11:52 Domingo, 25 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-09-2020

Se algo identifica o ser dos países latinoamericanos é a súa orixe antimonárquica

O ex rei español en Latinoamérica

Valorar (8)

XURXO MARTIZ CRESPO


Unha das repercusións inesperadas e aínda imprevisíbeis do estoupido do escándalo Juan Carlos-Corinna-subornos é que para o Estado español o seu rei era a «chave» que abría todas as portas dentro do poder político latinoamericano, mandase quen mandase e fora do signo ideolóxico que fora.

Nada máis afastado da realidade. De feito, os casos de corrupción dos que se cre que se beneficiou o rei español son todos en países afastados da súa suposta área de empoderamento. Nin o rei español nin o Estado español lograron abrir ningunha porta aos grandes negocios latinoamericanos, porque dende o século XIX España nin «pincha nin corta» en Latinoamérica e, así, mentres brasileiros e estadounidenses campan comprando gobernos e políticos para a concesión de obra pública ou negocios multimillonarios, España e o seu rei dedicábanse a organizar e pagar cumios «iberoamericanos» que van esmorecendo en representación política, cun contido nulo, e que son utilizados ante a Unión Europea como carta de presentación de país-chave (pechando máis que abrindo en Latinoamérica) de España como Estado cunha relación especial co continente latinoamericano.

O suicidio español aconteceu no cumio de Chile en 2007 coa saída de ton do rei español dirixíndose ao presidente venezuelano Hugo Chávez. Preguntábanlle á xente da rúa en Venezuela (moitos opositores ao goberno bolivariano) sobre as palabras do rei e todos coincidían en que eran inadmisíbeis, sobre todo en canto que eran dirixidas por un monarca non elixido democraticamente a un presidente electo lexitimamente, incluso a prensa conservadora latinoameriacana, Clarín, considerouna unha grave falta de respecto do monarca ao presidente venezuelano.

O suposto «poder» de Juan Carlos, probabelmente real nas «distancias curtas» do alcol e das festas, está nas antípodas do actual rei Felipe VI, polo que corre sangue dun mádelman con articulacións ríxidas con
voz de ventrílocuo e frases feitas en discursos lidos.

Se algo identifica o ser dos países latinoamericanos é a súa orixe antimonárquica, por española, e o seu desprezo a todo o que cheire a «pompa e circunstancia».

Dicía Bolívar na súa Carta de Xamaica: «Estamos dominados por los vicios que se contraen bajo la dirección de una nación como la española, que sólo ha sobresalido en fiereza, ambición, venganza y codicia»1.



1 Arana, Marie, Bolívar, Libertador de América, Penguin Random House Group Editorial, S.A.S., Bogotá D.C., Colombia, p.233.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña