12:26 Domingo, 25 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-09-2020

O resultado das pasadas eleccións dá para pensar moitas cousas: Foi sorprendente a regularidade do voto en todo o País

Unhas observacións á conta da campaña das pasadas elección

Valorar (7)

CÉSAR VARELA GARCÍA


O resultado das pasadas eleccións  dá para pensar moitas cousas: Foi sorprendente a  regularidade do voto en todo o País. Incluso en lugares onde semella que non tiñamos introducción aparecen un voto de arredor do 20 por cento dos votantes. Parés que hai algo como o “espíritu do povo galego”, ou en linguaxe psicoanalítico, “o inconsciente colectivo “, que foi sensíbel á nosa mensaxe con sorprendente uniformidade.

Seguindo esta lingoaxe ,“espiritual”, semella como se houbese unha conexión entre a nosa organización é o “espíritu” do pobo conseguida polos  nosos candidatos e en especial ao traveso das palabras e imaxe de Ana Pontón. “Pola súa boca falou o espíritu”; esta é a frase empregada na Biblia cando un verdadeiro profeta falaba verdade e mostraba o camiño dereito ao pobo.

Pola boca da Ana falou o espíritu do noso pobo e ela foi quen de conseguir esa conexión que ten que avanzar até acadar unha maciza resposta. Contrasta a limpeza do noso discurso coa “léria” dos “falsos profetas”; quen os escoita hoxe ?

O “espíritu” xa non ilumina o seu discurso, e caeron nun aborrecido “bla, bla, bla,…”. Para trasmitir, tés que ter un “sentimento”. Un pensamento sen emoción non ten efectividade; mas se ao pensamento lle unimos as emocións , aí, aparecen os SENTIMENTOS , e os sentimentos poden MUDAR O MUNDO. A arte consiste en saber transmitir istes sentimentos. Se o conseguimos, os resultados van ser imparábeis ! Eu tiven , hai moitos anos, unha experiencia deste tipo: Eran os anos 70, no contexto das primeiras eleccións  democráticas,  e tocounos,  ao que daquela eramos un fato de rapaces, ir facer un mitin nun concello do Ribeiro.

Alí, no patín dunha casa, lanzamos o noso entusiástico parlamento á xente alí congregada. Lembro que, ao fin do mitin, un home de entre o público, sen dicer ren, colleume por un brazo e levoume ao que debía ser a sua adega; alí nun cacifo da parede, e entre teas de araña tirou unha garrafa e deume a beber un copo do seu contido.

Era o sonado TOSTADO DO RIBEIRO, do que eu tiña ouvido falar pero nunca tiña probado. Agora, pasados os anos, entendo que alí comunicamos o noso sentimento, porque pola nosa boca “falou o espíritu “, e a xente entendeu.        

Isto, ao meu entender quer dicer que a voz do BNG é mais escoitada do que pensamos. Ás veces desespéranos que , a esta altura, ollando a Euskadi ou Catalunya  o noso pobo ainda non vexa claro a conveniencia de votar no BNG macizamente.

Semella o desespero daqueles pais que ven como o seu fillo, que xa ten dous anos e medio, e non rompe a falar .

Diréivos que ese foi o caso de Einstein, que seica non rompeu a falar até a idade de tres anos. Sabemos que cando falou, falou de vez,… e que cousas !

O noso pobo escóitanos e entende, pero ainda pesa o medo, debido ao xenocidio histórico exercido encol díl.

Penso que coma un neno vai empetando toda mensaxe, e un bon día falará de vez e berrará: aquí estou eu !

O MÉDIO, XA CRÍA MENSAXE :
  O veículo que usamos é a nosa língua galega; o xeito de usala xa está dicindo quen somos; aí temos que
distinguirnos ben dos nosos adversarios españolistas.

1)  
A palabra  “CAMBIO ” foi utilizada polos nosos candidatos abondo .

Esta verba, foi usada tamén polo PSOE até a fartura; pensó que xa pertence ao seu argot habitual.

Cambio, de qué …?,  de marchas… ?

Coido que nós debíamos fuxir desa verba e usar a galega “MUDANÇA”:

“Queremos mudar o noso País”

“Xa son horas de mudanza de sistemas e métodos…”,

“ Mudemos de vez ! ”

É unha palabra ben popular  e historiada nos clásicos:

“Mudam os tempos, mudam as vontades,…”


“Tudo está suxeito a mudança,…”


Só con iso, ao escoitar desde lonxe , xa nos decatamos de que son os nosos.

Se non, falando do “cambio” , acabámonos confundindo co “lero, lero ” dos nosos adversarios.

Adiante coa MUDANÇA !

  2)   PSOE, PP e PODEMOS son partidos foráneos que usan a língua de xeito opurtunista;

Ben se nota no uso dos pronomes,  a destacar o Núñez, que non pon un ben !

O problema é que ás veces os nosos candidatos caen no mesmo pecado.

“ O vamos facer “ en lugar de “ Ímolo facer ”, lémbrame aquela pintada do MC en Compostela nos anos setenta:

“ ELES SE O GUISAN, ELES  SE O COMEN ”

Con ise xeito de falar estamos lonxísimo do noso pobo e soámoslle  como unha especie de “freakies”.

Un mal do que adoecen todos, incluso nós, é o xeito castrapudo de usar o verbo “ir” en  expresións como :
“ imos a facer”, “ vamos a levar”, onde o  -a-,  é escusado.

O popular e correito sería : “ imos facer ”, “vamos levar”.

O noso xeito de falar debe ser dunha intimidade cómplice co auditorio, aí é onde se consigue a primeiro enganche.  

3)  
Dado que o noso ensino foi español, e os médios son afogadamente españois, ainda que non queiramos estamos falando do xeito “diles”, porque no noso subsconsciente xa está introducido o xeito e a estética española.

O dominio abafante dos médios españois ten cuadriculada a nosa mente e o noso xeito de expresarnos.

Para fuxir diso temos que matinar muito en como usaron a língua os nosos devanceiros, e hoxe frecuentar os médios de comunicación portugueses e brasileiros. Alí toparemos sempre unha alternativa á españolada.

Por exemplo:

Usar “cansativo ” en troques do español “cansino ”.

Usar a expresión “ votar en … ”, e non, “ votar a…”, así debemos falar, VOTA NO BNG ! ou, VOTA NA CIGA !

Usar o nome do noso país, A GALIZA, ( como,LA FRANCE ); “NA GALIZA” e non “En Galiza”.

Valorizar o que temos ao grande; enche mais falar dos MARES GALEGOS, que do manual escolar-español, AS RÍAS GALEGAS.

Será millor que falar da “ ría de Vigo”, o dicer, O MAR DE VIGO, seguindo a  Mendiño e Martin Códax .
MAR DA LANZADA, MEU MAR ! proclamaba López Abente.

Así fala o noso pobo : “ Meu pai anda ao MAR ”

Diferenciar “unha marea ” dunha “maré”.

Unha “marea” é un feito de contido económico : “facer unha marea de tantos euros”; cousa moi diferente de  “andar á maré ”, aproveitano o devalo do mar nas pedras.

“ O vai e vem da maré… ” de José Afonso.


Se estamos en MUROS, debemos dicer : “ Neste mar de Muros,….” E se estou en Noia: “ Aquí, no mar de Noia,…”, Non teño porque usar a fórmula da enciclopedia- escola-española na que nos deformaron : “ Na ría de Muros y Noya,…”

Estamos a falar coa nosa xente ; non examinándonos da selectividade !

4)
      Os cartaces co logotipo do BNG, seica non deberían acompañar unha lenda do xeito ? :

“BNG: SEMPRE POLA GALIZA”

Ilustra algo mais que só as tres letras B N G  !

5)
      A idea de colocar a bandeira nas nosas casas, estaría  moi fermoso se isto fose Euskadi ou Catalunya; nós somos unha sociedade moi diferente!

Sería ben mais productivo que cada vila tomase como militancia  a encomenda de colocar dez ou vinte bandeiras nos lugares mais destacados de
cada lugar, praias, etc,….

As bandeiras deben ser de textil, non de material acrílico, para que ondeen ao vento !

6)
      Os nosos candidatos deberían comunicar co povo sen leren nun papel.

A comunicación dunha emoción resulta moi fría se se fai ao traveso dunha leitura. Parés que están dictando unha lección !

Non se pode facer unha declaración de amor lendo nun papel !

E por fin pensade que os desexos acompañados polo traballo e a ilusión , moi loguiño se converten en realidades.

A Galiza ceibe que soñamos, xa é unha realidade; é realidade  nas nosas persoas, familias, amigos e sindicatos; pero temos que estendela máis para abranxer á xente toda do Pais.
Mentras traballamos niso, disfrutémola con alegría, non amargados nen atristurados porque queremos que o proceso fose mais axiña.

A alegría comunica e anima; a tristura é coma un andacio que infecta  e paralisa á comunidade.

Vivimos tempos que están ocurrindo mudanzas inesperadas.

Velaí : dous meses antes de que Sánchez ocupase a presidencia do Goberno, quen apostaría por él que fose nen siquera o presidente do seu
partido ?

Quen apostaría un mes antes, que Raxoi ía dimitir ?

Non digo, que istes feitos sexan revolucionarios ; pero canto menos, inesperados.

Dicia aquel filósofo que, o espíritu da História vai coma unha toupa,traballa en silencio no inconsciente do povo,  e un bon día fura, á procura da luz do sol.  

Por iso : Galegos, sexamos fortes, prontos a grandes feitos, aparellade os peitos !




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña