeccións dos bancos centrais. Neste sentido chama a atención que en xullo de 2020, BlackRock o maior fondo de investimento do mundo “castigou a 53 empresas” españolas por non facer progresos nas súas políticas contra o cambio climático. Non é un detalle menor: BlackRock ten no IBEX35 investimentos por máis de 20.000 millóns de euros en empresas como Banco Santander, Telefónica, BBVA, ACS, Red Eléctrica, Repsol, ... en porcentaxes tan significativas como decisorias nos consellos de administración destas empresas. Como dixen, non é un detalle menor a postura “belixerante” de BlackRock; polo que se ve, as “políticas verdes” non son unha oportunidade para combater o cambio climático, senón unha oportunidade de negocio, regada con miles de millóns de fondos públicos. Por certo, este fondo de investimento tamén posúe un número importante de accións en Moderna (5,11%) e Pfizer (7,46%), dúas das farmacéuticas que máis avanzada teñen a vacina contra a Covid19.

Só pode quedar un

Hai xusto tres anos escribía neste mesmo medio sobre o número de sucursais bancarias que desapareceron nos últimos anos no meu concello, A Estrada. Ese proceso non rematou, de feito nas últimas semanas anunciáronse novos procesos de fusión bancaria (La Caixa e Bankia e moi probabelmente entre BBVA e Banco Sabadell), que reducirá aínda máis o número de bancos, deixando o mercado financeiro nun oligopolio controlado por moi poucas mans.

Mais este proceso de concentración bancaria traerá consigo a destrución de miles de empregos e a redución de oficinas, que pasarán a ser meras sucursais comerciais, deixando a xestión diaria á banca electrónica e aos caixeiros automáticos. A dixitalización posta polos bancos nos últimos bancos xa fixo perder moitos empregos; e a desfeita continúa, non só coas fusións en marcha, senón tamén con “axustes” como os que está preparando o Banco Santander que planea un ERE que afectará a 4.000 persoas. Mais a dixitalización da xestión bancaria deixará fóra a miles de persoas que non se manexan coa tecnoloxía, que terán serias dificultades á hora de pagar un recibo ou simplemente sacar cartos dos caixeiros automáticos.

As fusións bancarias, deixará o sector bancario nun oligopolio que eliminará toda competencia e terá mans libres para impoñer condicións comerciais abusivas, moi prexudiciais para os clientes, é dicir, todas e todos nós. O terríbel é que todo isto acontece ante a indolencia dun goberno central que aplaude a fusión, que non fai nada para evitar a desaparición do único banco que ten ao Estado como accionista e que foi rescatado con fondos públicos (Bankia), o que pon en evidencia que asume as consecuencias derivadas deste proceso.

Benvidos ao futuro.

Como dixen ao principio, a pandemia acelerou procesos que xa estaban en marcha. O incremento das vendas no comercio electrónico é un deses procesos que se agudizou durante os meses de confinamento, deixando ao comercio local atado de pés e mans e sen armas con que combater ao coloso de Amazon, que incrementou un 40% os seus ingresos no segundo trimestre deste ano.

A tendencia ao oligopolio non só se dá no sector bancario; Amazon é na práctica un monopolio do comercio electrónico, que dita as normas a provedores e transportistas, e que se dedica tamén ao entretemento a través de Amazon Prime; Microsoft ten instalado o seu sistema operativo no 90% dos ordenadores persoais; Google é omnipresente nas nosas vidas, tanto nas búsquedas, na publicidade online, así como nos teléfonos móbiles; Netflix e HBO dominan o entretemento, e están acabando coa proxección de cine nas salas comerciais; Deliveroo, Glovo e Uber controlan o reparto a domicilio impoñendo condicións terríbeis aos seus repartidores. Por certo, cómpre destacar que os traballadores das seis grandes tecnolóxicas de Silicon Valley (Google, Amazon, Facebook, Microsoft, Apple e Oracle) doaron vinte veces máis diñeiro para a campaña electoral de Joe Biden, que para a de Donald Trump. Está claro que o novo gabinete da Casa Branca non poñerá freo ao monopolio das tecnolóxicas; ao contrario.

A historia repítese
Hai poucas semanas, na presentación do “Plan de recuperación, transformación e resiliencia”, Pedro Sánchez anunciaba que nos vindeiros tres anos crearíanse 800.000 postos de traballo, una cifra calcada á promesa que fixera Felipe González en 1982. Evidentemente non cumpriu a súa palabra, ao contrario, o que veu despois foi unha terríbel reconversión industrial, que deixou na estacada a miles de traballadores (en Ferrolterra aínda hoxe están agardando polo Plan Ferrol). Trinta e oito anos despois a historia repítese; estamos ás portas doutra reconversión, que xa non será industrial, mais como entón mudará o modelo produtivo do Estado e afectará a miles de traballadores e traballadoras. A diferenza é que agora non haberá resposta masiva nas rúas como 1982; os sectores afectados (banca, hostalaría, comercio local...) non son sectores que se caractericen pola loita sindical. E por outra parte, o trauma social provocado pola pandemia tamén axudará a que se vexan como necesarios os cambios que xa están aquí.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña