02:46 Xoves, 03 de Decembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-09-2020

Se coñeces a sociedade podes manipulala e cambiala o teu gusto

As miñas razóns para non usar o RadarCovid

Valorar (13)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA


O goberno central puxo en marcha a aplicación “RadarCovid” para axudar nos rastrexos da Covid19 a través dos dispositivos móbiles e combater este virus. O funcionamento da aplicación é sinxelo. Un móbil con esta aplicación instalada comunícase mediante Bluetooth con outros dispositivos que teña preto e busca se algún destes pertence a unha persoa contaxiada, que previamente ten que marcar a opción correspondente no seu móbil.

Segundo as informacións que figura na Play de Google , esta aplicación non recopila datos persoais nin identifica ás persoas contaxiadas, só emite unha notificación se estiveches preto dunha persoa con Covid19. Neste sentido, e para eliminar as dúbidas ao respecto, e despois da publicación dun manifesto de programadores e especialistas, o goberno decidiu publicar o código fonte da aplicación, co cal, as persoas con coñecementos e tempo libre suficiente poden comprobar se a nosa privacidade está a salvo.

Porén, esta aplicación ten un problema. Polo menos para min si o é. Eu non teño activada a localización GPS, só está acesa cando utilizo o Waze ou Google Maps (son aplicacións de xeolocalización). RadarCovid necesita o GPS activo para funcionar correctamente e polo tanto no meu caso acabei por desinstalala, xa que a aplicación non ía axudar en nada a combater a Covid19. Non teño dúbidas de que o RadarCovid non recopila datos persoais de ningún tipo, nen sequera de posicionamento, mais Google si; e todo pasa por Google, de feito esta tecnolóxica e Apple (entre as dúas teñen o 100% da cota de mercado de dispositivos móbiles) puxeron a disposición a súa infraestrutura para que o RadarCovid funcione correctamente.

Google gárdao todo. Todo. Entrar no apartado de “Xestionar a túa conta Google” do móbil (ou do ordenador), é entrar na tenda dos horrores da privacidade. Google rexistra cada unha das veces que entraches no Whatsapp, no Gmail, en Twitter, en Facebook, nos teus contactos, en Youtube, ... e por suposto sabe por onde andas, cuxo historial gárdase celosamente “aínda que non esteas usando ningún servizo específico de Google” (sic), e de feito, dá igual que o desactives, Google seguirá recopilando “algúns datos de ubicación” a través doutros axustes. Tamén podes desactivar e borrar o historial de actividade na rede, mais Google di claramente que “é posíbel que se conserven algúns datos sobre o uso que fas dos servizos de Google mentres a tu conta de Google sigue activa”. Que datos mantén? Nin se sabe. Mais, que fan con estes datos? Pois conservan “certa información durante máis tempo para satisfacer determinadas necesidades comerciais”. Máis claro auga.

É dicir, podemos desactivar o historial de navegación, de localización, ... mais non poderemos evitar que Google acumule datos de canda un de nós, incluídos os datos de RadarCovid, porque como dixen, todo queda rexistrado nos servidores desta empresa tecnolóxica.

Todos os datos que procesa Google son para “desfrutar dunha experiencia máis personalizada” (sic), -iso din-, mais a realidade é que nos bombardean sutilmente con publicidade a través das súas aplicacións, mais tamén a través da súa plataforma publicitaria Google Ads, omnipresente na rede, cuxos anuncios séguennos a todas partes. Os anunciantes sérvense de todos os datos debidamente cociñados dos seus produtos, e os produtos somos todos e todas nós.

Google non ten interese nun individuo concreto, senón en todos. Google sabe o que buscamos na rede, o que vemos en Youtube, le o contido do noso correo electrónico, sabe por onde andamos (se imos a unha tenda, á saída xa temos unha notificación para que a valoremos), sabe o que compramos (Google Pay) e onde, ... é dicir coñece os nosos hábitos e costumes, non só os exclusivamente comerciais, senón tamén os ideolóxicos e psicolóxicos. Todo isto, debidamente procesado (big data), permite ter un coñecemento amplo da sociedade. E se coñeces a sociedade podes manipulala e cambiala o teu gusto.

A saúde é o primeiro, si, mais isto non pode ser a escusa para confinar os nosos dereitos e deixar en mans dunha empresa privada os nosos datos persoais, e en especial os da nosa saúde, que segundo a lei de protección de datos, gozan dunha maior protección legal.

Por outra parte, o RadarCovid abre tamén outro debate: o moral. A Covid19 é virus que se contaxia polos aerosois (polo que exhalamos), para entendernos, polo aire, e afecta a todas as persoas por igual, independentemente da súa condición sexual. Neste sentido, estaría ben vista unha aplicación semellante para detectar persoas co virus da SIDA, estigmatizadas especialmente nos primeiros anos desta enfermidade?

Estas son as miñas razóns para non usar o RadarCovid e non pretendo que ninguén as comparta. Sei que é moi complicado evitar que Google recopile datos persoais, é unha misión case imposíbel, mais non por iso debemos poñerllo doado.





[28-09-2020 13:57] Xosé Manuel Baños García comentou:

Si, mais instalar a rom nun teléfono non está ao alcance de calquera persoa. E non me refiro polo custe, senón pola complexidade técnica que ten.

Saúdos.

[27-09-2020 19:08] Maria comentou:

Se realmente quer desfazer-se dos serviços de google deveria explorar o mundo das ROMs. Basicamente som modificações do sistema Android que apagam todos os serviços e aplicações desnecessárias tanto de google como dos própios fabricantes. Um exemplo: Crdroid
Pode-se viver sem Google!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña