07:10 Mércores, 30 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-08-2020

Feixóo pasou de derivar toda responsabilidade no goberno estatal e saír diariamente nos medios públicos e privados afíns, a facer recaer responsabilidades e e gastos nos concellos desaparecendo da escena pública.

A Xunta de Feixóo diante do COVID-19: Laxo nas medidas que lle supoñen gasto e estrito nas que endosa aos concellos

Valorar (19)

RAÚL FERNÁNDEZ IGLESIAS



As actuacións da Xunta na situación actual limítanse a redactar protocolos que son estritos cando endosa o gasto aos concellos e laxos cando non lle queda outra que apandar coa situación, por exemplo na contratación de educadores ou persoal sanitario. Todos estes gastos derivados da protección diante da pandemia están sendo derivados aos concellos, que ao final teñen que asumilos diante da disxuntiva de deixar desprotexidos ás veciñas e veciños. A situación tórnase insostíbel e todos estes traballos impropios van a ser imposibles de asumir polas administracións locais.

Os concellos sendo a administración máis próxima á veciñanza e inxustamente a última en canto á distribución dos ingresos, veñen padecendo dende a súa propia existencia un mal endémico consistente na asunción de competencias que non lle son propias por lei pero que lle son reclamadas por veciñas e veciños diante do desleixo das administracións competentes que, ademais, lexislan a favor dos seus propios intereses e en contra do municipalismo. De seguro que os municipios aceptarían de bo grao estas competencias si, como é lóxico, viñeran acompañadas das transferencias orzamentarias correspondentes por parte daqueles que non prestan o servizo ao que están obrigadas. É longa a relación destas competencias impropias: dependencia (Servizo de Atención ao Fogar), a discutible limpeza e mantemento de Centros Escolares, limpeza e mantemento de Centros de Saúde de titularidade municipal, unidades de atención á drogodependentes, conservatorios de música municipais, Grupos de Emerxencia Supramunicipais, eliminación de pragas (velutina...), etc.

Por si fora pouco, a situación actual orixinada pola pandemia do COVID-19 veu a agravar esta situación, tendo que asumir os concellos multitude de actuacións sen partidas orzamentarias e limitados e atados pola normativa que impide gastar remanentes e superavits, o acordo Femp-Estado é unha broma, fixa unha regra de gasto totalmente ilóxica en concellos saneados e para colmo impide, pola taxa de reposición, contratar o persoal tan necesario para atender a inxente cantidade de traballo orixinado. Uns servizos sociais desbordados pola situación e que para colmo teñen que atender as persoas reclamantes do Ingreso Mínimo Vital ante a dificultade destas a ser atendidos polo INSS.

Lembrando que os concellos teñen competencias en limpeza pero non en desinfeccións, nin en temas sanitarios, vemos dun tempo a esta parte a redacción de distintos Protocolos fixados pola Xunta de Galiza en distintos eidos para o control da crise sanitaria, que remata niso o seu traballo, na redacción dos mesmos, deixando aos concellos a súa aplicación e a asunción do gasto correspondente: o protocolo para o ensino cuns criterios de limpeza e desinfección inasumibles polo seu custo, o protocolo de desinfección de parques infantís aplicable varias veces ao día, a vixilancia do cumprimento de determinadas obrigacións polo cidadán (máscara, aforos de praias e hostelaría...) cando moitos concellos non teñen nin policía local, etc. E que pasará cos centros de saúde cando chegue o mal tempo e sexan imposibles as colas no exterior dos mesmos, quen asumirá a instalación de carpas e outros elementos? Así mesmo o goberno do Estado cando asumiu o control das policías locais e obrigáronlles a realizar horas extra, fora de controis horarios por outra banda, esqueceron que había que aboalas.

Ten razón a Xunta de Galiza cando protesta polo reparto dos 16.000 millóns de euros do Fondo COVID-19 para as CCAA, xa que non se tivo en conta no reparto as especificades galegas, dispersión e avellentamento, factores que encarecen enormemente o custo da atención. Calcúlase que a Galiza correspóndelle uns 714 millóns, tendo no primeiro tramo a repartir de 6.000 millóns soamente 268 millóns, o que supón menos do 4,5% dos fondos pese a que representa o 6,4% da poboación protexida. Pero é que eses cartos van para unha Xunta que deriva responsabilidades e gastos aos concellos pero nin un só euro para afrontalos.

Podemos cifrar a asunción de competencias do goberno autonómico nuns 340 millóns, desglosados en 100 millóns derivados dos servizos de axuda no fogar, plan concertado e outras en materia de política social, 80 derivados de gastos de mantemento dos CEIPs e conservatorios, 10 derivados de gastos en sanidade, 30 derivados do fondo de compensación ambiental e compensación de outros tributos, 80 de reasignación de transferencias no fondo anual de infraestruturas ou integración no FCL e 40 no incremento de custo de medidas extraordinarias de protección da saúde.

Por outra banda é preciso que o Goberno do Estado, nos seguintes tramos do Fondo COVID-19 a repartir, teña en conta os criterios de dispersión e avellentamento para a súa distribución por comunidades autónomas e que a Xunta derive parte destes cartos aos municipios. Así mesmo resulta tamén fundamental que o Estado participe aos concellos do reparto das axudas que virán da Unión Europea engadindo os criterios xa expostos.

Para rematar, insistir que á Xunta de Galiza, ademais de fixar protocolos de contención do COVID-19 de obrigado cumprimento para os concellos, transfira as cantidades correspondentes ao seu custo aos mesmos e/ou asuma os que lle son propios en materia sanitaria e educativa, entre outros.





Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña