01:44 Xoves, 03 de Decembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-10-2020

No 25 cabodano do seu pasamento

Antonio Rodríguez Fraiz (1912-1995), un crego nacionalista

Valorar (7)

MANUEL CABADA CASTRO


D. Antonio non foi un crego do común no seu tempo, quero dicir, doadamente inseríbel nos esquemas acostumados ou normais da época. Porque desde un determinado momento do seu compromiso relixioso ou pastoral coas tarefas parroquiais que se lle confiaran veuse el interna e poderosamente impelido a adoptar decisións ou actitudes que rompían en boa medida cos esquemas ou cos modos normais e explícitos de actuar que na súa previa formación recibira. Ingresara, efectivamente, moi novo (con nove anos) no Seminario e Universidade Pontificia de Santiago recibindo nel toda a súa formación eclesiástica ata a súa ordenación sacerdotal no ano 1937, é dicir en pleno desenvolvemento xa do enfrontamento bélico iniciado pola rebelión militar do ano 1936 contra o lexítimo goberno republicano. É nesa circunstancia onde se insiren os comezos do seu vivir e actuar, por máis que se fixeran nel xa daquela en certa medida presentes determinados momentos fortes que posteriormente o levarían a un cambio de actitude vital e ideolóxica.

En calquera caso, semella el ter sido desde os seus tempos de formación unha persoa inqueda, sempre disposta a confrontar os propios puntos de vista cos dos demais, tamén e de maneira especial en forma escrita e pública. Velaí está como proba o abondoso número de publicacións súas de moi diverso xénero (relixioso, histórico, popular, antropolóxico etc.), moitas delas en relación especial coa Terra de Montes, na que nacera.

De todos modos –e a teor da indicada progresión na súa ideoloxía persoal- non poucos dos escritos da súa mocidade, previos á súa ordenación sacerdotal (é dicir, en lexítimos tempos republicanos aínda), están nunha liña ben distante do seu posterior compromiso galeguista ou nacionalista. Sinalo en tal sentido, por exemplo, os seguintes artigos da súa autoría que se poden ler no conservador xornal estradense “La Palanca” (todos naturalmente en castelán): ¡Lerroux es...! (nº 21, 16 de outubro de 1933, p. 3), ¡Alerta! (nº 23, 16 de novembro de 1933, p. 33), Resurgir... (nº 25, 16 de decembro de 1933, p. 2-3), La falsedad del marxismo (nº 26, 31 de decembro de 1933, p. 3), Hay que cambiar (nº 27, 16 de xaneiro de 1934, p. 2), ¡Llegó la hora! (nº 48, 30 de novembro de 1934, p. 2), ¿Para qué sirven los Congresos? (nº 51, 16 de xaneiro de 1935, p. 2), Una excursión escolar (nº 64, 31 de xullo de 1935, p. 2), La Hispanidad (nº 69, 16 de outubro de 1935, p. 2), ¡Obreros y campesinos!... (nº 77, 14 de febreiro de 1936, p. 1).

Hai porén un determinado momento durante os seus estudos eclesiásticos composteláns no que se produce unha experiencia ou un encontro de signo galeguista que resulta sorprendente e iluminador para el. Un acontecemento que posteriormente permanecería nel un tanto agachado ou subconsciente, mais que paseniñamente chegaría a producir nel unha modificación na súa traxectoria ideolóxica persoal.

Refírome ó que ocorre no curso 1927-28 cando Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936), o poeta e político galeguista nado na parroquia estradense de Codeseda (próxima á cerdedense de Tomonde, na que nacera Rodríguez Fraiz), retoma de novo en Santiago os estudos eclesiásticos que por diversas razóns abandonara catro anos antes. Daquela tiña Cabada Vázquez xa suficientemente claro, adicto como el estaba por entón ós ideais e á práctica política do galeguismo, que a promoción da lingua galega debería estenderse tamén ó interior da propia institución eclesiástica.

O propio Rodríguez Fraiz comentaría a este respecto nunha entrevista publicada no mesmo ano do seu pasamento o seguinte: “A fala no Seminario foi para min un verdadeiro trauma. Eu non tiña outra lingua -e coma min os da Terra de Montes- cá galega, que no Seminario era unha lingua proscrita: a lingua dos aldeáns e atrasados [...] Os que procediamos da Terra de Montes, de fala exclusivamente galega e nula ou case nula escola, fómo-los que padecemos máis aquel status inquisitivo e discriminatorio, case que soamente pola lingua” (Xesús Acuña Garrido, Salvador Antonio Rodríguez Fraiz, un crego do noso pobo: “Encrucillada”, nº 92, marzo-abril 1995, p. 150-151).

Neste contexto hai que dicir que seguramente foi para o tomondense (daquela tiña Rodríguez Fraiz só quince anos) unha forte experiencia liberadora presenciar Cabada Vázquez recitando audazmente no ano 1928 (con vinte e seis anos daquela cumpridos) nun importante acto público na Universidade Pontificia o seu poema Na fala meiga. O propio Rodríguez Fraiz indica (no seu voluminoso escrito Castelao. Na alma dos escritores do seu tempo, Pontevedra, 1990, p. 144) que tivo “a dita de asistir” a este acto no que Cabada Vázquez recitou o mencionado poema. Tal acto levaba como lema “Velada que la Universidad Pontificia Compostelana dedica al nuevo Arzobispo de Santiago Excmo. y Revmo. Señor Dr. D. Fray Zacarías Martínez Núñez el día 17 de Mayo de 1928 a las siete de la tarde”.

De entre tódalas actuacións (catorce en total) en homenaxe ó novo arcebispo (discursos, cancións, poesías etc.) sería o de Cabada Vázquez o único poema escrito e recitado en galego, en consonancia coa actitude restritiva verbo da lingua galega da institución eclesiástica. Mais nun acto público tan importante, ante un “numeroso y distinguido público” (tal como se comentará no xornal “El Compostelano” do día seguinte) non podía Cabada Vázquez deixar de aproveitar a ocasión que se lle brindaba pra afirmar solemnemente (e con fervorosa e entusiástica acollida, segundo as crónicas) a dignidade da lingua propia, da que el nese poema e en sonoros versos fai cumprida gabanza.

Pasarían anos e acontecementos. Cabada Vázquez abandona definitivamente no ano 1931 os seus estudos eclesiásticos, participando activamente na fundación do Partido Galeguista a finais dese ano e militando seguidamente no mesmo con diversos cargos importantes ó tempo que imparte docencia en diversos centros de ensino.

Porén, desde finais do ano 1933 atopábase (“desterrado”, tal como nalgún momento el mesmo indicaría) en Medina de Rioseco como director e profesor dun Instituto público. Será aquí, no ano seguinte (1934), cando Rodríguez Fraiz, que aínda non rematara os seus estudos eclesiásticos en Santiago, se encontrará casualmente con Cabada Vázquez nesa localidade. É esta unha información que o propio tomondense expresou durante a celebración do I Simposio de Literatura Galega Estradense (A Estrada, 14 – 17 Setembro 1987), organizado pola “Asociación Cultural ‘A Estrada’”, cando na súa conferencia do 15 de setembro dese ano “Terra, vida e obra do poeta Xosé Manuel Cabada Vázquez” indicaba: “ó ano seguinte [1934] puiden saudalo [a Cabada Vázquez], paseándome eu de paso por esta vila castelá [Medina de Rioseco], e amosoume fondos desexos de vivir na terra galega” (é o texto que puiden escoitar nunha gravación magnetofónica de meu pai sobre o dito por Rodríguez Fraiz na mencionada conferencia).

Revisando o máis arriba citado xornal estradense “La Palanca” puiden saber, efectivamente, que o tomondense se atopaba entón en Valladolid “cumpliendo sus deberes militares” (“La Palanca”, 16 de xullo de 1934) e tamén que, tras unha curta permanencia na súa parroquia natal, volvera á cidade castelá (non moi distante da vila valisoletana de Medina de Rioseco) “donde deberes patrióticos exigen su estancia” (“La Palanca”, 16 de setembro de 1934). Esta última información remata así: “La partida del laureado artillero ha causado profundo sentimiento entre los muchos amigos que muy de veras le aprecian por su relevante cultura, caballerosidad y sobre todo por su ideario”.

Cómpre aínda indicar que Rodríguez Fraiz no comezo mesmo da súa conferencia do ano 1987 na Estrada fixo referencia ó importante e emocionante manuscrito de 1962 (do que el dispuña) sobre Cabada Vázquez (inédito daquela), redactado por M. García Barros, que leva como título A miña lembranza ó poeta Xosé Manuel Cabada Vázquez). O manuscrito tería que agardar aínda ata o ano 1999 pra ser dado a coñecer publicamente grazas a X. R. Freixeiro Mato no seu libro Cos pés na terra. Personalidade e obra inédita ou esquecida de Manuel García Barros.

No mesmo ano 1987 (no que se imparte a devandita conferencia de Rodriguez Fraiz sobre Cabada Vázquez) e coa colaboración artística de Agostiño Portela Paz publica o tomondense o seu fermoso volume As pontes do Lérez, no que o espírito poético de Cabada Vázquez non deixará de se facer veladamente presente aquí e alá, ás veces incluso case verbalmente. Así, por exemplo, as “Verbas lembradoiras” de Rodriguez Fraiz (p. 7) coas que a xeito de limiar inicia este o seu volume e que comezan coas palabras “Ahí vai un feixe de pontes” son eco evidente tanto das “Verbas limiares” do comezo do Vagalumes de Cabada Vázquez como do seu inicio: “Vel-ahí vai ise feixe de versos...”. Os “versos” mutaron, si, en “pontes”, mais o espírito das “Verbas” permanece o mesmo. Amósase isto máis doadamente, se cabe, se se atende ó que case seguidamente se di nas “Verbas lembradoiras”:

“O poeta cantou: ...sempre que eu te vexo, en min espertas / meus temos ledos e o relampo sagro / da miña edá primeira!...”. Rodríguez Fraiz aplícalle estas palabras ó río Lérez, ben próximo a súa parroquia natal tomondense. Mais “O poeta” creador destes versos non é outro có seu admirado Cabada Vázquez e este está a falar naturalmente do río Umia da súa Codeseda natal cando dá comezo ó seu poema “Mágoas” con eses mesmos versos: “¡Ouh río Umia, feitizado río, / que, sempre que te eu vexo, en min espertas / meus tempos ledos e o relembro sagro / da miña edá primeira!”. O mesmo ocorre cando, algunhas liñas despois, se pode ler tamén nas “Verbas lembradoiras” o seguinte: “Foi un luceiro, unha luz lene, soave e maina [...] Escintilos de estrela sagra”...”. Estas palabras son simple eco tamén daqueles versos, incluídos no poema “Era unha rosa...” de Cabada Vázquez, nos que este nos di: “Era un luceiro cal vagalume, / unha luz lene, soave e maina [...] Aquel luceiro cal vagalume / ora é facheiro de acesas chamas, / que no máis fondo do meu esprito / pon escentilos de estrela sagra”. Rodríguez Fraiz remata, finalmente, as súas “Verbas lembradoiras” aludindo á nostalxia dos tempos idos, ós “anos e vidas cheas de ilusións”: “Fuxiron, si, meus amigos, para sempre e máis non volven. ¡Canté si inda volveran!”. Trátase aquí, unha vez máis, dun tema recorrente en Cabada Vázquez, que este expresara no seu aludido poema “Mágoas” de forma idéntica e que Rodríguez Fraiz recolle del no seu escrito. Así se expresara Cabada Vázquez no aludido poema: “Fuxiron, si, pra sempre e máis non volven. / ¡Canté se inda volveran!”.

Rodríguez Fraiz volvería aínda referise ó xa mencionado manuscrito inédito de García Barros , algúns anos despois de facelo na Estrada, cando no ano 1990 publica o seu amplo volume Castelao. Na alma dos escritores do seu tempo (un libro que por certo conservo xenerosamente obsequiado e dedicado por el a min o 8 de xullo de 1992 con estas palabras: "... na lembranza do seu egrexio tío o gran poeta Xosé Manuel Cabada Vázquez”). Neste volume, no que Rodríguez Fraiz presenta os diversos textos cos que importantes persoeiros dedicaron os seus escritos a Castelao, ó el facer referencia ó texto co que García Barros lle dedica a Castelao o seu libro Contiños da Terra, volverá lembrar Rodríguez Fraiz o escrito inédito de García Barros cando indica: “Outros traballos ficaron inéditos, entre estes conservamos no noso poder o bélido traballo: ‘Rememorando - A miña lembranza ó poeta Xosé Manuel Cabada Vázquez’ (outono, 1962), firmado con nome e seudónimo” (p. 175).

Pois ben, dado que non me fora posíbel estar presente na súa conferencia do ano 1987 da Estrada sobre Cabada Vázquez, quixen saber, con ocasión da publicación do seu libro sobre Castelao, algo máis sobre esa lembranza inédita de García Barros verbo de Cabada Vázquez. Así pois, tralo correspondente envío a el dun meu escrito do 1 de setembro de 1992 respondeume el desde Campañó cunha longa carta á man de dous folios, con data do 25 de outono de 1992, da que aduzo aquí só algúns parágrafos (do comezo e do final):

“Saúdos e saudiña moita para seguir na loita a prol da cultura da Galiza. Perdón pola tardanza en contestar a túa carta, tan interesante; é que estiven bastante doente e inda non estou ben, cada día parece que me encollo máis [...] Moitas grazas polas gabanzas do meu libro encol de Castelao. Na pequena reseña deica Dn. Manuel García Barros quixen sobrancear –polo cariño que tiven a teu tío Pepe e a Dn. Manuel, as dúas figuras máis senlleiras da nosa Terra- o traballo que me entregaron inédito os fillos de Dn. Manuel encol do pasamento do poeta Cabada Vázquez, simplemente do seu pasamento, do do aviador Loriga etc. Este traballo eu lino na lembranza que fixen do Poeta na Estrada, na que estivo presente o teu pai; eu non che podo remesar unha copia do mesmo, e síntoo ben por certo; porque non o atopo. Eu sei que o gardei ben; pero tan ben o gardei que non o atopo, e tratei de buscalo [...] Nada máis polo de hoxe! No intre que escribo áchome bastante mal; esperemos que Santa Mariña de Tomonde inda non me queira por veciño seu. Decote teu ademirador. Antonio Rodríguez Fraiz”.

Tampouco podía faltar no mencionado volume do tomondense sobre Castelao algunha posíbel dedicatoria de escritos de Cabada Vázquez a Castelao (co que o político de Codeseda tivera sempre de feito unha fluída relación). E así ocorre efectivamente en primeiro lugar cunha separata do seu poema, máis arriba xa comentado, “Na fala meiga”, na que se pode ler: “Pra o gran Castelao, gloria da nosa Galicia, garimosamente”. E en segundo lugar aparece tamén a dedicatoria a Castelao do seu, algo posterior, libro de poemas Vagalumes con este texto: “Pra Castelao con fonda ademiración”. Na páxina inmediatamente anterior á presentación destas dedicatorias deixará constancia pola súa parte Rodríguez Fraiz da súa propia visión acerca da inspiración poética de Cabada Vázquez ó dicir verbo da súa capacidade poética: “Verso sonoro, comprometido na loita e liberdade de Pobo Galego” (p. 144).

Tralo comentado ata aquí pódese dicir, pois, que o aprecio e o interese, coñecidos e compartidos, de Rodríguez Fraiz pola personalidade literaria e política de Cabada Vázquez mantíñanse ben firmes pese ós moitos anos transcorridos desde a súa prematura desaparición no ano 1936.

En calquera caso, semella que -no proceso vital de Rodríguez Fraiz dende dunha inicial visión máis ou menos tradicional ata un compromiso cada vez máis firme e decidido con Galicia, coa súa lingua, coa súa cultura e tamén coa súa expresión política a prol da mesma- foron diversas as motivacións ou experiencias persoais que nel se foron mutua e sucesivamente formando e potenciando. Aludo seguidamente ás que pola miña parte considero máis relevantes.

Na máis arriba mencionada entrevista que Xesús Acuña lle fixo en 1995, no mesmo ano do seu pasamento (polo que as súas respostas poderían ser consideradas en certo modo como o seu testamento ideolóxico) referirase o noso crego en relación con isto a unha dobre motivación do seu compromiso con Galicia, relixiosa e tamén –digámolo así- laica. Ante a pregunta que lle formula o entrevistador polos “novos desafíos polos que vostede loitou sempre” responderalle: “Para nós, os cregos galegos, é a nosa fe en Cristo Xesús, que viviu cos pobres e falou o arameo (a lingua dos pobres), o noso compromiso pola galeguidade e a loita, cadaquén no seu eido, pola fe e a Igrexa encarnada no noso pobo. Polo intre, manter arestora os novos desafíos non é cuestión de que as novas realidades nos sexan máis propicias ou con máis atrancos; é cuestión de seguir con fe o exemplo que nos dan na loita por Galicia moitos que non teñen a nosa fe, ou parece que non a teñen” (Acuña Garrido, Salvador Antonio Rodríguez Fraiz, un crego..., p. 159).

Nesta alusión a eses “moitos” que “parece que non teñen fe”, mais que posibelmente sexan en realidade no seu comportamento máis cristiáns ca algúns daqueles que se autoproclaman tales, está tanto a propia aceptación das orientacións emanadas do Concilio Vaticano II como a súa relación persoal, tanto en Galicia como en América, con xentes de moi diversos modos de pensar e de crer ou non-crer. Na aludida entrevista non deixará el de se referir a tan importante cuestión en varias ocasións:

“Entendín que a miña condición de cristián e de crego da Igrexa de Galicia e na Galicia tiña que sentir co pobo no que se acha inmersa e que ten que evanxelizar, e teno que facer en galego e dende a cultura e raizame galegas” (Acuña Garrido, Salvador Antonio Rodríguez Fraiz, un crego..., p. 154).
“Hoxe, coido que en San Salvador de Poio e en Campañó a xente séntese máis contenta que nas parroquias que seguen castelanizando. Nin o Sr. Cardeal nin a xerarquía diocesana me dixeron ren en contra do que me pareceu. Os cregos, xa foi outro cantar. Algún deixou de asistir ás funcións parroquiais, dicindo que non entendían o galego; outro foi máis lonxe e dixo que me estaba ‘xogando un pecado mortal’ (sic). Non lembro moito o que lle dixen [...] Foi marabilloso todo aquel movemento [no posconcilio] de centos de cregos das cinco dioceses galegas cun só espírito e afán de que a Igrexa-institución se encarnase no pobo máis pobre –mariñeiro e labrego–, marxinado e sen voz. Eran ó mesmo tempo liberadores do franquismo na orde cultural, social e política das culturas e pobos da Península” (Acuña Garrido, o. c., p. 158).

Rodríguez Fraiz puido manter en diversas ocasións, na década dos anos sesenta, estreitas relacións en diversos países de América con refuxiados, represaliados e emigrantes galegos co gallo de el pertencer ó Equipo Misioneiro Pontificio para América (fundado por Pío XII). Boa ocasión ó tempo, xa que logo, pra el se afincar e medrar na súa entrega a Galicia.

No seu mencionado volume Castelao. Na alma...(p. 315) infórmanos, por exemplo: “O 25 de xullo de 1961 tiven o meirande honor que se pode desexar, de celebrar no Camposanto da Chacarita a misa en galego. A primeira misa que se celebrou na nosa lingua en tódolos tempos foi polo acougo eterno de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao”. Se ben na posterior entrevista de 1995 precisaría el mesmo que esa misa ante o sartego de Castelao fora celebrada por el en galego “menos o canon, que foi en latín de tódolos tempos” (Acuña Garrido, Salvador Antonio Rodríguez Fraiz, un crego..., p. 156).

Será tamén precisamente aquí, en Buenos Aires, onde contactaría e estabelecería amizade con importantes persoeiros da política e da cultura galega, entre eles por exemplo con Suárez Picallo, sobre o que en relación co mencionado acto relixioso comentará: “Cando se tratou de traducir ó galego a epístola e o evanxeo do día do Apóstolo, díxome don Ramón Suárez Picallo: ‘Crego, deixa que faga eu as traducións da epístola e o evanxeo, porque eu, aínda que por alá din que son herexe, de herexe non teño nada’. Así se fixo e así se leron” (Acuña Garrido, o. c., p. 156).

Cordial foi tamén a súa relación con Rodolfo Prada (o grande amigo e protector de Castelao e da súa dona Virxinia Pereira en Buenos Aires), do que no seu volume Castelao. Na alma...(p. 11) presentará copia da carta que lle escribe o 26 de xaneiro de 1970 en resposta á súa anterior tarxeta de felicitación de Nadal e Aninovo. Velaquí un anaco da misiva de R. Prada:

“A leitura da canto me escribeu na mesma prodúxome fondo contentamento. Pra min é grande honra que un home da súa categoría inteleitual e social –(pra min, pola proveitosa aición que desenrolan, as figuras máis respetábeles da sociedade humán -por riba dos aristócratas, dos militares e dos potentados- son: os mestres de escola, os obreiros e os cregos...! os cregos bós!, pois os maos non poden seren auténticos ministros de Deus, aínda que leven sotana, celebren misa e cheguen a bispos...)- un home da súa categoría, digo, me lembre que unhas verbas miñas, escoitadas un día na biblioteca do meu fogar, infruiron pra rexurdir o seu amor a Galiza, que estaba un pouco adormecido, e pra decidilo a pórse a facer todo o que poidese pola redenzón da nosa Terra. ¡Qué maor satisfaución pra un patriota galego! [...]. O felicito tamén, afervoadamente, pola súa patriótica decisión de ter misa fixa en galego tódolos domingos e de predicar e adeministrar os sacramentos na nosa lingua. ¡Que Deus e Galiza lle lo paguen! ¡Cómo gozarán no ceo Rosalía, Bóveda e Castelao! Porque, polo moitísimo que fixeron e sofriron por Galiza, pola súa bondade inxénita, polas súas limpas vidas, Deus á os de ter a carón de sí”.

No recente e ben documentado estudo sobre a dona estradense de Castelao que leva como título A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira (Concello de Pontevedra, 2020) infórmanos (p. 233-235) pola súa parte a autora Montse Fajardo sobre a boa relación de Rodríguez Fraiz con Virxinia en Buenos Aires, aportando documentación epistolar do que ela lle escribe a Otero Pedrayo no ano 1961 nestes termos: “[A. Rodríguez Fraiz] conquistou coa súa simpatía a toda a colectividade de B. A. pois ten un sano humor e faise querer [...] A min bícame como un calisquera, e no banquete do Pontevedrés fixo unha foto conmigo abrazándome tranquiliño. Díxome que era como si abrazara a nosa Rosalía, e ante tal honor deixeino contento. É un bonachón”. Na p. 236 da mesma obra pode verse unha fotografía de Virxinia con Rodríguez Fraiz.

Unha vez máis, trátase aquí tamén de “encarnación” no seu máis fondo sentido teolóxico, aquel que inicialmente aprendera o noso crego nos seus tempos mozos pero que precisaría de posteriores encontros concretos e históricos coa realidade humana (a das concretas xentes galegas coas que máis tarde se atoparía na vida). Así polo menos o entendín e quixen expresar eu mesmo no Limiar que se me pediu para o xa póstumo libro de Rodríguez Fraiz sobre a súa parroquia natal, que leva como título Santa Mariña de Tomonde. Terra de Montes. Cerdedo (Pontevedra, Deputación Provincial, 2001), no que comento: “O noso crego foi tomando cada vez máis en serio a lección teolóxica da ‘encarnación’ de Deus no seu fillo nazareno” (p. 13). Por certo, engado aquí que é posíbel case dicir que este “Limiar” ó escrito de Rodríguez Fraiz sobre o seu Tomonde natal puido xa dalgunha maneira ser adiviñado ou previsto por el mesmo se se atende ó que me escribira nunha pequecha felicitación do 21 de Nadal de 1992 (dous anos e medio antes do seu pasamento e case dez antes de que aparecese o libro) deste xeito: “No Nadal que corre e no aninovo 1993 infindas felicidades e moito traballo a prol da Nosa Terra. Penso que axiña entrará no prelo o meu libriño encol da Parroquia de Tomonde. Ó millor tés ti que lle argallar un limiar ou un apéndice. Antonio R. Fraiz”...

Encarnación humana, pois, social, cultural e lingüística. Algo que seguramente tivo abondo que ver, como agora xa dalgún xeito se pode entender, coa súa estadía en Buenos Aires en contacto humano e igualitario cos galegos da capital arxentina. En boa parte así o deixa entender na mencionada entrevista con estas palabras: “En Buenos Aires, neste tempo, fixen a promesa diante desta xente tan boa e distinguida, que tanto querían e se sacrificaban pola patria, de que todo o que eu escribise sería sempre en lingua galega. Coido que cumprín esta promesa feita en Buenos Aires no 1961” (Acuña Garrido, Salvador Antonio Rodríguez Fraiz...p. 156-157).

Continúa a medrar así pois nel a conciencia e a responsabilidade da súa pertenza a un país de seu, a un pobo específico, a unha nación. Unha conciencia que acada plena consistencia na derradeira etapa da súa vida. Velaquí o que lle responde en 1995 (ano do seu pasamento) a X. Acuña:

“Son membro da Sección de Historia e Xeografía do Instituto Padre Sarmiento [...] Son membro fundador, con outros moitos compañeiros, do Museo do Pobo Galego e do Padroado do Pedrón de Ouro [...] Únenos o amor sincero e sen fisuras a Galicia e ó pobo galego e loitamos pola nosa redención, personalidade, cultura e vida coma tal pobo e nación. Eu, dende o punto e compromiso cristián e fe liberadora, comparto isto con moitos deles. A todos, a dita de ser membros dunha nación tan fermosa, falar nunha lingua tan garimosa coma o galego, dános unha razón de ser” (Acuña Garrido, Salvador Antonio Rodríguez Fraiz...p. 155).

Formularíao nese mesmo ano (“cun ton que soa a confesión de fe”, tal como comenta aquí mesmo Victorino Pérez Prieto) deste xeito: “Eu, por temperamento e fidelidade a Xesús, o Señor, que se encarnou, naceu, viviu e espallou a Boa Nova da Salvación na humildosa lingua do seu pobo, teño que ser nacionalista e loitar, dentro da miña humildanza e posibilidades, pola liberdade do noso Pobo” (V. Pérez Prieto, Galegos e cristiáns. Deus Fratresque Gallaeciae, Vigo, 1995, p. 154).

Porén, que ó seu nacionalismo, é dicir, ó seu real compromiso cívico ou político a súa motivación cristiá ou relixiosa non lle restaría ren –tal como se podería pensar- fica ó meu ver suficientemente subliñado na entrevista que Calros Solla (en Calros Solla, Antonio Rodríguez Fraiz, o crego nacionalista: “Faro de Vigo”, 23. XI. 2014; tamén en “Tabeirós Montes”:

https://www.tabeirosmontes.com/estudos.html) lle fixo algúns días antes desa data a Agusto Fontam, co que Rodríguez Fraiz colaborou estreitamente en diversas actividades culturais, concretamente na asociación Amigos da Cultura de Pontevedra. Entrecollo só algo do manifestado por Fontam a C. Solla nesa entrevista en relación con Rodríguez Fraiz:

“En palabras de Portela Paz, ‘o cura de Campañó é unha persoa de confianza, de esquerdas, un cura nacionalista; é un dos nosos’ [...]. Rodríguez Fraiz reclamaba para Galiza o seu estatus de nación [...] Rodríguez Fraiz acudía a mítines da esquerda nacionalista, cando o nacionalismo, en Pontevedra, aínda estaba en cueiros.

Non sen dificultades, celebrouse a homenaxe póstuma a Agostiño Portela [...]. Fraiz participou en todo. No acto, co salón da Deputación cheo, interveu Rodríguez Fraiz. O cura e mais eu xuntarámonos uns días antes en Campañó para preparar as alocucións e acordamos que ambos os dous pediriamos a independencia para Galiza, e así foi.

A asociación Amigos da Cultura instituíra a finais dos setenta os premios ‘Moucho de Prata’ e ‘Ponla de toxo’. O ‘Moucho de Prata’, o galardón positivo, déuselles, entre outros, a Moncho Reboiras (in memoriam) [...]. O ‘Moucho de Prata’ tamén se lle concedeu a Rodríguez Fraiz [...] Cando se dirixiu aos asistentes, Rodríguez Fraiz reclamou a liberdade dos presos políticos: ‘Pido a liberdade para os nosos irmáns presos nas cadeas españolas’. Fraiz non militou en partido político ningún, pero non comungaba co galeguismo reseso ou romántico; na década dos oitenta, Rodríguez Fraiz defendía as teses do nacionalismo [...]. 

Gardo ouro en pano un exemplar asinado do seu libro ‘Castelao na alma dos escritores do seu tempo’. A dedicatoria di así: ‘Para Augusto Fontam, pregándolle ao santo Castelao que alumee a túa vida e a loita polo soerguemento, en todos os eidos, da nazón galega (outono, 1991)’”.

Non é nada estraño, á vista do aquí manifestado por Fontam, o que comenta ó respecto, na súa presentación da entrevista, Calros Solla: “A faciana ‘politicamente correcta’ que a oficialidade nos pretende vender do personaxe [A. Rodríguez Fraiz] dista moito, segundo o testemuño de Augusto Fontam, da realidade”.

Tampouco deixará, pola súa parte, Dionisio Pereira de facer constar no seu artigo Antonio Rodríguez Fraiz e a memoria dos vencidos na Terra de Montes (“Terra e Tempo”, 13-08-2012) o firme compromiso cívico de Rodríguez Fraiz ó este denunciar en varios dos seus escritos non poucos atropelos cometidos na Terra de Montes trala sublevación franquista, “crebando” deste modo o noso crego o “silencio público” xeral.

Rodríguez Fraiz foi, pois, tal como adoitamos dicir, home dunha peza. Pouco despois do seu pasamento, o Padroado do Museo do Pobo Galego do que era membro fundador editaría “en honra da súa memoria inesquecible” un seu vello artigo (publicado no ano 1960) que leva como título Costumes populares litúrxico-mariais nas igrexas e santuarios de Galicia (Museo do Pobo Galego, 1995). Na “Presentación”, realizada polo Museo do Pobo Galego, que antecede ó texto dise significativamente verbo deste e doutros traballos seus que “a penas poden dar testemuño do seu talante vitalista, da súa teimosía na defensa de Galicia, encarnando a Igrexa que el defendía, na súa bondade adobiada co carácter rexo dos labregos da súa Terra de Montes natal, no seu exemplo de sementador, arreo inquedo e con espírito novo entre os novos” (p. 5).

Semella incluso que el mesmo era ben consciente deste seu dobre talante vital cando falaba nas súas “Verbas lembradoiras” (en Portela Paz / Rodríguez Fraiz, As pontes do Lérez, p. 7) desa “miña vida, loucamente tenra e terca”...


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña