20:34 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-06-2010

A prohibición de dar aulas en galego nas materias de matemáticas, tecnoloxía, física e química

Ucase

Valorar (8)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



Moitos tivemos noticia -a través dun poema de Marilar Alexandre- da existencia da palabra "ucase". Mais todos sabíamos a que se refería aínda que non supéramos como se chamaba. Cando Marta Dacosta dou lectura a este poema no encontro do profesorado de Matemáticas, Tecnoloxía, Física e Química e primaria que obrigan a dar aulas en español,  sabíamos ben de que falaba. Ucase, isto é, orde gobernativa inxusta, arbitraria e tallante. Tamén ten a acepción de autoritaria; áspera, altiva e opresora.

Dísenos que se no seu momento defendiamos que había que cumprir o Decreto 124/2007 e esixíamos que a administración actuase para que iso fose así, agora debemos acatar o Decreto 79/2010. Mais presentimos que non é o mesmo. Non só polo feito de como foi elaborado cada un deles (o primeiro só co descarte de última hora do PP, este só co aval exclusivo do PP), nin porque mesmo vaia contra toda a lexislación anterior aprobada polo propio grupo gobernante actual. Somos conscientes que este decreto é un ucase e non hai ningunha venda capaz de tapar a magnitude da inxustiza que se pretende consagrar con esta lexislación. Poden inventar o pasado, inverter a realidade, negar os datos estatísticos e falsear a linguaxe para tratar de xustificar o inxustificable, máis basta pór un pé fóra de Galiza para ver que non fan co seu idioma o que pretenden facer co noso. Certo é que tampouco pretendemos que o 50% das súas aulas sexan na nosa lingua, nós non somos imperialistas, mais se tiveran algún interese de convivir nun mesmo Estado, non lles sobraba coñecer as demais linguas das outras nacións ás que eles impoñen a súa.

Pero tamén se di que non deberamos usar o termo "imposición", o cal logo do seu uso fraudulento semella que ficou inhabilitado para describir a realidade. Hai quen prefire falar de defensa da "diversidade" para apelar a certa cordialidade na que convivir cos diferentes, co fin de lograr que nos perdoen a vida. Isto lémbranos aquela película titulaba "Durmindo co seu inimigo", pois no fondo responde ao síndrome de todos os maltratados que fixan a súa esperanza en non enfurecer aos maltratadores. E seguindo con este símil, sabemos que incluso hai quen culpa ás vítimas por ter provocado aos agresores.

A equipa de normalización do Colexio Don Aurelio de Cuntis ten tirado un tríptico no que equiparaba os prexuízos contra o galego aos que teñen os homófobos e machistas, e o certo é que topamos que resultaba un modelo explicativo moi fértil para comprender o que acontece. De feito xa levamos tempo acuñando termos como "galegófobo" procedente dese campo de análise de condutas que comunmente referimos como racistas. Mais é certo que hai certa resistencia a usar estes vocábulos tan mal soantes e ofensivos, e mesmo hai quen asumiu a eliminación da expresión "normalización" do acerbo sociolingüístico e educativo. Dise: despois de todo, son só palabras, o importante é o que se faga.

Diante disto vénnos á cabeza o libro de Zizek "Goza o teu síntoma" e alén doutras suxestivas ideas, lembramos a súa consigna: "Pasemos dos feitos ás palabras".

Vivimos o acoso do invasor identificando o termo "liberdade" coa súa opción lingüística, mais deberamos lembrar que xa Novoneyra desenmascarara a clase de liberdade da que estes nos falan: "libre para servir, libre para non ser, libre para fuxir, libre para morrer".

Eles sostiñan que existía unha lingua sen territorio, que non era de Madrid, nin de Castela, senón que era "común", tamén galega, tan galega como a galega, e universal, para alén de Pedrafita (non dicían nada a respecto de atravesar o Miño por Tui). E confrontábana coa lingua "étnica", que non se elixe senón que vén "imposta", aproveitando o feito obvio que efectivamente, un non decide onde nacer.

Contrapuñan unha lingua "identitaria" fronte a outra de "comunicación" cando o seu obxectivo era disolver os lazos comunitarios e establecer guetos incomunicables entre os cidadáns dun mesmo territorio, ou segregar e estratificar a estes segundo a súa lingua, tal como o está plasmado no actual Decreto, pretendendo fixar compartimentos estanco ao redor dos guetos galegofalantes.

Mentres dicían que as linguas eran para entenderse e non para enfrontarse, lanzaban unha ofensiva agresiva sen cuartel contra o galego, e aínda que non tiveran respaldo social, si que lograron un apoio mediático e económico moi importante de tal xeito que un ten que sospeitar que hai escuros intereses alimentando esta animadversión lingüística e que mesmo ían máis alá da coxuntural e evidente de derrubar o anterior goberno, senón que teñen máis calado e que son estruturais a este sistema.

Quizais, en última instancia o que perseguían é que se renegara da propia colectividade, que se disociaran da terra que pisan, que se someteran á integración individualista no sistema e que, en definitiva, asumiran o seu programa de desmantelar a democracia, pois xa non tiña sentido establecer ámbitos de decisión onde non había nin territorio nin identidade diferenciada, demolendo así os diques que puxeran límite a enxurrada neoliberal e globalizadora. Tirando obstáculos para a deslocalización, a libre circulación da especulación financeira ou mesmo a posibilidade de puxar á baixa pola man de obra que se ofertara máis barata, viñera de onde viñera.

Sobre isto último non esquezamos as palabras coa que se xustificaba no preámbulo da lei a eliminación da proba en galego para acceso á función pública: "hai que posibilitar que a mobilidade das cidadás e dos cidadáns por todo o territorio nacional non se vexa limitada nin menoscabada por barreiras lingüísticas de ningún tipo". O obxectivo era lograr identificar o galego como "barreira", como atranco, impedimento, estorbo.

Zizek dinos: "se a realidade 'é' unicamente como a interpreta a linguaxe, este é o seu horizonte ontolóxico último". Así que fronte á perversión racista da lingua que establece esa xerarquización de linguas segundo a cal non todas son iguais, hai superiores e inferiores, útiles e inútiles, e xa que logo, compre subordinar unhas as outras, quizais o acto máis revolucionario sería chamar as cousas polo seu nome. Nestas circunstancias non só compre dar aulas en galego de matemáticas, tecnoloxía, física e química, primaria... e en calquera outra disciplina, senón que debemos dicir claramente que este é un acto de xustiza, de integridade moral, de defensa da liberdade e a democracia, de resistencia á dominación, de dignidade persoal... e o que eles chaman decreto, non é máis que un "ucase", e como tal non merece ningún respecto.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña