06:00 Venres, 30 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-07-2020

O pasado 12 de xullo, en segunda convocatoria, celebráronse unhas novas eleccións galegas, nas que a grande sorpresa foi o extraordinario resultado do BNG

Politicamente incorrecto?

Valorar (42)

XESÚS SEIXO FERNÁNDEZ


O pasado 12 de xullo, en segunda convocatoria, celebráronse unhas novas eleccións galegas, nas que a grande sorpresa foi o extraordinario resultado do BNG, con 19 deputados e deputadas, situándose por riba do PSOE, e a perda de representación no parlamento de En Marea (Anova, Podemos, Esquerda Unida, Mareas Locais, ….) e sucesores (Marea Galeguista e Galicia en Común).

Os resultados das eleccións, deixan ao Parlamento galego con só tres forzas políticas e unha vez máis, lamentabelmente, con maioría absoluta do PP, que apenas se viu afectado no apoio electoral, a pesares das nefastas consecuencias que para Galiza están a ter as súas políticas neoliberais, reaccionarias e antigalegas, nos seus once anos de goberno.

Os excelentes resultados do BNG, triplicando a súa representación respecto do 2016, así como a perda de representación no parlamento galego do conglomerado En Marea (Podemos, Anova, Iu, Mareas locais,..) en catro anos , despois de ter perdidas tamén neste período as tres alcaldías que tiñan nas cidades, e  tendo en conta factores como a forma en que se conformou a alternativa política de En Marea e os seus éxitos electorais iniciais, así como o proceso seguido polo BNG, despois do grave conflito interno do que foi vítima fai nove anos, da pé a sacar importantes conclusións políticas de presente e de cara ao futuro.

O VALOR DA ORGANIZACIÓN, DA MILITANCIA, DA IDEOLOXÍA E DA MOBILIZACIÓN SOCIAL.
Nas eleccións galegas de 2012, conformábase con certo éxito unha alternativa política (AGE) saída da alianza entre un sector do nacionalismo galego (ANOVA-IRMANDADE GALEGA) co españolismo (EU). Este proceso dábase promovido por Xosé Manuel Beiras, acompañado de algúns outros exdirixentes do BNG, despois de anos de batalla interna e externa (xa empezaron na época do bipartito), nun intento programado e calculado de desgaste e destrución do BNG, coa firme colaboración e conivencia dos poderes fácticos de Galiza, entre eles os medios de comunicación con maior incidencia pública.

Nun País colonizado como Galiza, con tan baixo nivel de conciencia nacional, tentar destruír á maior organización político-institucional do nacionalismo, a única cunha representación e implantación real en toda a nación, conseguida tras moitos anos de loita, de organización, de compromiso militante de miles de persoas, de confronto cos poderes políticos e económicos do Estado, e mesmo tamén co españolismo ideolóxico e político (de esquerdas e de dereitas) historicamente empeñado en negar a Galiza como suxeito político propio, con dereito a exercer a súa plena soberanía, promover un posicionamento político, en alianza co españolismo, centrado na destrución do BNG, representou un feito de absoluta irresponsabilidade coa nación e de desprezo á militancia do Bloque, e ao tempo un exemplo clarificador de que a verdadeira razón que movía aos seus promotores non era precisamente a defensa dos intereses de Galiza e das súas clases traballadoras, senón as súas ansias de protagonismo e poder persoal, ademais de pór ao descuberto a súa pouca confianza na capacidade das clases populares galegas para conquistar por si propias a liberación nacional e social da nosa Terra, o que os levaba a buscar falsos atallos e alianzas non fiábeis.

Pois ben, esta alternativa “rupturista”, de alianza entre forzas formalmente nacionalistas e forzas españolistas, oito anos despois da súa conformación e éxito electoral, quedou fora do Parlamento. Unha forza política realmente transformadora desta realidade na que vivimos, non se sostén baseando a súa actividade, fundamentalmente, en atractivos e “rupturistas” slogans, nunha política comunicativa e de marketing, certamente moi coidada, e todo elo envolto nun forte respaldo mediático, claro está, esto último, mentres lle interesou ao poder como mecanismo para evitar que o descontento social, destes anos de crise económica, fose capitalizado por outras opcións políticas, no caso galego polo BNG, que si lle xeraban ( e xeran) bastante máis preocupación a ese poder económico e político.

Foron incapaces de crear un proxecto político estábel, unificado e con coherencia política, actuaron de forma sectaria entre eles, demostraron a súa nulidade para construír algo consensuado entre organizacións que partían, cando menos en teoría, dunha visión distinta do carácter plurinacional do Estado e da forma de como transformalo (algo por certo que non é nada novo e que para certos dirixentes políticos do campo nacionalista, con décadas de experiencia política, non debería de ser unha sorpresa). Quedou probado tamén que a súa fuxida do BNG (aqueles que procedían desta organización) non se debía a cuestións formais (convivencia moi difícil) ou o cuestionamento dun modelo organizativo frontista, supostamente anticuado, en favor da conformación dun partido único (eles cada vez que tiñan unha reunión para falar de organización, de listas electorais, de reparto de poder, en definitiva de postos e de cargos institucionais, terminaban constituíndo unha nova organización, aparecendo grupiños por todas partes).  Foron pois vítimas das acusacións, falsidades e maldades que verteron sobre os demais, para xustificar o seu proxecto político “novo”.

Quedou demostrado que eles eran os verdadeiros responsábeis e os portadores deses males e miserias, entre as cales está o ego enfermizo de algunha das súas cabezas visíbeis e pensantes, tanto dos máis vellos como dos máis novos, ata o extremo de dicir agora que os resultados electorais do BNG se deben a que copiou o modelo e as políticas de En Marea ou Unidas Podemos. Sempre os mellores, sempre o centro do mundo, uns campións vamos.

Unha organización (ou movemento) político que queira representar unha alternativa real, nacionalista, de esquerdas, representativa das clases populares galegas, disposta a cuestionar o poder político e económico da oligarquía española, a exixir e forzar cambios estruturais profundos que rematen co papel colonial que cumpre Galiza no contexto do Estado Español e da Unión Europea, unha loita desta dureza, precisa dunha estrutura organizativa forte, unificada, cunha militancia activa, comprometida e clarificada ideoloxicamente e cunha forte implantación e credibilidade social, saída da súa coherencia política e do seu traballo e participación na loita social e no traballo institucional. Estas condicións cúmpreas o BNG, gañadas a pulso, despois de anos de historia, de participación e dirección de loitas importantes na defensa dos intereses de Galiza e das súas clases traballadoras. O BNG naceu precisamente para iso. Esa é a súa principal e única razón de ser, a defensa dos dereitos nacionais de Galiza, a conquista dunhas condicións de vida dignas para as clases populares galegas, o facer efectiva a xustiza social e a democracia na nosa Terra. Os outros non poden dicir o mesmo.

A todo isto temos que sumarlle, como parte que son do movemento nacionalista galego, algo tan importante como é a autoorganización do pobo nunha rede de  organizacións sociais, en diferentes sectores, cunha forte introdución e prestixio social, que defenden os intereses das clases populares galegas partindo da nosa propia realidade e contribúen a crear conciencia nacional e social e a espallar as reivindicacións e a ideoloxía nacionalista entre amplos sectores da nosa sociedade. En todas elas a militancia do BNG xoga un papel moi relevante, co seu traballo e as súas aportacións teóricas, no seu fortalecemento e expansión, así como nas alternativas e reivindicacións.

Todo este conxunto de elementos foron claves para que o BNG chegara ata onde está na actualidade e a superar travesías do deserto e intentos de destrución tan fortes como o que viviu fai nove anos.

O PAPEL DA UPG
Quero aproveitar tamén esta análise sobre os brillantes resultados electorais do BNG, neste contexto político tan complicado, para facer xustiza ao partido no que levo militando desde mediados dos anos 70, tan denostado por parte dos poderes fácticos, e por pequenos sectores e persoeiros do nacionalismo, sempre dispostos a acusalo de todos os males, así como para deixar constancia do meu recoñecemento a toda a súa militancia, refírome neste caso a UPG. O seu papel foi fundamental no debate interno, no traballo e na clarificación ideolóxica e política que se deu no seo do BNG nos últimos anos, tendo como momento definitorio a Asemblea de Amio de 2011, fronte aqueles que promovían na práctica a disolución do Bloque pola vía da súa integración nunha coalición co españolismo, abandonando así, tamén na práctica, o principio de autoorganización, así como a soberanía e independencia na súa actuación política, claves ambos aspectos para manter o proxecto nacionalista galego. Tanto a teoría como a práctica do nacionalismo, a forma e as razóns polas que naceu e tomou corpo organizativo, demóstrannos que entre o nacionalismo e o españolismo, no traballo social ou político, non hai espazos neutros ou fronteiras inamovíbeis. Vai haber sempre, por un lado e por outro, o intento lóxico de querer ampliar o seu espazo de influencia social e institucional e, polo tanto, a disputa e confronto polo mesmo. O que pasou con En Marea ou Galicia en Común, así o pon de manifesto. Para o españolismo, a visión e os intereses do Estado Español sempre van prevalecer sobre os intereses e dereitos das nacións que o conforman á forza, por moito que en declaracións ou sobre o papel poidan pór o contrario. Para eles o dereito de autodeterminación é algo puramente formal. Nada van facer para que se poida exercer na práctica este dereito, proba disto está en que non promoven, e mesmo negan, o fundamental para o exercicio do dereito de autodeterminación como é a autoorganización do pobo galego a todos os niveis. 
 
Quero chamar tamén a atención de aqueles galegos e galegas ben intencionados, amantes do noso País e preocupados pola conquista dos seus dereitos nacionais, que avalíen o papel que xoga cada quen en algo clave como é organizar ao noso pobo como garantía de defensa dos seus intereses e das súas clases traballadoras. A UPG, ademais de ser a organización máis lonxeva das forzas políticas nacionalistas existentes na actualidade (e de todas as que se crearon nesta clave na Galiza), ten contribuído de forma importante no nacemento e fortalecemento das principais organizacións sociais galegas (sindicais, culturais, pedagóxicas, de defensa do idioma, ecoloxistas, mediáticas…) ou mesmo da principal forza política do nacionalismo galego, como é o BNG.

Fronte a este feito e posición, están eses persoeiros que son proclamados mediaticamente, e eles así o creen, como os grandes próceres do nacionalismo, sempre dispostos a promover proxectos alternativos á UPG e a culpabilizar a esta de todos os males do nacionalismo, sempre dispostos a darnos leccións aos demais sobre o correcto ou incorrecto das alternativas dirixidas ao noso pobo, sempre dispostos a autoproclamarse como os verdadeiros artífices do éxito electoral do nacionalismo ou de calquera outro proxecto político que encabecen (non así dos fracasos). Cómpre preguntarse, ao longo do seu historial político, que proxecto colectivo duradeiro, estábel, deixan organizado no noso País que os transcenda a eles como persoas ? Ningún. Esta é a diferenza entre aqueles que temos unha visión colectiva, solidaria, de clase, da sociedade galega e que traballamos, en coherencia con iso, por crear e fortalecer organizacións sociais que contribúan no tempo a súa liberación como clase e como pobo, e aqueles persoeiros, con maior ou menor proxección pública, que teñen unha visión individualista, clasista, pequenoburguesa e egocéntrica, o que os leva a confundir o seu protagonismo e intereses persoais cos de toda a sociedade ( e por riba considéranse os seu verdadeiros defensores e liberadores), sen que no fondo teñan a menor preocupación por organizar ao pobo e deixar proxectos colectivos consolidados que o arroupen na súa loita.

CÓMPRE XESTIONAR BEN OS RESULTADOS 
Volvendo á análise dos resultados que tivo o BNG neste 12 de xullo, dicir que, se non se cometen erros na súa xestión, son altamente  esperanzadores e abren unhas enormes potencialidades ao nacionalismo para, nos próximos catro anos, situarse como forza maioritaria e de goberno, desprazando ao PP no noso país.  Afrontamos os próximos catro anos partindo dunha realidade social, laboral e económica altamente preocupante para o futuro de Galiza. Imponse o modelo de precariedade laboral, increméntanse as desigualdades sociais, máis do 30% da clase traballadora galega cobra menos do SMI (950€/mes), o 47% dos contratos duran menos dun mes, seguen a emigrar miles de mozas e mozos galegos coa conseguinte perda de man de obra e de coñecemento, padecemos unha forte crise demográfica e industrial, o noso aforro, enerxía eléctrica e materias primas seguen a ser espoliadas, increméntase  a nosa dependencia económica…Todo isto vaise ver agudizado nos próximo anos como consecuencia da crise económica que está aí, da globalización neoliberal e das políticas de recortes que nos vai impor a UE, co beneplácito e colaboración do PP e da Xunta de Galiza, así como do PSOE e os seus socios de goberno no Estado.

É unha evidencia que as máis de 310.000 galegas e galegos que votaron ao BNG nas pasadas eleccións, non todas e todos son nacionalistas, pero non é menos certo que sabendo que estaban a votar a unha forza nacionalista, nun ambiente claro de españolización da sociedade galega por diferentes mecanismos, non se acovardaron e optaron por votar igual ao BNG. É evidente de que se iso foi así é porque esas persoas ven no BNG a única organización política que pode apoialos e ofrecer alternativas á súa problemática laboral e económica. Así mesmo, ven no BNG a organización que  mellor defende os intereses colectivos de Galiza.
Cómpre pois non defraudalos nas súas expectativas. As oportunidades van ser moitas. O PP non vai promover políticas diferentes as que vén facendo, pois responden ao seu modelo de sociedade capitalista neoliberal e a coincidencia que teñen co papel colonial que xoga Galiza no Estado e na UE. Algo parecido podemos dicir do PSOE de Galiza, sucursal do español, condicionado no seu labor de oposición, tanto polas políticas do Goberno central como polas da UE, así como polas súas limitacións ideolóxicas españolistas e socioliberais e o seu modelo centralista de Estado.
O labor pois de oposición no Parlamento galego e de presentar alternativas fiábeis á difícil situación laboral, industrial, económica, social ou lingüística que padece Galiza, está nas mans única e exclusivamente do BNG. Para iso é fundamental que actúe con iniciativa e valentía, que se poña ao fronte da contestación social, que presente alternativas que supoñan cambios estruturais reais no actual modelo capitalista e no modelo centralista de Estado, e que conte para isto, sen restarlles protagonismo, co pobo organizado, coas numerosas organizacións sociais, especialmente do campo nacionalista, que contan con introdución, experiencia e unha práctica probada de combatividade e de defensa dos intereses das clases populares galegas.

Cómpre non escoitar os cantos de serea que vai haber, procedentes de tertulianos diversos, sectores do poder ou medios de comunicación, todos eles interesados e mal intencionados, i   e evitar posíbeis tentacións de difuminar ou rebaixar o proxecto político estratéxico do BNG de defensa dunha Galiza soberana e popular, en aras de non asustar a posíbeis electores e facilitar así o seu acceso ao goberno da Xunta, dentro de catro anos. A xente que votou ao BNG, sempre, e tamén nestas circunstancias tan difíciles, o que agardar e que o BNG non os defraude, que actúe con sinceridade, honradez e coherencia na defensa dos intereses das clases populares galegas e lle ofreza polo tanto alternativas ao seus problemas. O que menos lle vai preocupar, se isto se cumpre, é se é máis ou menos radical ou máis ou menos soberanista. Non vaia ser que por gañar certo perfil de votantes (que nunca demos gañado), se termine perdendo aos incondicionais de sempre.

O que si hai que contar tamén é con que, tanto o PP como o PSOE, van facer todo o posíbel, mesmo actuar cunha estratexia común, recorrendo a todo tipo de manipulación informativa e xogo sucio, para impedir que o BNG se consolide como primeira forza da esquerda e poida chegar a asumir a presidencia da Xunta dentro de catro anos. Máis razón pois, para ser moi intelixentes na xestión da situación parlamentar actual, buscando sobre todo o apoio e colaboración de todo o movemento nacionalista galego.

Sen dúbida algunha, estes resultados van condicionar tamén o recoñecemento e o trato ao nacionalismo galego, tanto nas relacións co Goberno español, como mesmo coas outras forzas nacionalistas das outras nacións do Estado. Seremos tratados e valorados polo que representamos por méritos propios e non só por unha cuestión de interese político puntual, nuns casos, ou por unha cuestión de solidariedade entre nacionalistas, noutros.

Compañeira Ana, moitas grazas por asumir a portavocía do BNG nun momento tan difícil e ter contribuído co teu esforzo e bon facer a alcanzar estes grandes resultados electorais. Igualmente compañeiro Néstor, polo teu importante labor nese escenario tan difícil, para un nacionalista galego, como é o Parlamento español, facendo visíbel no mesmo á nación galega e as reivindicacións dos seus dereitos e das súas clases traballadoras, o meu recoñecemento camarada. Para todos os e as militantes do BNG, parabéns e, como nacionalista, o meu agradecemento por non deixarse levar polo oportunismo, o fácil, as modas e a propaganda mediática e ter demostrado querenza por Galiza e confianza nas propias forzas do noso pobo para conquistar a súa liberación nacional e social.




[27-07-2020 13:00] Ricardo Seixo Fernández comentou:

Concordo na totalidade do artigo, contido e ton.
Compre que as cousas estean claras desde xa.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña