22:18 Sabado, 15 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-07-2020

No noso anterior artigo fixemos referencia aos derradeiros asentamentos célticos na Galiza. Falamos nel de como Maeloc

Maeloc, bispo celta da Gallaecia altomedieval

Valorar (28)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI


No noso anterior artigo fixemos referencia aos derradeiros asentamentos célticos na Galiza. Falamos nel de como Maeloc (ás veces grafado como Mailoc, Mayloc, Mahiloc etc.) arrivou ás costas do norte do país na transición entre a Idade Antiga e a época altomedieval, fuxindo do que hoxe é a Gran Bretaña por causa da conquista dos anglos, frisóns, xutos e saxóns. Certamente, o asunto non foi menor para a conservación da vida e dos costumes daqueles pobos que se viron invadidos, mais si que foi secundario –ou cando menos así se tentou que fose– o encadramento da cultura celta na posterior constitución da nación inglesa. Repárese, neste sentido, en como a compoñente anglosaxoa, nas crónicas altomedievais británicas dos séculos VIII-X, se identificou a cerna do pobo, en detrimento dos homes e mulleres de orixe celta que con anterioridade habitaban aqueles territorios. Inclusive os invasores xermánicos chegaron a considerar estrañas ou foráneas as culturas da illa antes da sua chegada, como o demostra o actual xentílico welsh, ‘galés, galesa’, que, procedente de whealas, significa ‘estranxeiro/a’; Wales, nome en inglés de Cymru, quere dicir, por tanto, ‘a terra dos/das estranxeiros/as’. O mesmo procedemento achamos no topónimo Cornwall, en córnico Kernow, cuxa versión inglesa fai referencia á xente sentida como estranxeira (-wall) na terra de Kernow.

Como é natural, nos primeiros momentos a fama dos novos colonizadores non gozou dunha excesiva boa reputación; deles ponderábase súa alta belicosidade e o seu acentuado grao de barbarie. O galés Geoffrey de Monmouth, no libro Historia Regum Britannia (século XII), indicaba a perplexidade e o temor das xentes britanas, que, conforme o relato de Monmouth, se lamentaban deste modo: “O mar tráenos os bárbaros e os bárbaros bótannos ao mar; eis a decisión: morrermos afogados ou morrermos degolados”. Aqueles tempos supuxeron o aparecemento de sentenzas e proverbios que tiveron certo suceso como tópicos, do tipo Non sunt angeli, sed angli, isto é, “Non son anxos, son anglos”, ou “Nunca te fíes da palabra dunha persoa saxoa”. Por esa época dá comezo o que se coñece na historiografía británica como “Dark Ages”, quere dicir, a “Idade Escura”, que principia, entre outros aconteceres históricos, coas guerras entre os habitantes britanorromanos e os recén chegados pobos xermánicos; para todos eses temas relativos ao convivio nin sempre fácil na Britania entre celtas, romanos e xermanos, vira moito útil a lectura de Britain AD. A Quest for Arthur, England and the Anglo-Saxons (2005), de Francis Pryor. Na Gallaecia, por seu turno, estábanse a camiñar os primeiros pasos dos séculos medievais, tamén coa vinda dos suevos, que chegaran ao territorio nos primordios do século V.

Desas loitas entre os conquistadores xermanos e os celtas da Britania é como emerxe a figura de Artur, proxectada sobre todo polo xa citado Geoffrey de Monmouth. A mítica personaxe, identificada como rei na tradición cámbrica, posibelmente fose un xefe local romanizado que se enfrontou desde o oeste da illa a esas tropas vindas do continente, cando os exércitos de Roma decidiron abandonar o que fora en tempos máis unha provincia romana. O mítico gobernante aparece acompañado dos seus doce cabaleiros ou lugartenentes, un número máxico, aliás, que coincide co dos símbolos do zodíaco, co dos meses do ano, co ciclo das lúas para a agricultura, coa división das partes do día etc., e, tamén, con tradicións mediterránicas e asiáticas: pensemos nas doce divindades principais do mundo heleno, nas tribos de Israel no Antigo Testamento, nos anos de María a virxe (segundo os evanxellos apócrifos) cando a obrigan a casar co idoso carpinteiro Xosé de Nazaret, nos apóstolos de Xesús etc. Mais deixemos eses temas, pois foxen á centralidade do que aquí queremos comentar. Fiquemos coa idea de a chamada “materia de Bretaña”, co rei Artur, o seu druída-asesor Merlín e os seus cabaleiros, xerar brillantes páxinas na literatura europea, tamén na galega, a partir deses momentos.

Maeloc, compatriota dese presumíbel xefe local Artur, chega á Gallaecia, segundo teñen salientado historiadores actuais, cal Anselmo López Carreira na súa fundamental obra O reino medieval de Galicia (2005). O abade foxe por causa daquelas invasións xermanas, que marcaron unha incuestionábel nova etapa na historia británica. É un líder relixioso que trae consigo o seu pobo, os britanos ou britones, e aparece referenciado nos concilios suevos da segunda metade do século VI como “episcopus britanorum”. Os deslocamentos del a eses congresos eclesiásticos de Lugo e de Braga farían que mellorase no coñecemento da súa patria de acollida, das xentes que xa moraban nela e dos cultos con que honraban o Alén. Nestes medios, non se pode asegurar que todos os homes e mulleres que o acompañaron nesa travesía da Britania á Gallaecia estivesen xa convertidos ao cristianismo, pois a cristianización do que hoxe é Gran Bretaña non se desenvolveu con certa intensidade até aos inicios do século VII, grazas fundamentalmente a monxes irlandeses, que levaron a nova fe por diversas partes da Europa, incluída a illa veciña; é moito probábel, con todo, que un bo número das persoas que viaxou con Maeloc xa practicase a recén asumida relixión, vinda das costas de Galilea; de aí que fose identificado como o “bispo dos bretóns e das bretoas”. Na Galiza aínda tiñan certo predicamento as doutrinas de Prisciliano (340-385) e, se Maeloc fose un bispo intransixente (como os que sentenciaron á morte o que foi xefe da sé episcopal de Ávila), quizais se vise na obriga de as combater na súa nova patria de adopción ou, cando menos, tivese de fortalecer entre os seus unhas crenzas talvez aínda non o suficientemente asentadas. Por todo isto que acabamos de comentar, o abano relixioso da Gallaecia setentrional, sobre todo nas terras da actual rexión mindoniense, debía de ser ben variado: repárese, a tal propósito, no cristianismo dunha notoria parte da populación, nos ensinamentos de Prisciliano, nos restos de crenzas pagás aínda vigorantes, no cristianismo desenvolvido por Maeloc e as súas xentes (non necesariamente idéntico ao da populación galaicorromana), nas lembranzas do cristianismo arriano xermánico etc.

Tanto para se dirixir ao seu deus cristián, que, como divindade de orixe semítica, non permitía ofrendas a outras deidades, canto para desenvolver os ritos litúrxicos consagrados ao tal deus, o líder britano probabelmente empregase o latín ou unha variedade desta lingua. Se así fose, leríao e falaríao segundo o costume con que o aprendera, que non tiña de coincidir exactamente cos hábitos doutros territorios europeos, cal os itálicos, os gauleses ou mesmo os galaicos, hábitos que, dito sexa de paso, non se farían máis ou menos comúns até despois da reforma carolinxia da liturxia, contra o século IX, segundo defende Roger Wright no seu revelador traballo Latín tardío y romance temprano en la España y en la Francia carolingia (1989). No entanto, para falar aos seus fregueses e freguesas utilizaría con bastante probabilidade o celta britónico, unha das pólas principais do céltico, orixe do actual galés, cornuallés ou córnico (en actual estado de recuperación após se extinguir no século XVIII) e bretón; conforme é sabido, a outra variedade de celta, a gaélica ou goidélica, acabaría por xerar o gaélico irlandés, o gaélico escocés e o manx, empregado na Illa de Man e desaparecido en finais do século XX. Así pois, segundo sinalabamos no noso anterior contributo, na actual rexión de Mondoñedo, con bastante verosimillanza, poderíanse escoitar no século VI diversas linguas ou variedades lingüísticas: o latín falado na Gallaecia, se callar algún idioma antigo anterior á romanización (que aínda non fora varrido pola conquista de Roma), talvez o suevo e, coa chegada dos celtas de Maeloc, o celta britónico e o latín segundo o lían este bispo e os seus presumíbeis e máis avantaxados discípulos.

Mais deixemos aqueles tempos lonxincuos. Cultos e linguas á parte, o certo é que o mito que envolve a figura do misterioso bispo fixo que conseguise desenvolver certa proxección na cultura galega. Do punto de vista cuantitativo, non se torna comparábel ás lendas artúricas, coñecidas por toda a parte, mesmo pola industria hollywoodense, mais quizais valla a pena repararmos un pouco naquel líder relixioso e nas xentes que trouxo consigo. Por mor da súa chegada, fundan a cidade de Britonia, que sería orixe da Bretoña, no actual concello da Pastoriza, no extremo oriental da Terra Chá. Algunhas mulleres e homes que viñeran da Britania deberon igualmente de asentar noutros lugares non excesivamente afastados de alí, onde serían identificados etnicamente como bretóns polas persoas que xa moraban previamente no territorio; así o parece demostrar o topónimo Bertoña, no concello eumés da Capela, no cal apenas unha metátese da consoante , bastante común no galego oral popular (espírito e esprito, perto e preto, pobre e probe etc.), serve para diferenciar este Bertoña do mindoniense.

Noutros casos, porén, podemos verificar que as deslocacións internas pola Gallaecia dos séculos VI e VII sumaron quilómetros de distancia a respecto da inicial Bretoña, se callar por algún pacto de habitabilidade ou debido a determinados privilexios fiscais para favoreceren o (re)poboamento de certas zonas; isto puido ser o que explica a existencia doutras localidades coñecidas como Bretoña no sur do país, concretamente nos concellos de Barro, en Pontevedra, e de Celanova, en Ourense. Notemos que, naquela altura, as deslocacións de xentes no territorio non debían de constituír movementos populacionais excepcionais, como o parece demostrar a existencia actual de topónimos cal Astureses (‘de Asturias’), Cumbraos e Cumbráns (‘de Coimbra’), Lobosandaus (‘de Lebosende’), Meiraos (‘de Meira’), Sarreaus (‘de Sarria’) etc. E tampouco era estraño que se botase man de xentílicos para identificaren étnica e culturalmente colectivos que asentaban en certos territorios, a se conservar así un costume xa practicado polos romanos: Bergantiños (← Brigantinos), Brántoas (← Berantones), Céltigos ou Céltegos (← Célticos), Lemos (← Lemavos), Niñóns (← Nemeniones), Samos (← Samanos) etc.

No entanto, a transcendencia daquela chegada de britónicos e britónicas nos séculos V e VI na cultura galega non se limitou unicamente ao aparecemento de aldeas e lugares espallados pola nación. O mito e a brétema que circunda a personaxe de Maeloc aínda daría para rastrexarmos pegadas directas da súa influencia nos nosos días. Unha desas é sen dúbida a protagonizada polo grupo de música folque Milladoiro, nado desde a confluencia do cuarteto de gaitas tradicional Faíscas do Xiabre cos músicos Antón Seoane e Rodrigo Romaní, inicialmente máis interesados polas sonoridades medievais. Cando, nunha cafetaría da Coruña, se estaba a decidir que nome pór á formación, unha das posibilidades que se barallou foi, precisamente, Maeloc, aínda que afinal non foi esta a opción gañadora debido a que soaba “celta de máis”. Como parcial compensación para aqueles membros que querían que o nome fose o do lendario bispo, foille dedicado o primeiro disco da banda; no momento en que se publicou tivo unha excelente acollida, tanto aquí como no estranxeiro, e acabaría deixando unha notábel influencia na música galega de orixe tradicional: con efecto, o traballo A Galicia de Maeloc (Ruada, 1979) supuxo unha verdadeira fervenza de auga fresca, unha auténtica fonte de inspiración para outras bandas que comezaron a aparecer durante a década de 80 do pasado século. Nesa gravación figuran pezas consideradas hoxe en día incuestionábeis estándares do repertorio folque e tradicional galego, recuperadas desde os vellos cancioneiros ou directamente da tradición oral, como “Axéitame a polainiña”, “Danza de San Roque de Hío”, “Danza de Cariño”, “Muiñeira do Areal” etc.; tamén mereceron recoñecemento á parte melodías emblemáticas da formación, do tipo “A Bruxa”, “Ila vai ó mar”, “Rosalía” etc., algunha delas, cal “A Bruxa”, incluída en gravacións de grupos doutros países, cal Solas ou The Tannahill Weavers.

Unha personaxe envolta por tanto fascinio non podía, porén, limitarse a pór nome a un disco, cando menos do punto de vista artístico. Por iso, hai algún tempo, e dado que o nome estaba “libre” para ser adoptado por outros conxuntos de música, un grupo galego-galés asentado en Cardiff e liderado polo gaiteiro Xerardo Albela decidiu escoller tal forma de se chamar para así deleitaren, nas sessions e en diferentes festivais, o público de Cymru. Por súa vez, Maeloc tamén foi seleccionado por outra formación da esfera folque, mais neste caso na localidade española de Guadalaxara, cuxas adustas terras manchegas axen como eficaz contrapunto ás vizosas sonoridades atlánticas que esta banda interpreta. De todos os modos, e á vista de tanta música agrupada ou entendida so a sombra dun xefe céltico relixioso, temos de convir que quizais nunca un caudillo eclesiástico atinxise tanto protagonismo laico entre a xente nova como o bispo chegado da Britania. Para alén da música, voltamos a achalo noutros ámbitos: sabemos dunha coñecida casa de bebidas galega que decidiu acudir ao nome Maeloc para patentear unha produción de sidra ecolóxica e, ao paso, existe algún estabelecemento comercial en Compostela que tamén adoptou o nome do xefe britano. Ao mesmo tempo, hai uns anos, un bar de música folque da Coruña quixo honrar a memoria do líder celta ao tamén escoller o recorrente nome. E até xa en esferas máis familiares, coñecemos unha xente que decidiu que o seu ilustre can de palleiro atendese por idéntico chamadeiro.

En resumo, a chegada de Maeloc e as súas xentes á Gallaecia altomedieval tivo a súa innegábel importancia na altura e, conforme se pode verificar desde a actualidade, o seu nome conseguiu ter un relativo espazo na cultura galega, nomeadamente na música. Chama a atención como unha personaxe, cuxo estado de coñecemento contemporáneo non é excesivo, deu sobrevivido a través das páxinas da historia, envolto case sempre de misterio, que fai xustamente a súa figura máis atractiva para a pesquisa. Conforme deixou escrito Gilbert Keith Chesterton na súa heterodoxa A Short History of England (1917), “o pasado está sempre presente” e, no caso de Maeloc, con todas as cautelas e as brumas que o acompañan, goza de todos os méritos para a súa lembranza continuar entre nós.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña