07:40 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-07-2010

As bases militares dos EEUU e o control dos recursos enerxéticos motivaron o golpe de estado no país centroamericano que foi bautizado hai case 100 anos como república bananeira

Honduras sigue aí un ano despois

Valorar (15)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Hai agora un ano, o 28 de xuño de 2009, un pequeno e esquecido país centroamericano, Honduras, tivo a desgraza de vivir o primeiro golpe de estado do século XXI nun continente afeito a eles ao longo de todo o século pasado, un golpe que sorprendeu ao mundo pero que co tempo foi perdendo presenza nos medios de comunicación e na preocupación internacional; e hoxe poucos lembramos que van xa máis de 160 mortos.

A imaxe dun presidente secuestrado polo seu propio exercito, en pixama, con bigote de galán cinematográfico de hai cincuenta anos e sombreiro vaqueiro deu volta ao mundo o pasado verán; destacaban os  medios as actitudes presuntamente extravagantes do presidente Jose Manuel Zelaya Rosales e chegouse nalgúns casos a relacionalo co narcotráfico. Pero nas distintas crónicas do que acontecía apenas informaban das causas reais do golpe de estado para derrocar a un presidente elixido democraticamente en 2006 polo seu pobo e que non formaba parte do famoso círculo do mal, pois pertencía ao Partido Liberal, un partido de orde, e a unha das grandes familias latifundiarias do país.

Pero Manuel Zelaya, máis coñecido como Mel, foi culpábel do maior delito que pode cometer un gobernante en América Latina, pois pensou que o pobo hondureño era un pobo libre e soberano e que como pobo libre e soberano tiña plena capacidade para decidir sobre o seu futuro, e que por tanto el debía exercer como presidente e non como simple gobernador pendente en todo momento de dar resposta positiva aos  intereses do veciño do norte. Exemplos de países nos que os seus dirixentes foron derrocados en operacións claramente apoiadas polas distintas administracións norteamericanas hóuboos dabondo no continente americano pero até agora sempre eran dirixentes que apostaban por alternativas claramente á esquerda.

Porqué entón dar un golpe en Honduras cando neste momento hai medios e técnicas dabondo para provocar unha desestabilización do goberno Zelaya que poidera levar á súa caída por medios digamos que menos expeditivos?.

Porqué dar un golpe de estado cando restaban a penas seis meses para que Mel Zelaya abandonara a presidencia dado que segundo a constitución vixente  non podería presentarse de novo nas eleccións de novembro de 2009?

Algúns din que a política de Zelaya era a mesma que a de Hugo Chávez pero cambiando a boina militar polo sombreiro, e que pretendía perpetuarse na presidencia ao acordar a realización dunha consulta ao pobo sobre a convocatoria dunha Asemblea Constituínte para elaborar unha nova Constitución, consulta que se ía celebrar o mesmo día do golpe de estado.

Pero cales son as importantes razóns ocultas que levan á administración norteamericana a planificar xunto cos terratenentes e militares hondureños o golpe?

A submisión de Honduras aos intereses dos EEUU ao longo da historia foi de tal grado que o cualificativo de "república bananeira" creado a principios do século XX por un humorista estadounidense facía referencia aos gobernos servís cos que contaba Honduras, gobernos que en vez de dar resposta ás necesidades do seu pobo o que facían era obedecer a empresas como a United Fruit Company, que chegou a ter o monopolio da exportación de bananas, empresa coñecida até a súa desaparición no 1970 pola continuada intervención de xeito non democrático na política interna de diversos países da área.

Esa submisión fixo que nos anos oitenta do século pasado co auxe das guerrillas no Salvador e Guatemala e a revolución en Nicaragua o país asumira  obedientemente a función de base principal das actividades de intelixencia, formación de mercenarios da contra nicaragüense, formación de torturadores de exércitos de varios países de América Latina, etc..., sendo a base Coronel Soto Cano activada na presidencia de Ronald Reagan a sede de todas esas actividades.

Zelaya anunciara en maio de 2008 a súa intención de empregar as instalacións desa base para voos comerciais, levantando ese anuncio un grande incomodo nunha administración norteamericana que na súa estratexia de control militar de América Latina tomara xa a decisión de crear unha segunda base militar no territorio hondureño, concretamente a base naval de Carastaca inaugurada no pasado mes de abril e que está moi perto da fronteira con Nicaragua.

Ao perigo de perder o control da base militar de Soto Cano temos que engadir a necesidade que teñen os norteamericanos de controlar directamente ou por medio de gobernos dóciles as reservas petrolíferas existentes no mundo para garantir o seu futuro, e o goberno de Zelaya consecuente coa súa decisión de levar adiante unha política independente viña de asinar en agosto de 2008 un acordo con Hugo Chávez de exploración das posíbeis reservas petroleiras existentes no seu territorio e augas xurisdicionais por parte de Venezuela.

Non fai falla buscar outros motivos para ver ás claras a necesidade que tiña EEUU de eliminar a un presidente que só lle podía crear problemas. Un ano despois do golpe de estado e sete meses de térense celebrado as eleccións convocadas polos golpistas e boicoteadas pola oposición, que contaron con pouca participación e gañou Porfirio Lobo, Honduras vive dividida entre os que  buscan esquecer o pasado e asumir de xeito definitivo que o país non ten soberanía e as súas decisións serán sempre dependentes do que decidan en Estados Unidos, e aqueloutros que se opoñen á actual situación organizados fundamentalmente na Fronte Nacional de Resistencia Popular que conseguiu unir a todos aqueles que esixen a volta á legalidade sexan ou non partidarios de Zelaya.

Si a curto prazo os norteamericanos acadaron un importante trunfo conseguindo de novo un goberno submiso en Honduras, a medio prazo o resultado está por ver dado que en política exterior o novo goberno hondureño está a ter problemas para ser lexitimado pois sigue a ser rexeitado pola maioría dos gobernos de América Latina pese ao labor de maquillaxe da situación hondureña que realizan Hillary Clinton e a diplomacia da Unión Europea. E internamente o país sigue tendo unha situación convulsa con asasinatos de dirixentes opositores e xornalistas e vulneración continuada dos dereitos humanos provocando todos estes feitos importantes mobilizacións unitarias e o xurdimento dunha oposición de esquerda que había moitos anos que non tiña forza nese país.

O tempo diranos se Honduras volta a ser a república bananeira ou o actual proceso de loita abre paso a un novo escenario no que os demócratas e patriotas avancen cara a restitución da legalidade.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal