15:32 Mércores, 27 de Xaneiro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-09-2020

Un filme que amosa unha realidade ocultada e permite saber como somos e como actuamos

Reboiras: o nacionalismo con paredes de vidro

Valorar (18)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



O 12 de agosto asistín en Ferrol á proxección da longametraxe documental Reboiras Acción e Corazón, unha longametraxe que me impresionou pois aínda que era coñecedor da traxectoria vital de Moncho Reboirase das opinións e traxectorias da maioría das persoas que participaban na mesma, compañeiros e compañeiras de Moncho no seu momento, a solemnidade dunha sala de cinema provocaron en min unha sensación estraña.

Casualmente a noite anterior estivera relendo algúns capítulos de O Partido com Paredes de Vidro, libro escrito por Álvaro Cunhal durante moitos anos secretario xeral do Partido Comunista Português, libro que neste pasado mes de agosto cumpriu 35 anos da súa publicación e que tiña un claro obxectivo recollido na introdución:

“Destina-se este livro tanto aos membros do Partido como àqueles que de fora o observam. Para os membros do Partido, o interesse estará emserem abordados muitos dos traços característicos e típicos da actividade partidária no terreno da ideologia, da acção política, do estilo de trabalho, do funcionamento e da vida interna(...)

Para aqueles que de fora observam o PCP e queiram com seriedade formar uma opinião sobre ele, decerto interessa saber como os comunistas concebem, constroem, explicam e desejam o seu próprio Partido.”

En 1986 na célula de Vigo da UMG fixéramos unha actividade de formación partindo do seu contido, e o ano seguinte nas vésperas do 25 de xullo dous militantes da UMG desprazámonos a Porto a mercar nunha distribuidora ligada ao PCP cen exemplares dese libro co obxecto de vendelo na Festa do BNG do Patria Galega. 

Desde que lin O Partido com Paredes de Vidro recomendo a súa lectura, e teño agasallado bastantes exemplares a mozos e mozas que empezan a súa militancia política, pois considéroo non só un compendio do que é un partido comunista, dos seus principios, do seu xeito de funcionamento...; contén algúns capítulos que deberían ser de lectura obrigatoria para calquera persoa que pertenza a un colectivo humano que teña por obxectivo transformar a súa realidade en beneficio das maiorías.

Na miña opinión Reboiras Acción e Corazón podería e debería cumprir unha función semellante como obra de referencia para aquelas persoas que queiran coñecer como actuaba e como actúa non só a UPG, senón o conxunto do nacionalismo galego. Descoñezo se a Fundación Terra e Tempo e o director Alberte Mera se marcaron ese obxectivo, pero saín da sala de proxección con esa idea.

As testemuñas que aparecen no filme permiten coñecermos de primeira man unha etapa fundamental da historia contemporánea de Galiza e da historia do nacionalismo galego; a figura de Reboiras exerce de fío condutor ao ter sido un cadro fundamental na evolución do partido e na creación de distintos instrumentos de actuación do nacionalismo; fío condutor que representa a unha xeración de militantes que fixeron da súa vida compromiso con Galiza, e no caso de Moncho pagou ese compromiso co prezo máis duro sendo asasinado pola policía franquista.

“O que nos leva a considerar a actividade partidária como um aspecto central da nossa vida? O que nos leva a consagrar tempo, energias, faculdades, atenção, à actividade do Partido? O que nos leva a defrontar, por motivo das nossas ideias e da nossa luta, todas as dificuldades e perigos, a arrostar perseguições, e, se as condições o impõem, a suportar torturas e condenações e a dar a vida se necessário?

 A alegria de viver e de lutar vem-nos da profunda convicção de que é justa, empolgante e invencível a causa por que lutamos.”

Este fragmento de O Partido com Paredes de Vidro pode aplicarse perfectamente a todas as persoas que se comprometeron no seu momento, en plena ditadura fascista, a participar dun partido como a UPG, un partido que non tiña padriños e que debía actuar en dous niveis paralelos, crear conciencia nacional e crear conciencia de clase. Pois como moitas veces lle temos escoitado a Bautista Álvarez, a nosa militancia debe levar nunha man o Sempre en Galiza e na outra o Manifesto Comunista, e sempre nesa orde.

Como se desprende do filme, esa xeración tivo que crear un movemento político popular, cultural, obreiro, labrego, estudantil....; partindo da nada e combatendo a un tempo a quen defendían o culturalismo abocando ao noso povo á extinción e a quen consideraban que calquera alternativa de esquerda tiña que ser obediente a un centro dirixente localizado en Madrid. Uns por unha suposta superioridade intelectual e outros por considerar que o seu prestixio diante da clase traballadora lles daba patente de corso, desprezaban a eses mozos e mozas, que sen deixarse levar polo desalento traballaban con rigor creando estruturas, dando resposta ás agresións que sufría o noso país e elaborando alternativas sectoriais e globais para Galiza.

Unha xeración que fixo política nun momento no que deberon adoptar e executar decisións complexas, pero quen foron protagonistas desas actuacións tamén nos deixan claro no filme que non se trataba de decisións infantilistas ou de radicalismos estériles buscando emular realidades sociais e políticas que non tiñan nada que ver coa da Galiza dos anos setenta do século pasado, por contra eran decisións que pretendían protexer a actuación militante no marco dunha ditadura e apoiar a construción de instrumentos que favoreceran o avance na influencia social.; pois o nacionalismo galego sempre tivo claro que só coa confrontación ideolóxica e a actuación social se pode avanzar cara acadar a hexemonía.

Escoitar ás persoas que aparecen en Reboiras Acción e Corazón permite realizar un exercicio de memoria histórica sempre necesario; pero para min ten un valor aínda superior. A quen observan o nacionalismo desde fóra amósalles unha realidade ocultada e bota por terra moitas mentiras sobre o que somos; e a quen somos parte activa do mesmo reafírmanos en algo que nunca debemos esquecer, que a UPG e o nacionalismo galego no seu conxunto constrúese coa aportación de milleiros de persoas, pois o que nos define son o traballo e o liderado colectivo.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña