11:36 Domingo, 25 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-09-2020

Dos 23 individuos que se moven por un campo de fútbol, só sei distinguir aos porteiros e ao árbitro, polo lugar que ocupan e porque levan un uniforme diferente

Que é o fútbol?

Valorar (7)

ADOLFO DE ABEL VILELA


Lembro una viñeta de Mingote publicada no ABC nos anos 70 do século pasado na que se representaba a un individuo de xeonllos nun confesionario dicíndolle ao crego:

  • Padre me acuso de no haber visto el Último tango en París.

Daquela había ata excursións organizadas para ir a Perpigñan a ver a cinta. Eu vina en Roma. Daquela o Réxime miraba pola nosa moral. E isto ¿que ten que ver co fútbol? Pois nada, pero ven a conto de que cando lle teña que dar conta da miña traxectoria vital ao Padre Eterno tereille que dicir:

  • Padre, acúsome de ter ido tres veces na miña vida a ver un partido de fútbol, non por afección senón por compromiso.

Eu xa non pido que me perdoe, senón que me comprenda. Teño 74 anos. A primeira vez que fun ver un partido debeu ser polo ano 1967, con 21. Eu estudaba en Madrid e a miña irmá ía facer unhas horas pola tarde como administrativa ás oficinas do Club Deportivo Lugo. Xogaba a liguilla de ascenso cun equipo canario, e pediume que fora a ver o partido para animar. A min fixéronseme eternos os 45 minutos, máis os descontos do tempo, de cada parte. A segunda vez fun convidado polo alcalde de Xermade á inauguración do campo de fútbol. Debeu ser cara a 1974, con 28 anos. Tiven a mesma experiencia. Corenta e catro anos despois fun por terceira vez, e agardo que fora a derradeira. No ano 2018, tiña 72 anos, presenciei un partido de fútbol sala por compromiso co adestrador dun dos equipos que xogaba. Foime máis levadeiro porque os tempos e o espazo de xogo son máis curtos. Pareceume máis dinámico.

Dos 23 individuos que se moven por un campo de fútbol, só sei distinguir aos porteiros e ao árbitro, polo lugar que ocupan e porque levan un uniforme diferente. De maneira que vou a escribir sobre algo do que non teño ni idea, pero si opinión.

Na casa do pobre a alegría dura pouco
Iso é o que di o refrán. Así que saímos de tres meses de confinamento, volveu o fútbol, ¡xa tardaba!, e durante varios días foi noticia de primeira páxina en letras ven grandes a traxicomedia do Dépor e o Fuenlabrada, el caso que ha puesto contra las cuerdas al fútbol. O 20 de xullo  foi aprazado o partido por un brote de coronavirus no equipo visitante. Os coruñeses, tan pagados de seu, non podían admitir a humillación de que o seu club descendera a terceira división. Ese mesmo día a noticia de que se aprobaban as axudas europeas do fondo de reconstrución pasou a un segundo plano, porque o fútbol é o que nos vai a dar de comer. Agora o Goberno pide á Fiscalía do Estado que estudie e valore se o presidente da Liga Javier Tebas cometeu algún delito ao autorizar que viaxase á Coruña o equipo do club no que seu fillo é conselleiro.

Pero a desgrazas nunca veñen soas, e o 14 de agosto o Barsa  quedou fóra da Champions League ao ser derrotado fronte ao Bayern Munich por 8-2. De seguido dinnos que Lionel Messi quería deixar o Barcelona ao que lle tería que dar 700 millóns de € pola rescisión do contrato. A Radio Galega estivo unha mañá enteira falando do asunto, insisto, porque o fútbol é o que nos vai dar de comer, sobre todo aos galegos. O día 29 de agosto o escritor Julio Llamazares dicía nun artigo que para os que lles gustaba o fútbol es una desgracia más a sumar a las muchas que se producen desde hace tiempo en este país y que acentúa la mayor de todas, que es la crisis sanitaria y económica que nos asola desde hace meses.

O día 4 de setembro La Sexta abriu o informativo da noite co que se supón que é a noticia máis importante, dedicándolle os doce primeiros minutos: Messi quédase, porque non podía levar a xuizo al equipo que ama. A realidade parece ser que é que o perdería e que tería que dar os 700 millóns. A seguinte noticia, suponse que menos importante que a primeira, foi sobre a marcha da pandemia, os peores datos, 104 mortos e 4.503 contaxiados. Será porque este negocio de Messi, seu pai, que veu de Arxentina en avión privado, seu irmán e o Barsa, son os que nos vai sacar do furado no que andamos metidos e reitero nos vai dar de comer se non temos que levar á boca.

O día 24 gana a competición o Bayer Munich contra o París Saint Germain, 1-0, e prodúcense graves disturbios nos Campos Elíseos. Uns 5.000 mal perdedores enfróntanse á policía, levantan barricadas, incendian coches e destrúen mobiliario urbano e comercios, altercados semellantes aos producidos en EE. UU polos sete disparos dun policía de Wisconsin contra Jacob Blake, un negro que baixou do seu coche no que ía cos fillos para intervir nunha liorta. O motivo destas actuacións en ambos dous casos non admiten comparación. Non é igual que un animal con uniforme e pistola lle meta sete tiros nas costas a un cidadán e o deixe paralítico, simplemente por ser negro, que que perda unha competición un equipo de fútbol sabendo que só un dos finalistas pode gañar. Logo, á vista de todo isto, un lego no tema como eu, ten a obriga moral de preguntar ¿que é o fútbol?, si realmente é un deporte, se é a actualización do pan e circo do mundo romano, se é un engano para os rapaces, ou se é un negocio inmoral e corrupto para uns poucos sostido co aplauso de moitos. Polo que vexo ten algo de todo, e máis.


Un negocio corrupto
O fútbol considérano como algo esencial para unha parte da cidadanía e por iso nos informativos das televisións, e mesmo na maioría dos xornais, lle dedican o mesmo espazo que a información xeral, curiosamente para tratar dos chismes de dous equipos, o Real Madrid e o Barsa, os demais clubs da primeira división non existen, ata hai xornais, emisoras de radio e TV e casas de apostas de cada un deles, incluso hai ideoloxías que se identifican cun equipo. Tamén hai programas especiais, algún con sete ou oito supostos expertos, que segue o mesmo patrón que os que se dedican a falar sobre política ou a vida íntima de determinadas persoas. O único que cambia é a temática.

Cando comeza a temporada hai unha estampa que me fire, que é cando saen ao campo os xogadores levando da man a un neno ou a unha nena, seica algúns pais pagan por iso, ou determinados xogadores cos fillos no colo para dar unha imaxe tenra. Un cerimonial que forma parte do marketing deste negocio. Eu sempre digo, xa están corrompendo aos menores, non desde o punto de vista sexual, senón moral polo engano que supón este asunto. Porque eses rapaces, que seguramente xogan ou desexan xogar nos equipos infantís con ganas e ilusión, aspiran, seguramente máis os pais que eles, con ser un Guardiola, un Casillas, un Cristiano ou un Messi. Pero esas son fabas contadas, produtos comercias minoritarios, pois anque tecnicamente haxa outros tan bos ou mellores ca eles, o negocio está en manter durante anos a uns poucos e aos mesmos. Porque cada un deses xogadores e unha empresa da que viven moitos. E mentres van quedando polo camiño centos de rapaces das diferentes categorías, biberón, prebenxamíns, benxamíns, alevins, infantís, cadetes, xuvenís e senior. Despois deste longo cursus honorum os numerosos aspirantes non son considerados profesionais ata que chegan á segunda e á primeira división, unha minoría. Os demais que xogan nas categorías inferiores cando xa non serven para darlle ao balón, mándanos para a casa a maioría sen saber como gañar o pan, porque a dedicación “ao deporte” impediulles ter outra profesión ou un oficio, e sen cotizar por eles.

Eses centos de rapaces que adestran no que chaman as canteiras, irán medrando, adquirindo competencia, moitas veces quitando horas ao estudio para poder adestrar ou pasando de estudar, algún será fichado por un equipo das categorías inferiores das que se consideran como non profesionais, que van pasando de club en club, que é o que se beneficia do traspaso, mal pagados, moitas veces deixando de recibir a cantidade convida, compatibilizando o xogo cun traballo precario porque lles din que non lles poden pagar máis, e cando se dan conta pasan dos 30 anos, comezan a resentirse fisicamente e teñen que deixalo ou son despedidos.

Os clubs nunca cotizaron por eles á Seguridade Social co pretexto de que non teñen cartos e que non son profesionais, de maneira que despois de dedicar os mellores anos da súa vida a ese “deporte”, na vellez nunca poderán cobrar unha pensión que non sexa a dos pobres porque, si teñen a sorte de atopar un traballo, non terán os anos de cotización esixidos.

Un xogador estranxeiro non comunitario, fichado por un club de primeira, danlle o permiso de residencia ao día seguinte, pero a un traballador ilegal tardan anos en concederlla ou o deportan. E todo isto co consentimento dos partidos políticos.

O fútbol é tamén un mundo homófobo, é o único colectivo social onde milagrosamente non hai homosexuais, nin no campo nin nas gradas, e a palabra maricón cando sae do público vai dirixida como insulto a algún dos actores do espectáculo.

¿É un negocio corrupto?, pois tamén, as débedas dos clubs á Facenda era en 1989 de 30.000 millóns de pesetas,180 millóns de euros, que coa Lei do Deporte pretendían desquitar das quinielas, algunha das estrelas defraudando millóns de euros, presidentes condenados á cadea, como Josep Lluis Núñez, presidente do Barcelona ou José María del Nido, presidente do Sevilla. Tamén pasaron polo ollo da xustiza Manuel Ruiz de Lopera, José María González de Caldas, Ángel Lavín, Augusto César Lendoiro, Jesús Gil, Enrique Cerezo, Ramón Calderón, Lorenzo Sánz, Sandro Rosell, e una longa lista na que figura tamén o manda máis, Ángel María Villar, reelixido en cinco ocasións, o cal di moito sobre a condición dos que o votaban.

Os delitos máis frecuentes polo que os imputan son prevaricación, malversación e apropiación indebida. Cristiano Ronaldo defraudando á Facenda e facendo anuncios dunha casa de apostas, como se non tivera cartos bastantes, e algúns clubs poñendo esta nociva publicidade nas camisetas dos xogadores, mesmo sendo os propietarios da casa de apostas, contribuíndo a fomentar a ludopatía. Agora din que están a prorrogar os contratos para ver se non lles afecta a norma que sairá en outubro para regular este tipo de publicidade. Despois falan sen poñerse rubios dos valores do club ou deste deporte, ¿que valores? En pouco máis de cen anos que comezou aquí este xogo ¿en que converteron o fútbol?


Efemérides para a reflexión a modo de epílogo
Ano 1958. Cando estudaba tiñamos un profesor de matemáticas don Jesús alias Cholin. Os luns un compañeiro que coñecía a súa afección faláballe do partido do Real Madrid, e xa non se explicaban matemáticas, senón que se falaba de fútbol durante a hora de clase. Morreu un día de inverno dun infarto no estadio Ángel Carro de Lugo, non sei se pola emoción ou polo frío.

Ano 2010. A selección española de fútbol adestrada por Vicente del Bosque proclamouse campeona do Mundial en
Sudáfrica. El rei Juan Carlos I concedeulle o título de marques de Del Bosque.

Ano 2014. O afeccionado do Dépor Francisco Javier Romero Taboada, de 43 años, casado e cun fillo, tirárono ao Manzanares, como ben se sabe un río caudaloso coma o Amazonas, morreu a consecuencia dunha liorta entre o Frente Atlético e Riazor Blues xunto ao estadio Calderón. As dúas afeccións ou seareiros quedaron por WhatsApp para zurrarse antes do partido.

Ano 2016. Nace o primeiro neto dun amigo afeccionado do Club Deportivo Lugo. Antes de bautizalo dérono de alta no Club, do mesmo xeito que en Andalucía apuntan aos nenos nas confrarías de María Santísima de la Alegría ou a do Cristo do Derradeiro Alento.

Ano 2020. Manuel Cáceres Artesero, coñecido como Manolo el del Bombo, é un seraeiro da selección española de fútbol e do Valencia C. F., que acompaña aos seus equipos por todo o mundo, tanto partidos amistosos como de carácter oficial, tocando un bombo que leva no centro o escudo de España e arredor a lenda:

El Bombo de España. MANOLO
.

Como o fútbol parece que non lle da de comer é propietario dun bar, pola crise do coronavirus di que vai ter que vender o bombo para poder comer xa que:

Estoy sin ingresos porque el bar está cerrado, 800€ de pensión y 420 de hipoteca. Estoy en una situación económica muy mala
.

Chegamos ao absurdo de facernos crer que moitos non coñecemos as unidades de medida, e para que nos fagamos unha idea do grande que unha cousa desde os medios de comunicación dannos a súa superficie, non en metros cadrados, senón en “campos de fútbol”, que parece ser que é o que todos temos obriga de coñecer.

Despois do exposto penso que está xustificado que non me interese o fútbol e que o Padre Eterno se mostre indulxente comigo.





[15-09-2020 16:27] Xulia Canoura comentou:

Concordo totalmente co expósito no teu arrigo, Adolfo. Os meús parabéns por telo expresado tan acaídamente..

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña