01:36 Xoves, 03 de Decembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-11-2020

Uníaos a decisión de dedicar parte da súa vida a sumar no proxecto dunha Galiza libre e sen explotación

Millán, Helena e Pepe, francotiradores

Valorar (24)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


Esta última semana foi dura, perdemos a Xose Manuel Millán, a Helena Mariño e a Pepe Faya; como seres humanos tiñan a súa propia historia persoal, as súas inquedanzas e os seus problemas; pero uníaos a decisión de dedicar parte da súa vida a sumar no proxecto dunha Galiza libre e sen explotación.

Millán comprometeuse co nacionalismo desde  mozo, coñecino nos primeiros anos oitenta cando empecei a asistir a reunións en Compostela, posteriormente foron múltiples as ocasións nas que compartimos organismos, faixas en manifestacións, debates e conflitos. De todos os momentos que compartín con el se teño que escoller unha imaxe é a de aquelas Direccións Nacionais de ERGA que celebrábamos no local da rúa Santiago de Chile 28 cheo de fume, unha nube de fume á que el era un dos máximos contribuíntes  acendendo cigarro tras cigarro. Eran sábados de longas reunións en sesións de mañá e moitas veces tamén de tarde, sábados nos que un grupo de mozos e mozas debatíamos sobre a situación do ensino, sobre a situación do nacionalismo e sobre o eterno “que facer?” para aumentar a nosa implantación nos centros de ensino.

Sábados dunha época na que a movida, a parvada do Vigo se escribe con M de Madrid, os progres e o felipismo estaban tan de moda que asfixiaban. El normalmente deixaba falar ao resto mentres fumaba e fumaba con pinta de despistado, pero cando pedía a palabra vías que estivera moi atento e nas súas intervencións era habitual que lle dera a volta a todo o dito anteriormente, poñendo un punto de cordura para tentar que algúns baixaran das nubes.

Millán sabía que a militancia estudantil era só unha etapa se de verdade traballas para transformar a sociedade,  e rematada a etapa xuvenil non se pechou nun gabinete de intelectual que mira ao resto do mundo desde a superioridade de quen fixo a revolución compostelá. Como militante seguiu aportando, deixando moitas veces de lado aquelo que lle gustaba que era escribir poesía. E despois de uns anos de distancia física pois só nos atopábamos en datas sinaladas, congresos, día da patria, manifestacións..., volvemos coincidir no Comité Central da UPG e sobre todo no Comité de Zona de Pontevedra durante bastantes anos, etapa na que descubrín/descubrimos un Millán que poucos imaxinábamos, o Millán alcalde disposto a poñer a súa capacidade de análise e de organizar ao servizo dos seus veciños e veciñas. Recoñezo que eu ao principio era dos que non o vían como alcalde , pero como era testán tamén acabou por facer que o vira nesa función.

Helena sempre estivo comprometida co deporte, e transmitía a todo o mundo a súa paixón polo baloncesto do que primeiro foi xogadora, posteriormente adestradora de nenos e nenas, e na actualidade coordinadora xeral do seu equipo. Cando tomou a decisión de comprometerse con BNG trouxo con ela o entusiasmo e a forza de unha persoa afeita a participar nun deporte de contacto, e tamén o fondo coñecemento e a posibilidade de interlocución directa cun sector como o do deporte, que move moita xente e co que tiñamos e penso que seguimos tendo algunhas dificultades. Acostumada ao traballo en equipo dáballe unha grande importancia ao colectivo e sempre estaba disposta para facer traballo aínda que as veces as ocupacións e circunstancias persoais llo puxeran complicado, daba igual que fora nas múltiples reunións na súa etapa como concelleira, botando unha man posta a punto de todo para un mitin, ou na organización da festa comarcal do Día da Patria as veces que tocaba facela en Vilagarcía. Coa súa envergadura era doado localizala e cada vez que coincidías con ela vías o seu sorriso.

Cando coñecín a Pepe Faya vin nel un tipo peculiar, tiña un pequeno comercio de roupa interior no centro de Vilagarcía e estaba sempre presente en calquera manifestación, concentración ou acto político reivindicativo; e iso non casaba coa idea que eu tiña de onde se situaban ideoloxicamente os comerciantes. Pouco a pouco tiven datos da súa traxectoria de loita e compromiso como cadro comunista na clandestinidade, que pagou con torturas e cárcere o seu compromiso coa causa da liberdade. Co tempo tivemos unha maior relación e tiven o orgullo de darlle a alta na UPG despois dunha longa conversa, pois todas as conversas con el eran longas. Era difícil que falara da represión, pero souben da súa oposición ao eurocomunismo e o abandono do PCE pola traizón que supuxo o pacto da transición, a súa participación activa noutros proxectos comunistas como o PCPE, e a súa curiosidade por coñecer ben a UPG levado pola súa idea de que un marxista de formación non pode actuar en base a salmos ou catecismos, comentábame que non podía ser nacionalista dada a súa historia, pero inmediatamente indicaba que despois de analizar a realidade na que vivía concluíra de que as teorías de Marx, Lenin e Castelao nunha nación como Galiza son complementarias.

A partir dese momento o seu gusto polo traballo ben feito, as súas intervencións nas reunións, sempre escritas previamente e froito dun importante traballo de lectura e corrección até atopar xusto o que quería dicir, a súa disciplina e sobre todo o optimismo que imprimía no día a día foron fundamentais.

No seu último poemario “As cinzas de Pasolini” Millán púxonos na dedicatoria “para Montse e Duarte francotiradores”, dedicatoria para min estraña cando a lin e que non entendín ben, pero relendo de novo os seus poemas atopei uns versos que me dan a explicación

...non  venderei  a  casa  que  alzaron os  máis vellos
regarei  a  roseira  por  máis  que  o  sur  arrecie
mentres  fique  unha  rosa  que  poida  dicir  miña

baterei  contra  o  vento  co  puño  sempre  ergueito...

Agora entendo que con ese “francotiradores” Millán falaba dun conxunto do que formamos partes e non só de nós os dous, facía referencia a todas aquelas persoas comprometidas con Galiza;  e nunha nación negada e con falla de auto-estima colectiva quen se compromete é unha especie de francotirador ou francotiradora.

Eses catro versos falan de quen se compromete  co seu tempo e co seu povo, sabendo que tería unha vida máis cómoda renunciando ao compromiso, pero consciente de que o que somos débese ao camiño aberto por quen estiveron antes. Persoas dispostas a seguir sementando patria pese a todos os ventos contrarios. Persoas que cando as forzas son escasas debido a caídas ou desercións, non se deixan levar pola desesperanza. Persoas que fronte á tendencia a figurar o que buscan é transformar,  persoas que se enfrontan ás adversidades con forza sabendo que se resistes antes ou despois rematas por gañar, pero se cedes só rematarás na derrota total.

Millán, Pepe e Helena eran francotiradores.

[05-11-2020 18:15] Manuel Rodguez pintos comentou:

Moine iso que dices será fariña doutro saco non,eres moi oportuno.Obrigado

[03-11-2020 19:43] xan ermida comentou:

É unha alegría ler un artigo como este a pesares dos feitos doorosos que o orixinan. A consecución dos obxectivos dunha liña política partíllanse cas compañeiras, e é con elas como deprendemos das dificuldades, cheguen a ser victorias ou derrotas.E este partillar permanece máis fondo que concordar ou discrepar no ir e vir dos avatares políticos cotidianos.



[03-11-2020 18:25] Moine comentou:

O problema é que em Vigo, hoje, o felipistas tenhem o governo polo fracasso do nacionalismo galego. Quando houvo um “alcalde” nacionalista, o primeiro que fez foi correr sob o manto da eireja católica presidindo processions e abandonar os bairros; tinha que mostrar que era um homem de ordem, que nada ia a mudar. E para ter imitaçons e preferível a original.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña