11:57 Domingo, 25 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-10-2020

Na pandemia actual os hábitos de mobilidade da poboación son aínda unha incógnita como o é a evolución da mesma

Mobilidade, pandemias e pegada de carbono

Valorar (16)

RAÚL FERNÁNDEZ IGLESIAS


Mobilidade que debe pasar pola priorización de modelos peonís seguido da utilización de sistemas de propulsión alternativos e renovables, todo elo acompañado da redución do número de vehículos de combustión incrementando, así mesmo, os movementos en transporte público. A pandemia cuestiona a masificación deste último transporte polo que son necesarias solucións imaxinativas e de compromiso individual e institucional.

Na pandemia actual os hábitos de mobilidade da poboación son aínda unha incógnita como o é a evolución da mesma. Os indicios apuntan a unha maior utilización do coche particular, habendo estudos que calculan que a quinta parte de quen utilizaba o transporte publico para ir ao traballo antes do confinamento estase a pasar ao vehículo privado e unha cuarta parte recorrerá a un VMP (Vehículo de Mobilidade Persoal como un patinete eléctrico). O vehículo privado de combustión non é unha solución sostible de futuro pero é imposible duplicar ou mesmo triplicar vehículos de transporte público para manter as distancias de seguridade. Este escenario fai necesario que dende as administracións se promocionen os medios de transporte máis aconsellables.

Un modelo urbano no que o peón sexa o protagonista e os vehículos sexan secundarios é o ideal. Para elo é precisa a adaptación das vías con incremento das beirarrúas e da súa superficie e a transformación nun espazo no que o peón sexa prioritario, relegando aos vehículos, con diminución de velocidade, obstáculos na calzada e rutas zigzagueantes entre outras trabas, é dicir o chamado calmado de tráfico. É precisa a construción de itinerarios peonís, corredores verdes, paseos marítimos e fluviais, como tamén é precisa unha seguridade vial robusta do peón. Un recurso visual son os chamados "Metrominuto", mapas sinópticos que miden distancias e tempos camiñando entre uns cantos puntos de cada cidade. O primeiro Metrominuto naceu en 2011 en Pontevedra, e o exemplo o seguiron outras cidades e vilas, entre as que se encontra Carballo que acollerá o oitavo congreso anual da "Rede de Cidades que Camiñan" (https://ciudadesquecaminan.org) que se vai celebrar en marzo de 2021 despois de contar cun apoio maioritario na última asemblea celebrada en Cádiz.

Cando as distancias a recorrer desaconsellan facelo a pé, o segundo recurso é a bicicleta para o que é preciso un carril-bici no que os ciclistas se sintan seguros nos seus desprazamentos nos que deben respectar aos peóns. Ademais da infraestrutura viaria os concellos deben dispoñer de puntos de préstamo de bicicletas, incluída a opción eléctrica e por ese orde xa que o fracaso destes puntos nalgúns concellos ven de que non se dispuña de vías adaptadas á circulación en bicicleta. Esta mobilidade natural fronte á motorizada é compartida pola "Rede de Cidades pola Bicicleta RCxB" (https://www.ciudadesporlabicicleta.org)

Unha solución mixta interesante é a denominada "Park and Stride" (aparcar-zancada) sobre todo para as rutas escolares. A construción de camiños, con Santiago de Compostela pioneira co seu "ColeCamiños", fomentando o acudir ao cole andando de xeito seguro, ten múltiples beneficios, e para aqueles casos nos que a distancia non o faga posible, Park and Stride consiste en aparcar a uns dez minutos andando do centro escolar, ou baixarse do transporte público dous ou tres paradas antes de chegar. Os problemas de tráfico que se producen nos centros escolares quedan así moi mitigados, á vez que se introduce un xeito de vida saudable nos escolares. A formación en temas de mobilidade é moi importante, non solo en idades temperás senón na poboación en xeral á que hai que concienciar nunha mobilidade respectuosa co medio ambiente.

Son os polígonos industriais outro foco nos problemas de mobilidade polo que resulta imprescindible aplicar aquí os criterios expostos para evitar un transporte masivo en vehículos particulares de combustión a estes centros de traballo. A intermodalidade, fomentando o tren complementado co resto de transporte público ten en tempos de pandemia os seus atrancos polo que os aparcadoiros disuasorios con medios de transporte desde os mesmos con vehículos de mobilidade persoal en alugueiro son unha boa solución, tamén o son compartir vehículos e o transporte a demanda.

En canto aos vehículos particulares, deben de ser non contaminantes: preferentemente motos e coches eléctricos, aínda que hai algunhas outras alternativas de compromiso como híbridos, gas natural, GLP (Gases Licuados do Petróleo), biodiesel e hidróxeno, neste último caso haberá que agardar un pouco. Claro que para utilizar un vehículo eléctrico temos que dispor de puntos de recarga e agora mesmo estamos na situación de que non se compran eléctricos porque non hai suficientes puntos de recarga e non se poñen puntos de recarga porque non hai suficientes coches eléctricos, claro que iso pasou con outras tecnoloxías como o teléfono e o fax, non se compraban porque ninguén os tiña ate que se superou un punto de rotura da situación e se converteron en masivos. Así pois é compromiso da administración estatal, autonómica e municipal poñer os medios para que todo o exposto teña éxito, empezando eles mesmos por dotarse de vehículos non contaminantes e dotar aos seus edificios de enerxías renovables, aínda que iso será outro tema en si mesmo, e tamén de construír, no caso dos concellos, as infraestruturas precisas para o correcto desenvolvemento dunha mobilidade sostible, segura, eficiente e saudable. O programa MOVES II Galiza dispón de catro liñas de axuda: compra de vehículos alternativos eléctricos, instalación de infraestruturas de recarga eléctrica, implantación de sistemas de préstamo de bicicletas eléctricas e implantación de medidas de mobilidade sostible.

Rematar dicindo que nos tempos que corren e mentres a alerta sanitaria se manteña, o teletraballo, sempre que sexa posible, é a mellor das alternativas.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña