15:47 Martes, 07 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-08-2020

Mentira sobre mentira vai urdindo unha ficción que xustifique rematar con todo o público e meterllo nas mans aos seus familiares e amigos

Carta branca a Feixoó para seguir destruíndo Galiza

Valorar (6)

RAÚL RÍO DÍAZ



Non cabe dúbida de que os resultados das últimas eleccións certificaron unha forte subida do nacionalismo galego, con uns resultados históricos e consolidándose como a primeira forza da oposición. Este feito é unha garantía de que vai haber unha forte contestación, tanto no Parlamento coma na rúa, ás decisións antipopulares e antidemocráticas que Alberto Núñez Feixoó pretenderá levar a cabo, apoiándose na maioría absoluta que lle outorgou o electorado.

Pero tamén é certo que esa maioría absoluta vaino sacar de moitos apuros, xa que cando non ten argumentos, como case sempre, e non atopa mentiras con que xustificarse, bota mans dos votos que lle deu o pobo para xustificar a súas posturas intransixentes e irracionais, pois con esa maioría entende que lle deron carta branca para seguir na súa teima destrutora e non tardou nada en meter a tesoira en algo tan importante como é a sanidade, como si levara no seu programa desbaratar todos os servizos para poñelos en mans privadas, combater todo o que soe a galego, despoboar o noso agro e deixar morrer as poucas e pequenas industrias que temos.

Esta vez levaba como lema “Galicia, Galicia, Galicia” tres palabras que na súa boca soan a insulto, sobre todo despois de ver a súa actitude política para coas clases populares e cos graves problemas que ten a nosa nación. Pero, a pesar de que goberna de costas á gran maioría do país, foi precisamente esa xente mais prexudicada polas decisións que toma a que lle votou, moitos deles votaron inconscientemente contra os seus propios intereses: Votáronlle maioritariamente no rural, que se está quedando sen xente, os gandeiros que malvenden o leite; a xente maior que necesita mais que ninguén da sanidade pública que el recorta e das residencias que el privatiza. Uns votáronlle voluntariamente e outros forzados por eses empresarios aos que entregou as residencias nas que morreron moitos compañeiros deles debido ao Covid-19 por non derivalos ao hospital e nas que convivían cos mortos na habitación, pero que si os derivaron as furnas, co voto do PP na man, o dia das eleccións para que votaran ao culpable das súas desgracias.

O seu programa de goberno non está escrito en ningunha parte, pero está no seu maxín, nesa mente diabólica que pretende rematar con todo o público e con todo o galego.

Por iso, para o outro día das eleccións, xa empezou a facer das súas e suprimiu a ambulancia medicalizada do Salnés, que no seu día tivo que poñer, debido ás mobilización dos veciñais, para pasala a Sanxenxo.

Non fixen unha comparativa do resultado das eleccións anteriores e estas últimas para saber si de trata dun castigo á veciñanza por non apoiar a súa candidatura ou si foi ao revés e, sabedor de que xa contaba co seu apoio incondicional, que xa tiña a súa vontade no peto, pensou en utilizar a ambulancia para gañar mais votos nas próximas en Sanxenxo, que xa conta con outra ambulancia de Pontevedra para servizos de urxencia, que calquera desas cousas poden pasar polo seu maxín.

A Mariña luguesa, vítima da súa política de inacción e falta de compromiso para impedir o peche de ALCOA, tamén foi vítima da súa tesoira, que si é moi activa, polo que, o día 15 -tres días despois de pasadas as eleccións-, a Xerencia comunicou o fechamento da planta de Pediatría no hospital da Mariña, que fica sen especialistas en Uroloxía e paralízanse consultas, revisións e operacións, polo que agora os veciños se preguntan cales son os “máis e mellores servizos que ían implantar e onde está a blindaxe do hospital ou cales son os numerosos profesionais que ían vir para Burela”, que dicían eles antes das eleccións.

O mesmo día que deixaba sen servizo de uroloxía o hospital da Mariña, na outra punta da costa galega, e en plena pandemia polo Coroavirus, tamén pechaba a planta do servizo de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, cando unhas semanas antes a propia Xerencia asegurou á CIG que no presente ano non se fecharía ningunha das plantas do hospital. Desde esa central sindical xa remarcaban esta situación que se pode dar nestes catro anos do popular Alberto Núñez Feixoó, que se traducirán en máis recortes e privatizacións.

Mentira sobre mentira vai urdindo unha ficción que xustifique rematar con todo o público e meterllo nas mans aos seus familiares e amigos, para que fagan negocio a conta das nosas desgrazas.

A súa prepotencia e supremacismo faino incapaz de escoitar as propostas da oposición no Parlamento, valoralas e, si compre, aceptalas democraticamente. O único que fai que acepte algunha das numerosas propostas populares son aquelas nas que se utilizan as mobilizacións masivas, como foi o caso do paridoiro de Lalín, que nin sequera agora se atreveu a pechar. Quere dicir que so nos fará caso si loitamos polos nosos dereitos, do contrario, ao cabo desta lexislatura, na que lle deron carta branca para seguir destruíndo Galiza, podemos quedarnos sen ela e con un futuro moi negro para os nosos fillos e os nosos netos: sen escola, sen sanidade pública e sen postos de traballo na nosa terra.

Quédannos catro anos de dura loita para defender eses dereitos conseguidos ao cabo de tantos anos e temos catro anos para convencer aos seus votantes de que o suicidio, tanto individual como colectivo, non é a solución para os nosos problemas, polo que compre plantar cara a tanta mentira e a tanta indignidade, para ver si dentro de catro anos aínda nos queda algo sen destruír.





Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña