11:26 Domingo, 25 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-10-2020

Ó longo da súa relación con Cabada Vázquez, García Barros non deixou de tratalo sempre con respecto, consideración, alta estima e, máis ca nada, con humilde agarimo e sincera amizade

A tarefa galeguizadora de Cabada Vázquez no xornal estradense “El Emigrado”. No centenario do seu aparecemento en 1920

Valorar (8)

MANUEL CABADA CASTRO


Hai poucos días, o 15 de setembro, e grazas ó impulso da Asociación Cultural “Vagalumes”, celebrouse con diversos actos e discursos conmemorativos lembranza pública na Estrada do xurdimento do xornal estradense “El Emigrado” coincidindo tal data xustamente coa publicación hai agora cen anos do seu primeiro número nese mesmo día e mes do ano 1920. Na placa conmemorativa, colocada na casa onde se imprimiu o xornal e viviu o seu director, figura o seguinte texto:

   EL EMIGRADO            
No seu centenario.
Aquí imprimiuse este xornal do que   
XOSÉ OTERO ABELLEIRA     
foi director e principal piar.           
A. C. Vagalumes      
15 de setembro de 2020              

Boa ocasión, xa que logo, para lembrar e para aprender daqueles que nos precederon na súa esforzada laboura a prol de Galicia. E para comezar, cumpriría ter en conta o que Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago chega a dicir sobre “El Emigrado”, do que Manuel García Barros (Ken Keirades) foi en certo modo alma e vida, ó indicar que o xornal estradense “gracias ao apoio das sociedades emigrantes, á súa incardinación no movemento agrarista e á súa aceptación, incluso militancia, a favor do nacionalismo galego, constitúe un órgano de comunicación que rebasa os límites da prensa local”, tendo así dereito a "formar parte do grupo máis selecto de xornais de toda a prensa local galega”(Cf. R. Villares, Figuras da nación, Vigo, Xerais, 1997, p. 280-281).            

Tendo en conta isto, o centenario da posta en marcha (1920) do “El Emigrado” estradense resulta ser sen dúbida momento axeitado pra lembrarmos unha fecunda amizade entre dous relevantes persoeiros estradenses que neste xornal despregaron unha boa parte dos seus esforzos. A diferenza na idade –Manuel García Barros (1876-1972) superaba Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936) en algo máis de vintecinco anos- non foi atranco á mutua complicidade, bo entendemento e fonda amizade persoais.            

Porei sumariamente de relevo en primeiro lugar este último aspecto pra aludir despois moi sucintamente á concreta plasmación por parte de Cabada Vázquez do seu bo persoal quefacer cultural e literario nas páxinas do xornal. Pois tal tarefa non ocorreu a unha certa aséptica e cortés distancia senón dende unha, mutua e rechamante, proximidade humana e ideolóxica. Vexamos.     
       
Ó longo da súa relación con Cabada Vázquez, García Barros non deixou de tratalo sempre con respecto, consideración, alta estima e, máis ca nada, con humilde agarimo e sincera amizade. Así, cando el, en outono de 1926, presenta Cabada Vázquez no Salón Novedades da Estrada pra un recital benéfico (de poemas seus e tamén doutros poetas) a prol dos damnificados polo ciclón en Cuba, farao (tal e como el o recorda nun seu escrito do ano 1962, bastantes anos xa que logo despois) deste modo:            
  
“Teño o grande honor de apresentarvos ó poeta Xosé Manoel Cabada Vázquez, que todos xa conoscedes máis ou menos. Un gran poeta cuias composicións son moi celebradas, non soio por eiquí senón tamén polas Américas, pois hastra alá chegan. Pero, Cabada Vázquez, ten ademais a virtude da modestia, pois, nistes casos de apresentacións, os que van a sere apresentados, todos precuran o selo por alguén, e iste que aquí vedes avéuse a selo por ninguén” (Cf. García Barros, “A miña lembranza ó poeta Xosé Manuel Cabada Vázquez”. En: Freixeiro Mato, X. R., “Cos pés na terra. Personalidade e obra inédita ou esquecida de Manuel García Barros”, A Estrada, Asociación Cultural "A Estrada" - Ed. Fouce, 1999, p. 106).
             
Neste memorábel escrito (redactado por el coincidindo cronoloxicamente co traslado dos restos de Cabada Vázquez desde Linares a Codeseda en outono de 1962, aínda que publicado por primeira vez en 1999) indica García Barros que non había aínda moito que se atopara co seu amigo na vila da Estrada. Teño a sospeita de que este mutuo e amigábel encontro puido ocorrer no verán ou no Nadal de 1935, é dicir, no ano anterior ó seu pasamento. Daquela exercía Cabada Vázquez como profesor e director nun colexio público en Linares (Xaén). Pois ben, o escrito remata deste sentido e emocionante modo:                    
      
“Non sei ben agora o tempo que pasóu, pero, coido que non foi moito. Ó ir eu á Vila, a onde iba eu decote era ó 'Centro de Emigrados', no que estaba a Redaución do 'Emigrado'. Non facía moito tempo que mesmo ó entrar albiscara xa de lonxe o 'Pueblo Gallego', estendido ou pousado sobre a mesola central, como era adoito, co retrato de Loriga en pirmeira prana. E mesmo ó velo eiscraméi estremecido:      
                  
-¡Alá se vai Loriga!...                        

E, nefeito: Loriga estrelárase en Madrí cunha avioneta.  
                      
Do mesmo xeito, cando máis adiante ó entrar albisquéi, tamén en pirmeira prana, o retrato de Cabada sentín coma un martillazo no corazón.                        
-¡Alá se vai Cabada!, escraméi. E fórase Cabada.   
                     
A sala estaba a aquila hora solitaria. E anque non estivera sería o mesmo.   Debruceime sobre a mesa, e sin poderlle quitar os ollos denriba chorei por íl."            

(García Barros, “A miña...”, p. 107).  
           
En realidade, o sentimento que respecto de Cabada Vázquez aquí expresa o seu amigo vén estar na mesma liña do que el, ben de anos xa antes, expresara nas súas “Rexoubas” (en “El Emigrado”, nº 558, 14 de abril de 1936, p. 2), só poucos días despois do pasamento de Cabada Vázquez:                          
"Certas noticias deixan a un tan abatido que máis que realidade fegúranselle a un soños ausurdos e atormentadores de mala noite. Non se ve a posibilidade de darlles creto.
                       
O ler a noticia da morte do amigo fraterno José M. Cabada Vázquez foi coma se me botaran o mundo enteiro encima da alma [...]. A súa desaparición dóinos na alma [...]. Un dos bos e xenerosos que se vai. ¡Adeus, Cabadiña!".
                                                                                                           
Mais volvamos ó comezo mesmo do iluminador escrito de García Barros “A miña lembranza...” en relación coa súa proximidade a Cabada Vázquez, porque proxecta luz ó mesmo tempo sobre o silenciamento público fáctico, nos actos celebrados en Codeseda por mor do traslado dos restos de Cabada Vázquez desde Linares á súa parroquia natal de Codeseda o 13 de outubro de 1962, da estreita relación real (ideolóxica e política) que de feito existira entre Cabada Vázquez e García Barros. Vexamos, pois.        
    
Ó final do sinalado escrito “A miña lembranza...” constan o lugar, a data e as iniciais de Manuel García Barros deste xeito: “Pousada, outono de 1962. M. G. B.”.  Esta data está en clara relación coa data da mencionada celebración en Codeseda. É verdade que daquela García Barros tiña xa 85 anos (aínda que morrería con 95); mais, aínda así, non deixa de resultar non pouco estraño que unha persoa tan sinalada na súa relación con Cabada Vázquez como el non fose informada (ou incluso directamente convidada a participar nel) sobre tal evento polos organizadores, etc., tal como con suficiente claridade se deixa entender ademais no mesmo comezo do escrito do propio García Barros. Só resulta comprensíbel, naturalmente, desde as presións ideolóxicas e políticas ás que o réxime franquista o someteu o longo da súa vida. En definitiva, todo semella indicar que daquela (en plena época franquista aínda) non era posíbel unha intervención pública de García Barros en tales actos facendo el referencia á súa amizade con Cabada Vázquez. Optaría xa que logo por deixar escrita a súa opinión sobre el pra vindeiras xeracións, como a nosa... Velaquí os primeiros parágrafos do sinalado texto:


"Niste outono do ano que corre trouxéronse as cinzas de poeta Xosé Manoel Cabada Vázquez, de Jaén, onde era cadeirádego, á sua parroquia de Codeseda, niste municipio da Estrada. Sóupeno xa tardeiro, e coma por milagre, por unha folla de preódico que púiden ver por casoalidade.            

De Cabada Vázquez teño tamén eu algo que contar. Viña moito pola Estrada, sendo inda ben mozo, por onde andaba eu tamén daquela case a decotío.            

Nos intres que eu tiña mais ou menos desocupados, quen se poñía decote á miña beira era Cabada. Eu era Xefe de Redaición do Semanario 'El Emigrado', apadroado polos emigrados de Cuba e Boenos Aires, que adequirira unha circulación considerábele, e un prestixio de bastante consideración, tanto na Terra, coma nas Américas, e as súas páxinas estaban abertas pra toda manifestación cultural, e con agarimo pras poesías de Cabada, que se lle pubricaban ornadas con vistosos corondeles e decote en primeira páxina" (García Barros, “A miña...”, p. 105-106).     
        
Foi sobre todo desde mediados dos anos vinte ata comezos dos trinta do século pasado cando máis se intensificou a colaboración de Cabada Vázquez con García Barros tanto no “Emigrado” coma na realización doutras diversas actuacións culturais ou benéficas das que posteriormente se daba conta no mesmo xornal. Así o fará, por exemplo, Cabada Vázquez nos seus artigos “La velada dada en Lalín” (“El Emigrado”, 7 de xaneiro de 1927) ou “Chamamento” (“El Emigrado”, 18 de maio de 1927). Neste último indicará o poeta e político de Codeseda:        

      “Traballar, si; mais traballemos pra nós, traballemos pola nosa cultura, a que debemos espallar por toda Galicia. Fagamos laboura enxebre”.                        

Pouco despois, en maio de 1927, García Barros e Cabada Vázquez, xunto con outros amigos, realizarán aínda unha xira artística e cultural por terras de Curantes sobre a que publicarán varias crónicas en diversos xornais e revistas. É neste contexto cando García Barros lle pide a Cabada Vázquez que o substitúa a el e redacte este tipo de crónicas (porque “él –tal como indica o propio García Barros- sabría descubrir nuevas facetas que producirían reflejos nuevos [...]” (Cf. García Barros, “Del Certamen Escolar del Sindicato "Pardemarín"”: "El Emigrado", nº 235, 16 de xullo de 1927).            

Así, a crónica “La Fiesta Escolar de Tabeirós” ("El Emigrado", 31 de xullo de 1927) redáctaa xa Cabada Vázquez. En realidade,  xa antes (a comezos de xaneiro deste mesmo ano) escribía el para "El Emigrado" outra crónica, titulada “La velada dada en Lalín” ("El Emigrado", nº 216, 7 de xaneiro de 1927), sobre a actuación nesta vila de artistas estradenses nunha velada a prol dos damnificados polo ciclón de outono de 1926 na illa de Cuba.            
Por todo isto non é nada estraño que sexa xustamente neste ano (1927) cando Cabada Vázquez lle dedique a García Barros un dos seus máis emotivos poemas, “¡Salve, Irmán Piñeiro!” na versión aparecida no nº 51 (10 de febreiro de 1927) da revista “Céltiga” de Bos Aires con estas palabras: “Ao meu amigo o autor de ‘Contiños da Terra’, M. García Barros, con sinceira ademiración”.     
       
O poeta e político estradense participa así mesmo, en anos posteriores, en importantes debates culturais, que el mesmo en boa parte suscita, como por exemplo o relacionado coa relevante función social e educativa dos mestres, que se desenvolveu no “Emigrado” entre finais de 1929 e abril de 1930. As tres “Moxenas” de Cabada Vázquez (que nelas utiliza o pseudónimo “Lamenú”) publicadas neste xornal (“El Emigrado”: 31 de decembro de 1929, 16 de xaneiro de 1930 e 7 de febreiro de 1930) están directamente relacionadas con esta cuestión. Nelas insistirá Cabada Vázquez na responsabilidade educativa dos propios mestres tanto no ensino público coma no privado.       
     
Por certo, García Barros (Ken Keirades) participa neste debate sobre todo como moderador entre as diversas posturas enfrontadas e, así, trala primeira das Moxenas do seu amigo, comentaraa despois nas súas “Rexoubas” deste xeito: “Teño que agradecerlle ó amigo (hirmán) Lamenú o vir a custión na lengua matria, o que non me sucede con todos” (“El Emigrado”, 31 de decembro de 1929). A isto non deixará de indicar logo pola súa parte Cabada Vázquez (Lamenú): “Nada me ten que agradecer por empregar a léngoa galega. Non é cousa nova en min, xa que nela pubriquei o pouco que teño pubricado, e nela falo a cotío, sentíndome orgulloso de facelo. ¡Galego, e sempre galego!...” (“El Emigrado”, 16 de xaneiro de 1930).   
         
Mais García Barros (Ken Keirades) non deixará por iso de insistir aínda nas súas “Rexoubas” deste mesmo número do 16 de xaneiro de 1930 en tal cuestión: “Teño que agradecerlle ó hirmán Cabada o ousequio dun artísteco programa feito na fala enxebre pra as festas do Sanamaro de Codeseda, que, como cousa súa é cousa acabada. Ós verdadeiros patriotas sóbranlles as ocasións de facer patria” (Ken Keirades, Rexoubas: "El Emigrado", nº 325, 16 de xaneiro de 1930).            

Pra unha sumaria información do lector e en orde cronolóxica (desde o primeiro en 1923 ata o derradeiro en 1930), sinalo seguidamente os títulos dos escritos de Xosé Manuel Cabada Vázquez , tanto en verso como en prosa, aparecidos no “El Emigrado” xunto coas correspondentes datas de cadansúa publicación.        
    
1. Poemas (todos en galego): A loitar (30 de xuño de 1923), Alborada (7 de decembro de 1923), A Galicia (7 de xaneiro de 1924), O espello (31 de xaneiro de 1924), Lonxe dela (16 de xullo de 1924), Inocencia (31 de outubro de 1924), Na fala galega (7 de novembro de 1924), Sospiros de emigrado (24 de decembro de 1924), Maruxa (31 de decembro de 1924),¡Boa voda! (7 de novembro de 1925), Madrigal (7 de abril de 1927; no seu posterior libro de versos Vagalumes de 1931 o título deste poema será Rosa sin espiñas), Nai (31 de xullo de 1929), A un mal outro pior (16 de agosto de 1929), Vítimas (31 de agosto de 1929), O San Mauro de Codeseda (7 de xaneiro de 1930), Miña lúa aluarada (31 de maio de 1930).            

2. Prosa: A bolaíña (7 de outubro de 1923), ¡Redención! (31 de outubro de 1923), La velada dada en Lalín (7 de xaneiro de 1927), Chamamento (18 de maio de 1927), La Fiesta Escolar de Tabeirós (31 de xullo de 1927), Moxenas [I] (31 de decembro de 1929), Moxenas [II] (16 de xaneiro de 1930), Moxenas [III] (7 de febreiro de 1930).              

O texto destes escritos –en verso ou en prosa- está a disposición do lector, xunto co resto da súa produción literaria, en “Xosé Manuel Cabada Vázquez. Obra Completa. Poemas e outros escritos”. Edición, introducción e notas de Manuel Cabada Castro (A Estrada, Fundación Cultural da Estrada, 2001).




[01-10-2020 12:14] J.C.C comentou:

Moi bo traballo Manuel. Coido que o teu tío, que con seguridade te tivo no seu colo, pasouche o testigo da defensa do noso idioma galego. Noraboa e unha aperta.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña