11:58 Domingo, 25 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-09-2020

O fenómeno das noticias falsas (fake news) nas redes sociais é unha das características definidoras da denominada realidade política pós-verdade, onde a ‘certineza’ (truthiness) prevalece sobre a verdade

Armarse contra a desinformación nas redes sociais

Valorar (35)

ROBERT NEAL BAXTER


O fenómeno das noticias falsas (fake news) nas redes sociais é unha das características definidoras da denominada realidade política pós-verdade, onde a ‘certineza’ (truthiness) prevalece sobre a verdade. Noutras palabras, a obxectividade fundamentada en evidencias empíricas ficou suplantada por pseudo-verdades subxectivas, proclamadas como ‘factos alternativos’ polos deus defensores, que reivindican o direito de seren consideradas tan válidas e merecentes de respecto do que os proprios factos contrastábeis coas cais deben poder conviver e competir en pé de igualdade. O problema atinxiu tal ponto que hoxe existen empresas dedicadas à verificación e pesquisa de factos e cuxa misión consiste en rastrexar e asinalar embustes de todo tipo.  

Se ben o fenómeno en si non é precisamente novo, podéndose remontar até á época medieval, notadamente co sinistro libelo de sangue, e mesmo até a Antigüidade, o seu crescimento exponencial actual débese, por un lado, ao clima propicio instaurado grazas ao relativismo cultural progre pós-moderno e, polo outro, sobretodo polo uso xeneralizado das redes sociais.
 
Con frecuencia, as falsas noticias están estreitamente relacionadas co que se vén chamando ‘caza-clique’ (clickbait), onde titulares intencionalmente espectaculares, sensacionalistas ou morbosos serven de isca para nos atraíren, dado que a cantidade de diñeiro que xeran é proporcional ao número de visitadas recebidas. Nestes casos, o motivo principal tende a ser o lucro, mais tamén serve para pescar dados persoais (phishing) para o seu posterior uso ilícito.  

Outras veces, as novas falsas son ligadas ao turbo mundo das teorías conspiranoicas, axudando a espallar desde teorías malucas como o terraplanismo ou o pánico infundado surxido ao redor das antenas de telecomunicación móbil 5G, até outras moito máis perigosas como o negacionismo climático ou o movimento antivacina... Así, nutríndose do medo, durante o confinamento da pandemia da COVID-19, as redes sociais estaban inzadas de inúmeras alburgadas sobre o virus SARS-CoV-2: non era máis grave que a gripe, o uso de máscaras non serve para nada, que se pode limpar o corpo por dentro mediante a inxección de desinfectante  (Trump dixit), a defensa da hidroxicloroquina como panacea milagrosa, etc., o que desembocou finalmente en manifestacións negacionistas ao redor do mundo, desde Serbia (tumultos incluídos) até Madriz, ao grito de “¡Queremos ver el virus!”...  

No mundo en que vivimos, cada vez máis, quen controla a información detén o poder. Así, falsas noticias son fabricadas maliciosamente cunha clara intencionalidade política por grupos de espionaxe cibernética. Un exemplo paradigmático é Fancy Bear, máis que probabelmente vinculado coa axencia de intelixencia militar GRU do goberno ruso (non caiamos na armadilla de confundirmos a Rusia de Putin coa antiga URSS), acusado de interferir na eleición presidencial nos EUA en 2016. Na China tamén existe o denominado “Partido dos 50 Centavos” encarregado de inundar as redes sociais de comentarios favorábeis ao goberno co propósito de influenciar a opinión pública. Sen falar, obviamente, das identidades falsas (sockpuppets) sob as ordes gobernamentais occidentais que se dedican à diseminación de desinformación propagandística, tais como Operation Earnest Voice (EUA), Joint Threat Research Intelligence Group (GB), ou o rabiosamente rusofóbico East StratCom Team (UE), que se apresenta como unha axencia de ‘contra-desinformación’, etc.  

Mais, en todo o caso, convén distinguir entre quen está na orixe das falsas noticias e quen, inxenuamente, as difunde. Pois, ao igual que o virus da COVID ou calquer parasito, as mentiras precisan dunha hóspede para se replicaren e se propagaren, fomentadas, à súa vez, polos algoritmos que procuran captar e manter a nosa atención.  

Estas hóspedes potenciais somos todxs nós. Eu incluído. Às veces aximos présas do medo, como no caso da COVID ou as vacinas, outras por confiarmos en quen nolas envía  ou quen as publica nos seus sitios nas redes sen preguntarnos como chegaron até el/a... Mais sempre por premermos demasiado rápido, sen parar a repararmos na fonte orixinaria e comprobarmos o seu grao de fiabilidade real. Pois, isto precisa de tempo, e nas redes o que prima é a rapidez, a instantaneidade.  

Os actuais son tempos marcados pola imediatez a que xa nos teñen afeitxs os meios de (des)comunicación sistémicos que preferen precipitarse ao publicar un manchete truculento e logo – se callar – rectificar no caso de que non resulte ser verdade, tal como aconteceu coas especulacións desenfreadas durante casos altamente mediatizados como o Caso Wanninkhof ou Caso Asunta... O morbo vende mellor do que a información rigorosa e contrastada.  

Tamén às veces as falsas noticias poden mesmo ser ben intencionadas, consecuencia de axir con demasiada présa, sen deterse a comprobar e contrastar a súa veracidade. Así, por exemplo, recentemente un grupo LGBT na Galiza publicou nas redes sociais unha nova relacionada cun suposto ataque LGBTfóbico en que morreu apuñalada unha persoa nas rúas da británica cidade de Birmingham, baseándose erroneamente no simples facto de o acontecido se ter producido totalmente por acaso no bairro gai. Na realidade, porén, segundo fontes fidedignas, o incidente nen se limitaba a este zona e nada indica que se tratase dun crime de odio.  O problema con apresarse a dar novas que máis tarde resultan non ser certeiras radica en que poden levar a unha perda de credibilidade cando máis adiante se alerte sobre verdadeiros ataque homófobos.  

Mais, debemos saber que a solución face à info-xicación a temos nas nosas mans. Encanto agardamos impacientes o descubrimento dunha vacina contra a COVID-19, non fiquemos de brazos cruzados e non hesitemos a tomarmos a medidas precisas e urxentes para nos vacinarmos contra o virus da desinformación que tantos estragos causa.  

En efeito, o antídoto contra este veneno xa existe. Só fai falta seguir unha serie de pautas sinxelas antes de dar crédito a unha nova e difundila. Entre as recomendacións destacan as seguintes:   

  • Toma o tempo de comprobar a fonte orixinaria e a autoría da información.
  • Le a historia completa.
  • Procura fontes fidedignas complementares.
  • Comproba que a data da publicación estexa actualizada.
  • Non confíes nunha nova só porque coincida coas túas ideas.
 




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña