21:02 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-09-2020

Asistimos nos últimos anos a como, vagarosamente, se vai tendo máis coñecemento do noso pasado, sobre todo desde ámbitos non pertencentes á historiografía oficial española

Exeria, Paulo Orosio e Martiño de Dume: naturais de Portugal xa nos séculos IV-VI?

Valorar (19)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI


Introdución
Asistimos nos últimos anos a como, vagarosamente, se vai tendo máis coñecemento do noso pasado, sobre todo desde ámbitos non pertencentes á historiografía oficial española. Ese maior grao de saber afecta non só tempos afastados, cal a época prerromana ou a Alta Idade Media, mais tamén períodos cronoloxicamente máis próximos. Grazas ás investigacións desenvolvidas recentemente e á necesaria implicación de casas editoras, ben como ao traballo de entidades culturais e veciñais, que cumpren un labor de primeira orde na divulgación deses saberes, somos hoxe en día capaces de subliñarmos, por exemplo, a importancia da época medieval galega no marco peninsular, repararmos na transcendencia que tiveron as mulleres nas greves e reivindicacións laborais nos albores do século XX, verificarmos como as Irmandades da Fala contaron con importantes afiliadas ou corroborarmos que houbo mulleres gaiteiras ao longo da historia, con documentacións fiábeis cando menos desde inicios da pasada centuria. Acompañando unha das ideas expostas por Miguel-Anxo Murado no traballo Outra idea de Galicia (2014), tradicionalmente deu a impresión de o país non ter historia, cando, na realidade, detrás del existe un importante pasado cultural, lingüístico, literario, socioeconómico e político que precisamente Murado trata de pór en destaque, a combater ideoloxemas que conseguiron asentar no sentir xeral da sociedade galega.

Ignoramos o futuro, naturalmente, porque aínda non ocorreu, mais descoñecemos o pasado porque foi adulterado de modo consciente, ocultado, impregnado con óleos que case desfiguraron a súa cor orixinaria. A historiografía oficial do Estado español, como a doutros moitos, é experta nestas tarefas, tan necesarias para a España se así construír desde o século XVIII como proxecto nacional, canto demoledoras para a Galiza ao lle negaren os sinais identitarios e os acontecementos histórico-culturais que a singularizan como pobo. A modo de exemplo, xa sabemos que desde as instancias gobernamentais oficiais e desde as salas de ensino nunca se concedeu a importancia precisa ao reino medieval galego; tamén somos coñecedores de as figuras de Sarmiento e Feixoo non seren entendidas nin como galegas nin polas súas preocupacións nin polos seus textos sobre o país; tampouco ignoramos a continua consideración do Rexurdimento cal apenas un movemento cultural, desenvolvido desconexamente por unhas cantas persoas das elites intelectuais das cidades e principais vilas; e non perdemos de vista que a aprobación do Estatuto de Autonomía no ano 1936 é explicada cun forte verniz que a tenta relegar a acontecemento contextual, sen previas significacións nin ulteriores consecuencias. Certamente, non se pode esperar máis. Afinal, “o freixo non é castiñeiro”, conforme dicía unha muller de Sobrado dos Monxes para indicar que pouca esperanza se debe depositar na calidade da mobilia doméstica elaborada coa porosa madeira da primeira das árbores.

A continuarmos con esa interesante metáfora proveniente do mundo rural, o que vira a noso ver tan ou máis sorprendente é que algúns “castiñeiros” decidan asimilarse aos “freixos”. Estamos a pensar na historiografía estatal portuguesa e na súa ansia de negar ou ocultar calquera relación capaz de cuestionar o discurso oficial lusitano sobre a creación do Estado portugués, nado, conforme é sabido, desde unha rexión ou un condado meridional do reino da Galiza; mesmo sabendo, como é lóxico, que acabaría por ser un reino independente co andar do tempo, non deixaba, inicialmente, de ser un reino tamén galego. Ao mesmo tempo, prodúcenos similar asombro vermos publicacións académicas ou feitas ao abeiro de institucións universitarias, en que a omisión de certos elementos e feitos históricos se torna unha das súas características máis representativas. Segundo podemos constatar nalgúns deses traballos que comentaremos máis abaixo, a literatura portuguesa (isto é, teoricamente a redixida en portugués, igual que a galesa é a redixida en galés e a xaponesa en xaponés) xa existía nos séculos IV e V: acompañando connotativamente os tales estudos, parece que o país veciño tamén nacera neses tempos altomedievais. Desta forma, conforme veremos neste artigo, autoras e autores nados na Gallaecia dispuñan dun bilhete de identidade ou passaporte que os particularizaba como naturais de Portugal antes de este país existir. Isto lémbranos as intervencións públicas dalgúns líderes do PP estatal, nas cales dicían, non hai moito, que a España remontaba a súa existencia ao primeiro milenio antes da nosa era, que correspondía á nación máis antiga da Europa ou que un dos fitos máis relevantes na historia do mundo fora a hispanidade.

Deixando loxicamente de parte esas documentadas e criteriosas opinións, e a voltarmos ao tema central destas páxinas, non é novo que a intelectualidade portuguesa tencione encaixar do mellor modo posíbel o pasado galaico do país veciño. É de sobra coñecido que o termo “galego-portugués”, poñamos por caso, responde a unha creación erudita ou invención do mundo académico do Portugal oitocentista para eliminar as friccións derivadas da asunción de a lingua empregada ao sur do Miño na Idade Media –cando menos até ao século XV– ser, na realidade, galego, segundo salientaron autores como Xosé Ramón Freixeiro Mato (Lingua galega: normalidade e conflito, 1997/2002) ou, máis recentemente, Fernando Venâncio (Assim nasceu uma língua / Assi naceu ũa língua, 2019). Non escapa á nosa comprensión que se tratou dun convencionalismo de compromiso, cunha denominación que, porén, conseguiu ficar asentada nos estudos de romanística. O termo tamén o empregamos presentemente para nos referirmos con normalidade ao sistema lingüístico de que o galego fai parte ou para sinalarmos trazos gramaticais e semántico-lexicais que o singularizan a respecto doutras linguas ou variedades románicas, cal a marcada tendencia a que o complemento directo non leve a preposición a (excepto nuns poucos casos etc.), o uso do infinitivo flexionado etc. Afinal, a parafrasearmos Ricardo Carvalho Calero, o galego, “ou é galego-português ou é galego-castelhano”.

Con todo, se a invención do concepto de “galego-portugués” na segunda metade do século XIX ficou xustificada, outras ocorrencias ou invencións parecen, na nosa opinión, máis difíceis de seren secundadas; neste sentido, tamén se torna revelador un outro traballo de Miguel-Anxo Murado, intitulado, precisamente, La invención del pasado (2013), onde se van apondo argumentacións razoadas a inventos e a verdades tidas como absolutas en que asentou, con falsidades, a historia oficial. E, na liña do que diciamos máis acima, unha outra ocorrencia ou invención é retrotraermos connotativamente o aparecemento da literatura portuguesa á latinidade tardía ou á alborada da Idade Media.

De importantes viaxes, tamén no tempo

Imos principiar pola monxa Exeria, da cal xa temos feito algúns comentarios nesta publicación. Trátase dunha personaxe verdadeiramente digna de nota na latinidade do século IV, autora do Itinerarium ad loca santa (aprox. 381-384). A maioría de persoas expertas di que foi nada na provincia da Gallaecia e mesmo hai algún estudo que a localiza, con maior precisión, na actual rexión berciana, como fai Florentino Díez en Egeria. Itinerario (2007). A variedade lingüística empregada no Itinerarium tórnase especialmente interesante, tanto para o mundo románico en xeral canto para o galego e o hispánico en particular: esa linguaxe podería ser cualificada como latín vulgar empregado na Gallaecia, coa detección de elementos que o percurso evolutivo faría correntes no galego e noutras linguas romances, cal é o caso da grande documentación de pronomes persoais como ille ou ipse, en detrimento dos máis clásicos is ou hic; ou o aparecemento dunha forma como ecce ista, primeira antesala (previo cruzamento coa partícula accu-) do medieval aquesta, que chegou mesmo ao século XIX na voz de Rosalía: “Pasan n’aquesta vida / cousiñas tan estrañas…”. É normal, pois, que con moita frecuencia os manuais especializados en lingüística románica ou en latinística citen ou editen ese fundamental texto, segundo acontece cos clásicos traballos de Veikko Väänännen Introduction au latin vulgaire (1981), Antología del latín vulgar de Manuel C. Díaz y Díaz (1950/1981) etc., obras de consulta obrigada para quen tiver interese en tales asuntos.

Non cabe dúbida, por tanto, da necesidade de dar a coñecer esa obra, nomeadamente se ponderarmos a súa relevancia histórica, cultural e lingüística. Por iso, conta con traducións a un número considerábel de linguas, como o alemán, español, galego e portugués, holandés e neerlandés, inglés, italiano etc. Trátase dun documento de primeirísima magnitude que nos fala da viaxe desde os confíns occidentais do mundo coñecido na altura, a Gallaecia, até aos lugares fundamentais na historia do cristianismo (Constantinopla, Exipto, Mesopotamia, Galilea etc.), obxectivo para o cal a expedicionaria Exeria tivo de atravesar a península ibérica toda, o sur da Galia, a terra da Liguria etc. Naturalmente, tamén se non pode secundarizar o facto de ser muller unha das persoas bandeirantes da literatura de viaxes, o cal favorece repararmos, en primeiro lugar, na súa determinación de protagonizar tal percurso e, en segundo lugar, na súa adscrición socioeconómica, indispensábel vínculo facilitador da súa tomada de decisión; esta circunstancia fai que haxa quen diga que, máis do que unha monxa ou abadesa, fose, talvez con maiores doses de veracidade, unha muller pertencente ás elites aristocráticas galaicorromanas.

O noso asombro, partiu, no seu momento, de como se interpretou a rexión da súa nacencia nunha das publicacións relativamente máis recentes de que foi obxecto. Así, na colección “Obras Clássicas da Literatura Portuguesa”, de Edições Colibri, aparece, co número 15, a coidada e rigorosa edición e tradución de Alexandra B. Mariano e Aires A. Nascimento Egéria. Viagem do Ocidente à Terra Santa, no Séc. IV (1998). Con algunhas mínimas adaptacións, as persoas responsábeis por ese primeiro lanzamento deron a lume unha nova versión na editora Aletheia, agora se intitulando Egéria. Peregrinação à Terra Santa no Século IV (2015). O que parece xustificar no seu momento a inclusión da obra na colección de Colibri é o facto, segundo se pode ler nas dúas edicións, de Exeria ser “originária da Galécia, que à data compreendia o conuentus de Bracara e tinha esta cidade como capital de província” (páxina 12 en Colibri, páxina 8 en Aletheia). Non existe, no entanto, ningunha aclaración relativamente aos territorios que facían parte desa provincia romana creada por Diocleciano en 218, nin a respecto dos tres conuenti político-administrativos de Lucus Augustus, Bracara Augusta e Asturica Augusta.

Desde aquí, dado que a colección a que fixemos referencia en primeiro lugar se intitula “Clássicos da literatura portuguesa”, cabe formularmos as seguintes preguntas: en finais do século IV talvez existía Portugal? Naqueles tempos xa se pode considerar literatura composta en portugués a redixida nun territorio que só comeza a se denominar portugués (de portucalense) en finais do século XII? A capital do convento romano asentada na terra dos bracari debe ser percibida só como a actual Braga minhota? Non se ten falado recorrentemente, como fixo Ricardo Carvalho Calero, dunha Gallaecia lucense e dunha Gallaecia bracarense? Son cuestións que indubitabelmente poden suscitar o debate ao público lector, pois do confronto de ideas é de onde mellor abrochan as opinións máis parecidas á verdade. Con todo, a noso parecer, a decisión de extrapolar unha realidade político-administrativa actual a uns tempos en que, por non existir, aínda nin existía o reino medieval da Galiza, sen ulteriores esclarecementos, dando por asente unha linear continuidade entre a Bracara galaicorromana e a Braga portuguesa moderna, parece estar precisada de grandes doses de cautela, as cales tampouco xustificarían esa equivalencia. A imitarmos eses procederes e a brincarmos con eles, talvez o primeiro arquitecto da Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña puidese ser Caius Seuius Lupus, responsábel por deseñar no século I da nosa era a hoxe coñecida como Torre de Hércules.

Da terra de Paulo Orosio

Reparemos no noso segundo albo de atención. A mesma editora Colibri, na antecitada colección “Obras Clássicas da Literatura Portuguesa”, deu a lume a importante obra Orósio. História Apologética. O Livro 7 das Histórias contra os Pagãos e outros Excertos (2000), mercé á edición preparada por Paulo Farmhouse Alberto e Rodrigo Furtado. A primeira reacción que inspira este serio traballo non pode orientarse máis que cara aos parabéns, tanto polo meritorio labor canto pola necesidade, igual que acontecía con Exeria, de seren coñecidas esas personaxes do tránsito da Idade Antiga galaica ao Medievo. Paulo Orosio (aprox. 375-425), figura de que tamén xa temos falado nestas páxinas, foi discípulo de Santo Agostiño e é, con certeza, unha figura de primeira orde para nos aproximarmos deses momentos cruciais da baixa latinidade e dos primordios da Idade Media; no tocante á chegada dos suevos á Gallaecia, por exemplo, ofrece unha visión máis positiva e integradora que a que proporciona o case coetáneo galaico da Limia Hidacio (aprox. 400-470) na súa Cronica, igualmente aflorado aquí nalgunha outra ocasión.

Unha perspectiva un pouco máis crítica do traballo de Farmhouse Alberto e Furtado, no entanto, lévanos a preguntarmos se realmente Paulo Orosio, natural do occidente da península ibérica, posibelmente da Gallaecia e quizais nado no que sería a actual Braga, debe na verdade recibir passaporte portugués ao nacer por volta da década de 70 do século IV e ao escribir a maior parte da súa obra despois da invasión sueva do noroeste peninsular. Se callar, a continuidade xeográfica entre a cidade dos antigos bracari e a moderna Braga sexa a que motive a entrega actual a Orosio do mencionado documento que outorga cidadanía, mais noutra ocasión voltan aquí a nos asaltar as preguntas que formulabamos para idéntica doazón de salvoconduto alfandegario á monxa Exeria.

De santos e monarcas galaicos

Para o terceiro tema que foca estas páxinas, se o público nolo permitir, imos continuar en Braga, cidade, aliás, de que moito gostamos e que, cando as circunstancias o posibilitan, visitamos. Segundo se pode deducir do exposto nos parágrafos anteriores, unha transcendente parte da historia de Portugal e da Galiza abrocha entre as serias pedras de granito con que foron levantados moitos edificios, xa desde a época prerromana. Nesas duras pedras deixaron os seus vestixios os callaeci, os conquistadores romanos, os suevi e moitos canteiros e pedreiros de épocas posteriores, algúns deles, na segunda metade do século XVIII, orixinarios das comarcas meridionais da actual Galiza. E vellas pedras ou, mellor dito, restos arqueolóxicos, son os elementos que protagonizan o noso albo centro de interese.

A un par de quilómetros do centro da cidade áchase a freguesía de Dume, de advocación a San Martiño (aprox. 510-580), bispo grandemente responsábel pola conversión dos suevos ao cristianismo e figura central na vida relixiosa das xentes galaicorromanas no século VI. Nos nosos días, e desde o ano 2015, existe un pequeno mais interesante museo que dá conta, ao carón da igrexa actual, da historia do templo, desde os seus comezos (sendo unha villa romana no século I), pasando polos momentos en que se converteu en mosteiro (consagrado a San Martiño polo rei suevo Charrarico) e chegando ás sucesivas reformas que tería xa na Idade Moderna e Contemporánea. Con meritorio carácter divulgativo, a União de Freguesias Real-Dume-Esmelhe deu a estampa un opúsculo, intitulado Núcleo Museológico de Dume. Guia (2018) e editado pola Unidade de Arqueologia da Universidade do Minho. O pequeno libro, moito ilustrativo e manexábel, explica como deben ser visitados os restos arqueolóxicos, ao paso que vai intercalando e comentando imaxes dos vestixios máis representativos existentes no local e inserindo algúns datos históricos.

A lectura do texto proporciona unha visión bastante harmónica coas edicións anteriores de Exeria e de Orosio, embora para unha persoa natural da Galiza, e cos reveladores estudos que se teñen dado a lume nos últimos anos, a información poida resultar inexacta ou imprecisa. Desta forma, desde a nosa perspectiva, áchase en falta algún comentario, por moito divulgativo que fose, relativo ao peso que tivo a provincia romana da Gallaecia na altura e ás súas tres divisións internas conventuais xa referidas máis acima; ao paso, faise un percurso histórico desde a época de Bracara Augusta até á actualidade, mais secundarízase o contexto histórico e cultural en que se achaba a localidade a respecto do territorio maior a que pertencía. Tamén, emulando prácticas provenientes da historiografía oficial española, se non pondera con xusteza a existencia do poder suevo e non se fai comentario ningún ao reino galego altomedieval. Derivado disto, non se explican os motivos de por que un rei galego, Ordoño II, tivo de delimitar o territorio de Dume nos primordios do século X (por que sería galego ese monarca e non doutra terra?). Tampouco se dá conta das causas de existiren relacións institucionais entre as diferentes dioceses do reino suevo (Astorga, Braga, Bretoña, Coimbra, Dume, Idanha, Iria, Lamego, Lugo, Ourense, Porto, Tui e Viseu), como as que levaron o bispo dumiense Sabarico a se deslocar para Bretoña-Mondoñedo en finais do século IX. E xa non falemos das mencións a certas personaxes históricas ou a acontecementos hoxe superados, cal é o caso das referencias a “Afonso III das Astúrias”, un monarca identificado como rei da Galiza polas crónicas árabes, ou á “expansão asturiano-leonesa” de meados do século IX polo noroeste peninsular.

Concluíndo

Así as cousas, estamos convencidos de a historia, como obxecto de estudo e de análise, ter de ser constantemente revisada. Moitos datos que, por diversos motivos (falta de pesquisas, ocultación, extravío de documentos fiábeis, secundarización etc.), podían darse como certos, descóbrense, á luz de novas investigacións, matizábeis ou, ás veces, próximos da carencia de verosimillanza. Do mesmo modo, faise igualmente merecedora de matizacións e aclaracións a sempre necesaria e louvábel transferencia pública de elementos da historia cando ofrecer datos imprecisos ou presentemente moito discutidos por especialistas. Por iso, pensarmos que autores e autoras dos séculos IV-V sexan capaces de recibiren adscricións nacionalitarias actuais parécenos asaz cuestionábel, en especial se esas adxudicacións secundarizan realidades históricas hoxe en día totalmente contrastadas. E, falando de secundarizacións, tamén se non debe esquecer que no Centro de Interpretación e Museo da Historia do Reino de León o reino medieval galego desaparece, dando por asente que todo o noroeste peninsular practicamente debe ficar resumido ao reino leonés en determinados séculos da Idade Media. Frouxo favor se fai así ao coñecemento histórico e ás nacións protagonistas deses aconteceres, mais, como se torna natural, grande e caro agasallo se brinda desta maneira a estados que conscientemente negan ou que pretiren esas nacións para así se construíren por oposición.

Mais, se esas actuacións poden parecer discutíbeis, moito máis criticábel ou até lamentábel se torna verificarmos como na propia Galiza tamén se levan á práctica procederes idénticos ou similares. As autoridades gobernamentais e eclesiásticas galegas ocultan de maneira propositada, por exemplo, que na catedral de Santiago de Compostela, concretamente no denominado “Panteón Real”, están enterrados algúns dos monarcas galegos medievais; de aí que teña de recibir todos os parabéns a obra asinada por Anselmo López Carreira, Manuel Vilar Álvarez, Ramón Yzquierdo Peiró, María del Pilar Rodríguez Suárez e Mercedes Vázquez Bertomeu, intitulada xustamente O panteón real (2019) e coordinada pola activa Agrupación Cultural O Galo, de Compostela.  

En definitivo, coñecermos cada vez máis e mellor o noso pasado revélase como unha necesidade básica para sabermos máis de nós propios como pobo. Polo contrario, a persistente falta de coñecemento nesas temáticas só contribúe para retirar esteos ao sentimento de identidade, tan necesario sempre (e agora máis que nunca) de forma a podermos ofrecer ao mundo, con orgullo, a nosa lingua, a nosa cultura e todo aquilo que nos diferencia como nación.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña