13:04 Luns, 08 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-07-2020

Hoxe, EUA cambaléase incapaz de dar resposta nin aos desafíos externos nin aos desaxustes internos

A lenta “morte” de Estados Unidos

Valorar (4)

XURXO MARTIZ CRESPO


O falar non ten cancelas e o escribir sobre a apocalíptica caída de Estados Unidos baseada no cóctel Covid-19, no impredicíbel Trump e nos problemas raciais das últimas semanas semella un exercicio físico que se converteu en ladaíña.

«Hoxe, EUA cambaléase incapaz de dar resposta nin aos desafíos externos nin aos desaxustes internos[1]».

A lista de especialistas augures da catástrofe estadounidense como imperio vai dende Tom Engelhardt «un liderado irresponsábel e ridículo nun planeta que agoniza» pasando polo historiador escocés  Niall Ferguson Colossus: The Price of America's Empire (2016) ou o libro do sociólogo estadounidense Immanuel Wallerstein La decadencia del imperio. Estados Unidos en un mundo caótico.

Estados Unidos como primeira economía do mundo é líder en tecnoloxía civil, militar ou incluso na industria do entretemento que abrangue o cine, a música, os videoxogos, a televisión en directo por plataformas privadas ou o mundo editorial.

Segundo CEDRO[2], Estados Unidos encabeza o mundo editorial a nivel mundial  con preto de  3,5 millóns de ISBN (siglas en inglés International Standard Book Number), seguido polo Reino Unido (185.721), Alemaña (139.940), Italia (137.397), India (129.326) e a Federación Rusa (103.826). O Estado español contabilizou 86.872 ISBN rexistrados nese período.

Un dato relevante que moitos pasan por alto e debería ser importantísimo á hora de medir a teórica crise estadounidense é que, o mesmo ano do Covid-19, Estados Unidos esta ás portas da autosuficiencia enerxética (inalcanzábel para China). A todo isto debemos sumarlle que aínda é a primeira potencia económica cuns investimentos en investigación civil e militar superiores a todos os orzamentos de todos os países membros da OTAN xuntos. Na listaxe da Universidade de Shanghai (2019) das mellores universidades do mundo, das 22 primeiras, 18 son estadounidenses, 3 inglesas e 1 suíza.

As próximas décadas traerán un Estados Unidos distinto. A alta taxa de natalidade da poboación hispana e a súa incorporación a tarefas de gobernanza traerá un país con máis intereses en Latinoamérica e menos en Asia ou Europa pero, polo momento, a caída e substitución de Estados Unidos como potencia económica e militar no mundo é improbábel, mesmo estando Mickey Mouse na presidencia (como ben dixera o presidente mexicano Manuel López Obrador que non era unha posibilidade descartábel).

[1] Miquel Echarri oara ICON [2] Centro Español de Derechos Reprográficos



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña