19:32 Mércores, 02 de Decembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-10-2020

Son un mecanismo de consulta popular directa mediante o cal a cidadanía pode rexeitar ou aprobar a unha proposta lexislativa

Referendos e independencia

Valorar (47)

ROBERT NEAL BAXTER


Os referendos son un mecanismo de consulta popular directa mediante o cal a cidadanía pode rexeitar ou aprobar a unha proposta lexislativa, polo que a opinión do povo resulta vinculante ou consultiva antes de poder pasar à súa implementación. Como tal, o referendo representa –sempre dentro dos limites da democracía burguesa– a máxima expresión da soberanía popular e da democracía máis directa e participativa. Deste xeito, os referendos contornar a mediación d@s representantes en quen habitualmente fica delegado o poder e que nen sempre son eleit@s por sufraxio directo, como, por exemplo, no caso de altas instancias da Unión Europeia como a propria Comisión.

Trátase dun instrumento a que se recorre con certa frecuencia nalgúns países como a Suíza, consagrada na súa Constitución como unha ferramenta básica de participación cidadá, coa realización de centenares de referendos de todo o tipo desde a súa fundación en 1848 e onde constitui un requisito legal para calquer modificación da Constitución. Infelizmente, casos como o helvético están moi lonxe de seren os máis habituais.

Por norma, téndese a restrinxir o uso de referendos, sobretodo os de tipo vinculante, xa que subverten de por si o sistema representativo e a delegación do poder que sustenta a democracía liberal. En definitiva, os referendos truncan o poder d@s políticos que normalmente gozan dunha carta branca para axiren con case total liberade sen teren que render contas ao povo durante o seu mandato entre eleicións.
 

Excluíndo a anomalía dos referendos que seguiron a morte de Franco, no Estado español foron máis ben escasos, con poucas excepcións que brillan pola súa extrema raridade, tais como o referendo sobre a permanencia do Estado na OTAN de 1986 ou sobre a Constitución Europea de 2005. Significantemente, e à diferenza da Suíza, púidose reformar a Carta Magna en 2011 sen pasar por calquer tipo de consulta popular. Non é só que non se convocan desde as instancias do poder, mais tamén calquer tentativa popular para sondar o sentir maioritaria da xente é activamente reprimida, sobretodo se cuestiona a unidade do Estado, como no caso da Catalunya, onde se chegou a perseguir pola vía xudicial quen organizou unha votación popular consultiva.

Normalmente, os Estados non se arriscan a convocaren referendos e non consenten que o povo se exprese e teña poder decisorio, a non ser que non atente directamente contra as estruturas do poder e a unidade dos Estados e que se poida case garantir que a xente vote no sentido requerido. Así as cousas, podería surpreender que un estado como o Reino Unido permitise un referendo sobre a independencia da Escocia en 2014. Porén, tamén hai que recoñecer que se puxeron en marcha todos os meios para tentar inclinar o resultado final na dirección do Non. Curiosamente, agora que as sondaxes auguran que xa sairía vitorioso o Si, o actual goberno conservador teima en negarse a autorizar un segundo referendo...  

Obviamente, sempre existe a posibilidade de que o resultado non sexa o esperado, como no caso do Brexit. Mais o risco é sempre calculado e resgardado polo grande leque de atrancos e outros dispositivos de que se dispoñen para favorecer en grande medida un resultado determinado. Estas ‘medidas correctoras’ poden mesmo ser do máis descarado, tal como aconteceu no caso dos referendos sobre a Constitución europeia de 2005 e cuxa adopción foi bloqueada en referendo primeiro na República francesa e despois nos Países Baixos. No entanto, burlouse a opinión pública expresada nesta consulta popular ao descartar o proxecto inicial para reciclalo pouco tempo despois sob o nome de Tratado de Lisboa, desta vez votado e aprobado nos respectivos parlamentos dos estados membros para evitar a posibilidade dunha nova surpresa desagradábel que contradixese a vontade d@s polític@s neoliberais dirixentes.

Todo isto ofrece unhas pistas para entendermos como foi que o xacobino e ultracentralista estado francés que negou até o direito a que un neno levase un nome bretón permitise que o 4 de outubro de 2020 se realizase un referendo sobre a independencia da colonia pacífica de Kanaky (Nova Caledonia). Evidentemente, non responde a un repentino arrebato de democracía directa, nen a unha súbita aceitación do direito fundamental de un povo a exercer a súa plena auto-determinación até as últimas consecuencias. Como se explica, senón, que, desde que foi anexionado à Franza antiga capital da Bretaña, An Naoned (Nantes), polo rexime colaboracionista de Vichy en 1941, non se organizou un referendo sobre a reunificación da Bretaña como reivindica o povo?

No caso canaco, xa houbo un precedente indicativo dentro do cadro do Acordo de Noumea alcanzado en 1998, nomeadamente o referendo sobre a independencia realizado en 2018, cando o 56,4% apoiou o Non, cunha taxa de participación de máis do 80%, polo que era esperábel que, a non ser que mudasen substancialmente as cousas nun lapso de tempo tan curto, apenas dous anos despois tamén se rexeitaría outra vez a independencia.

Tamén xoga ao favor do Non a composición demográfica da colonia. Pois, se ben a etnia canaca melanesia autóctone é maioritaria na provincia do Norte e das Illas Lealdade, 67.2% da populación está concentrada na intercomunidade do Grande Noumea, onde os europeus son o 43,23%, frente a apenas 23,79% de canac@s. En total, @s canac@s apenas representan 39% da populación total (2014), resultado dun longo proceso de colonización e repopulación.

O poder colonial fai os seus cálculos antes de apostar. En efeito, se ben subiu o voto favorábel à independencia de Kanaky en 3,4% entre o primeiro referendo de 2018 e o segundo de 2020, segue a ficar lonxe da maioría precisa para que saia adiante.

Se o aumento no apoio para a independencia segue a avanzar ao mesmo ritmo, o resultado do terceiro referendo que se ten que realizar en 2022 segundo o Acordo de Noumea podería saír favorábel. Porén, de aquí a dous anos, o goberno central e o unionismo teñen tempo abondo para poren en marcha a súa maquinaria propagandística por un lado e para tentaren saquear todos os recursos naturais posíbeis, nomeadamente as reservas de níquel, antes de se materializar unha posíbel independencia formal, que tamén coidará o antigo dono colonial de que non equivaler a un exercicio pleno e sen trabas da soberanía nacional de Kanaky.

Os estados son relutantes a asentiren a que o povo poida decidir sen filtros, especialmente cando se trata de cuestións de calado, e só consente referendos cando pensan que o resultado vén sendo case predeterminado desde o principio. Deste xeito, poden relucir unha pátina de xenerosidade democrática, ao tempo de manteren intacto o statu quo.
 
E cando non é así, hai que tomar as rédeas do seu proprio destino como fixo Rosa Parks no seu día face à inxustiza e tamén como xa anunciou que vai facer Escocia no caso de Westminster recusar autorizar un segundo referendo. Non hai salvadores supremos! Temos que salvarnos nós mesm@s, o povo traballador!

[03-11-2020 18:27] Ramiro comentou:

Fica ben claro que os referendos son hoxe máis unha coartada para os gobernos, nomeadamente os neoliberáis, que unha consulta popular dentro unha democracia autenticamente participativa.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña