13:38 Luns, 08 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-07-2020

Saímos da pandemia con menos bagaxe do que tiñamos cando entramos no confinamento. A pandemia mandounos a todos ao recuncho de pensar, aos que de momento libramos do contaxio e aos que tiveron a mala sorte de contraela infección

Apropiación indebida

Valorar (6)

ADOLFO DE ABEL VILELA


Saímos da pandemia con menos bagaxe do que tiñamos cando entramos no confinamento. A pandemia mandounos a todos ao recuncho de pensar, aos que de momento libramos do contaxio e aos que tiveron a mala sorte de contraela infección. Todos nalgún momento lle demos á cabeciña unhas cantas voltas. Unha amiga quedou no camiño e outros saíron con depresión e máis quilos dos que habitualmente marca a báscula, pero eu, de momento, con dous menos e sen novidade física e emocionalmente.

Pero tamén saín máis lixeiro por ter perdido unha serie de cousas que  inmateriais, que forman parte do individuo como ser pensante, social, político e intelectual. Son as ideas ou imaxinarios que para uns poden ter moita importancia e para outros ningunha. A pandemia do Covid-19 roubounos moitas cousas. Non só nos roubou o mes de abril, como a canción de Joaquín Sabina, senón tamén a metade de marzo, o mes de maio e parte de xuño. Pero penso que tamén se aproveitaron para nos roubar moitas cousas  que tiñamos antes e das que carecemos agora.  


En tempos normais

Lembro que cando era rapaz Concha, tía de meu pai, botaba as contas en miles de reás, eu mentalmente dividía as cantidades entre catro para saber de cantas pesetas estaba a falar,  para dicir canto costaba algo no que ela chamaba “tempos normais” en referencia aos anteriores á guerra civil de 1936, o cal significaba, aínda que non o dixesen, que aquel tempo presente das posguerras española e mundial, eran tempos anormais. Confeso que tardei anos en descubrir  cales eran porque ninguén mo explicou, e moito me temo que imos ter que recuperar esta expresión para referinos aos anteriores ao 14 de marzo do ano 2020, para diferencialos dos que se cualifican agora eufemisticamente como “nueva normalidad”. O día 8 de xuño puiden volver a Lugo, non digo “á miña casa” porque son transhumante como o gando da Mesta, quero dicir a miña “residencia habitual”. Nas dúas mochilas da equipaxe, unha delas conseguín que unha amiga ma trouxera a finais de maio a Santiago con algo de roupa xa que o estado de alarma colleume co posto, so tiña reposto de calcetíns e calzoncillos dos que se levan sempre “por si acaso”. Dicían de Isabel a Católica que era  muller moi virtuosa porque cambiaba a saia cada tres meses. Temporalmente non alcancei a mesma virtude que ela, pois só levei a mesma camisa dous meses e medio, pero o que si conseguín foi afastar ao coronavirus.


 Quién me ha robado el mes de abril

Como di a canción “cómo pudo sucederme a mí”, e a vostedes. Pero nesta crise tamén me roubaron outras cousas simbólicas que me pertencían como cidadán dun Estado, e non é porque lles teña apego a moitas delas, mais ben ao contrario, senón porque non me gusta que me priven do que pertence ao común, a todos. Lembro nunha manifestación do 25 de xullo a un participante que portaba con certa incomodidade unha bandeira coa que mostraba con fachenda a súa ideoloxía, un xesto que lle servía para facer público algo persoal que unhas veces se leva con discreción e outras en secreto. Ao comentario que lle fixo un colega sobre o tamaño, respondeulle:  

“¡E que eu non son quen sen a

bandeira...!”.
Eu, que tiven que bicar unha e prometer que a ía defender “hasta derramar la última gota de sangre”, son indiferente ante determinados símbolos, e aínda máis cando detrás deste compromiso agochase o pouco valor que algúns dan á vida dunha persoa utilizada polo poder como carne de canón, mentres organizan e dirixen as guerras desde os despachos ao abrigo das bombas e das metralletas, non teño noticia, por exemplo, de que Bashar al-Assad, presidente de Siria sufrira dano físico nos nove anos de guerra do seu país, fronte aos miles de mortos e mutilados e aos millóns de desprazados da poboación civil. De maneira que para min as bandeiras están ben para os que as senten de corazón a para os que viven a conta delas. Agora ben, aínda que mostre certa indiferenza por determinados símbolos, non quere dicir que estea conforme ou que me agrade que outros se apropien deles para o seu beneficio sexa político ou  económico.

Moitos dos monicreques que hoxe temos de dirixentes  políticos, tanto aquí como no resto do mundo, din o que len nun papel que previamente lle escribiu  un “asesor”, experto en mentir ou contar medias verdades utilizando expresións ambiguas ou con máis dunha interpretación,  pervertendo a linguaxe común para facer dela un transmisor da súa política que non todo o mundo está capacitado para comprender.

Por exemplo, cando un político de dereitas di que están de acordo co que está dicindo “todos los españoles”, en realidade quere dicir todos os seus votantes, co que xa está excluíndo de ser español ao que vota a outro partido, vota en branco ou se abstén, querendo ou porque non puido ir a votar.

Sen símbolos e sen Goberno de progreso
A dereita nesta pandemia deixounos sen Deus, sen patria, sen bandeira, sen a Constitución que no votaron, sen rei, sen garda civil e sen mortos, apropiouse de todo, co cal lle fai un fraco favor ao sistema, porque dá a entender que estes símbolos, institucións e persoas son da súa ideoloxía. Como na casa do pobre a ledicia dura pouco, para rematar a faena o 12 de xullo a través da decisión do pobo soberano, deixounos sen a posibilidade de ter un Goberno de progreso.

Previamente a Xunta de Galicia en todas as súas manifestacións publicitarias, stands de feiras, como a de Fitur, enchía todo coa palabra «Galicia» dun xeito esaxerado. Agora xa sabemos a razón. O PP vergoñento utilizou como lema de campaña o nome de «Galicia, Galicia, Galicia», unido ao de Feijóo, pois coa súa lóxica dirían que se España lles pertence, Galicia tamén, Feijóo é Galicia e Galicia é Feijóo, pero neste caso non só utilizaron indebidamente o que é de todos senón tamén dos cartos públicos para indirectamente facer propaganda partidaria.

¿Por que non foi posible o cambio? Porque un dos posibles socios non tivo interese en que se producise. O PSOE repite a estratexia partidaria dos tempos de Felipe González que preferiu manter a Fraga no Goberno galego a telo en Madrid, e agora Pedro Sánchez e os seus colaboradores botarían contas que era mellor seguir tendo en Xénova a Casado, García Egea e Álvarez de Toledo que a Feijóo.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña